Ciclo de concertos: En clave de Á

Mañá xoves 2 de febreiro arrinca unha nova edición do ciclo de concertos En Clave de Á, unha proposta que naceu no ano 2018 como unha colaboración entre a Asociación de Estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña (CSM) e a Biblioteca Ágora para ofrecer música de solistas e grupos de cámara do CSM nun espazo diferente.

Con este proxecto musical queremos dar oportunidade ao alumnado do CSM de que ensaien o seu repertorio con público real e ás nosas usuarias e usuarios de que gocen do espectáculo da música en directo, apostando deste xeito tamén desde a biblioteca pola educación e a cultura musical da cidade.

Fai click na imaxe para ampliar información da proposta na web das Bibliotecas Municipais da Coruña.

Un xoves ao mes, teremos ocasión de descubrir e gozar do talento musical das rapazas e rapaces do Conservatorio de Música nun concerto para tódolos públicos na sala de adultos da Biblioteca Ágora.

Neste primeiro evento que inaugura o ciclo, escoitaremos a Sabela Albariño González ao piano, a Carla López López ao violín e ao Quinteto CAOS -integrado por Sara Piñeiro Rivas (trompeta), Xavier Vázquez Gutiérrez (trompeta), Pablo Pazos Rial (trompa), Antía Pardo López (trombón) e Daniel Varela (tuba). Velaquí o programa completo da velada:

Achégate á Biblioteca Ágora a escoitar música en directo entre libros e aproveita para botarlle unha ollada á nosa sección de música!

Conversa con Grande Amore polo AgoraSón 2022

Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto. E dende Bibliosons falamos con él.

Moi bo día, Nuno!!

Aínda a sabendas de que estás ata os topes de traballo, aproveitando o teu paso polo AgoraSón 2022, dende Bibliosons, o blog de música das Bibliotecas Municipais da Coruña, non podiamos desaproveitar a ocasión de falar un anaquiño contigo.

B. Antes de nada os nosos parabéns polo recente premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica. Que significa para ti ese recoñecemento?

Obviamente, é unha honra moi grande para min e faime sentir moi realizado en tanto que músico. Tamén teño que dicir, para non faltarlle á verdade, que polo que máis ilusión me fai este premio é polo moito que se alegrou miña nai cando mo deron. Dígoo totalmente en serio. Eu sempre fun así moi… non sei como dicilo, moi desapegado de todo o que ten que ver cos premios. Agradézoos moito, claro, pero vexo que moita xente do meu entorno lles dá moita máis importancia. E, xa digo, en concreto, miña nai. Para unha alegría que lle podo dar co meu traballo, benvida sexa.

B. Este verán non paraches, de feito hai quen dixo por aí que quen non oíu falar de Grande Amore é que non está na onda dos festivais. Supoño que influíu moito esta nova volta á realidade post pandemia e había ganas por parte do público, e por parte dos artistas… Como o viviches ti? Contabas con esta apoteose de concertos ou foi sorpresa?

Si, totalmente. Eu creo que foi decisivo, polo menos no meu caso, a volta á realidade post pandémica. Non se terían feito tantísimos concertos e festivais, nin de broma, de non ter sido por iso, porque a xente estaba doente por volver xuntarse e ir a todo canto evento houbese na contorna. Eu… non, non contaba con tal cantidade de actuacións este ano. Tamén é que eu son moi pesimista, sempre penso que o próximo ano vai haber un baixón no proxecto por calquera motivo. Entón, claro, non son eu a mellor vara de medir á hora de falar de expectativas.

B. Nunha entrevista dicías “Non todos temos que afinar como se fósemos Mariah Carey” polo que entendemos que o cante non é o teu “forte”, ha, ha!! Ou si? E por outra banda mesturas rock, punk con electrónica, daquela, como definirías o teu estilo?

Non lembraba ter dito iso, vaia vergonza. Non hai que facerme moito caso ao que digo nas entrevistas, eh. Mirade, houbo unha época que, por algún motivo que aínda non descubrín a día de hoxe, antes de cada entrevista que me facían (nunha época, ademais, na que me facían bastantes) tomaba un café. A min a cafeína vólveme tolo. Literalmente tolo. Parezo o demo de Tasmania cando bebo un café. E claro, así acababa dando titulares que, ao lelos tempo despois, dicía eu para min: “A xente vai pensar que son tonto”. O da mestura de rock e punk con electrónica si que me parece moi acertado. Ao menos, é o que intento facer coas miñas cancións, mesturar esa tradición do punk e o rock dos 80 cos elementos compositivos da música electrónica.

B. Es un músico con formación profesional que levas tocando dende os 13 anos e o teu primeiro grupo en serio foi Oh! Ayatollah pero, aínda así, imaxino que hai quen non te coñece, que lle dirías á xente que acode ao teu concerto por primeira vez? Que pode atopar?

Honestamente, eu penso que os concertos de Grande Amore son moi divertidos. Moita xente que, a priori, pode ter uns gustos musicais que están moi lonxe do que eu fago, acaba bailando e dándoo todo xa a partir da terceira canción. Unha cousa que me gusta moito dos nosos concertos (especialmente agora que vén de DJ a miña amiga María) é que involucramos moito ao público e hai momentos nos que se produce unha especie de “comunión” parecida ao ambiente que pode haber nunha verbena, pero tocando unha música moi escura, case industrial. A min, persoalmente, esa combinación encántame.

B. Es natural de Burela pero a túa época universitaria e polo tanto onde te formaches e bebiches do seu ambiente musical foi en Compostela, pensas que hai diferenzas en canto a estilos entre os grupos que están a xurdir nas diferentes capitais galegas? Como ves o panorama musical galego en xeral?

Isto dígoo sempre, pero non por moito repetilo creo que perda valor de verdade: a música galega (en xeral, sen centrarnos en ningún estilo en particular) está vivindo, de lonxe, o mellor momento que eu recorde. Hai moitos proxectos que están conectando co público a un nivel que eu, xa digo, nunca vira. Si que é certo que estaría moi ben que se lle dese máis visibilidade a proxectos que nacen fóra do eixo da AP-9, por dicilo dalgunha forma. Por exemplo, a xente como The Brosas, que son unha banda de Burela que levan dez anos facendo un rock and roll incrible.

B. Polo AgoraSon xa pasaron grupos como Susana Seivane, Luar na Lubre, A banda da loba, ou as Tanxugueiras. Estas últimas cun éxito máis ca consolidado fóra do país coas que dis que vos une certa afinidade á hora de relacionarvos co público. Que papel xogan as redes sociais e as canles de estreaming na túa música e no teu traballo diario?

Boa pregunta… Gústenos máis ou menos, todo o que ten que ver coas redes sociais e Internet, a día de hoxe, é prácticamente a metade de traballo dun grupo. Eu, moitos días, doume conta ás cinco ou seis da tarde de que levo toda a xornada adicándolle todo o meu tempo a contestar mensaxes de Instagram, anunciar concertos en Twitter, mandar mails… e cero minutos a facer música. Iso é un pouco triste, a verdade, pero é o mundo no que nos tocou vivir. Tamén me daría pena ter descoidadas as redes e ter a sensación nalgún momento de que estou perdendo de chegarlle máis ao meu público por non comunicar ben. Non sei… agora que leo isto, doume conta de que teño o que se podería considerar unha relación tóxica con todo o tema de Internet. Nin con el nin sin el estou ben. Eche unha desgracia.

B. A temporada festivaleira parece que vai tocando á súa fin, persoalmente, ti precisas volver xa ao formato de sala pequena? Onde te sentes máis cómodo?

Dende sempre, eu estou afeito a ir a concertos en salas. É onde me criei musicalmente, e tamén o tipo de espazo no que eu creo que funciona mellor a música como a miña, así oscura e rápida. Pero unha cousa non quita a outra. Nos festivais, cando hai bo ambiente, xérase unha enerxía que é incrible. Por exemplo, no Revenidas deste ano… aí hai unha maxia en tocar entre SFDK e Talco e ver que a xente está entregadísima cantando todas as túas cancións. Xa digo, eu son animal de sala pequena, pero hai cousas boas dos festivais que son dificilmente replicables nestes espazos.

B. O AgoraSón, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, celébrase con motivo do #DíadaBiblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual. Este ano o Ministerio de Cultura celebra a efeméride baixo o lema “BiblioTEcuida”, que se centra en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos. Así que nos gustaría rematar coa pregunta de, que é a biblioteca para ti, Nuno?

Non creo que ninguén se sorprenda se digo que tiven unha adolescencia un pouco peculiar. Por unha banda, era unha persoa moi extrovertida (o “gracioso” da clase, por falar claro) e por outra, alguén terriblemente introvertido e inseguro. Entón, aínda que isto sone a tópico, o certo é que pasei bastante tempo da miña primeirísima xuventude na biblioteca pública de Burela. Gustábame moito estar alí, sentíame illado e seguro. Lembro que había unha enciclopedia da historia da música, e eu pillaba continuamente o tomo que falaba do século XX, e lía a parte que trataba do rock. Había unha foto de Robert Plant, o cantante de Led Zeppelin, que me chamaba moitísimo a atención. Entre esa enciclopedia, un libro de Bukowski que se traduciu ao galego como “Pan con xamón” e a colección completa de cómics de Tintín, pasaba eu o meu tempo. Teño un recordo moi bonito daquilo, e penso que foi unha etapa moi importante na miña formación como persoa (que pedante soa dicir isto, pero é certo).

Moitas grazas polo teu tempo e moitos éxitos.

E vós lembrade que aínda estades a tempo de conseguir a vos entrada para o AgoraSón, o propio Nuno explícache como, atende ao vídeo!!

Nuno Pico convídate ao AgoraSón e diche como coseguir as entradas

Grande Amore en concerto (de balde) no AgoraSón do outono 2022

Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto.

Esta edición do AgoraSón terá como protagonista o músico do Valadouro, na mariña lucense, Nuno Pico, coñecido no panorama musical como Grande Amore, que acaba de recibir este mes o premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica, e é unhas das revelacións máis recentes dentro do panorama musical galego.

    O Servizo de Normalización Lingüística, o 22 de outubro ás 21.00 h, volve organizar o concerto do AgoraSón outono (co gallo do Día da Biblioteca e para promover a lectura e o emprego de materiais audiovisuais en lingua galega), en colaboración coas Bibliotecas Municipais da Coruña.

    Grande Amore naceu coa idea de xogar co techno, o rock and roll e o pop dos 80 dende a óptica da música electrónica actual. Editou os seus primeiros singles “Todo ou nada” e “Esta cruz“, moi influenciados por correntes estilísticas como o Italo Disco ou o High Energy. A mediados de 2021, e logo de diversas colaboracións con artistas como Ortiga, Verto ou Mundo Prestigio, sae á luz o seu primeiro álbum, de título homónimo, no que se mostra máis cercano ao post-punk, o darkwave e os sons industriais. Amosa unha grande implicación e compromiso coa lingua galega e caracterízase polo seu estilo moderno e fresco. A web Hipersónica recoñeceuno como o mellor disco do ano en España, nunha lista na que figuraban nomes coma o de C. Tangana.

    O evento terá lugar no auditorio do Centro sociocultural Ágora o día 22 de outubro ás 21.00 horas.

    A asistencia será de balde, mais precisará a recollida previa de invitación nas Bibliotecas Municipais. 

    Lista Reprodución Fórum: un repaso polos festivais que veñen

    Chegados a este punto e despois de dous anos de continuas cancelacións, os amantes dos festivais xa teñen todo listo para o pistoletazo de saída. Dende onte día 2 e ata mañá día 4 de xuño a cita é na antiga ” Azucreira de Caldas de Reis” que acolle este ano unha nova edición do festival PortAmérica. Xoel López, Mikel Erentxun, Rozalén ou Lori Meyers son algún dos artistas que figuran en cartel e tamén na nosa Lista de Reprodución deste mes.

    Imaxe tomada de pixabay

    Outro dos eventos máis agardados é  O Son  do  Camiño que este ano confirma a súa III edición e recupera o seu formato tradicional con tres días completos de actuacións e presume de contar co cartel máis grande da historia do festival. Máis de 40 artistas de talla internacional que en moitos casos visitarán Galicia por primeira. Os días 16,17 e 18 de xuño o Monte  do Gozo de Santiago de Compostela volverá reunir a miles de persoas para gozar dos concertos de artistas e bandas como  The  Chemical  Brothers, Carolina Durante, Miss Caffeina, Dani Martín ou a multidisciplinar artista arxentina Nathy Peluso.

    E para os coruñeses chega a segunda edición do Morriña Fest. Poderemos gozar en Riazor dos británicos Crystal  Fighters, unha das bandas máis queridas polo público do noso país, sen dúbida o seu directo é un aliciente a non perder. O cartel complétase con outros nomes de tirón comercial e estilos moi variados entre os que atopamos ao  icono do indie-rock Franz Ferdinand ou á cantante española Vega de quen na Lista de Reprodución recordamos o seu álbum ‘A Conta Atrás’. Publicado en 2011 deulle o seu primeiro recoñecemento internacional como artista xa que estivo nomeada aos premios  Grammy Latinos en 2012 na categoría de Mellor Álbum de Pop/Rock.

    Este é só un exemplo para ir abrindo boca pero ao longo do verán as citas musicais non dan tregua, así que escolle a túa e para ir collendo ritmo pásate pola biblioteca e leva en préstamo os traballos dos teus artistas favoritos, ou se o prefires podes botarlle unha escoita na nosa canle de spotify.

    Mikel Erentxun – El corredor de la suerte. Depedro  – Nubes de papel. Rozalén  –  Quién me ha visto …..Carolina Durante – Carolina Durante. Lori Meyers – Espacios infinitos. La M.O.D.A. – Salvavida. Cora Velasco – Sortilegios.  Nathy Peluso – Calambre. Vega – La cuenta atrás.  Escuchando Elefantes – Hope. Miss Caffeína – Oh Long John Son. Guadi Galego – Inmersion.  Xoel López –  Atlántico. Triángulo de Amor Bizarro – Victoria Mística. Tanxugueiras – Contra[punto].  Dani Martín – Dani Martín. Muchachito Bombo Infierno – Muchachito Bombo Infierno. Franz Ferdinand –Tonight. The Chemical Brothers – Come with us. El Columpio Asesino –  Diamantes. 

    Bo verán e que a música te acompañe!!

    Escuchando Elefantes en concerto

    Dende Bibliosons estamos felices de volver  falar de concertos, aínda que o de  hoxe ten prácticamente todo vendido. Falamos do concerto de Escuchando Elefantes que terá lugar hoxe ás 20 da tarde no Teatro Colón. Recentemente veñen de dar un na sala Siroco de capital.

    Imaxe tomada da súa conta de twitter @EscuchElefantes

    Dende este pequeno recuncho fainos especial ilusión falar de Escuchando Elefantes. Son o dúo coruñés de  folk-rock e pop formado por Silvia Rábade e Carlos Tajes. Son coñecidos por compaxinar as súas xiras con actuacións espontáneas na rúa.  Na rúa é precisamente onde eu os escoitei por primeira vez, concretamente na praza de Lugo, onde son habituais,  aló polo 2012, ano no que publicaron o seu primeiro disco, Show & Tell, de maneira totalmente independente e do que gardo un exemplar asinado por Silvia e Carlos coma ouro en pano. Con este traballo, que como era de agardar, contou con boa acollida por parte da crítica,  xirarían máis tarde por diferentes países e festivais.

    Nas Bibliotecas Municipais da Coruña podedes desfrutar dos seus discos: Show & tell, Happy Lonely People e Hope. Traballo este último no que se aprecia un certo cambio de formato na banda xa que comezan a intercambiar instrumentos no escenario tocando ambos os dous baterías e guitarras.

    Desexando estamos de incorporar aos nosos fondos o seu ¿Por qué siempre cantáis en inglés? Que aínda que pareza unha pregunta con sorna que seguramente lle fixeron moitas veces, verdadeiramente é o título do seu último disco, o primeiro álbum en castelán do dúo. Na elección do mesmo supoño que terá moito que ver o seu sentido do humor do que sempre fan gala a través das súas redes sociais.

    Para os máis rezagados bulide porque queda aínda algunha entrada. De seguro que o desfrutades porque coma ben dixo Silvia dos seus concertos:

    “transmiten paz e calma pero á vez forza e enerxía, igual ca os elefantes”.

    Xurxo Souto no AgoraSón do outono 2019

    Con motivo do Día das Bibliotecas (24 de outubro) e para promover a lectura e o emprego de materiais audiovisuais en lingua galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o AgoraSón 2019, con Xurxo Souto, Lydia Botana e Vudú en concerto. Dende Bibliosons poidemos conversar un anaquiño cun dos protagonistas.

    Antes de nada Xurxo, moitas grazas por atendernos e parabéns por ese recente premio Facer País da Asociación Val do Láncara pola túa difusión da cultura galega entre a mocidade. O Premio xa outorgado noutras ocasións a persoeiros e colectivos coma Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, o diario A Nosa Terra, a Mesa pola Normalización Lingüística ou Margarita Ledo Andión. Qué significa este recoñecemento para ti?

    Realmente non sei por que mo deron, mais estou moi contento. Xusto o día da entrega cumpriranse XXV anos da noite na que inventamos en Chantada o bravú. Gustaríame que fose pois un recoñecemento colectivo a todos aqueles grupos que entón decidimos crear música para xente nova en galego, rachando tópicos e con moita distorsión. Tamén quero que sexa unha nova homenaxe ao meu mestre, o poeta Manuel María, a quen tiven a sorte de  tratar  nos anos que viviu na Coruña. El foi o referente maior do que significa “facer país”.

     Recentemente tamén ves de presentar na Coruña e en Oleiros o teu sétimo libro A gran travesía de  Chiruca  Macallás. O libro narra a viaxe en barco desde o Gran Sol ao mando dunha muller, Mercedes, patroa de pesca que tamén foi vocalista do grupo  ForzA  dozZe. Con qué intención creas este personaxe  con tanta forza de muller e música?

    Porque o talento das mulleres nestes dous eidos, a música e o mar, foi durante moito tempo invisible. Penso que a literatura, polo que ten de reflexión profunda, é un bo camiño para comezar a derrubar tanto tópico escuro.

    Aproveito para recomendar un libro que sairá á venda en breve: “Músicas Galegas Ilustradas”, de Laura Romero, a baixista do grupo Zënzar, no que esta artista -tamén é ilustradora- homenaxea a moitas mulleres, mestras verdadeira na arte sonora.

    Anotado queda Xurxo. Ti es escritor, cantante, acordeonista, actor, director e locutor de radio. Pero se por algo es tremendamente coñecido é por ser  vocalista da banda de rock  bravú Os Diplomáticos de Monte Alto entre os anos 1990 e 2001.Canto que ver tivo na túa faceta de músico o teu avó Manuel fundador da Orquestra Os Satélites da Coruña?

    Moitísimo. Cando eu era pequeno o meu avó, Manuel Eiroa, xa estaba retirado dos escenarios, mais sentía o respecto con que o trataban os seus compañeiros de profesión. Para min foi un modelo, porque tiña unha visión cosmopolita do mundo e da música. Na casa tiñamos moitos discos de jazz, de sons tropicais, de big-bands norteamericanas. Mais, ao mesmo tempo, valoraba moito a cultura máis próxima. Era de Perillo, sabía das cousas da ría e das cousas do mar. Cantaba regueifas nos casamentos e coñecía moi ben a música tradicional galega. Moito antes de n’Os Satélites, con dezaseis anos xa tocaba n’Os Canosa de Dorneda.   

    Sendo eu dos 80,teño pasado moitas tardes despois de vir da escola vendo os debuxos coa mña irmá pequena, así que a pregunta é obrigada para min,  qué opinión che merece a Xeración Xabarín e todo o movemento musical que se creou arredor dela?

    Marabillosa. A Televisión de Galicia foi creada para promocionar e divulgar a lingua e a cultura galega. Tras varios anos de perguizas fixo algo tan elemental como gravar unha serie de vídeos de grupos que cantaban en galego  e , inmediatamente, o programa converteuse nun auténtico éxito. Un verdadeiro que deixou pegada en toda unha xeración.

    Agora cómpre que  os grupos de hoxe conten con esa mesma posibilidade de promoción que tivemos nós. Somos  un pobo de artistas. E o deber da Televisión de Galicia ( insisto, para iso foi creada) é divulgar tanto talento.

    E para ir concluindo, o cartaz do AgoraSón 2019 é cando menos chamativo, vas compartir escenario con Lydia Botana e Vudú, de onde saiu esta simbiose?, pódesnos adiantar algo do que nos imos atopar?

    Xa nos coñeciamos, coincidimos nunhas xornadas en Carballo e xurdiu a posibilidade de facer un evento conxunto. Vai ser unha apoteose da creatividade e das músicas das mulleres. Vudú e Lydia desenvolven dende hai tempo cadanseu proxecto poderoso. Dentro desta dinámica, eu farei unha primeira achega a un xénero até o de agora case descoñecido, “a música de traballo das mulleres do mar”. E para isto, alén de Lydia e Vudú, precisarei da colaboración, ou sexa do canto, de todas as persoas presentes. Adiántoche un berro: “Medre o Mar ( das Mulleres do Mar !”.

    O Agorasón, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña  é unha iniciativa gratuíta e aberta á veciñanza que procura promover a lectura en lingua galega, así como proporcionar alternativas de lecer na poboación moza e adulta e promocionar a música na lingua do país. Pensas que nos tempos que corren son máis necesarias alternativas coma esta? Qué opinión che merece o panorama musical galego na actualidade?

    O panorama musical galego é extraordinario, unha “selva diversa” chea de propostas creativas. O único problema é que non se coñecen. Xa falamos da Televisión de Galicia. Na Televisión Española, soan moitas cancións en inglés ( o que me parece ben), mais é imposible escoitar unha canción en galego ( o que me parece moi mal). Mais o talento sempre trunfa,mesmo diante da indolencia dos grandes medios de comunicación. Velaí o caso, por exemplo, dunha gran artista coruñesa, Sés. Foi quen de chegar a un público maioritario, á marxe das canles habituais, conquistando seguidoras e seguidores, concerto a concerto, persoa a persoa.

     E por último, para pechar a conversa a bo ritmo,  gustaríanos  que nos deixaras a túa recomendación musical

    Vou deixar moitas. Ademais de Lydia Botana e Vudún,  Mercedes Peón, Uxía,Sés, Ugia Pedreira, Guadi Galego,Susana Seivane, MJ Pérez, Rosa Cedrón…a música galega viaxa polo mundo con voz de muller.

    Moitísimas grazas Xurxo e parabéns polos éxitos!!!

    Lembrade que a cita é mañá venres 25 ás 21 H. no Auditorio do Centro Ágora.

    E para os que aínda no tedes entrada só tedes que pasarvos por calquera centro da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, os convites repártense pola retirada de libros, música e/ou cine en galego.

    Aviador Dro no 31 Festival Noroeste Estrella Galicia

    Este ano, o “31 Festival Noroeste Estrella Galicia“, celebrarase entre os días oito e trece de agosto en diferentes localizacións da cidade da Coruña.
    Trátase, como cada verán, dunha cita musical única en España, cun atractivo programa de concertos ó aire libre, e que cada edición vén reunindo a máis de 70.000 persoas.
    Estrella Galicia, en colaboración co concello da Coruña, organizan este evento de línea estilística aberta e diversa, con cabida para todos os estilos, e que conta con figuras tanto a nivel internacional coma estatal, así como novos talentos en busca da súa oportunidade.
    Na súa trixésimo primeira edición, destacan, entre outros moitos artistas, a banda “Aviador Dro“; uns veteranos da música electrónica.

    Imaxe publicada na páxina oficial do festival.

    Tras case catro décadas enriba dos escearios, esta formación musical, pioneira no estilo electro-tecno-pop no noso país, chega á cidade para ofrecer un concerto único formado por todos os seus grandes éxitos musicais ó longo de todos estos anos de experiencia, e con máis de trinta discos, entre longa e curta duración, ás súas costas, dos que tendes algúns deles á vosa disposición nas biblioteacas municipais.
    Busca no noso catálogo e lembra ou descubre a música desde grupo antes de disfrutar do seu directo.
    A cita terá lugar na Praza das Bárbaras, o xa citado xoves 10 de agosto ás 22.45 horas.
    http://www.youtube.com/watch?v=k8gWqHeGMG0

     

    Os Kaiser Chiefs estarán no 31 Festival Noroeste Estrella Galicia

    Ca idea de que as bandas coruñesas compartisen cartel con grupos musicais de primeira liña no ámbito nacional, naceu este festival que se celebra anualmente na cidade da Coruña.
    Edición tras edición, e xa van 31, foi crecendo, e gañando adeptos e relevancia, abrindo o seu cartel a grupos internacionais, e chegando a congregar na praia a máis de 100.000 persoas.
    Este ano destaca o concerto dos británicos Kaiser Chiefs, como cabeza de cartel o venres 11 de agosto na praia de Riazor a partir das 23.30 horas.

    Imaxe publicada na páxina oficial do festival

    Esta xoven inda que de sobras experimentada banda, nacida en 1997, e de estilo indie rock, chega á cidade con catro discos ás súas costas, e moitos recoñecementos internacionais.

    O seu último éxito é o single “Parachute”.
    http://www.youtube.com/watch?v=3svLcAkcw1U

     

    Lembra que no catálogo das bibliotecas municipais podes atopar discos dos Kaiser Chiefs e doutros moitos artistas. Bota unha ollada antes de disfrutar da súa música en vivo.

    Lista de Reprodución Fórum: a música do verán

    Xa entramos na temporada estival, e con ela chegan a maior parte dos festivais, polo que este mes centrámonos nos artistas que acturarán no Noroeste Estrella Galicia e naqueles dos que poderemos gozar na nosa cidade. Pero tamén atoparedes grupos que pasaron ou pasarán polo Resurrection Fest, o Festival do Mundo Celta ou o PortAmérica.

    En agosto A Coruña entra en festa, comezando polo concerto de Xoel López o día 1;  seguirá o de Miguel Bosé o día 6. O cantante español, colombiano e italiano chega a María Pita dentro da súa xira Estaré, na que repasa os seus 40 anos no mundo da música, con éxitos como Linda, Nena, Bandido… ou Bambú, un tema a piques de cumprir a maioría de idade, incluído no álbum Los chicos no lloran (1990).

    Na súa trixésimo segunda edición, o Noroeste segue a medrar. Se o pasado ano foron 60 as bandas participantes, este ano, ente o 8 e o 13 de xullo, máis de 100 artistas levarán a súa música  a 15 escenarios diferentes. Como cabeza de cartel temos á banda escocesa de rock alternativo The Jesus and Mary Chain, a quen seguirán Iván Ferreiro, Surfin’ Bichos e Kaiser Chiefts. O grupo británico lanzou en 2008 o seu terceiro álbum, Off with Their Heads, cuxo primeiro single foi Never Miss a Beat.

    Pero ademais dos grupos internacionais, teremos a sorte de esocoitar bandas locais e nacionais. Como a galega Eladio y los seres queridos, que en 2016 lanzou Cantares, Premio MIN da Música Independente ao Mellor álbum en galego. Un traballo no que fan unha homenaxe ao noso cancioneiro tradicional, e que chegou dous anos despois de Orden Invisible (2014). O seu disco máis eléctrico e que en palabras deles “trataba de capturar momentos máxicos”. Nel incluíronse cancións maduradas co tempo, como Seremos Santos Inocentes, que fala de como o tempo é unha trampa mental.

    Un pouco antes, como  vos comentábamos no post anterior, teremos a Juan Luis Guerra por terceira vez no Coliseum. O cantautor dominicano, ganador de 18 Grammy Latinos, e con máis de 30 millóns de discos vendidos, chega para facer bailar ao público a ritmo de bachata, merengue, salsa e son con Todo tiene su hora (2014), o seu decimo terceiro álbum de estudio, que compuxo íntegramente. O videoclip do tema que da nome ao disco, e que foi dirixido polo seu fillo, obtivo en 2016 o  Premio Videoclip Awards ao Mellor vídeo musical de Merengue.

    Aquí tedes a Lista de Reprodución ao completo. Se queredes levar en préstamo os álbums dos traballos seleccionados agardámosvos na Biblioteca Fórum.

    Ala.Ni – Ol’Fashined Kiss.  Amaral– No existen los milagros.  ÁnimaBajo Cero. Antonio Orozco – No hay más. Arch EnemyI Will Live Again. Aviador Dro – Aviador Dro, ¿dígame? Cántigas e Agarimos – A Virxe de Guadalupe.  Carlos Jean – Have a Nice Day. Eladio y los seres queridos – Seremos Santos Inocentes. Emilio José – Febreiro. Franco Battiato – Haiku. Iván Ferreiro – Farenheit 451. Joaquín Sabina – La del pirate cojo. Juan Luis Guerra – Todo tiene su hora. Kaiser Chiefs – Never Miss a Beat. Miguel Bosé – Bambú. Niños Mutantes – El miedo. Novedades Carminha – Devórame otra vez. Rammstein – Reise, Reise. Raül Refree – Mejor ahora. Rodrigo Leão – Lonely Carousel. The Jesus and Mary Chain – Just Like Honey. Triángulo de amor bizarro – El himno de la bala. Vanesa Martín – Complicidad. Xoán Curiel – Asa. Xoel López– La gran montaña.

    Lista de Reprodución Forum: 30 anos de Noroeste

    Xa se cumpriron 30 anos desde que comezou o Noroeste, así que, como non podía ser doutro xeito, a Lista de Reprodución deste mes, dedicámoslla ao festival coruñés, unha das citas musicais máis importantes do verán no norte peninsular.  Ademais, para celebralo, traémosvos una playlist ampliada, xa que en lugar de 26, son 30 os temas que a conforman.

    Desde os seus inicios en 1986 foi cambiando de nome e de escenario principal, pero non perdeu a súa esencia. Comezou como Noroeste Pop Rock, durante máis dunha década foi Coruña Pop Rock, e agora é Noroeste Estrella Galicia.

    E o que empezou no Palacio dos Deportes de Riazor, pasou por Maria Pita, antes de chegar ao lugar que fai a este festival tan especial: a Praia de Riazor. Agora, co Noroeste Expandido, a música continúa noutros oito puntos da Cidade: o Castelo de San Antón, as Prazas de San Nicolás e as Bárbaras, a Igrexa das Capuchinas, a Fundación Luís Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Parque do Paseo das Pontes e o Campo da Leña.

    Despois de tres décadas seguen os concertos gratuítos ao aire libre, con bandas e artistas de referencia tanto a nivel nacional, como internacional, ademais dos grupos locais.

    Nesta edición bateuse un record, xa que nos acompañaron 60 grupos durante seis días, con grandes como: Editors, Neil Halstead, Triángulo de Amor Bizarro, Ocean Colour Scene ou Freedonia.

    Ao longo destes 30 anos puidemos gozar de artistas tan relevantes como: The Cure, Mika, Suede, The Hives, Nacha Pop, Leiva, Xoél López, Love of Lesbian, Siniestro Total, Heredeiros da Crus ou Los Suaves.

    Na primeira edición do Noroeste 30.000 persoas asistiron aos concertos de 14 grupos, entre os que estaban Siniestro Total, Glutamato Ye-Yé e Os Resentidos. Ese verán de 1986 estivo marcado por un tema, Galicia Caníbal, do disco do mesmo nome do grupo liderado por Antón Reixa. Con este himno do rock galego, Os Resentidos conseguiron que volvese soar unha canción en galego nas radios de toda España, anos despois de Andrés do Barro. Ademais, Galicia Caníbal, foi considerada pola revista Rolling Stone, como unha das 200 mellores cancións do pop-rock español.

    Os británicos The Cure abarrotaron a praia de Riazor en 1998, nun momento no que a banda non pasaba polo seu mellor momento, xa que Robert Smith estaba pensando en deixar o grupo e tiñan previsto lanzar un álbum a modo de despedida. Este traballo foi Bloodflowers (2000), nomeado en 2001 ao Grammy de Mellor álbum de música alternativa e tivo unha boa acollida por parte do público e da crítica. Isto, unido ao éxito da xira, fixo que o líder de The Cure cambiase de opinión. Ao ano seguinte, cando finalizaba o contrato coa súa discográfica, Smith accedeu a lanzar un recompilatorio de grandes éxitos, elixidos por el mesmo. Así naceu Greatest hits, que inclúe temas desde 1978 ao ano 2000, e do que destacamos Close to Me, o segundo sinxelo do seu sexto álbum (The Head On The Door) e o seu lanzamento máis exitoso ata 1985.

    Catorce anos despois, e un día antes dos concertos de Leiva, Iván Ferreiro e Xoel López, máis de 25.000 persoas gozaron do show de Mika, que se dirixiu ao público en todo momento en castelán. O cantante libanés que quere facer á xente feliz non o tivo fácil, pois as discográficas rexeitaban as súas maquetas polo seu estilo pouco convencional, que non consideraban comercial. Por iso creouse unha conta en My Space para dar a coñecer a súa música e subiu Grace Kelly, o tema que o catapultou á fama. Medio millón de persoas o escoitaban a través de internet, mentres que as discográficas non o querían. Deixámosvos o que foi o terceiro sinxelo do seu álbum debut, Life in Cartoon Motion (2007), Love Today, que obtivo un nomeamento aos Grammy como Mellor gravación dance.

    Hai dous anos, os cataláns Love of Lesbian, foron cabeza de cartel da primeira xornada dun Noroeste, no que tamén gozamos de Madness, Los Eskizos e Delafé y Las Flores Azules, entre outros. O grupo de indie rock, estaba coa xira “Eterna” do seu sétimo álbum de estudo, La noche eterna (2012). Un disco de pequenas historias, de seres anónimos e noctámbulos, no que se mesturan realidade e ficción, e sobre a noite e o anonimato na gran cidade. Unha destas historias é a de Pizzigatos, un tema cun videoclip divertido e literalmente animado, que serviu como peche deste exitoso álbum. Inspirado nos debuxos mexicanos tradicionais, empregouse o Motion Graphics como técnica de animación, ademais de rotoscopia e ilustracións con selos de goma para animar as figuras.

    Aquí presentámosvos a Lista ao completo, e lembrade que se queredes escoitar os álbums dos traballos seleccionados, podedes levalos en préstamo na Biblioteca Fórum.

    Ariel Rot – Debajo del puente, Danza Invisible – Sabor de amor, Deluxe – Réquiem (No fui yo), Hombres G – Voy a pasármelo bien, Kiko Veneno – El duende, León Benavente –  Avanzan las negociaciones, Loquillo – Feo, fuerte y formal, Los Suaves – Maldita sea mi suerte, Love of Lesbian– Pizzigatos, Luz Casal – Quisiera ser y no puedo, M Clan – Inmigrante, Maldita Nerea – Tu Mirada me hace grande, Manolo Tena – Sangre española, Mika – Love Today, Miguel Ríos – Bienvenidos, Nacha Pop – Chica de ayer, Os Resentidos – Galicia caníbal (fai un sol de carallo), Pereza – Princesas, Radio Futura – Corazón de tiza, Raphael – Qué sabe nadie, Sex Museum – Circles in the Salt, Sidonie – La noche sin final, Simply Red – Something Got Me Started, Status Quo – Mony Mony, Suede – So Young, Tachenko – Mediterráneo, The Cure – Close to me, The Hives – Walk Idiot Walk, The Waterboys – Fisherman’s Blues, Triángulo de Amor Bizarro – Un Rayo de Sol