Música galega en feminino

O pasado sábado 24 de outubro o Teatro Principal de Santiago de Compostela foi un dos escenarios que acolleu os actos de homenaxe á escritora Begoña Caamaño logo de cumprirse o primeiro ano do seu pasamento.Begoñísima-outubro-2015

O acto no Teatro Principal congregou a ducias de artistas e achegados da escritora. Unha trintena de artistas fixeron memoria con música e creacións videográficas con Begoña sempre como protagonista.

Uxía, Mercedes Peón, Alba María, Habelas Hainas e De Vacas non faltaron á cita. Dende Bibliosons facémonos eco da homenaxe e aproveitamos para facer a nosa particular recomendación musical porque ademáis do merecido recoñecemento á escritora o acto serviu tamén para deixar constancia do bo momento que atravesan as voces femininas no panorama musical galego.

Nomes coma os de Uxía  ou Mercedes Peón son de sobras coñecidos por todos, e de Alba María xa temos falado aquí noutras ocasións. A quen queremos resaltar desta volta é á formación De Vacas, o proxecto musical de Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, ó que decidiron incorporar a Guillerme Fernández porque é un referente a nivel musical, e ademais amigo seu. Déronse a coñecer a través de internet cunha sorprendente versión do Gangnam Style, de Psy. O grupo transforma música disco en pezas vocais que cantan en galego e aportan sen dúbida un alento fresco e divertido ao panorama nacional, tan necesario nos tempos que corren.

Habelas Hainas pola súa banda, é un grupo folk composto por catro rapazas, Arantza Alfaia (tamboril, bombo, darbuka, caixón flamenco), Jara Ortiz (voz, bombo, pandeireta, crótalos árabes), Patricia Gamallo (gaita, saxo alto, pandeiro), Sandra Tamayo (acordeón, gaita, pandeiro). Comezaron a súa andaina no 2009 cunha versatilidade que as leva a a explorar outros eidos artísticos como a teatralidade e as artes plásticas e visuais facendo de cada espectáculo algo diferente e senlleiro pero o punto de partida é a música tradicional e de raíz.

Ámbalas dúas formacións merecen moito a pena, así que se tedes ocasión de velas en directo non a desaproveitedes e non o decimos somentes nós, Uxía fai unha crítica das novas voces de mulleres na música galega onde fala ademáis destas, doutros nomes que están dando moito que falar coma as Agoraphobia, Mónica Denut ou Wöyza.

Advertisements

Riff Cohen, Tania de Sousa e Alba María, o inverno en feminino

Dedicamos un novo post de Bibliosons á música feita por mulleres, nesta ocasión a tres artistas de tres nacións de realidades e culturas ben diferentes que están de actualidade e que van ser nomes a seguir con atención no vindeiro 2015: a israelí Riff Cohen, a vasca Tania de Sousa e a galega Alba María. Cun único traballo editado cada unha delas, o futuro parece levar anotado o seu nome.

 

Riff Cohen 

546_1_Riff-Cohen-1

Nacida en Tel Aviv, de nai franco-alxeriana e pai israelita de orixe tunecino, esta moza de 28 anos é unha das grandes sensacións da música pop actual, entendida esta etiqueta en sentido ben amplo. Na súa música a identidade, ou as identidades, ocupan un lugar central, como o fan tamén de facto na realidade e na sociedade na que a artista medrou, con dúas linguas maternas e orixes repartidos: “Se me teño que presentar explico de onde proceden os meus pais e os meus avós, e que eu son a primeira xeración da miña familia nada en Israel. Á xente resultalle máis difícil comprender a identidade dunha israelita nova, de avoa con lingua árabe e que leva o vestido tradicional de Túnez. A xente clasifícate de seguida; ou es israelí ou es árabe”.

A cantante ten manifestado en diversas entrevistas a súa vocación de axudar a crear “unha música israelí de carácter propio, que beba das tradicións dos pobos e culturas que se mesturan no meu país, sen mimetismo aos discursos occidentais” e ten criticado o feito de como “o Israel sionista quixo borrar todas as raíces e crear unha cultura nova, mais segue a ser unha retórica baleira e sen alma”.

Para nós, ao lado de Ester Rada -unha das sensacións do festival WOMEX que se vén de celebrar en Compostela- é seguramente a proposta máis interesante saída de Israel nos últimos anos. Mais para alén de coas súas opinións queremos deixarvos coa súa música, sempre enerxética, viral e expansiva.

 

 

 

 

 Tania de Sousa 

1370512569_972140_1370513748_noticia_normal

Desta cantante euskalduna xa falamos no seu día cando trouxemos a Bibliosons ao grupo de riot girrrls Zuloak, do que formaba parte. Se en bandas pretéritas nas que militou, como The Dispositives ou a citada Zuloak, a temática central das súas cancións procedía do ámbito do social e as sonoridades predominantes derivaban do rock, neste primeiro traballo en solitario De Sousa opta polas relacións persoais e afectivas como tema e polo pop como vestimenta sonora.

O seu primeiro disco, editado a través de crowfunding coa plataforma Verkami, está integramente cantado en euskera, unha cuestión que a artista decidiu de forma consciente e que explica deste xeito: “O euskera ou outras linguas máis pequenas son máis difíciles de dixerir para o público mainstream e as radiofórmulas. Eu tento ser comprensiva con esa actitude pero tamén convido á xente a que faga un mínimo esforzo e disfrute das melodías como tal, xa que é o que realmente importa e nos transporta a outros estados da mente ou a onde queiramos que a música nos leve. Se acabamos todos cedendo e, no meu caso, cantando en español ou inglés, nunca mostraremos á xente a nosa lingua propia, nin poderemos mantela viva”.

Deixámosvos co single do seu disco de presentación, Baso ilunetik.

 

 

Alba María 

fotoAlba

“Observo o agora, volto os ollos cara a outros lugares. Dou unha reviravolta e camiño por unha morna, unha bossanova, un blues, algo de swing que me vén petar á porta do peito. E teño moitos nomes, chámome como quero dependendo da marea. Pero sempre remato na ría, nas doces cordas da zanfona, no puño con ou contra a pandeireta, e o fol do acordeón collendo todas as brisas dos meus dezanove anos. E son moitas Albas, as Albas que fican nas cancións que vou creando, e as Albas que perdo cando sae o canto para fóra. Desde a ironía e desde a dozura. Observo, observo e nunca remato de observar o agora”.

Na estirpe de Pilocha, Uxía, Ugia Pedreira, Guadi Galego, Sés, … aparece neste remate de ano o primeiro disco desta moza de dezanove aniños, filla da emigración galega ás Canarias e alumna da Escola Livre da MPG.  O seu traballo “Ainda”, que vai presentar este nadal no Culturgal, está reforzado nas composicións pola equipa de músicos colaboradores da Central Folque, que se ocupa tamén da edición do mesmo.

Alba María promete ser unha voz con vontade e calidade para se consolidar e deixar pegada no panorama das músicas de noso. Con ela vos deixamos e rematamos este post.