Ao paso dos versos: celebramos o Día Internacional da Danza

Cada 29 de abril desde o ano 1982 celébrase o Día Internacional da Danza. A data escollida corresponde ao nacemento de Jean-Georges Noverre (1727-1810), un innovador bailarín e coreógrafo que deu un xiro a esta disciplina. Como moitos pioneiros, nos seus tempos non foi moi comprendido, pero a día de hoxe considéraselle como o pai do ballet moderno.

Un día para que todas aquelas persoas que elixiron a danza como medio de expresión, traspasando barreiras culturais, políticas e étnicas, celebren a súa diversidade. Tamén unha data para lembrar que, como a música, a danza é unha arte completamente universal na que non existen discriminacións por raza, idade, aspecto, relixión ou clase social.

Cada ano o Comité Internacional da Danza do Instituto Internacional do Teatro (ITI) encarga a unha personalidade coñecida do mundo da danza a redacción dunha mensaxe, que neste ano corre a cargo do bailarín, coreógrafo, docente e actor surafricano Gregory Vuyani Maqoma. As súas palabras adquiren especial significado nestes momentos:

A medida que bailamos cos nosos corpos caendo no espazo e enredándonos xuntos, convertémonos nunha forza de movemento tecendo corazóns, tocando almas e proporcionando a curación que é tan desesperadamente necesaria. E o desafío convértese nunha soa danza, invencible e indivisible. Todo o que precisamos agora é bailar un pouco máis!”

O uso do corpo como unha linguaxe universal que todo o mundo pode entender. Iso é a danza. Unha disciplina que en ocasións non se libera de estereotipos, pois hai quen pensa que para ver danza hai que ser entendido na materia. Non é certo. Para ver danza hai que deixarse levar por ela e desfrutar do que nos provoca. Iso é todo.

Desde as Bibliotecas Municipais apostamos por poñer en valor e difundir esta arte a través da iniciativa Ao paso dos versos, que dá nome á playlist que vos propoñemos esta semana no noso perfil de Spotify: unha selección das músicas elixidas por compañías de todo o mundo para as súas representacións escénicas.

Unha lista de reprodución para deleitarse coa mestría das pezas clásicas de Bach, elixidas por compañías tan notables como o Ballet alla Scala de Milán ou o Tulsa Ballet. Destacamos deste último a exuberante obra A million kisses to my skin, na que a música abstracta e escura do compositor e os movementos expansivos dos corpos conducían ao público a unha experiencia sensorial única.

Tamén hai espazo para o rock and roll dos Rolling Stones, que cobra vida en Rooster, a  electrizante celebración dos anos sesenta do coreógrafo Christopher Bruce. Homes con traxe de serpe e mulleres fortes e atrevidas realizan danzas de cortexo virtuosas con algunhas das melodías máis famosas das Satánicas Maxestades, como Paint it Black, Sympathy for the Devil e a versión do clásico do blues Little Red Rooster.  A Rambert Dance Company, compañía de danza nacional de Gran Bretaña, combinou bailaríns de clase mundial e unha orquestra en vivo para crear unha experiencia realmente estimulante.

Contamos tamén co flamenco impecable de Enrique Morente, homenaxeado fai poucos anos polo Ballet de Víctor Ullate en El Sur, un espectáculo de fondas raíces andaluzas cunha fusión de universos diferentes: a danza, como forma de expresión, e o sentimento andaluz, como unha forma de entender a vida.

Música de cámara, rock, blues, flamenco… “Ao paso dos versos” é un reflexo da pluralidade de estilos que nutren e dan vida a esta marabillosa manifestación artística.

Se co “fío musical” non tedes suficiente, nos nosos blogs atoparedes diversidade de contidos en torno a este festexo: recomendacións lectoras para adultos no Blog dos Clubs de Lectura, e para a cativada no Blog das Salas Infantís. Tamén vos ofrecemos unha escolla de frases e reflexións de profesionais da danza no Blog Corto e Cambio, así como este podcast coa lectura dun fragmento da autobiografía da bailarina moscovita Maya Mijáilovna Plisetskaya:

Ir a descargar

E moita atención ás nosas redes! Ademais dunha fermosa felicitación audiovisual composta para a ocasión, haberá #Biblioretos “en movemento” da man do bailarín profesional José Antonio Checa e unha nova sesión de #asbibliotecariascontan, na que gozaremos da historia Un tigre con tutú. Como comprobaredes, unha especial e completísima proposta para celebrar, tomando as palabras do bailarín Sidi Larbi Cherkaoui: “a interminable coreografía da vida“.