Lista de reprodución Fórum: últimas novidades

Se non o fixestes xa, botádelle unha escoita á nova Lista de Reprodución do mes de maio da Biblioteca Fórum. Desta volta ven cargada coas últimas incorporacións musicais que van dende o rock alternativo dos estadounidenses Nada Surf ata a mestura de  pop, blues, folk, rock e sons tradicionais creando un estilo musical de seu de A Banda da Loba.

Fabrica de luz é o traballo que podes escoitar na lista de reprodución deste mes. Un canto á creación e á liberdade e toda unha declaración de intencións  no que a banda xa se aproxima á obra da homenaxeada nas letras Xela Arias coa canción Tigres coma cabalos. Trátase dun bolero que tamén aparecerá no novo traballo recén publicado Hasme oír esta vez coa incorporación da voz de Xacobe Varela, cantante do grupo Os d’Abaixo. Hasme oír é  unha homenaxe máis coidada e precisa. Contén catro cancións, unha por cada poemario: Intempériome, Darío a diario, Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos, así como uns interludios musicais recitados entre cada un deles.

A banda da Loba – Tigres coma cabalos (Folk Sessions)

Cun concerto en streaming para todo o seu público comezaba Passenger o ano. Unha gran iniciativa por parte do artista para que todo o mundo poidera velo en directo, xa que o panorama actual impide aínda poder gozar dun concerto como os de antes. Un concerto onde  interpretou todos os seus éxitos e todos os deste novo traballo, Songs For The Drunk And Broken Hearted que dende a biblioteca xa tedes dispoñible para levar en préstamo. Pero para os máis seareiros non perdades a esperanza aínda porque se as condicións da pandemia o permiten, Passenger, pasará por España na xira de presentación do seu álbum. Farao en dúas datas: o 12 de outubro na sala A Riviera de Madrid; e o día 13 na sala Razzmatazz de Barcelona.

Passenger | A Song For The Drunk And Broken Hearted (Official Video)

Seguimos cunha auténtica estrela do pop aos seus 25 anos. a cantante albano- kosovar Dua Lipa, leva desde os 14 anos adicándose ao mundo da música. Luz, cor e música disco son os elementos fundamentais que atoparás no seu último traballo Future Nostalgia.

Dua Lipa: Future Nostalgia, portada do disco
Dua Lipa: Future Nostagia. Portada do disco

E voltamos á terra coa orixinal banda de Vigo Bifannah e o seu  segundo traballo Danças líquidas. Son orixinais ata no nome en homenaxe a unha comida portuguesa, pan recheo de carne de porco, “bifana” moi típido de Porto, onde Guille (voz e guitarra) vivíu cinco anos. Na súa música podemos atopar combinación de rock sesenteiro, latín soul e tropicalia.

Bifannah-Capri

Na lista podes escoitar tamén ao madrileño Depedro en xira co seu novo espectáculo Érase una vez Depedro no que busca a interacción coa audiencia. Un gran espectáculo, tanto para nenos como para adultos, a non perder. Sidonie son un clásico xa nas nosas listas, e desta volta veñen con El regreso de ABBA. Son 23 cancións inspiradas na novela homónima publicada polo cantante Marc Ros. Sen dúbida un completo e ambicioso traballo do trío catalán.

Sidonie con Kimberley Tell – Me Llamo Abba

A lista segue con nomes da talla de Nathy Peluso, Saint Etienne ou Travis. Aquí vola deixamos ao completo para que a desfrutedes con calma e se gustades, xa sabedes, podedes levar os discos en préstamo, consulta antes a súa dispoñibilidade no noso catálogo.

Malandrómena – Cada can que lamba o seu carallo. Passenger  – Songs for the drunk and broken hearted. Fiona Apple  –  Fetch the bolt cutters. Dua Lipa – Future Nostalgia. Depedro – Érase una vez. Bifannah – Danças Líquidas. Nada Surf  – Never not together.  Sidonie – El regreso de Abba. A banda da loba – Fábrica de luz.  Guadi Galego – Costuras. Carolina Durante – Carolina Durante. Vanesa Martín – Siete veces sí.  Travis –  10 songs. Rammstein – Live aus Berlín. Austra – Hirudin.  Saint etienne – Tales from turnpike house. Teenage Fanclub – Howdy!.Rozalén – Cuando el río suena. Iván Ferreiro – Cena recalentada. Nathy Peluso –  Calambre. 

A Banda da Loba no AgoraSón 2018

 Co fin de promover a lectura en lingua galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o AgoraSón 2018, con dous grupos convidados, A Banda da Loba e Sonia Lebedynski. O acto terá lugar este venres no Centro Ágora e os convites repártense (até esgotárense) ao coller libros en galego nas Bibliotecas Municipais para os levar en préstamo. Non quedes sen o teu!!

Dende Bibliosons falamos coas integrantes da Banda da Loba para coñecelas máis de preto.

A Banda da Loba, un nome con moita forza e ben reinvidicativo, imaxino que será unha das preguntas que máis vos fan, pero por que o elixistes?

A Banda da Loba é un grupo composto por cinco mulleres, e como tal, quixemos tomar como nome algún co que as cinco nos sentiramos representadas. Por iso, eliximos a Pepa A Loba, a bandoleira galega do século XIX que máis que deixarse amedentrar por un mundo de homes, decidiu saír ás rúas e loitar polo que ela pensaba. Pepa A Loba foi unha Robin Hood galega que desgraciadamente ten moi pouca visibilidade, mesmo a súa historia é algo confusa. Nós como grupo quixemos coller o seu legado, non só para dala a coñecer, senón para demostrar que as mulleres podemos facer todo o que se nos propoña, rompendo cos estereotipos, tal e como facía Pepa no seu tempo.

Pensades que realmente a figura de Pepa a Loba é o suficientemente coñecida para que vos identifiquen con ela? Ou se cadra o fagan máis co mítico pub de Compostela?

Como xa dixemos anteriormente, a historia de Pepa a Loba é moi pouco coñecida e debería estar máis presente no noso saber popular. Non temos claro que partes son lenda ou cales son reais por iso, neste primeiro traballo que vimos de presentar Bailando as rúas” , fixemos un tema que conta a súa historia. A través da nosa música os asistentes aos nosos concertos rematan comprendendo o dura que foi a vida desta rapaza, e como lonxe de deixarse vencer, tomou os camiños de toda Galicia. Por iso podemos dicir contentas que A Banda da Loba, co seu nome e as súas letras, está pouco a pouco conseguindo visibilizar a figura que dá nome á nosa banda: Pepa.

Sodes unha banda de mulleres, foi algo buscado ou simplemente xurdiu? Cales son as orixes da banda?

A Banda da Loba xorde a partir de múltiples coincidencias. Nun inicio fomos tres, e ao pouco tempo fumos atopando a través de outros eidos culturais, como o audiovisual ou a música clásica, ao resto da manda. Somos cinco mulleres moi diferentes entre nós, cada unha provén de campos moi diferentes pero tamén con moitos outros en común. Grazas a iso A Banda da Loba bebe de moitas influencias o que favorece a xestación do que nós denominamos un “caleidoscopio” musical.

Definides o voso estilo como ecléctico e heteroxéneo que bebe do pop, do rock e do folk. Podedes falarnos un pouco de cómo é o voso proceso creativo.

O proceso creativo é sinxelo e complexo ao mesmo tempo. Para nós a música é un vehículo co que comunicar e chegar de xeito universal ás persoas. Por iso cada canción ten unha historia, ten unha mensaxe que queremos facer chegar ao público. Froito de todas esas preocupacións e ideas nace cada tema e despois, nos ensaios van evolucionando e modificándose ata que consideramos que xa se poden sacar á luz. Non nos gusta poñer etiquetas, non queremos poñernos barreiras á hora de compoñer senón traballar ata onde nos leve a música. De aí, que cada canción sexa diferente á outra, sen encadrar o noso proceso creativo en ningún estilo pechado. Cada unha das cinco tira dos fíos e tecemos xuntas.

Neste voso primeiro traballo “Bailando as rúas” mesturades letras vosas con homenaxes a grandes poetas consagrados e outros de plena actualidade (Celia Parra ou Rosalía Fernández Rial). Pódese dicir que é a poesía a vosa principal fonte de inspiración.

Si, para nós a poesía é algo fundamental e que debe camiñar da man da música. Actualmente o panorama poético galego conta con voces moi potentes, cheas de calidade e que nós, como coetáneas quixemos coller prestadas para que gañen forza xunto coa música. Celia Parra e Rosalía Fernández Rial son para nós tamén grandes amigas que permiten que collamos seus versos e os reformulemos en forma de canción. Aparte delas tamén quixemos poñer música a Rosalía de Castro, Manuel María…e como non, tamén ás nosas propias letras, o que nos permite falar, como xa comentabamos antes, dos temas que máis nos preocupan ou das nosas inquedanzas.

Xa preto de cumplirse un aniño da presentación do disco na Capitol e ás portas do concerto do Agorasón, que cambios nos imos atopar no escenario?

Podemos dicir contentas que dende a Capitol puidemos asaltar moitos camiños, aldeas, pobos, rúas e cidades. A acollida que tivemos foi moi boa, e nós non podemos estar máis felices ao respecto, xa que a aposta que facíamos era arriscada. Ver recoñecido no público o traballo que fixemos con tanto mimo e cunha mensaxe que nós consideramos tan importante é algo que moi gratificante.

No escenario tentaremos dar o mellor de nós. Sempre dicimos que para nós os concertos son espazos de liberdade nos que se queredes bailar, berrar, saltar, chorar…etc. todo está permitido. Solo esperamos que o público pase un bo rato, e forme parte da nosa viaxe, das historias e ideas coas que nos sentimos identificadas como grupo.