Lista Reprodución Fórum: polo Nadal voltan os clásicos

De seguro que somos moitos os que estamos desexando que remate este 2020 tan atípico e dé comezo un novo ano máis cheo de esperanza ca nunca. Sexa como for o certo é que a conta atrás xa está en marcha e o Nadal á voltiña mesmo da esquina. Nas bibliotecas municipais xa están listas a mostras de nadal cunha estupenda selección de fondo bibliográfico para que desfrutedes nas vosas casas ademáis da xa tradicional “Guía de Nadal” chea de ideas para aos que vos gusta agasallar cultura, porque un libro, unha película e por suposto un bo disco son o mellor dos agasallos.

A lista de reprodución deste mes quedou do máis ecléctica en canto a sons e artistas pero ten un claro fío condutor, o da nostalxia. E é que polo nadal sempre voltan os clásicos.

Resulta inevitable non comezar a ritmo dos Beatles coa efeméride do aniversario da morte de John Lennon. O 8 de decembro de 1980 John Lennon foi asasinado na porta da súa casa en Nova York. No 40º aniversario deste suceso que sacudiu ao planeta enteiro, as homenaxes sucédense polas miles de emisoras do planeta. En Bibliosons abrimos a nosa lista con el.

O momento nostálixico segue co cantautor e multinstrumentista irlandés, Van Morrison, que leva triunfando desde os anos sesenta e con máis de 30 discos ás súas costas é un dos máis grandes da música ao que, sempre que a ocasión o merece, lle facemos un sitiño na lista. E dun dos grandes a outro dos grandes, o cantautor Leonard Cohen coa súa especial sensibilidade para as letras. Cohen foi máis popular como cantautor que como poeta, pero, paradoxalmente, recoñecéuselle máis esta última faceta que a primeira. Como cantante recibiu o Crystal Globe en 1988 por vender cinco millóns de discos fóra de Estados Unidos. Con todo, en literatura, a lista de galardóns cultivados é case interminable; mereceu dous títulos Honoris causa polas universidades de Dalhousie (1970) e McGill (1992), e en 2011 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras.

Incluímos tamén a Michael Jackson, Rod Stewart, Adele, Björk, Norah Jones ao gran Barry White e non nos esquecemos da polifacética Barbra Streisand, a muller que triunfuou pese a todo e a todos. Actriz, cantante, compositora, produtora e directora estadounidense. Ao longo da súa extensa carreira de máis de seis décadas, os seus logros na música, o cinema e o teatro convertérona nunha icona da cultura estadounidense.

A lista como xa adiantabamos é acaída para todos os gustos e desexamos que a escoitedes ao ritmo dos mellores desexos para este ano 2021 que está a piques de comezar. Deixámosvola ao completo para que a escoitedes tamén na nosa canle de spotify pero non sen antes despedirnos coa icónica canción “Viva la vida” porque diso, máis ca nunca vai a cousa. E lembrade que tedes todos os discos ao voso dispor na Biblioteca Fórum Metropolitano.

The Beatles – Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band, Imagine Dragons – Night Visions, Van Morrison – You’re Driving Me Crazy, Björk – Homogenic, Niño Josele – Paz, Coldplay – Viva la Vida, Rod Stewart – The Complete Great American Songbook, Michael Jackson – Blood On the Dance Floor – Mumford & Sons – Babel, Diana Krall – Wallflower, Norah Jones – Day Breaks, Adele – 19, Carla Bruni – No promises, Leonard Cohen – Songs from the road, Barbra Streisand – The concert, Vanesa Martín – Munay, U2 – No line on the horizon, Robbie Williams – She’s Madonna, Barry White – The ultimate gold collection, Simply Chillout – Simply Chillout.

Viaxando con Ritmo: Londres

A nosa parada musical de hoxe recae na cidade de Londres, situada á beira do Támesis, é a capital de Inglaterra e do Reino Unido. Londres é unha cidade global, centro neurálxico no ámbito das artes, o comercio, a educación, o entretemento, a moda, … e por suposto a música. Londres foi o berce de diversos xéneros musicais como o Punk, mod,glam rock, ademais do Britpop. Londres é o punto converxencia de diversas enerxías multiculturais, o cal resultou nunha fascinante combinación de xéneros musicais. Dende o funk e o soul (Jamiroquai,Faithless) ata ritmos máis movidos como os de Prodigy, Basement eLemon jelly.

Nesta cidade multirracial conviven xentes dun gran número de culturas que falan máis de trescentos idiomas distintos. Todos estes elementos conflúen, lóxicamente, e sitúan a Londres nun lugar privilexiado na historia da música.  Dise que aquí se mesturan todos os sons do mundo. A súa música está en constante evolución e cun fluxo constante de talentos. Por iso a nosa estancia de hoxe vai saber a pouco, porque a capital británica é o lugar de nacemento ou residencia de numerosos artistas e serviu de inspiración a tantos outros, polo tanto resulta de todo punto imposible poder tocalos todos.

londres

Comecemos por exemplo polo rock. Londres é o berce dalgúns dos íconos do Rock & Roll da historia da música. A historia comeza en Denmark Street, principal rúa na que se empezaron a formar músicos e bandas nos anos 60 e 70, entre eles David Bowie e os músicos da súa futura banda Sex Pistols.

Como club de referencia hai que falar de La Marquee. Neste club presentáronse algúns dos máis grandes músicos do Reino Unido, entre eles Bowie, Jimi Hendrix, Led Zeppelin, the Who e os Stones. Neste club foi a primeira vez que o guitarrista de Who, Pete Townshend, esnaquizou a súa guitarra no escenario, antes de que se volvese un símbolo do Rock and Roll.

Incrible lugar que non podemos deixar pasar por alto se queremos sentir ao máximo a presenza musical que existe en Londres é Abbey Road, o estudo de gravacións onde os Beatles gravaron o álbum homónimo. A rúa xusto en fronte do estudo foi inmortalizada na tapa do álbum e volveuse un ícono e un destino para os fans dos Beatles.

Se falamos de música electrónica, non podemos pasar o noso tour musical pola cidade sen falar dos Chemical Brothers. Este dúo foi quen mellor repasaron a xeografía londiniense a través dos seus famosos videos. Neles podemos ver lugares como o museo de historia natural (Hey Boy, Hey Girl) ou o xa desaparecido teatro Astoria coa torre de Centre Point de fondo (Midnight Madness).

A mediados dos anos noventa xurdiu o movemento brit-pop (abreviatura de british pop, ou pop británico), que encarnaron grupos como Suede e Oasis, que reivindican a herdanza da guitarra pop dos anos sesenta e setenta. Actualmente, outros grupos de rock alternativo, como Coldplay ou Kasabian, tomaron o relevo.

Pero se por algo se caracteriza Londres é sen dúbida por ser unha das mellores cidades do mundo para ver un concerto de música en directo, con actuacións que abranguen dende as novas tendencias ata bandas moi coñecidas. Dende grandes salas de concertos a pequenos pubs, hai centos de lugares que organizan e promoven a música en vivo todas as semanas.

Ata aquí a nosa estadía musical na capital británica, coma sempre esperamos que fora do voso agrado e agardámosvos co billete de Estocolmo na man. E recorda que podes pasarte pola Biblioteca Forum para levar os discos en préstamo. Agardámosvos con moito Ritmo!!!