Lista de Reprodución Forum: Brasil

Chega febreiro e con el o Entroido, e pensando no Entroido, deseguido nos veñen á cabeza Rio de Janeiro e a samba. Por iso, a Lista de reprodución deste mes, dedicámola á música brasileira, que nun reflexo da diversidade cultural do país, conta con influencias indíxenas, africanas e europeas. Nela atoparedes a grandes como Antonio Carlos Jobim, Caetano Veloso, Chico Buarque, Maria Bethânia ou Daniela Mercury.

Empezamos cun animado tema de Ana Carolina e Seu Jorge, Comparsas ou Pequenez e o Pitbull, do álbum Ao vivo, lanzado en 2005 e que conseguiu o triplo disco de platino en Brasil, e que inclúe versións acústicas de cancións de éxito das carreiras de ambos, como Pra Rua Me Levar, Garganta e Vestido Estampado de Ana Carolina e São Gonça, Carolina e Chatterton de Seu Jorge.

Con máis de 500 temas, Toquinho é un dos cantantes e compositores máis importantes do Brasil, pero se hai unha canción pola que é coñecido, é por Aquarela, a canción que compuxo en 1983 xunto con Vinicius de Moraes, M. Fabrizio e G. Morra, e que dá nome ao seu disco número 35. O tema Aquarela foi versionado en italiano e castelán polo propio Toquinho, e foi interpretado Seguridad Social, Rosario Flores, ou Los Limones, achegándolle cada un o seu toque persoal. Merece a pena escoitar a versión española e a orixinal para comparar, pois a letra é bastante diferente.

María Rita, filla de Elis Regina, (unha das maiores representantes da música popular brasileira), e do compositor César Camargo Mariano, comezou a súa carreira musical aos 24 anos. Considerada un dos maiores expoñentes de bossa nova e samba actuais, gañou o Premio da  Associação Paulista de Críticos de Arte en 2002 como artista revelación antes de sacar o seu primeiro traballo, do que vendeu máis dun millón de copias. En 2014 foi seleccionada por The New York Times como unha das 10 mellores artistas en vivo e xa conta con 11 premios Grammy. O seu tema A festa conseguiu o Grammy de Mellor Canción en Portugués en 2004.

Sabemos que Carlos Núñez non é de Brasil, pero no ano 2009 o noso gaiteiro máis internacional lanzou o disco Alborada do Brasil, resultado dunha viaxe iniciada no 2007, no que buscaba as conexións musicais entre Galicia e Brasil. E é que desde que descubriu que o seu bisavó José María, que tamén era músico, emigrou a Brasil e desapareceu, quixo desentrañar o misterio. A súa investigación apunta a que José María iniciou unha nova no Novo Mundo baixo o nome de José M. Nunes ou Nunez, onde triunfou como músico. En 1904, o ano en que supostamente desembarcou no Brasil, tivo o seu primeiro éxito músical con Maxixe de ferro. Pixinguinha fixo un arranxo e gravou o tema 50 anos despois co seu grupo, e tras outros 50 anos Carlos fai  un novo arranxo e grávao con gaitas galegas. Pero este non é o único tema destacar, xa que para este traballo rodeouse de máis de 100 artistas, entre os que figuran The Chieftains, Carlinhos Brown, Lenine, Adriana Calcanhotto e Wilson dás Neves.

 Aquí vos deixamos a Lista de Reprodución, e se queredes escoitar os álbums seleccionados ao completo, lembrade pasarvos pola Biblioteca Forum para levalos en préstamo.

Ana Carolina & Seu Jorge – Comparsas o Pequenez e o Pitbull, Astrud Gilberto – The girl from Ipanema, Antonio Carlos Jobim – So danço samba, Banda Reflexús – Madagascar olodum, Bossacucanova & Roberto, Menescal – Telefone, Caetano Veloso – Beleza pura, Carlinhos Brown – Lá vai ela, Carlos Núñez – Maxixe de ferro, Cássia Eller – Palavras ao vento, Céu – Cangote, Chico Buarque – Samba de Orly, Daniela Mercury – Só No Balanço Do Mar, Djaban – Segredo, Gal Costa – Festa do interior, Gilberto Gil – Dança da moda, Grupo Raça – Se me chamar eu vou, João Gilberto – O nosso amor, Legião Urbana – Pais e filos, Marcelo Camelo – A noite , Maria Bethânia – Tatuagem, Maria Rita – A festa, Milton Nascimiento – Catavento, Suba – Tantos desejos, Tim Maia – Chocote, Toquinho – Aquarela, Zeca Pagodinho – Ah! Leque

Música nas Festas de María Pita

Un músico, con traxectoria internacional, o coruñés Xoel López será o encargado de ler o pregón  e dar o pistolezado de saída ás Festas de María Pita 2013.

Sen lugar a dúbida este ano a música será a gran protagonista das Festas de María Pita 2013.

Máis de 100 actuacións musicais dende hoxe ata o vindeiro 25 de agosto, día no que se dan por finalizados os festexos.

Tralo pregón desta noite, cunha actuación en acústico do propio Xoel López, comenzará a programación musical. Na Praza de María Pita, Loquillo, Ariel Rot e Leiva baixo o título “Uno de los nuestros” ofrecerán un concerto a partir das 22.30 horas.

A mesma Praza de María Pita será o escenario de concertos como os de Fangoria; o sábado 3  ás  22.30 h.; o día 5, a Verbena de los 100 años; o mércores 7, Auryn y Efecto Pasillo; o domingo 11, Malú; o 13, Borja Quiza; o venres 16, Luar na lubre; o sábado 17, Macaco; el 22, Carlos Núñez con la Orquesta Sinfónica de Galicia; e o venres 23, Ainhoa Arteta coa Sinfónica

Festivales de Habaneras
Como todos os anos, o Festival de Habaneras é un dos protagonistas do programa de festas da cidade. Do 6 ó 11 de agosto o Parque de Santa Margarita será o escenario que albergue ata 26 actuacións de agrupacións musicais- rondallas, tunas, agrupacións corais, orfeóns -procedentes tanto da cidade como de toda a xeografía galega. Todas as actuacións terán lugar as 20.00 h.

Festival Internacional de Folklore
Dende 1987 celébrase o Festival Internacional de Folklore “Cidade de A Coruña” organizado pola Asociación de Coros e Danzas EIDOS co obxetivo de favorecer o intercambio cultura das xentes.
Ó longo de cindo días estarán presentes ademáis de agrupacións da cidade, grupos nacionais e internacionais. O escenario principal serán os Xardines de Méndez Nuñez, aínda que tamén haberá actuacións na Praza de María Pita e na Escalinata da Domus.

Durante tres días o Parque de Santa Margarita convértese no escenario de proxección dos grupos urbanos coruñeses que comparten espazo con outros referentes nacionais pertencentes aos diferentes estilos artísticos e musicais: hip-hop, rock e música electrónica.

Festival Urbano Coruñés
O xoves, 15 de agosto, a partir das 18.00 h e ata as 00.00 terá lugar no Parque de Santa Margarita o Festival Urbano Coruñés, coñecido tamén como Hip-Hop Fuc.

Festival Independiente de Rock Coruñés
O rock máis independente tamén ten cabida na programación das festas. O venres, 16 de agosto, no Parque de Santa Margarita dende as 20.00 ata as 2.00 h. poderase escoitar en directo as actuacións de tres grupos da cidade ademáis da do grupo invitado, os madrileños Def Con Dos.

Festival Electrónico Coruñés
A música electrónica tamén está presente nas festas da cidade. O 17 de Agosto, sábado, no Parque de Santa Margarita dende as 17.00 ata as 2.00 h. haberá actuacións en directo de grupos de música electrónica, de DJs, VJs da cidade e outros procedentes de Madrid e Oviedo.

Música nos Barrios
A programación musical das festas da cidade terá a súa extensión nos barrios coruñeses. O xoves 15 de agosto, o gaiteiro Xosé Manuel Budiño e invitados ofrecerá un concerto na Praza de Pablo Iglesias.

Batalla Naval
O vindeiro xoves, 14 de agosto, os coruñeses conmemoraremos a victoria sobre o exército inglés na cidade coa Batalla Naval e o seu espectáculo pirotécnico. Nesta edición a batalla será tamén musical. Dende as 22.00 ata a 1.00 h a Praia de Riazor acolle os concertos dos grupos Despistaos, Molocos e DoverVídeo de la Batalla Naval 2012

Noroeste Pop-Rock
Como cada ano, a mellor música internacional e local será protagonista das nosas festas. O venres 9 e o sábado 10 de agosto a Praia de Riazor reunirá a milleiros de persoas que se darán cita para desfrutar de actuacións musicais gratuitas no Festival Noroeste Pop Rock 2013. O grupo británico Suede actuará en Riazor o venres 9 de agosto na primeira xornada do festival, mentras que Los Enemigos e Kiko Veneno farano o segundo día. Este ano, ademáis de Suede, Los Enemigos e Kiko Veneno como cabezas de cartel, subirán o escenario catro grupos dos que foron seleccionados a partir do Concurso de Bandas Locais.

Descarga do Programa das Festas María Pita 2013

Convidámosvos a visitar as nosas Bibliotecas Municipais e coñecer o noso fondo musical no que atoparedes discos dos traballos dos artistas que actuarán nas nosas festas. Tamén podes consultar a dispoñibilidade do material no noso Catálogo