Lista Reprodución Fórum: #quedanacasa

Xa falaron as miñas compañeiras en post anteriores da cantidade de movementos que xurdiron por parte da industria musical en torno á pandemia do COVID 19 para poder desfrutar da música en directo dende a casa. Ao longo dos próximos días seguiremos compartindo recursos convosco que de seguro non deixarán de medrar, mais hoxe queremos animarvos a xornada a bo ritmo aínda que non sexa en streaming.

Hoxe volta ao blog a Lista de Reprodución do Fórum máis necesaria ca nunca. A lista de reprodución pode ser unha boa forma de descubrir novos artistas ou simplemente deixarte levar polo son mentres vas facendo outras cousas… seguro que o confinamento che pasa a mellor ritmo!! Desta volta traemos novidades frescas chegadas á biblioteca e que poderedes levar en préstamo cando todo volte á normalidade. Namentras aí vos vai un petisco para ir abrindo boca.

Comezamos moi movidos a ritmo de pop e electrónica da man dos madrileños Miss Caffeina e o seu último traballo Oh Long Johnson, un curioso título que vén dun meme dun gato que parece pronunciar esas tres palabras e que no seu momento fíxose  viral na internet. Oh Long Johnson fálanos do poder que exercen os móbiles e internet sobre a xente hoxe en día. Alude a esa tendencia da vida dixital que leva ás persoas a tentar proxectar por todos os medios unha imaxe de felicidade constante e irreal. Unha temática moi acaída para o momento que estamos a vivir e que cando menos invita a pensar. Reflexións á marxe, o disco está plagado de grandes e moi pegadizos temas dende que arranca da man da canción homónima unha auténtica festa aínda que sexa nos peores momentos, así que a bailar!

Moi relacionado con internet está outra das nosas propostas, os neoiorquinos Vampire Weekend, banda de indie rock que se fixo coñecida por medio de blogs e a rede. Father of the bride (traducido como “O pai da noiva”) é o título do seu tan agardado cuarto álbum que chega despois de 6 anos de ausencia. Chega co seu selo de indentidade sempre recoñecible, un son ecléctico que desborda alegría e desprende luz. Abrimos pista coa espiritual Hold You Now.

Seguimos con  La Marabillosa Orquesta del Alcohol, tamén coñecidos como La M.O.D.A , unha das agrupacións que máis deron que falar durante estes últimos anos onde encandilaron co seu último  elepé Salvavidas (de las balas perdidas), e causaron furor ao longo da súa xira alá onde pisaron. Se algo define a esta agrupación burgalesa despois de pasar por varios discos en castelán e inglés é que acadaron un estilo propio moi marcado sobre todo polo timbre de voz do seu vocalista. La M.O.D.A. erixiuse como unha das bandas que dá voz ao que pensan miles de xóvenes do noso país, xa por iso merecen unha escoita.

Á lista sumamos tamén o xa coñecidísmo Astronauta da artista de Úbeda Zahara recente premio MIN ao mellor vídeo por “Hoy la Bestia Cena en Casa”. Zahara forma parte do elenco de artistas que comparten os seus directos a través de instagram. Nesa rede tamén se move coma peixa na auga David Martínez Álvarez, Rayden,  que no seu traballo Sinónimo conta coa colaboración de artistas coma Pablo López ou Andrés Suarez, entre otros.

Coma sempre aquí vos deixamos a lista ao completo para que a escoitedes con ansia e ganas de bailar. Agardamos que a próxima a compartamos dende a Biblioteca, namentras este é un bo xeito de achegarnos dende as nosas casas ás vosas porque non queremos despedirnos sen lembrarvos #quedanacasa somentes así podemos axudar a reducir a cadea de contaxios.

Lista Reprodución Fórum: #quedanacasa

Budiño – Fulgor,  Amaral – Salto al color, Miriam Rodríguez – Desperté, Two Door Cinema Club –  False Alarm, Vampire Weekend – Father of the Bride  , Taylor Swift – Lover,  Zahara –  Astronauta , Miss Caffeina – Oh long Johnson, Ángel Stanich – Camino Ácido, La M.O.D.A – Salvavida, Andrés Suárez  –  Pequeña Historia, Rosalía – Malamente,  Fredi Leis – Neón, Rayden – Sinónimo, Arce – Pedigrí,  Dios Ke Te Crew – O ciclo da serpe, Disco Las Palmeras – Cálida, León Benavente – Vamos a volvernos locos, Maren Ladson – Maren Ladson, Guadi Galego – O mundo está parado

Historias de regalo: agasallos para as nosas orellas

Regalar libros, música ou cine non é doado, implica pensar moito nos que o reciben, por iso, cada ano, o persoal das Bibliotecas Municipais da Coruña recopila unha escolma dos traballos publicados que maís nos gustaron. Na guía “Historias de regalo 2019” os títulos que che propoñemos van acompañados dunha reseña do seu contido e estarán expostos en todas as nosas bibliotecas onde poderás mirar, escoitar, tocar e ulir todas estas propostas.

Desexamos facilitarche a tarefa de escoller en función de gustos, intereses, preferencias, formatos… e queremos que  atopes ese disco ou DVD co que sorprender nestas datas.

Esta é a nosa proposta en materia de música:

historias de regalo

Lembra, este Nadal parada obligada… AS BIBLIOTECAS! E se queres propoñer algunha lectura podelo facer nas redes sociais empregando #recomendamosBMC

Lista Reprodución Fórum: Movember 2019

Novembro é xa todo un clásico na nosa Lista de Reprodución, e é que a causa pensamos que ben o merece. No mes de outono por excelencia chega o movemento Movember que bate récords de ano en ano. Movember é unha organización adicada aos problemas de saúde dos homes e  recada fondos para loitar contra o cancro de próstata, o cancro testicular e os problemas de saúde mental. O obxectivo é recaudar fondos e aumentar a concienciación sobre a saúde do home, explican dende a web de Movember.

A súa historia remóntase ao ano 2003 cando un grupo de mozos decidiron deixarse medrar o seu bigote para apoiar a un amigo enfermo de cancro. Ao ano seguinte, a fundación creada por eles mesmos empezou a recadar fondos. En 2007 conseguiuse chegar á cantidade de 22 millóns de dólares australianos en doazóns. Actualmente, e desde o seu inicio, calcúlase que se xerou unha recadación de 650 millóns de euros, chegando a 5 millóns de seguidores e doantes e logrando máis de 1000 programas de axuda á investigación.  Á iniciativa tamén se poden sumar mulleres (Mo Sistas) que axuden aos seus compañeiros (Mo Bros) a deseñar o mostacho. Pero se algo está conseguindo Movember, é sensibilizar sobre os cancros de próstata e testículo.

Na Lista de Reprodución de Novembro facemos coma sempre o noso particular “movemento november” e seleccionamos música feita por homes teñan ou non bigotes.

Tyrannosaurus Hives é o título do terceiro álbum da banda sueca de garage rock The Hives. O traballo chegou despois de catro anos de espera, despois de ter que regravalo ao non quedar satisfeitos co resultado do primeiro intento. Aínda que as críticas sobre este traballo non foron de todo positivas, o certo é que os suecos fánnolo pasar ben e bailar!

E de Suecia viaxamos a EEUU da man de Bruno Mars. O álbum Unorthodox Jukebox, ten influencias de pop-soul, jazz, funk, disco… As súas cancións son caracterizadas polo estilo habitual de Mars de compoñer melodías e arranxos, e aínda que a súa composición explora temas como o amor, o desamor e relacións, Unorthodox Jukebox incorpora letras e temas máis explícitas que no seu álbum anterior, como o sexo, vinganza, a ira e o chauvinismo.

En Nova Iork quedamos para escoitar a Lenny Kravitz pero non por moito tempo xa que os seus fans están de noraboa pois está previsto que ofreza un concerto na nosa cidade dentro da súa xira española. Deste  cantante, actor, compositor, multiinstrumentista e productor pouco hai que dicir que non se saiba. Gañador do Grammy “Best Male Rock Vocal Performance” catro anos seguidos, estar entre os artistas mellor valorados dos “100 mellores artistas de Hard Rock” e unha chea de hits musicais que o acompañan dende os seus comezos.

Debilidade persoal de quen escribe son os británicos Mumford & Sons quen nunha entrevista a comezos de ano á revista Mondo Sonoro declaraban sentirse máis vivos ca nunca. Aínda que parece que o seu último disco Delta non deixou tanta pegada coma Sigh No More (10) ou Babel (012). No seu último traballo pasan dun son profundamente folk que nos teletransportaba ás camisas de cadros e a unha granxa típica americana a un son máis rock, máis de masas. Na Lista de Reprodución de momento quedamos con Babel.

Aquí coma sempre deixámosvos a Lista ao completo para que a desfrutedes e por suposto non esquezades comprobar a dispoñibilidade dos discos no noso catálogo para podelos levar en préstamo.

Andrés Calamaro – ’81-‘91, Joaquín Sabina – Vinagre y rosas, Elvis Costello – National Ramson, AC/DC –  Powerage, Manu Chao – Radio Bemba Sound System, Ray Charles – Genius Loves Company,  Rod Stewart – The Great American Songbook, Mago de Oz –  Mago de Oz, Leiva  –  Pólvora, Duncan Dhu – Piedras, The Hives –Tyrannosaurus Hives, Jimi Hendrix – Jimi Hendrix,  Santana – Santana 2, Raphael – Raphael para todos, Ryan Adams – Gold,  Mumford & Sons  – Babel, Bruno Mars – Unorthodox Jukebox, George Michael – Twenty Five, Lenny Kravitz – Black And White America, Xurxo Souto – Fumareu.

Lista Reprodución Fórum: é tempo de festivais!

Xa metidos de cheo no verán a oferta de concertos e festivais é moita e moi variada, por iso na Lista deste mes facemos unha pequena selección dos artistas máis destacados que tocarán tanto na cidade dentro do Noroeste Estrella Galicia coma daqueles que pasarán polas principais vilas e cidades da comunidade.

O Noroeste Estrella Galicia que se celebra na nosa cidade do 6 ao 11 de agosto é unha das propostas máis completas do verán. Este festival é singular e converteuse en referente porque nos últimos anos expandiu os seus escenarios por distintos puntos da cidade, como o castelo de San Antón ou o Paseo das Pontes. Todo un luxo para a cidade, que ademais é gratuíto. O bombazo da edición deste ano será a cantante Patti Smith, coñecida como a madriña do punk. Esta veterana lenda da música actuará na praia de Riazor o 9 de agosto. A cantante, aclamada por éxitos como People Have the Power, Gloria e Because the Night, ofrecerá o seu directo a partir das 23.30 horas, no que é ata o momento o seu único concerto gratuíto confirmado en España.

Ketama, Mala Rodríguez, Susana Seivane e Tequila abrirán, pola súa banda, as Festas de María Pita da Coruña na primeira semana de agosto.
A banda dos Carmona actuará na praza, nun concerto gratuíto ao aire libre, o propio 1 de agosto, xusto despois do pregón que inaugurará as festas. Ao día seguinte, tamén dentro do ciclo de concertos nocturnos As noites de María Pita, será a rapera Mala Rodríguez a que se suba ao escenario. E a primeira semana de festas pecharase coa gaiteira Susana Seivane, que actuará o sábado 3, e todo un clásico do rock en español, Tequila, que estará en María Pita o domingo 4.

Os concertos e festivais exténdese por toda a comunidade con infinidade de plans e non poderiamos enumeralos todos: O Sinsal na Illa de San Simón do 25 ao 28 de xullo, o Atlantic Fest na Illa de Arousa (Pontevedra) do 26 ao 28 de xullo, Son Rías Baixas en Bueu (Pontevedra) do 1 ao 3 de agosto, O Marisquiño en Vigo do 9 ao 11 de agosto, etc. Pero non marchamos sen destacar unha cita de carácter solidario que se encarga de pechar o circuíto de festivais galegos cada verán. Trátase do Festival da Luz, que reúne a miles de persoas na pequena localidade de Boimorto, na Coruña. Cada ano esgótanse os abonos, que ten un prezo moi alcanzable debido a que a recadación íntegra destínase a obras benéficas. O festival organizado por Luz Casal traerá este ano entre outros a Mikel Erentxun, Arizona Baby, Celtas Cortos e Amparanoia.

E se queredes ir aos concertos coas cancións ben aprendidas non esquezades pasarvos pola biblioteca e levar os discos en préstamo que xa vos están agardando. Podes consultar a súa dispoñibilidade no noso catálogo.

Para non perder o tempo escoita a Lista ao completo aquí, agardamos que vos guste e vos anime a non quedar na casa este verán porque os festivais agárdanvos!!

Tom Jones – Reload. Revolver – Sur. Tequila – Rock and roll. Patti Smith  Horses. Antonio Carmona – Vengo venenoso. Ketama – Konfusión. Xosé Manuel Budiño – Home. Susana Seivane – Susana Seivane. Mala Rodríguez  Malamarismo. Anni B Sweet – Start restart undo. Fangoria – El paso trascendental del vodevil a la astracanada. Raphael – Te llevo en el corazón. Banda Crebinsky – Jet lag. Los Punsetes – Una montaña es una montaña. Ariel Rot – La huesuda. Vetusta Morla – Los ríos de Alice. León Benavente – León Benavente. Leiva – Pólvora. Bon Jovi – This house is not for sale. Escuchando Elefantes – Hope. 

Tanxugueiras no AgoraSón da primavera 2019

Con motivo do Día das Letras Galegas e para promover a lectura en lingua galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o AgoraSón 2019, coas Tanxugueiras en concerto. O acto terá lugar este venres no Centro Ágora e os convites repártense (até esgotárense) ao coller libros en galego nas Bibliotecas Municipais da Coruña para os levar en préstamo. Non quedes sen o teu!!

Dende Bibliosons tivemos a sorte de poder falar coas integrantes de Tanxugueiras para coñecelas máis de preto.

 

 

O subidón máis grande é poder mirar á cara a xente e ver como disfrutan coa nosa música.

 

 

 

Antes que nada, moitos parabéns por ese Premio MIN ao mellor álbum en galego. Gañastes nunha categoría na que tamén se presentaba Mercedes Peón, ¿Cómo se recibe isto?

Gañar os Premios MIN coa importancia e o renome que teñen foi algo moi bonito. O xeito de estar nomeadas con Ezetaerre, Mercedes Peón, Chicharrón, Xoana Veiga e levar o premio ao carón dunhas artistas desa talla foi algo inesperado, calquera podería ser elixido. Pero estamos super contentas e agradecidas de que o xurado valorase tanto esforzo e dedicación.

Tres rapazas novas que fan música tradicional. Este pode ser un titular tipo para definir a Tanxugueiras á par que moi básico. ¿Que matices habería que engadir para describirvos mellor e profundizar máis na música que facedes?

Se temos que definir a nosa música, as primeiras palabras que nos veñen á cabeza son, sen complexos. Escollemos pezas tradicionais e dámoslle o noso punto de vista, facémolo dende o corazón, respecto e disfrutamos moito facendo ese traballo. Somos tres mulleres orgullosas de selo, que disfrutamos ao cantar e contar a nosa tradición e, sendo moi conscientes de que somos capaces de levar un proxecto desta magnitude adiante.

A alusión que facedes a “darlle unha volta” á música tradicional é constante. ¿Que volta hai que darlle exactamente?

Cando decimos que hai que darlle unha volta, referímonos á necesidade de achegar a música tradicional aos nosos tempos, perder o medo a xogar con ela facéndoa nosa.

¿Engancha a música popular?

A música popular engancha. Pouquiño a pouco estase a conseguir que chegue a máis xente, incluso a aquela que nunca escoitara este tipo de música… é un traballo lento pero non imposible. Necesitamos que haxa moitos máis grupos profesionais que arrisquen pola nosa música, para loitar entre todas.

¿Que lle diriades a esa xente nova que aínda non vos coñece porque cre que –en principio- que non lles gusta a música popular senón outros estilos como pode ser o trap, tan de moda agora?

En primero lugar convidamos a asistir a un dos nosos concertos, e despois que decidan. A nós tamén nos gustan outros xéneros e cremos que iso non exclúe á música tradicional.

Estivestes tocando no festival Celtic Connections en Escocia, en Cuba, Suiza e ata na India. ¿Cal foi o concerto que máis vos marcou de toda a vosa traxectoria?

Todos os concertos foron importantes dun xeito ou doutro, pero si temos que quedarnos con algún sería o da India, foi impresionante escoitar a súa música e convivir coas súas costumes. Esa viaxe marcounos moito e decatámonos do valorada que é a música tradicional Galega fora das nosas fronteiras.

Os directos teñen o seu punto, pero gravar un disco –máis cando falamos de música tradicional- é un subidón, ¿non?

O subidón máis grande é poder mirar á cara a xente e ver como disfrutan coa nosa música. Gravar un disco é moito mais frío, utilizámolo para darnos visibilidade, a pesar diso tamén é un proceso moi bonito.

¿Que supuxo para vós colaborar con artistas do talle de Xabier Díaz e Sés ademais de contar coa dirección artística de Pedro Pascual?

Máis ben colaboraron eles con nós! Foi algo moi enriquecedor, puxéronos moitas facilidades, levan anos no mundo da música e polo tanto sempre aprendes moito delas. Compre comentar que Guadi Galego tamén puxo o seu grao de area nunha das nosas pezas. Traballar con Pedro foi moi doado, el deulle vida co seu estilo ás pezas que nun primeiro momento nós escollemos e arranxamos vocalmente.

¿É necesario rodearse destes nomes para poder ir abrindo portas?

Non é necesario para nada, quixemos que colaborasen porque son uns referentes para nós, pero en ningún momento decidimos esa opción para abrir portas.

En tempos de feminismo e fake news. ¿Ser mulleres foi algunha vez un atranco para vós?

Ser muller xa implica un atranco na sociedade na que vivimos, en calquera profesión… polo tanto nós non íamos ser menos, pero aquí estamos a traballar forte para demostrar que a muller ocupa un papel super importante e necesario no mundo da música.

Moitas das letras do disco falan de amor ou do desamor, pero non precisamente no sentido melancólico. ¿Como vedes este sentimento na cultura popular galega?

Na cultura popular hai coplas para todo, eliximos as que máis nos representan,non vemos o desamor coma unha traxedia ou como algo melancólico, o contrario, vémolo coma unha experiencia de vida da que sempre quedas con algo aprendido.

Por certo, ¿como de importante é no voso espectáculo a posta en escena con esas fotos e estilismos tan coidados?

Para nós unha boa posta en escena e un espectáculo coidado en tódolos aspectos e importante , vestímonos como nos sentimos cómodas, somos mulleres dos nosos tempos e polo tanto iso  reflíctese no escenario. A pesar disto, para nós o máis importante nun concerto é a calidade musical.

¿É importante que os pais apunten aos cativos a actividades de música dende pequenos?

Claro que é super importante, posto que a música xoga un papel moi grande no desenrollo dunha nena e dun neno, e si os apuntan a actividades onde está presente música tradicional, estaríamos axudando a manter a nosa cultura viva.

Moitísimas grazas e moitos éxitos na vosa carreira!!!

#FemininoPlural na Biblioteca do Fórum

Dentro do Ciclo Temático #Muller que se está a desenvolver durante este primeiro trimestre na Biblioteca Fórum, este xoves 14 de marzo poderemos gozar do concerto recital  Femininoplural, que achega ao público unha ruta musical e poética, un universo de mulleres autoras, de libros e cancións ao longo da historia. O percorrido que nos presentan está repleto de historias contadas e cantadas, de voz e música, e reflicte o magnífico patrimonio que nos deixaron as autoras universais que tantas veces permaneceron en segundo plano. Soarán cancións de Amaral, Guadi Galego, Julieta Venegas, Patti Smith e escoitaremos textos de Lucía Aldao, entre outras.

Detrás do proxecto están dúas mulleres, Silvia Penide e Carla López, dúas artistas e compositoras.

Silvia, que segundo reza a súa propia web, é “unha das voces máis peculiares e emocionantes do panorama musical” segue coa súa ascendente traxectoria tras sete traballos discográficos e despois de gañar o “Premio Martín Códax da Música Galega” na categoría Pop/ Indie. Carla, pola súa banda, é musicoterapeuta, facilitadora de Canto Prenatal, músico e especialista en educación musical.

Dende Bibliosons quixemos falar un anaquiño con elas:

B. Sabemos que as dúas sodes coruñesas, pero contádenos como vos coñecestes e sobre todo como decidistes poñer en marcha o proxecto Femininoplural.

S./C. Foi un cúmulo de varias circunstacias, unha idea primixenia que tivo un día Tomás Legido, as nosas propias inquietudes que levaban tempo bulindo nas nosas cabeciñas, a sintonía que temos entre as dúas dende que nos coñecimos  facilitou moitísimo o proceso …

B. Mulleres autoras e creadoras de relevancia hai moitas. No voso caso, ¿como é o proceso creativo e a posta en escena? ¿Gústavos seguir sempre unha mesma liña de espectáculo ou ides variando en función do público?

S./C. Buscamos que no espectáculo prime a historia de cada autora, que a peza que cantemos, aínda que sexa moi coñecida, non sobrepase á súa propia creadora. Por iso somos dúas voces e un piano e buscamos unhas tesituras moi particulares á hora de versionar, para crear unha atmósfera que se manteña e conte algo tamén.

Imos variando os temas, sempre dicimos que é un “roteiro itinerante”. A xente aporta moitas ideas e nos fai medrar moito.

B. Os que xa tivemos a sorte de velo, sabemos que é un espectáculo delicado, coidado, fermoso e ben acaído para ambientes “íntimos” como é o caso das bibliotecas. ¿Como valorades que se vos reclame para tocar neste tipo de espazos?

S./C. Para nós é unha delicia. Encántanos e sentimos coma se fósemos parte das paredes, dos libros, … Encántanos.

B. ¿Tedes algún outro proxecto en mente?

Cada unha ten tamén a súa carreira por separado, Carla con Mielitza e Silvia con Silvia Penide.

B. Agora que vimos da semana do 8 de marzo con movilizacións multitudinarias por todo o país, ¿que tedes que dicir sobre as mulleres na música? ¿Nótase o machismo neste ámbito?

S./C. A muller na música é absolutamente imprescindible. Cada día está máis no lugar que nunca debeu deixar de ocupar. Machismo habelo haino, como en todo, por iso é tan necesario seguir dando a coñecer referentes. Cando facemos FEMININOPLURAL en Institutos é emocionante. Os aplausos e as grazas que che dan as novas xeracións son impagables.

Pola nosa parte quedades máis que convidados, non o esquezades, a cita é este xoves 14 de marzo ás 19:30 na Biblioteca Fórum Metropolitano.

Gonzalo de Cos en concerto

Coñecido no circuíto sevillano ata agora por liderar un interesante proxecto chamado Los Herederos, Gonzalo de Cos a pesar da súa xuventude xa se empeza a facer un oco na escena alternativa do país.

Tras a súa experiencia tocando en bandas, de Cos, iniciou en 2014 unha aventura en solitario coa que pretende dar renda solta á súa gran paixón, á vez que facer partícipes aos seus seguidores desas vivencias que lle serven de inspiración.

Este venres toca na cidade da Coruña e dende Bibliosons tivemos a oportunidade de falar con el un anaquiño antes da cita sinalada, o venres 15 de febreiro no Tío Ovidio.

Creo que lo más predominante en mi música actual es la cercanía a grupos de la escena nacional como Pereza, Sidecars, Los Zigarros, M-Clan…

B. Con el éxito conquistado en Los Herederos, ¿Qué te llevó a dar el salto para iniciar un camino en solitario?

GC. Con los Herederos el proyecto acabó mutando hacia un rock más alternativo, más de los 90, influenciado por grupos como Radiohead o Los Piratas, algo que se aleja de la concepción de mis canciones. El estilo fue la piedra angular que me hizo buscar ese cambio, el arraigo a la música pop/rock con ambientes americanos. Un cambio de estilo que en realidad muestra lo que realmente yo llevo en vena.

B. Se puede decir que en Los Herederos hacías pop más independiente, próximo a lo que comúnmente conocemos como indie, mientras que en tu carrera en solitario mezclas diferentes estilos como el rock o el country. ¿Compras la descripción? ¿Hay algún estilo más predominante?

GC. Mis canciones parten de un estilo parecido a la canción de autor, pero en cuanto las vestimos para hacerlas con banda tornan a un estilo más cercano al pop/rock o al rock & roll. Creo que lo más predominante en mi música actual es la cercanía a grupos de la escena nacional como Pereza, Sidecars, Los Zigarros, M-Clan…

B. Las letras abarcan todo un universo temático… Desde el desencanto, a la pérdida de valores, la deslealtad… ¿Qué es lo que te inspira para componer y realmente cuál es el mensaje más fuerte, si lo hay, que te gustaría transmitir?

GC. Mis letras van siempre acompañadas de un final de historia triste, pero todas son historias vividas en primera persona; soy incapaz de escribir sobre lo ajeno. El tema principal de mis letras es el desencanto emocional, relatos sobre pérdidas tras quemar las naves por alguien, pero también podemos encontrar canciones referidas a la deslealtad fuera del entorno amoroso o la pérdida de alguien cercano.

B. En tu agenda no faltan conciertos, ¿dirías la carretera engancha o se recorre por pura supervivencia?

GC. Yo siempre digo que soy un cantautor de carretera. Cuando llevo varios fines de semana sin salir a tocar me empiezan a comer las paredes de casa. Los conciertos es una forma de promoción genial, pero a veces cuesta mucho porque no consigues quizás cumplir las expectativas de público que esperabas, pero al final acabas necesitando salir, es algo adictivo.

B. Ya para terminar aprovechamos para barrer un poco hacia casa. ¿Es tu primera vez en A Coruña? ¿Qué opinas de la escena musical gallega? ¿Alguna banda que escuches o con la que tengas relación?

GC. Es mi primera vez en Galicia, en general. Tenía muchas ganas de subir hasta allí porque me parece una tierra increíble; he tenido el enorme placer de poder paladear vuestras tierras como simple ocio y ya necesitaba disfrutar de vuestra tierra en el ámbito musical. Uno de mis máximos referentes musicales ha sido siempre Iván Ferreiro desde su época en Los Piratas hasta la actualidad. Creo que la escena musical gallega tiene un potencial enorme. He compartido escenario con un cantautor gallego llamado Samuel Leví con el que guardo una relación exquisita, es un gran tipo, volveremos a encontrarnos seguro.

Muchísimas gracias y te deseamos todo el éxito del mundo 🙂

A Banda da Loba no AgoraSón 2018

 Co fin de promover a lectura en lingua galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o AgoraSón 2018, con dous grupos convidados, A Banda da Loba e Sonia Lebedynski. O acto terá lugar este venres no Centro Ágora e os convites repártense (até esgotárense) ao coller libros en galego nas Bibliotecas Municipais para os levar en préstamo. Non quedes sen o teu!!

Dende Bibliosons falamos coas integrantes da Banda da Loba para coñecelas máis de preto.

A Banda da Loba, un nome con moita forza e ben reinvidicativo, imaxino que será unha das preguntas que máis vos fan, pero por que o elixistes?

A Banda da Loba é un grupo composto por cinco mulleres, e como tal, quixemos tomar como nome algún co que as cinco nos sentiramos representadas. Por iso, eliximos a Pepa A Loba, a bandoleira galega do século XIX que máis que deixarse amedentrar por un mundo de homes, decidiu saír ás rúas e loitar polo que ela pensaba. Pepa A Loba foi unha Robin Hood galega que desgraciadamente ten moi pouca visibilidade, mesmo a súa historia é algo confusa. Nós como grupo quixemos coller o seu legado, non só para dala a coñecer, senón para demostrar que as mulleres podemos facer todo o que se nos propoña, rompendo cos estereotipos, tal e como facía Pepa no seu tempo.

Pensades que realmente a figura de Pepa a Loba é o suficientemente coñecida para que vos identifiquen con ela? Ou se cadra o fagan máis co mítico pub de Compostela?

Como xa dixemos anteriormente, a historia de Pepa a Loba é moi pouco coñecida e debería estar máis presente no noso saber popular. Non temos claro que partes son lenda ou cales son reais por iso, neste primeiro traballo que vimos de presentar Bailando as rúas” , fixemos un tema que conta a súa historia. A través da nosa música os asistentes aos nosos concertos rematan comprendendo o dura que foi a vida desta rapaza, e como lonxe de deixarse vencer, tomou os camiños de toda Galicia. Por iso podemos dicir contentas que A Banda da Loba, co seu nome e as súas letras, está pouco a pouco conseguindo visibilizar a figura que dá nome á nosa banda: Pepa.

Sodes unha banda de mulleres, foi algo buscado ou simplemente xurdiu? Cales son as orixes da banda?

A Banda da Loba xorde a partir de múltiples coincidencias. Nun inicio fomos tres, e ao pouco tempo fumos atopando a través de outros eidos culturais, como o audiovisual ou a música clásica, ao resto da manda. Somos cinco mulleres moi diferentes entre nós, cada unha provén de campos moi diferentes pero tamén con moitos outros en común. Grazas a iso A Banda da Loba bebe de moitas influencias o que favorece a xestación do que nós denominamos un “caleidoscopio” musical.

Definides o voso estilo como ecléctico e heteroxéneo que bebe do pop, do rock e do folk. Podedes falarnos un pouco de cómo é o voso proceso creativo.

O proceso creativo é sinxelo e complexo ao mesmo tempo. Para nós a música é un vehículo co que comunicar e chegar de xeito universal ás persoas. Por iso cada canción ten unha historia, ten unha mensaxe que queremos facer chegar ao público. Froito de todas esas preocupacións e ideas nace cada tema e despois, nos ensaios van evolucionando e modificándose ata que consideramos que xa se poden sacar á luz. Non nos gusta poñer etiquetas, non queremos poñernos barreiras á hora de compoñer senón traballar ata onde nos leve a música. De aí, que cada canción sexa diferente á outra, sen encadrar o noso proceso creativo en ningún estilo pechado. Cada unha das cinco tira dos fíos e tecemos xuntas.

Neste voso primeiro traballo “Bailando as rúas” mesturades letras vosas con homenaxes a grandes poetas consagrados e outros de plena actualidade (Celia Parra ou Rosalía Fernández Rial). Pódese dicir que é a poesía a vosa principal fonte de inspiración.

Si, para nós a poesía é algo fundamental e que debe camiñar da man da música. Actualmente o panorama poético galego conta con voces moi potentes, cheas de calidade e que nós, como coetáneas quixemos coller prestadas para que gañen forza xunto coa música. Celia Parra e Rosalía Fernández Rial son para nós tamén grandes amigas que permiten que collamos seus versos e os reformulemos en forma de canción. Aparte delas tamén quixemos poñer música a Rosalía de Castro, Manuel María…e como non, tamén ás nosas propias letras, o que nos permite falar, como xa comentabamos antes, dos temas que máis nos preocupan ou das nosas inquedanzas.

Xa preto de cumplirse un aniño da presentación do disco na Capitol e ás portas do concerto do Agorasón, que cambios nos imos atopar no escenario?

Podemos dicir contentas que dende a Capitol puidemos asaltar moitos camiños, aldeas, pobos, rúas e cidades. A acollida que tivemos foi moi boa, e nós non podemos estar máis felices ao respecto, xa que a aposta que facíamos era arriscada. Ver recoñecido no público o traballo que fixemos con tanto mimo e cunha mensaxe que nós consideramos tan importante é algo que moi gratificante.

No escenario tentaremos dar o mellor de nós. Sempre dicimos que para nós os concertos son espazos de liberdade nos que se queredes bailar, berrar, saltar, chorar…etc. todo está permitido. Solo esperamos que o público pase un bo rato, e forme parte da nosa viaxe, das historias e ideas coas que nos sentimos identificadas como grupo.

Lista de Reprodución Fórum: os nosos recomendados

Na Biblioteca Fórum seguimos con De Acordes, a nosa mostra bibliográfica dedicada á música. Así que para este mes, entre tódolos compañeiros elaboramos unha Lista con algúns dos nosos discos favoritos.

E como somos tan distintos, obtivemos unha selección realmente variada, na que vos atoparedes con temas chill out, post-metal, gypsy jazz, soul, folk, rock, pop, música popular brasileira e ata temas de película. Agardamos que vos guste.

O cantante e compositor de música soul Benjamin Duterde, coñecido polo seu nome artístico Ben L’Oncle Soul, era un apaixonado do soul e a música negra desde antes de nacer por herdanza materna. Comezou a súa carreira musical no 2004 nun grupo góspel chamado Fitiavana. Nos inicios da súa carreira en solitario facíase chamar Oncle Ben, pero en 2009 cambiouno, para evitar equívocos coa marca de arroz Uncle Ben’s. Ademais do soul, tamén lle gusta o hip-hop e colaborou, tanto no escenario, como compoñendo temas, con artistas como Oxmo Puccino ou Hocus Pocus. O seu primeiro álbum Ben L’Oncle Soul (2010) conta con cancións en inglés e francés, que desprenden bo humor e recrean as décadas dos 50, 60 e 70. Destacamos Little Sister, que tamén ten cunha versión en francés.

Pianista, compositor, contrabaixista, director de big band e activista contra o racismo, Charles Mingus, icona do jazz da segunda  metade do século 20, definía o jazz como “a música clásica negra”. Autodeclarado discípulo de Duke Ellington, este xenio musical só durou tres días na súa orquestra, pois o seu carácter irascible e temperamental tróuxolle numerosos problemas, causando mesmo confrontacións en medio de concertos. Mingus Ah Um (1959) é un dos seus discos cume, no que cada tema considérase unha clase de jazz, talento, furia e creatividade. Como  Goodbye Pork Pie Hat, un blues lento dedicado a Lester Young.

A banda británica Coldplay, lanzou en 2011 Mylo  Xyloto, o seu quinto álbum de estudo. Un traballo que “fala sobre dúas personaxes tentando atopar o amor e a felicidade nun mundo opresivo”. O disco comezou sendo acústico e foi evolucionando ata incorporar notas electrónicas. Paradise, o segundo sinxelo, foi escrito por Chris Martin para o gañador da séptima edición do programa The X Factor, pero o baterista Will Champion convenceuno de que deixala para o disco. O tema conta con dous vídeos musicais, un dirixido por Hype Williams (co que a banda non quedou del todo satisfeita), e o que vos deixamos a continuación, de Mat Whitecross, cuxa trama e concepto foron ideados por Chris Martin, quen interpreta ao home disfrazado de elefante que escapa do Zoo de Londres buscando o seu fogar.

Nacida a mediados dos 80, a banda estadounidense Neurosis ten un son moi orixinal e diverso, froito das súas variadas influencias (Joy Division, Pink Floyd e Black Sabbath entre outros). Desencadeantes da corrente post-metal, a súa música foi a base da carreira musical de grupos como Isis ou Cult of Luna. The Eye of Every Storm (2004), o seu oitavo álbum de estudo, é considerado a obra mestra do grupo, sendo máis melódico que os seus traballos anteriores. Destacamos Left To Wander.

Se queredes descubrir os álbums que seleccionamos para vós e levalos en préstamo, lembrade pasar pola Biblioteca Fórum. Pero mentres, aquí tedes a Lista de Reprodución ao completo:

Adele – All I Ask. Antonio Vega – Lucha de giantes. Aretha Franklin – I Say a Little Prayer. Ben L’Oncle Soul – Little Sister. Bruce Springsteen – Thunder Road. Bruno Mars – Locked Out Of Heaven. Caetano Veloso – Você é linda. Carlos Núñez – Alborada de Rosalía. Charles Mingus – Goodbye Pork Pie Hat. Coldplay – Paradise. Compay Segundo – Anita. Cult of LunaCircle.  Edith Piaf – Non, Je ne regrette rien. El Kanka – A desobedecer. India Martínez – Los Gatos no Ladran. Iván FerreiroTurnedo. John Legend – Start a Fire. La Bien Querida – A.D.N. Iron Maiden – The Wicker Man. Mika – Happy Ending. Muchachito – Me tienes frito. Neil Diamond – Sweet Caroline. NeurosisLeft to Wander. Nina Simone – Since I Feel for You. Queens of the Stone Age If Only. Red Hot Chili Peppers  – By the Way. Venus in Motion – This Woman. ZazCette Journée.

Lista de Reprodución Forum: De acordes e letras

Este mes, co día do libro á volta da esquina e a nova mostra da Biblioteca Fórum, De acordes, adicada á música, presentámosvos unha lista reducida no número de temas, pero na que os discos veñen moi ben acompañados, pois relacionamos libros coas cancións que inspiraron e viceversa. E é que o vínculo entre música e literatura constitúe unha das máis antigas e proveitosas colaboracións entre as distintas manifestacións de arte.

Atoparedes relacións curiosas, como Firework de Katy Perry e Na carretera, de Jack Kerouac; a Caperucita Roja de Ismael Serrano e a versión que fan do clásico Aaron Frisch e o ilustrador Roberto Innocenti; O Aleph de Nena Daconte e o de Borges ou a de O Maestro e Margarita de Mijaíl Bukgákov, que inspirou a Franz Ferdinand, Patti Smith, Pearl Jam e os Rolling Stones, entre outros.

Tras deixar Heroes del Silencio, o cantante, compositor e multinstrumentista zaragozano Enrique Bunbury incluíu no seu primeiro álbum como solista (Radical Sonora) o tema Alicia (expulsada do país das marabillas), unha balada na que nos presenta a unha Alicia menos infantil e inocente, xa que como se pode ver no vídeo musical, non é unha nena. Nesta ocasión a obra que acompaña ao tema de Bunbury é a creada por Àngel Burgas e ilustrada por Ignasi Blanch, Alicia y el país de las maravillas, na que se recrea a forma en que se explicou por primeira vez a historia. Aerosmith, The Beatles, Jefferson Airplane e Marilyn Manson son algúns dos que tamén se basearon na obra máis popular de Lewis Carroll para crear as súas cancións.

O igual que ocurre con gran parte do álbum Diamond Dogs (1974), David Bowie inspirouse para crear o tema 1984 na novela do mesmo nome de George Orwell, e é que o artista británico, fascinado pola obra, quería adaptala para o teatro, pero o proxecto nunca se puido levar a cabo, xa que a viúva de Orwell non deu permiso. Deste álbum saíu outra das persoaxes de Bowie, Halloween Jack, que se caracterizaba polo mono vermello, o aro na orella, o parche no ollo e un pano no pescozo.

Con Pet Sematary, o single do disco Brain Drain (1989), da banda estadounidense Os Ramones, ocorre algo distinto, xa que o tema foi un encargo de Stephen King (fan do grupo), para a película do mesmo nome baseada na obra O ceminterio de animais do mestre do terror. O tema foi un dos grandes éxitos dos Ramones nos 90 e a letra foi composta por Dee Dee Ramone unha hora despois de que King lle dese unha copia da súa novela. O vídeo musical filmouse no cemiterio de Sleepy Hollow, en Nova York e nel móstranse escenas da película e aos Ramones nunha tumba aberta.

A cantante, compositora e actriz estadounidense Lana del Rey inspirouse en numerosas ocasións na literatura para compoñer os seus temas. Tal é o caso de Off the Races, inspirada en Lolita de Nabokov, ou Ultraviolence, canción que dá nome ao seu tecer álbum de estudo (2014), e que é un termo que Anthony Burgess utiliza en A laranxa mecánica para facer referencia aos actos de extrema violencia, normalmente inxustificada e con vícitimas escollidas ao azar. Ultraviolence conta cun refrán moi pegadizo e cunha letra moi escura, na que aparece algunha frase en castelán.

Aquí tedes a Lista ao completo. Lembrade que na Biblioteca Fórum poderedes atopar os traballos dos temas seleccionados e as obras vinculadas.

Black Sabbath – Behind the Wall of Sleep.Bunbury – Alicia expulsada del País de las Maravilas. Café Tacuba – Las Batallas. David Bowie – 1984. Deep Purple– TheMule.Héroes del silencio – La sirena varada. Ismael Serrano – Caperucita. Katy Perry – Firework. Lana del Rey – Ultraviolence. Mago de Oz – Molinos de viento. Nena Daconte – El Aleph.Nirvana – Scentless Apprentice.Pink Floyd Pigs.Queen Flash.Ramones Pet Sematary. Sting – Moon Over Bourbon Street.The Alan Parsons Project – I Robot.The Beatles Norwegian Wood. The Rolling Stones – Sympathy For The Devil.