Conversa con Grande Amore polo AgoraSón 2022

Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto. E dende Bibliosons falamos con él.

Moi bo día, Nuno!!

Aínda a sabendas de que estás ata os topes de traballo, aproveitando o teu paso polo AgoraSón 2022, dende Bibliosons, o blog de música das Bibliotecas Municipais da Coruña, non podiamos desaproveitar a ocasión de falar un anaquiño contigo.

B. Antes de nada os nosos parabéns polo recente premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica. Que significa para ti ese recoñecemento?

Obviamente, é unha honra moi grande para min e faime sentir moi realizado en tanto que músico. Tamén teño que dicir, para non faltarlle á verdade, que polo que máis ilusión me fai este premio é polo moito que se alegrou miña nai cando mo deron. Dígoo totalmente en serio. Eu sempre fun así moi… non sei como dicilo, moi desapegado de todo o que ten que ver cos premios. Agradézoos moito, claro, pero vexo que moita xente do meu entorno lles dá moita máis importancia. E, xa digo, en concreto, miña nai. Para unha alegría que lle podo dar co meu traballo, benvida sexa.

B. Este verán non paraches, de feito hai quen dixo por aí que quen non oíu falar de Grande Amore é que non está na onda dos festivais. Supoño que influíu moito esta nova volta á realidade post pandemia e había ganas por parte do público, e por parte dos artistas… Como o viviches ti? Contabas con esta apoteose de concertos ou foi sorpresa?

Si, totalmente. Eu creo que foi decisivo, polo menos no meu caso, a volta á realidade post pandémica. Non se terían feito tantísimos concertos e festivais, nin de broma, de non ter sido por iso, porque a xente estaba doente por volver xuntarse e ir a todo canto evento houbese na contorna. Eu… non, non contaba con tal cantidade de actuacións este ano. Tamén é que eu son moi pesimista, sempre penso que o próximo ano vai haber un baixón no proxecto por calquera motivo. Entón, claro, non son eu a mellor vara de medir á hora de falar de expectativas.

B. Nunha entrevista dicías “Non todos temos que afinar como se fósemos Mariah Carey” polo que entendemos que o cante non é o teu “forte”, ha, ha!! Ou si? E por outra banda mesturas rock, punk con electrónica, daquela, como definirías o teu estilo?

Non lembraba ter dito iso, vaia vergonza. Non hai que facerme moito caso ao que digo nas entrevistas, eh. Mirade, houbo unha época que, por algún motivo que aínda non descubrín a día de hoxe, antes de cada entrevista que me facían (nunha época, ademais, na que me facían bastantes) tomaba un café. A min a cafeína vólveme tolo. Literalmente tolo. Parezo o demo de Tasmania cando bebo un café. E claro, así acababa dando titulares que, ao lelos tempo despois, dicía eu para min: “A xente vai pensar que son tonto”. O da mestura de rock e punk con electrónica si que me parece moi acertado. Ao menos, é o que intento facer coas miñas cancións, mesturar esa tradición do punk e o rock dos 80 cos elementos compositivos da música electrónica.

B. Es un músico con formación profesional que levas tocando dende os 13 anos e o teu primeiro grupo en serio foi Oh! Ayatollah pero, aínda así, imaxino que hai quen non te coñece, que lle dirías á xente que acode ao teu concerto por primeira vez? Que pode atopar?

Honestamente, eu penso que os concertos de Grande Amore son moi divertidos. Moita xente que, a priori, pode ter uns gustos musicais que están moi lonxe do que eu fago, acaba bailando e dándoo todo xa a partir da terceira canción. Unha cousa que me gusta moito dos nosos concertos (especialmente agora que vén de DJ a miña amiga María) é que involucramos moito ao público e hai momentos nos que se produce unha especie de “comunión” parecida ao ambiente que pode haber nunha verbena, pero tocando unha música moi escura, case industrial. A min, persoalmente, esa combinación encántame.

B. Es natural de Burela pero a túa época universitaria e polo tanto onde te formaches e bebiches do seu ambiente musical foi en Compostela, pensas que hai diferenzas en canto a estilos entre os grupos que están a xurdir nas diferentes capitais galegas? Como ves o panorama musical galego en xeral?

Isto dígoo sempre, pero non por moito repetilo creo que perda valor de verdade: a música galega (en xeral, sen centrarnos en ningún estilo en particular) está vivindo, de lonxe, o mellor momento que eu recorde. Hai moitos proxectos que están conectando co público a un nivel que eu, xa digo, nunca vira. Si que é certo que estaría moi ben que se lle dese máis visibilidade a proxectos que nacen fóra do eixo da AP-9, por dicilo dalgunha forma. Por exemplo, a xente como The Brosas, que son unha banda de Burela que levan dez anos facendo un rock and roll incrible.

B. Polo AgoraSon xa pasaron grupos como Susana Seivane, Luar na Lubre, A banda da loba, ou as Tanxugueiras. Estas últimas cun éxito máis ca consolidado fóra do país coas que dis que vos une certa afinidade á hora de relacionarvos co público. Que papel xogan as redes sociais e as canles de estreaming na túa música e no teu traballo diario?

Boa pregunta… Gústenos máis ou menos, todo o que ten que ver coas redes sociais e Internet, a día de hoxe, é prácticamente a metade de traballo dun grupo. Eu, moitos días, doume conta ás cinco ou seis da tarde de que levo toda a xornada adicándolle todo o meu tempo a contestar mensaxes de Instagram, anunciar concertos en Twitter, mandar mails… e cero minutos a facer música. Iso é un pouco triste, a verdade, pero é o mundo no que nos tocou vivir. Tamén me daría pena ter descoidadas as redes e ter a sensación nalgún momento de que estou perdendo de chegarlle máis ao meu público por non comunicar ben. Non sei… agora que leo isto, doume conta de que teño o que se podería considerar unha relación tóxica con todo o tema de Internet. Nin con el nin sin el estou ben. Eche unha desgracia.

B. A temporada festivaleira parece que vai tocando á súa fin, persoalmente, ti precisas volver xa ao formato de sala pequena? Onde te sentes máis cómodo?

Dende sempre, eu estou afeito a ir a concertos en salas. É onde me criei musicalmente, e tamén o tipo de espazo no que eu creo que funciona mellor a música como a miña, así oscura e rápida. Pero unha cousa non quita a outra. Nos festivais, cando hai bo ambiente, xérase unha enerxía que é incrible. Por exemplo, no Revenidas deste ano… aí hai unha maxia en tocar entre SFDK e Talco e ver que a xente está entregadísima cantando todas as túas cancións. Xa digo, eu son animal de sala pequena, pero hai cousas boas dos festivais que son dificilmente replicables nestes espazos.

B. O AgoraSón, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, celébrase con motivo do #DíadaBiblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual. Este ano o Ministerio de Cultura celebra a efeméride baixo o lema “BiblioTEcuida”, que se centra en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos. Así que nos gustaría rematar coa pregunta de, que é a biblioteca para ti, Nuno?

Non creo que ninguén se sorprenda se digo que tiven unha adolescencia un pouco peculiar. Por unha banda, era unha persoa moi extrovertida (o “gracioso” da clase, por falar claro) e por outra, alguén terriblemente introvertido e inseguro. Entón, aínda que isto sone a tópico, o certo é que pasei bastante tempo da miña primeirísima xuventude na biblioteca pública de Burela. Gustábame moito estar alí, sentíame illado e seguro. Lembro que había unha enciclopedia da historia da música, e eu pillaba continuamente o tomo que falaba do século XX, e lía a parte que trataba do rock. Había unha foto de Robert Plant, o cantante de Led Zeppelin, que me chamaba moitísimo a atención. Entre esa enciclopedia, un libro de Bukowski que se traduciu ao galego como “Pan con xamón” e a colección completa de cómics de Tintín, pasaba eu o meu tempo. Teño un recordo moi bonito daquilo, e penso que foi unha etapa moi importante na miña formación como persoa (que pedante soa dicir isto, pero é certo).

Moitas grazas polo teu tempo e moitos éxitos.

E vós lembrade que aínda estades a tempo de conseguir a vos entrada para o AgoraSón, o propio Nuno explícache como, atende ao vídeo!!

Nuno Pico convídate ao AgoraSón e diche como coseguir as entradas

Cancións Monstruosas!!!!

Como xa sabedes, na Biblioteca Fórum somos superfans do terror e da ciencia ficción. Encántanos a riqueza das súas historias, a vinculación socio-política destas e, evidentemente, a sensación de desacougo que nos deixan os visionados e lecturas das obras deste tipo. Por iso, atopamos no Samaín a escusa perfecta para recomendar todo tipo de obras de temática terrorífica e irémolo facendo ao longo de toda esta semana a través de mostras bibliográficas que podedes visitar nas bibliotecas e tamén dos diferentes blogs. Por suposto, a música non podia quedar atrás.

Así que imos ver que nos aporta a música con respecto ao terror, e en concreto do tema que eleximos para esta ocasión: Os monstros. Elaboramos unha lista de reprodución con cancións monstruosas porque calquera Samaín que se precie ten que contar cunha lista de música á altura da festa e gozar de que seguimos vivos!.

Contamos cos clásicos, o clásico entre os clásicos o gran Michael Jackson con Thriller  que ademáis do éxito da canción moi axeitada para unha noite de medo rodeados de esqueletos, zombies e demais criaturas do alén, o vídeo converteuse en todo un referente musical.

Vídeo oficial de Thriller

Tampouco podia faltar a banda sonora dos Cazafantasmas nunha lista así, un temazo que todos os que vivimos a estrea desta película nos anos 80 nos trae moi bos recordos. E a quen non lle soa Mi novio es un zombi  interpretada polo grupo español Alaska e Dinarama, incluída no seu cuarto e último álbum de estudo Fan fatal e na que moitas das actuacións aparecía unha persoa disfrazada do mítico personaxe Freddy Krueger.

Pero por suposto tamén incluimos temas “máis actuais” como Monster de Lady Gaga que recibiu moi boas críticas ou  El Vengador Tóxico dos coruñeses Nashgul e a quen dende a biblioteca temos especial cariño.

A lista segue como xa sabedes e tédela ao voso dispor ademáis de no blog na nosa canle de spotify para que a desfrutedes este Samaín ou cando o corpo vos pida subir de pulsacións.

Lista ao completo de Cancións Monstruosas

Bark At The Moon – Ozzy Osbourne. Medusa  – Emma Ruth Rundle. The Call Of Ktulu  –  Metallica. Thriller – Michael Jackson. Mi novio es un zombi – Alaska y Dinarama. Lobo-hombre en París – La Unión. El Vengador Tóxico – Nashgul.  Ghostbusters – Ray Parker. Pet Sematary – Ramones.  Not Of This World – Danzing. Scary Monsters – David Bowie. Seabest – Mastodon.  Godzilla –  Blue Öyster Cult. Cosmic Monster Inc. – White Zombie. You Can Get Him Frankenstein – The Castle Kings.  Count Dracula – The Rockin´Continentals. Danza Macabra – Camille Saint-Saëns. Death Drum – John Carpenter. No Es Serio Este Cementerio – Mecano. Somebody´s Watching Me –  Rockwell. Psycho Killer –  Talking Heads. Monster –  Lady Gaga. Zombie –  The Cranberries. ¿a Dónde Van Los Muertos? –  Kinky. Feed My Frankenstein –  Alice Cooper. Calaveras y Diablitos –  Los Fabulosos Cadillacs.

Visibilizando a perspectiva feminista a través da música

As Bibliotecas Municipais sumámonos á campaña impulsada polo Concello Coruna baixo o lema “A por todas. Mulleres sen límites” cun obxectivo claro: #VisibilizarOinvisible poñendo o foco na perspectiva feminista das bibliotecas. 

Imaxe campaña 8M do Concello da Coruña

A través da visibilización da música galega feita por mulleres queremos trasladar o contexto xustificativo da existencia do Día da Muller. E é que a case ninguén se lle escapa xa que o panorama musical galego vive nos últimos anos un auténtico espertar en feminino. Isto supón un elemento fundamental na sociedade galega contemporánea (entre outros moitos) para a construcción da súa identidade nacional. E se por bo camiño imos, a meta non debe ser outra ca de deixar de ser  anecdótico ou curioso que haxa un grupo de rock composto por só rapazas e mesmo que tamén canten en galego.

Elaboramos unha nova lista de distribución na nosa canle de spotity composta por música feita por mulleres da terra, mulleres mediáticas con compromiso feminista coma Sés, Guadi Galego ou Mercedes Peón e que tiveron moito que ver neste rexurdir dos últimos tempos de  grupos e artistas galegas coma as Tanxugueiras, A Banda da Loba, Wöyza ou MJ Pérez entre outras.

Podedes escoitar o último traballo da de Cedeira “Costuras” publicado nun fermoso e orixinal DIGIPACK , a  portada contén unha obra do pintor Ricardo de Barreiro que cada persoa descobre rascando a superficie gris.  Un bo xogo que invita ao comprador do álbum a crear a súa propia versión da mesma. Supón o quinto disco en solitario e segundo a crítica un dos mellores.10 cancións de Guadi Galego e Carlos Abal que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador, onde a autora amósase tal como é.

Guadi Galego-Costuras

“Fábrica de luz” está firmado por cinco mulleres que mesturan pop, blues, folk, rock e sons tradicionais creando un estilo musical de seu, son A Banda da Loba. “Fábrica de Luz” é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. A lingua e a terra, son as primeiras nais, fábricas de luz. As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz.A Banda da loba recén acaba de presentar “Intempériome”, o primeiro adianto dun EP titulado “Hasme oír” que sairá á rúa a comezos de abril para homenaxear a Xela Arias, a quen se lle adican este ano as Letras Galegas.

Fabrica de Luz (Videoclip oficial)

“Contrapunto” é o segundo traballo de Tanxugueiras co que dan un gran paso cara unha maior madurez tanto musical como persoal e grupal. O disco está composto por dez temas nos que priman a transmisión dun sentimento concreto a través das letras e música.

“Efecto boomerang” está asinado por unha das representantes máis destacadas da canción de autor en Galicia, Silvia Penide, que nos últimos traballos achégase ao pop intimista, co que logra emocionar e cautivar a un público cada vez máis numeroso. Neste disco atopamos unha nova colección de temas sensibles e reflexivos, que nos achegarán, grazas ao boomerang, a recoñecidas pezas pop desta galardoada autora. Segundo a crítica, un dos discos imprescindibles do 2019.

Astrogirl – The hunting (video oficial)

“Toro” é o título do disco de debut de Astrogirl, o proxecto de María Jesús Cabana que encantou aos fans do indie-pop. Un traballo que representa para a cantante coruñesa a forza interior que atravesa calquera barreira para expresar a verdadeira natureza de cada un. Toro é o símbolo de forza deste animal que, neste caso, representa á creatividade, que “está en todas as cousas e ábrese paso sexa como sexa aínda que lle poñas trabas porque é natural” segundo afirma a propia María Jesús.

Marem Ladson

Rematamos con Marem Ladson, un proxecto moi persoal e íntimo da artista ourensá de raíces estado unidenses. Combina letras introspectivas con elementos rock, pop e folk. Estamos ante unha especie de diario no que Marem inclúe moitos aspectos persoais e autobiográficos, un diario sobre o descubrimento dun mesmo, sobre as relacións persoais, sobre os acertos e os fracasos. Naturalidade, sinceridade e emoción son os ingredientes principais.

Aquí vos deixamos a lista ao completo para que lle botedes unha escoita tanto dende aquí coma dende a nosa canle de spotify e convidámosvos a que nos enviedes as vosas músicas galegas imprescindibles e ampliar a lista. Coma sempre, todos os traballos recomendados na lista podedes atopalos dentro do fondo das nosas bibliotecas, podedes consultar a súa dispoñibilidade a través do catálogo.

Guadi Galego – Costuras. A Banda da Loba – Fábrica de Luz. Tanxugueiras  –  Contrapunto. Silvia Penide – El Efecto Boomerang. Astrogirl – Toro. Sés – Liberar as arterias. Mercedes Peón – Isue.  Marful – Marful. Susana Seivane – Dende o meu balcón.  Ialma – Camiño. Alba María – Aínda. Leilía – Consentimento.  Jane Joyd –  Shy Little Jane Presents. Uxía – Meu Canto. Nastasia Zürcher – Beat.   Paula Parker – Live. MJ Pérez – A luz prendida. Cristina Pato – Mens. Rosa Cedrón – Entre dous mares.

 Ogallá pronto poidamos voltar a desfrutar da música ao vivo porque a importancia das redes sociais á hora de facer visibles os milleiros de proxectos foron e son unha ferramenta fundamental, a visualización do traballo das mulleres en festivais e eventos culturais xoga un papel clave á hora de normalizar a súa presenza na música galega. 

PerVersións: un tributo á tradución

A música é a linguaxe internacional que mellor comprendemos. Ten a capacidade de transportarnos, de facernos vibrar, de emocionarnos… sen que sexa necesario entender a súa letra. Non importa o país no que vivas ou cantos idiomas domines. Afortunadamente, tamén existen multitude de cancións que foron versionadas noutros idiomas, un traballo no que os tradutores e tradutoras deixaron o seu legado incuestionable.

O vindeiro 30 de setembro festexamos o Día Internacional da Tradución, data na que se conmemora o falecemento de Jerónimo de Estridón, tradutor da Biblia e patrón deste gremio. En 1991 a FIT (Federación Internacional de Tradutores) propuxo un día internacional oficialmente recoñecido para render tributo ao labor dos profesionais lingüísticos e ao importante papel que desempeñan en achegar ás nacións e facilitar o diálogo, o entendemento e a cooperación. Labor de indiscutible peso na industria musical: son moitas as cancións que permanecen no imaxinario global e foron traducidas ao idioma de cada lugar para, dese xeito, entrar a formar parte da súa propia cultura. A mesma melodía, as mesmas notas musicais, a mesma mensaxe, pero nun idioma distinto. E se ben algunhas versións orixinais son insuperables, existen versións traducidas que son tan boas ou como as xenuínas, e algunhas que ata entran no terreo do inclasificable.

Desde as Bibliotecas Municipais sumámonos a este tributo á tradución con PerVersións, unha nova playlist que recompila tanto as cancións máis traducidas da historia como versións que destacan pola súa calidade pese a non ser concibidas nesa lingua.

“Mr. Rod Stewart: ¡gracias!”

A inconfundible “Bésame mucho” foi escrita pola compositora e pianista mexicana Consuelo Velázquez, e non tardou moito en converterse nunha das cancións máis populares do século XX. Co tempo, a canción foi pasando duns artistas a outros con diferentes adaptacións, sendo a versión inglesa dos Beatles unha das máis coñecidas.

A peza principal pola que se recoñece ao gran Frank Sinatra, “My Way”, ven dunha canción orixinal francesa, “Comme d’habitude” de Claude François e Jacques Revaux. O tempo converteuna en todo un símbolo musical e cultural, sendo interpretada por cantantes de todo o mundo. A primeira versión en español de “A mi manera” foi interpretada por Estela Raval nos anos 70.

A bossa nova “Garota de Ipanema” é outra canción mundialmente traducida. Escrita en 1953 por Vinícius de Moraes e composta por Antonio Carlos Jobim, quen a popularizou e xerou que a canción dese a volta ao mundo foi o magnífico Joao Gilberto. Foi versionada por famosos cantantes de todo o mundo e interpretada en ritmos tan diferentes como o jazz, blues, rock e pop.

Mención especial merece “Omega”, de Enrique Morente e Lagartija Nick. Considerado disco de culto, adapta poemas de García Lorca e cancións do canadense Leonard Cohen. A súa versión do “Pequeño vals vienés” é unha das grandes xoias dos anos noventa.

E para darlle un toque máis sorpresivo á escoita, PerVersións nútrese tamén de diversos artistas patrios que no seu día quixeron probar sorte no mercado internacional recreando os seus hits noutros idiomas.

Velaquí a nosa “perversa” homenaxe a unha profesión que se volveu fundamental, tanto por esixencias da globalización como por converterse nunha ponte entre as culturas. O calado musical é só unha das súas múltiples facetas: non esquezamos que grazas ao traballo dos tradutores e tradutoras podemos mergullarnos nunha película, emocionarnos coa literatura e explorar territorios que van máis alá das palabras.

Día Internacional do Jazz: ferramenta educativa e motor para a paz

Se onte era o día da danza, hoxe toca o turno ao Día Internacional do Jazz. A celebración desta xornada decretada pola UNESCO, ten como obxectivo sensibilizar ao público en xeral sobre as virtudes da música jazz como ferramenta educativa e como motor para a paz.

En Bibliosons non queremos deixar pasar por alto a efeméride e facémonos eco das palabras de Herbie Hancock, embaixador de Boa Vontade da UNESCO

Agora máis que nunca,  unámonos e difundamos a ética do movemento global do Día do Jazz ao redor do planeta e usemos isto como unha oportunidade de ouro para que a humanidade se  reconecte especialmente no medio de todo este illamento e incerteza.”

Por iso aproveitamos a ocasión do día sinalado para resaltar e dar a coñecer a artistas galegos que se moven en torno a esta corrente musical.

Falamos de Son Trío, tres músicas: Katerina Linke (piano, composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello), que se xuntan no 2017 e por separado teñen unha gran formación artística. Veñen de crear o seu proxecto Miña almiña con música orixinal e letra de Rosalía de Castro, que soa moi orgánico e fresco, conseguindo emocionar ao público. Segundo reza a súa propia biografía  fan

música intimista e contemporánea nunha viaxe entre estilos dende o clásico até o jazz”

 

Ao percusionista ferrolán Miguel Lamas, bregado musicalmente a moi altos niveis a pesares da súa xuventude (27 anos) o da música venlle de familia e con escasos catro aniños xa comezou a tocar a batería. Traballou con multitude de artistas internacionais como: Raimundo Amador, Miguel Ríos, Amaia Montero, Miriam Rodriguez, Abraham Mateo, Andrés Suárez, David Bustamante, Tamara, O’Funk’Illo, Tomasito pero agora pasouse ao lado máis solitario e underground e segue acumulando gran cantidade de logros na súa afamada carreira. Aínda que o seu último disco “My Expression Way” ten un aire máis rock e punk, os seus dous primeiros traballos están moi relacionados co mundo do jazz e da música instrumental.

E con artistas xoves seguimos porque queremos destacar tamén o traballo de Xoana que está inmersa nun proxecto musical que ten como principal aliada a lingua galega, promocionando o seu uso coa axuda de ritmos como o pop, o rock, o jazz, o  funky e mesmo o reggae. Así nace “Dardos”, o disco co que irrompe no mundo da música. Ela mesma di

Cos meus 20 anos estou a dar os primeiros pasos neste longo camiño, mais sempre coa mesma idea presente: achegar variedade musical na nosa lingua cun pequeno gran de area. Non teño moito que contar dos meus inicios, mais si que espero que sexan o comezo dunha longa experiencia musical na que todos e todas esteades presentes”

E eu non podo máis que compartir o desexo desa longa e prometedora carreira musical para Xoana porque o galego precisa máis artistas compremetidos coma ela.

De máis longa traxectoria son Sumrrá o trío de jazz formado polos músicos Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e LAR Legido (batería). Cunha carreira de 20 anos e seis discos editados, ademais de centos de concertos convertéronse nunha formación de referencia na escena  jazzística española contemporánea. Desde os seus comezos Sumrrá  cautivou a público e crítica cun jazz  inclasificable,  melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, a calidade dos seus integrantes e a frescura dos seus directos.

No seu sexto álbum, 6 Mulleres,  Sumrrá rende tributo a seis mulleres poderosas que foron e seguen sendo fonte de inspiración para a loita por un futuro mellor para toda a humanidade: Frida Kahlo de México, Rosa  Parks de América, Rosalía de Castro de España, Quin  Jin de China,  Malala  Yousafsai de Paquistán e  Nawal O- Saadawi de Exipto. 6 Mulleres é unha achega á loita feminista desde a música contemporánea do século  XXI.

E non podemos rematar sen facer mención ao nome en maiúsculas do jazz en Galicia, o gran Abe Rábade que conta no seu haber cunha ducia de discos como líder. É autor dunhas 200 composicións orixinais (moitas de corte  jazzístico, pero tamén varias próximas á música experimental, á tradicional galega, ao flamenco ou á clásica). O pinista e compositor compostelán é licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance por Berklee College of Music (Boston, EEUU) en el 1999. Dirixe o seu trío de jazz acústico desde 1996, formado na actualidade por Pablo Martín  Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería.

Agardo desfrutarades desta velada a ritmo de jazz, que segundo a propia UNESCO non é só un estilo de música, senón que tamén contribúe á construción de sociedades máis inclusivas e dende as Bibliotecas Municipais por iso apostamos tamén!