O espectáculo continúa: Os Xoves na Sagrada reaparece na súa vertente máis outonal. Quen dixo que música e literatura non formaban unha fórmula perfecta? Quizais este ano máis que nunca. Bob Dylan -e o seu controvertido Premio Nobel- foi o motor propiciador de encendidos e acalorados debates ao respecto. “Pero esa é outra historia e deberá ser contada noutra ocasión”.
Secho y los Invisibles acompañarannos no primeiro dos nosos concertos.
A banda, creada no 2009 por Sergio Castiñeiras, conta cunha ampla traxectoria musical. Logo de pasar por distintas formacións e percorrer a nosa xeografía con múltiples concertos, lograron atopar o equilibrio e sentirse cómodos para gravar o seu primeiro disco Xa fai un tempo, un album producido por eles mesmos, con pouco presuposto pero moitas ganas.
Pagará a pena achegarse á biblioteca da Sagrada Familia para escoitar os temas do seu album de debut, cancións con moito sentimento. Son verbas, amor, desencontro, desconcerto, elegancia…Unha mestura de modernidade e tradición, de rock e folk, de asfalto e terra, co que pretenden chegar á esencia das cousas e acadar un intre de complicidade coa xente. Ides deixar pasar esta oportunidade sen vir velos?
En 2016 Secho y los invisibles pasa a formar parte do selo discográfico Discos da Máquina (ddm), xunto con Ataque Escampe, Caxade, e outras bandas de referencia no panorama musical galego.
Este xoves 27 de outubro contaremos coa presenza da súa formación actual:
Sergio Castiñeiras: Voz, guitarra acústica e acordeón.
Benjamín Vázquez: Guitarra eléctrica.
Anxo Araujo: Baixo.
Roi Castaño: Batería e percusión.
Lembrade que o concerto é na Biblioteca Sagrada Familia, e que comezará ás 19:30 h. A entrada, de balde, é libre ata completar capacidade.