En clave de Á-niversario

Fai pouco máis de 365 días poñíamos en marcha un ciclo de concertos que configuraba un novo punto de encontro entre patrimonio bibliográfico e sonoro, reafirmando o compromiso das Bibliotecas Municipais de A Coruña coa cultura musical da cidade. O proxecto “En clave de Á” xurdía como unha colaboración entre a Asociación de Estudantes do CSM da Coruña e a Biblioteca Ágora para ofrecer a música de solistas e grupos de cámara nun entorno un tanto diferente. Grazas ao esforzo e implicación de Eloy Vázquez e Susana Pérez, coordinadores da Asociación, o alumnado do Conservatorio saiu da “zona de confort” académica para ensaiar o seu repertorio ante un público real e entusiasmado coa iniciativa.

Doce meses nos que vimos pasar polo “escenario” bibliotecario a máis dunha treintena de artistas, tanto solistas como formacións diversas: duetos, un cuarteto de metal, un quinteto de vento, un grupo de jazz… Con eles descubrimos instrumentos tan singulares como o cello e o clarinete, gozamos da beleza da guitarra, emocionámonos co piano, apreciamos a peculiar sonoridade da flauta… Unha nova xeración de músicos que non só aposta por cambiar as regras da interpretación, senón tamén por diluir os límites entre os públicos e as formas contemporáneas de consumo cultural.

Este xoves tamén temos cita entre libros e melodías. Gozaremos da música de Ana Represas (cello), Cristina Bernal (piano) e do trío de violín, clarinete e piano formado por Aitor López, María Giraldes e Javier Segade. Será a partir das 19 h nun encontro de entrada libre e para todos os públicos. Agardámosvos!

programa_xaneiro

 

Un novo venres… en clave de Á

Este venres 23 de marzo as melodías de cámara inundarán de novo a Biblioteca Ágora na terceira sesión do ciclo En clave de Á. Nesta ocasión teremos a oportunidade de escoitar a Andrés Vázquez e Diego Mata, estudantes do Conservatorio Superior de Música da nosa cidade. Velaquí o programa!

Programa_Marzo

En clave de Á

A relación de literatura e música é unha das máis antigas e frutíferas colaboracións que se producen entre distintas manifestacións artísticas. Falar da marabillosa conmoción que ambas provocan é tan evidente como subxectivo. Na sonoridade, na iconografía, na pegada social… tanto chegan a compartir que hai cancións que son pura poesía e parágrafos que teñen melodía propia.

Na Biblioteca Ágora non se nos ocorreu mellor xeito de comezar o ano que alimentando esta relación. Grazas á colaboración dos estudantes do Conservatorio Superior de Música poñemos en marcha un atractivo proxecto musical para facer que os venres na biblioteca sexan diferentes: En clave de Á. Un ciclo de música de cámara que terá lugar o último venres de cada mes na zona xuvenil da biblioteca (sempre e cando os quefaceres académicos e/ou bibliotecarios, que non son poucos, non impoñan o contrario).

Cartaz_ClaveA

Os rapaces e rapazas do Conservatorio afirman que non hai cousa que poida apetecerlle máis a un músico que tocar, e máis aínda se é no seu barrio. Ilusiónalles poder amosar o seu repertorio diante do público real, público que adoita escasear nas audicións académicas. A primeira oportunidade para escoitalos vai ser este venres 26 de xaneiro ás 19 h. Nesta ocasión recibiremos a Laura Martínez e Eloy Vázquez.

Laura, no seu derradeiro ano de estudos, ofrecerá un pequeno anticipo do seu concerto de fin de grao. E como representante da Asociación de Estudantes do Conservatorio, Eloy tampouco quería nin podía perderse o comezo deste ciclo. Grazas a eles descubriremos como un instrumento imprescindible, a guitarra, pode facer marabillas en sonatas, oberturas ou temas con variacións, creando auténtica maxia sonora.

a

Laura Martínez e Eloy Vázquez serán os protagonistas da primeira sesión do ciclo musical. 

Un concerto de música íntima, pequena, acolledora, nun marco ideal para amosar o talento e esforzo dos nosos músicos máis novos. Coa finalidade, ademais, de apoiar a educación e cultura musicais da nosa cidade. Recordade, a partir do 26 de xaneiro e cada último venres de mes, agardámosvos a partir das 19 h nunha interesante actividade que será de entrada libre e para todos os públicos. Achégate a vivila connosco!

A soidade dos chineses avistapaxaros

Na China actual, en pleno crecemento frenético, diluíronse tradicións milenarias como a de sentar a observar paxaros. The loneliness of chinese birdwatchers, un artigo publicado na revista The Economist, puxo nome a The Chinese Birdwatchers, banda madrileña formada en 2009. Un título tan poético nunha revista sobre economía chamou a súa atención, por describir á perfección a soidade de quen aprecia os detalles e a quietude aínda dentro da contrarreloxo do día a día.

Déronse a coñecer hai uns anos grazas ao deseñador de moda Josep Font, director creativo da firma Delpozo, quen lles elixiu para poñer música a unha das súas coleccións. Agora, coa presentación do seu terceiro disco, contaron cun apoio de excepción, o do dúo zaragozano Amaral, con quen realizaron dúas colaboracións recentemente para o diario O País e para Radio3. Agora están inmersos na súa xira Roads 2016, que lles está levando por toda a xeografía española.

A súa música é unha mestura de poesía, folk, surf, bossa nova e rock que soa como unha viaxe na estrada polo deserto americano. Violíns, un vello contrabaixo, trompetas, saxos e guitarras conflúen nun formato acústico con influencias de Bon Iver, Cocteau Twins ou Curtis Mayfield, entre outros.

Eles mesmos defínense como unha  “estraña familia”: cinco tolos con moitos paxaros na cabeza e cun amor enfermizo polos detalles e, por suposto, pola música.

A banda  presenta o vindeiro sábado 23 de Abril no Garufa Club (Rúa Riazor, 5) o seu último disco, ROADS. Lles teloneará a cantante e compositora coruñesa Carmen Picado, gañadora do concurso “Outra + outra” da Fundación Paideia e a Deputación da Coruña e 3º premio do concurso “Cultivando Música” da man do Festival da Luz.

A calquera amante da literatura esta data resultaralle máis que familiar: o 23 de Abril celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro,  unha homenaxe mundial ao libro e os seus autores que nos alenta a descubrir o pracer da lectura e respectar a irremplazable contribución dxs creadorxs ao progreso social e cultural. É por isto que, antes de recalar no Garufa, The Chinese Birdwatchers deleitarannos cun concerto acústico na Biblioteca Ágora, poñendo banda sonora ao Bebencontro que tamén celebramos ese mesmo sábado ás 17:30 h. Coma sempre, con carácter gratuito e para tódolos públicos.

Cartel Coruña_v2

Ademáis de guitarras, violín, amplis, micro, e outros tantos bártulos, aterrizan na nosa biblio cunha proposta que nos encanta, “Música x Libros”: todx aquel/a que leve un libro novo ao concerto (ao da biblioteca e/ou ao do Garufa) será agasallado cun exemplar do seu disco. Os libros recompilados serán doados ás Bibliotecas Municipais para uso e desfrute de tódolxs veciñxs da nosa cidade.

“Esta iniciativa é tamén unha reivindicación do formato físico, tanto dos libros como dos discos, na era do streaming e dos eBooks. Tamén de involucrarnos coas cidades que visitamos. Ao final, nas xiras, moitas veces non te decatas nin de onde estás e esta vez queriamos vivir A Coruña, facer algo relacionado coa cidade e os seus habitantes” comenta a banda.

Neste mesmo sentido, The Chinese Birdwatchers contou coa colaboración de Pablo Moledo, un mozo ilustrador coruñés, para crear o cartaz do seu concerto na cidade. A banda descubriu ao artista a través das redes sociais e gustoulles tanto o seu traballo que lle contactaron para facer algo xuntos.

19-chinese-BAND

“Ao final música, ilustración e literatura teñen moitos puntos en común. As tres convidan a imaxinar e poden transportarche a outros lugares. É algo do que falamos no noso novo disco Roads (estradas). Neste caso, a nós levounos ata A Coruña”.

¿Soa ben, non? Soará mellor se te deixas caer por Ágora e nos acompañas neste día tan sinalado para nós. ¡¡Convidadx quedas!!

All we need is love

Falar dos pasados anos 60 é falar dunha década máxica que representou unha verdadeira revolución en moitos sectores da sociedade. Foron tempos rupturistas, nos que toda unha xeración deuse conta de que as regras vixentes eran obsoletas e demasiado restritivas. Urxía unha revolución para seguir o seu camiño con liberdade segundo as súas propias normas.

Non é de estrañar que a música destes anos represente tamén un punto e aparte co panorama musical anterior. Máis alá da estética dos artistas, se por algo se caracterizou foi polo compromiso social: as letras convertéronse nun arma de denuncia política; as cancións reclamaban dereitos civís básicos e protestaban contra os gobernos imperantes

Non debemos esquecer que foi en 1968 cando estudantes de todo o mundo uniron forzas para marchar case simultaneamente co obxectivo de derrubar unha sociedade que definían como hipócrita e defensora de falsos valores. Neste panorama xestáronse músicos como Bob Dylan, Joan BaezJimi Hendrix, The Doors… Falar destes artistas, así como dos Beatles, Rolling Stones, The Who, Janis Joplin e outros tantos “influencers” de culto, sería redundante (todxs temos claro que o seu legado traspasa xeracións).

Mosaico60

Obrigada mención merece o movemento hippie, cuxas manifestacións e estilo de vida deixaron unha pegada indeleble na nosa cultura. Quen viviu aquela época lembrará o mega concerto de Woodstock do verán de 1969, onde se deron cita algúns dos cantantes e grupos máis emblemáticos do momento. Tres días de paz e música que marcaron un antes e un despois na historia da sociedade moderna.

woodstock-69

Cartel oficial do lexendario Festival

No pasado BBencontro da Biblioteca Ágora quixemos render unha pequena homenaxe a esta produbbtiva década. Plantexamos unha xornada na que, baixo o título de “All you need is love”, tomamos como eixe de traballo a afectividade e as emocións dxs pequenxs.
Collemos pinceladiñas de todo o citado ata agora: unha estética hippie, positivismo a moreas e unha banda sonora deluxe: no primeiro conto da sesión empregamos unha versión instrumental do “You never can tell” de Chuck Berry (os fans de Pulp Fiction ben saben do que falamos), para continuar cunha adaptación a piano da archicoñecida “All you need is love” dos Beatles.

Rematada a “posta en escea”, xs bebés tiveron o seu momento exploración libre dos recursos de lectura, no que mantivemos como música de fondo temas tan míticos como Mercedes Benz, Sugar, sugar, Like a Rolling StoneCalifornia dreamin… A estimulación musical foi clave para captar a atención de pequenxs e maiores (hai sons inmortais que non entenden de idades).

Remataremos este “repasiño sesenteiro” lembrando outra música que é recoñecida, pero sempre relegada a un segundo plano cando falamos desta época. Ás veces esquécese que nos 60 brilou a música de Motown, un selo discográfico de Detroit que tivo unha lista de artistas incomparable: Marvin Gaye, The Supremes, The Temptations, Stevie Wonder, Martha & the Vandellas, The Jackson five, Smokey Robinson… Vese complicado que nas actuais corporacións da industria musical volva a repetirse algo semellante tanto en cantidade coma en calidade de nomes.  Para ser xust@s e non discriminalos, xa estamos deseñando un próximo BBencontro con “moito rollo” nos que empregar estes ritmos.

Sabendo todo isto, estaremos máis que convencidos de que os 60 foron unha das etapas máis frutíferas da historia da música. Pero… ¿qué pasa? ¿Daquelas non se facía mala música? ¿A crise chegou co reguetón? A socioloxía proporciona un argumento para esta cuestión: o chamado efecto Cherry Picking ou colleita de cereixas: nunha plantación de cereixas, hainas de todo tipo, pero se cultivamos imos tomar só as que teñen un mellor aspecto. Se levamos unha canastra de cereixas a un amigo, este podería crer que tódalas cereixas do noso campo son así, cando en realidade fixemos un importante filtro.

Velaí o sesgo. Cando escoitamos música “de antes”, non estamos a escoitar a radio desa época, nin unha mostra aleatoria do que soaba. Escoitamos as nosas bandas favoritas e compilados dos mellores temas do momento. Isto é un filtro que tal vez represente unhas cantas cancións por cada ano desa época. Resumindo: antes tamén se facía mala música, só que non a recordamos.

The music, the message…

…que decían 7Seconds.

Sería redundante decir que nas Bibliotecas Municipais da Coruña temos moi en alta estima a música, de non ser así que pintaríamos alimentando este blog de Bibliosons? Así que obviedades a parte, non é mala cousa lembrar os diferentes recursos que achegamos dende as bibliotecas para satisfacer a ouvidos inquedos con ganas de coñecer, experimentar ou simplemente desfrutar de seus estilos musicais favoritos.

Nas bibliotecas de Fórum e Ágora nos gusta achegar seleccións musicais, se en Fórum faise mes a mes, atendendo ao propio momento do ano, na biblioteca de Ágora facemos uso de podcasts para achegar diferentes sonidos en formato mp3.  

E precisamente a semana pasada  esrtreamos seleccións musicais diversas nos nosos mp3. Un remexido de artistas emerxentes gardados nos mp4 que tedes á vosa disposición solicitándoos no mostrador, e si queredes saber o que agochan, aquí tedes os playlists de cada un deses trebellos de música portable, un paseo por ritmos dance e electrónicos, a melancolía da música folk, os sons escuros da música ambient menos amable e diferentes estilos dos diferentes rincóns do mundo.

PRINT A-B

PRINT C-D

Así que xa sabedes, se queredes botarlle unha escoita, só tedes que pasar polo mostrador da Biblioteca de Ágora e solicitar o que prefirades para escoitar mentras ledes na biblioteca, estudiades ou facedes algún traballo no voso ordenador. Ou simplemente desfrutar da música sentados nalgún rincón da biblio!