Novidades musicais na Biblioteca Fórum

Con agosto xa rematando, todos sentimos aínda a necesidade de expremer ao máximo os últimos días deste verán tan atípico pero que saboreamos coma poucos.

Se algo botamos en falta durante a época estival foron os festivais e gozar da música ao vivo polas prazas e rúas da nosa xeografía. Un mazazo para moitos artistas que viron cancelar as súas actuacións unha detrás doutra en relación inversamente proporcional á subida do número de contaxiados polo coronavirus. Golpe tamén duro para ese público fiel que cada verán (ata este) se facía cos abonos de todas as fins de semana para coleccionar pulseiras no pulso.

Aínda que dende as Bibliotecas Municipais tampouco organizamos concertos polo de agora, seguimos apoiando a música e aos artistas galegos coa mesma intención. Facémolo completando o noso catálogo con discos praticamente saídos do forno e que xa podedes levar en préstamo.

Hoxe queremos falarvos das últimas novidades que incorporamos na Biblioteca Fórum Metropolitano. A algún dos artistas tivemos a sorte de poder entrevistalos durante o confinamento, como é o caso do xa amigo César de Centi, quen nos falou de como viviu a situación do confinamento e do seu último traballo “Bailando el incendio”. Un disco que xa tedes dispoñible no noso fondo. Se vos pica a curiosidade tamén podedes volver botarlle unha ollada á entrevista que fixemos fai un meses. Deixámosvola aquí.

Recén chegado á Biblioteca Fórum Metropolitano tamén está o novo traballo do ferrolán Andrés Suárez que leva o nome homónimo e que, en palabras do propio Andrés, é o disco “máis persoal” da súa vida onde cada canción é “un fragmento do seu pasado”.

De preto seguimos os traballos do grupo con raíces no Barbanza Agoraphobia de quen contamos con varios discos. Desta volta incorporamos “Unaligned”, traballo co que o cuarteto feminino de Boiro decidiron achegar o seu gran de area para facer máis levadeiro o confinamento, regalando a súa descarga dixital. Trátase dun álbum integrado por dez cancións, co que a banda viaxa á época máis alternativa dos anos 90.

De Guadi Galego faltábanos tan só a maravilla de “Immersion” para completar a súa discografía. Un disco en varias linguas, minimalista e arriscado que lle valeu o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado. En “Immersion”, Guadi recolle once temas xa editados nos seus anteriores traballos e outro máis inédito. Todo el é pura dozura, comezando pola capa, obra do gran Leandro Lamas.

Con “Liberando as arterias”,  un disco cheo de forza e calidade nas súas cancións, completamos tamén a discografía de Sés. O título do disco vén prestado dun poema da escritora e activista Luz Fandiño, cun verso que a artista leva tatuado no seu brazo e que reza: «Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias».

Novidade é tamén o segundo disco das Tanxugueiras: “Contrapunto”. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e  Olaia Maneiro, gañadoras do Premio MIN ao Mellor álbum en galego, demostran que a música tradicional galega pode avanzar cos tempos, renovarse a cada paso e chegar a calquera escenario. As Tanxugueiras foron moi activas nas redes sociais durante a etapa do confinamento e a nosa devoción por elas ven de cando tivemos a ocasión de entrevistalas aproveitando a súa actuación no AgoraSón 2019.

Os amigos dos músicos, ou o que é o mesmo os ADM, son unha desas bandas que están a remover a nova canción  galega. Os de Ourense foron recoñecidos como mellor grupo de pop nos Premios Martín Códax dá Música  Galega (2017) e deles podemos rescatar a definición que eles mesmos se atribúen: “Reflicten a herdanza de Suso Vaamonde, Benedicto e Bibiano ou Batallán, sen perder orixinalidade, frescura nin personalidade.” Se aínda non os coñeces, non deixes de botarlle unha escoita ao seu disco homónimo.

E pechamos recomendacións de novidades deste agosto cun estilo ben diferente: o do novo disco do directo de Hongo “Live to ruin”. Con este traballo tédesnos que permitir a licenza de non ser imparciais. É a banda do noso compañeiro Iván, a quen veredes detrás do mostrador de Infantil se vos achegades por aquí polo Parque Europa.

Escoitade, xulgade e bailade vós mesmos, aquí vos deixamos unha pequena lista con todas as novidades na nosa canle de spotify.

E lembrade que sempre queda verán mentres haxa música!!

Le, viaxa, soña…

Neste verán tan extraño postconfinamento queremos pouco a pouco volver á normalidade e unha desas normalidades é o noso ciclo de verán.  Este ano títulado “LE, VIAXA, SOÑA…” e mentras lemos podemos viaxar  e soñar acompañados da lista de reproducción que elaboramos para tí e que  seguro non che vai a deixar  indiferente.

 A música ten a capacidade de darnos unha sacudida e espabilarnos cando máis o necesitamos. De feito hai cancións e ritmos que escoitamos e que nos devolven a enerxía de maneira case automática. Hai melodías que según a ciencia teñen os elementos que o noso cerebro necesita para recuperar o ánimo. Calquera melodía que che faga sorrir, que che inspire bailar, bo rollo , ou simplemente che relaxe , vai ser boa para ti. Cando teñas un día gris , convence ó teu humor de que cambie de rumbo con boa música, esa que nos axudou tanto no confinamento.

Música e felicidade están intimamente ligadas, chega o momento de que prepares o cerebro para unha dose de enerxía positiva a través destes temas que recopilamos para ti nesta lista de Spotify.

Faremos un percorrido polos grupos e cantautores da xeografía española, remontaremonos a outras décadas ata chegar á actual, tocando diversos xéneros como pop, indi, alternativa, rap, etc…

Creamos unha lista con temazos tan pegadizos que, sen querer, meteranse na túa mente todo o día e non poderás evitar cantaruxar e bailar coma “Tigre de Bengala” de Xoel López, unha canción do máis alegre e que dá nome ó seu novo álbum , pasando polos grupos  miticos do pop dos 80 como Los Piratas, Radio Futura, Seguridad social, Heroes del Silencio…. Recordamos a Pau Donés coa a súa derradeira  canción “Eso que tu me das” e non pode faltar irmos de “Verbena” con Novedades Carminha. Sacudiremos os nosos medos con Rosana Arbelo “Sin miedo” e tamén nos engancharemos á vida con Guadi Galego “Chea de Vida”

 

Desexamos que esta lista sexa a vosa compañeira do verán e vos faga pasar un intre divertido co que bailar ou quizais relaxarvos, en definitiva que sexa capaz de transportarvos alí onde queirades, da primeira á última das cancións

Dalle ao play e que empece a soar a música!!!

 

 

Entrevista ao cantautor coruñés César de Centi

O pasado outubro César De Centi presentou o seu novo e terceiro disco baixo o título “Bailando el incendio”.Pasaron xa 18 anos dende que De Centi comezou a compoñer e tocar e dende aquela non parou. E é que o seu nome é un dos máis coñecidos no panorama de cantautores coruñeses. Se algo o define é ser músico dos directos porque escenarios ten ás súas costas, entre eles, xa hai anos, pasou pola Biblioteca do Fórum onde unha servidora tivo a sorte de poder escoitalo e desfrutar da delicia da súa voz e guitarra.

B. Antes de comezar é ineludible preguntar como estás a vivir esta situación de confinamento que nos tocou, e sobre todo, ¿en que momento profesional te colleu?

C. Pois, a verdade, con certa incertidume, xa que e difícil non pensar no traballo; o confinamento en si mesmo por agora non é duro, penso na xente que ten máis dificultades ca min e se me estremece o corazón, sobre todo nos grupos de risco. No que se refire o momento profesional, teño que dicir que foi no medio da xira de “Bailando el incendio”, un momento delicado, xa que trala inversión do disco teño a necesidade de movelo todo o posible e así poder seguir traballando e recuperar o esforzo. Por exemplo, é moi probable que ata finais de ano non poida recuperar certas datas importantes para min en cidades onde teño público. A meta deste disco é tratar de saír o máximo posible fóra de Galicia, para chegar ao máximo de xente posible.

B. Todo apunta a que aínda imos tardar en poder desfrutar dos directos pero a resposta de artistas e creadores nas redes non se fixo esperar, concertos en streaming dende os salóns das súas casas, sesións vermú e mesmo organizacións de festivais. A ti en concreto vémoste a través de Instagram e Facebook Live colgando cancións, ¿Que opinas de todo este fenómeno?

C. Eu fixen un os primeiros días, e ao mellor fago outro, non o teño moi claro. Penso que os músicos en xeral sempre estamos aí tratando de axudar e de compartir o noso traballo de moitas maneiras, incluso ás veces gratuitamente, pero eu non chamaría concerto ao que sucede en internet todos estes días: é unha mostra que ten pouco que ver cos concertos. Quizais os músicos nos estamos adaptando a esta nova situación sobre a marcha, pero creo que temos que ter coidado. É ben certo que cada un pode facer o que lle peta co seu traballo, pero as condicións dos streaming, para min, non son as mellores (conexión, son, gravacións desde os móbiles…), e creo que é importante que o público non cambie un concerto en directo, dos de toda a vida, cos streaming que estamos a facer estes días. Animo dende aquí á xente para que, cando poidamos volver a tocar en bares, auditorios…, axude ao tecido musical indo a ver música en directo. Por certo, coido que debemos aproveitar para tratar de activar os nosos medios sociais, xa que dispoñemos de máis tempo libre. No meu caso estou a gravar vídeos de temas propios e versións, para ter contido que amosar ao público.

B. ¿Como pensas que será a situación cando todo volva á normalidade? ¿A xente tomará conciencia? ¿Haberá realmente un antes e un despois?

C. Esta é unha pregunta difícil: noto que o impacto do virus está trocando a mentalidade da xente, a conciencia de que somos seres humanos con caducidade, algo que parecía que tiñamos esquecido. Oxalá saiamos desta crise aprendendo algunhas leccións importantes: . por exemplo, a importancia da nosa sanidade, dxs traballadorxs da mesma, que nos dan leccións diarias de compromiso. Daríame moita pena que dentro duns anos xa non recordemos esta situación extraordinaria que estamos vivindo, pero hai que ter esperanza e pensar que algo trocará.

B.  Aínda tocados pola recente perda a semana pasada do mestre Aute, sabemos que eras un gran admirador, ¿como te marcou a súa traxectoria?

C. Marcoume moito, Aute foi un visionario, un artista en maiúsculas. A primeira das súas obras que coñecín non foi un disco en solitario, senón Mano a Mano, o concerto en directo con Silvio Rodríguez. A partir de aí indaguei na obra dos dous, que se converteron en grandes referentes. “Anda” o “Las cuatro y diez” foron dúas das primeiras cancións que aprendín a tocar coa guitarra. A miña nai traballou nunha das poucas tendas de discos  que había na cidade hai anos, e nela soaban cancións de Aute, Serrat… Cando me decatei do seu falecemento tiven unha sensación de tristura moi grande. Os referentes acompáñante toda a vida, como a min Aute, e iso que soamente coincidín con el unha vez en Betanzos, pero levo toda a miña vida con el nos auriculares.

B. Falabamos ao comezo dos teus 18 anos xa no mundo da música. Imaxino que os comezos non tiveron nada que ver co momento actual e co anterior disco. Cóntanos, ¿como esa evolución? Para quen aínda non tivo a ocasión de escoitar este último disco, ¿que se vai atopar?

C. Os comezos marcaron o camiño, recordo que as primeiras veces cantaba para divertirme, era mais novo, no tiña a presión que ás veces me impoño na actualidade. Trataba de compaxinar a música coa socioloxía e sempre gañaba a música. A situación era diferente: era un pouco a novidade, e era máis sinxelo chegar a máis xente, ao público estudantil que recalaba nos concertos a pesar de que estaba empezando. Todo era máis amateur e se notaba no directo, pero hoxe en día cambiaron as tornas e fago un traballo profesional. Agora tamén é mais complicado chegar á miña xeración, que ten outras responsabilidades e lle resulta máis complicado ir aos concertos. Por outro lado, a música non ten clase media, e polo tanto un músico da miña clase ten que estar acostumado as dificultades do seu traballo.

Con respecto o anterior disco, La luz de los gigantes, foi un momento moi doce persoalmente, conseguín a financiación do disco gracias a un crowdfunding, o que me abriu algunhas portas e crecín como artista. É un traballo ao que lle teño moito cariño.

O novo disco, en cambio, ten a produción de Xabier Vizcaino, que cambia de forma coherente a miña obra, abríndoa a outros estilos. A idea era non perder a esencia de miña personalidade, pero tratar de ofrecer algo diferente. Neste disco hai máis guitarras acústicas e eléctricas, sen deixar de lado aos referentes inmediatos da miña obra (Silvio, Aute, Pedro Guerra, Ismael Serrano, Serrat) pero tratando de agregar outros máis novos como Damien Rice ou Glen Hansard, entre outros. No novo traballo conto coas colaboracións de dous grandes músicos: Fito Mansilla e o propio Xabier, que para min ten un dos proxectos mais interesantes que hai en Galicia na actualidade. 

B. ¿Que significou para ti ter a oportunidade de presentalo no Teatro Colón? De momento a situación está truncada pero cando volte a actividade, ¿poderemos desfrutar de novo do teu directo na cidade?

C. Tocar no Colón foi un dos regalos que me deu a música, e o sinto como parte dun proceso de traballo duro que partiu sempre da defensa das miñas cancións, da mellora continua, de tocar en practicamente tódolos espazos da cidade. Foi un día que pasou voando, aparte estiven acompañado da banda e de invitados, así que foi máis especial si cabe. É un día que quedará para sempre no meu recordo, a pesar de que espero seguir avanzando e poder repetir no Colón ou noutro dos fantásticos espazos que temos na cidade.

B. ¿Recoméndasnos un disco ou un artista co que pasar o confinamento da mellor maneira posible?

C. A verdade e que se me ocorre máis de un, e deixo moitos fóra. Todos eles me gustan, a orde dos factores non altera o produto. Por exemplo, Atlántico de Xoel López, Mis paisajes interiores de Marwan, Humo y Azar de Aute (pero tamén o Mano a Mano con Silvio Rodríguez, claro), Sur la route de Zaz, La paloma de Picasso de Luis Pastor ou calquera do grupo cubano Buena Fé.

Cincoparedes, a suma de todos

Este é un aviso para navegantes e para os amantes da música máis despistados que ainda non se enteraron que este sábado 24 de xaneiro ás 20:30 teñen unha cita probablemente irrepetible no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

cincoparedes_play2Os galegos Silvia PenideCésar de Centi, Luis Moro, Nando Deibe e Félix Arias seguramente coñecidos por todos pero de xeito individual, agora forman Cincoparedes. Esta recente formación súbese ás táboas do auditorio coruñés para presentarnos o seu traballo no que cada artista presta as súas cancións para formar parte “dun todo”.

A idea é interpretar todos á vez, sobre o escenario 15 temas durante noventa minutos.Serán temas propios e arranxados entre os cinco artistas para a ocasión. Sen dúbida unha particular posta en escena que vai supoñer un cambio na traxectoria persoal de cada un dos músicos.

Felix Arias e Silvia Penide xa compartiran o seu talento baixo a fórmula Canciones Ajenas, na que realizaban versións doutros grupos.

Aqueles concertos supuxeron o xerme de Cincoparedes, que deu os seus primeiros pasos hai tres meses. Logo de dúbidas e reticencias iniciais nos primeiros ensaios conseguiron a cohesión.

Dende logo un espectáculo para no perder, sobre todo porque na mente dos artistas, polo de agora, figura como única data a deste sábado 24 de xaneiro ás 20:30

 Podedes mercala vosa entrada no despacho de billetes da praza de Ourense ou en Servinova.

50 anos na música de Xurxo Mares

-xurxo-mares-50-anos-en-la-musicaXurxo Mares, coñecido cantautor coruñés, celebra nin máis nin menos que os seus 50 anos coa música. 

Faino ofrecendo unha selección das súas mellores cancións acompañado por xente coma Pablo Añón (xaxo e piano), Rosalía Vázquez (cello), Tito Ritman (acústica), Robert Pier (guitarra), Carlos Mares (acústica) e Tonu Leiro (caixón), e contando ca colaboración de Paris Joe, César de Centi, Gabriel Encinar.

A cita será o próximo xoves 13 de novembro ás 21 h. no Forum Metropolitano

Xurxo Mares naceu na Coruña no 1950 e dende moi pequeno estivo implicado nisto da música. Contan que en 1964 caeu nas súas mans unha guitarra, que rapidamente se puxo a tocala e que en canto soubo tres acordes compuxo a súa primeira canción. A partir de aquel día a vida de Xurxo estivo  totalmente vinculada á  música: tocou en varios conxuntos musicais; participou en todo tipo de festivais; contribuiu á formación do “Movemento Popular de Canción Galega” –con Miro Casabella, Benedicto, Bibiano, Emilio Cao, Rodrigo Romaní o Antón Seoane–; cantou aos grandes poetas galegos; compuxo as súas propias cancións; gravou un primeiro disco con 10 temas en galego ao que titulou “Mareas Vivas”. Participou na creación da plataforma colectiva de cantautores galegos “CONcierto ENcanto“, na que tamén interviñeron César de Centi, Gabriel Encinar, Jorge Bau, José Luis Paz, Manu Clavijo, Pablo Bubén Fernández, José María Herrero e Patricia Vázquez.

Na súa carreira en solitario Xurxo fai o que sempre fixo, que non é outra cousa que empregar a música sin ningunha pretensión. Como quen usa a lingua para expresarse. E iso é o que sigue facendo actualmente, actuando e distinguíndose pola súa particular forma de tocala guitarra, cunhas excelentes composicións e unha voz que denota a súa veteranía.

Sen dúbida unha cita para non perder. Podes mercar a túa entrada aquí.

 Nas nosas bibliotecas municipais temos varios traballos do artista. Consuta a súa dispoñibilidade no noso catálogo:

  •  Concierto encanto / Actúan: Pablo Rubén Fernández, Xurxo Mares, José Luis Paz, Dúo Memorias, César de Centi, Jorge Bau, Participa, CUAC FM Colectivo de Universitarios Activos
  • Abierto
  • Aula Rock
  • Xurxo Mares & Cía  : trinta anos despois
  • Revelaciones

 

César de Centi en concerto

La Luz de los Gigantes é o disco que este sábado 18 de xaneiro presentará no auditório de Centro Ágora o cantautor coruñés César de Centi.

Colaboradores /César de Centi

É un cantautor coruñés de 33 anos natural do barrio de Os Castros que leva máis de dez anos facendo cancións e sempre tantando de devolver o que a música lle dou. Como él mesmo di:

Teño claro que esto é unha carreira de fondo e como di Jorge Drexler : “Soy jardinero de mis dilemas”

Un disco financiado por Crowdfunding

Este disco ve a luz gracias ó movemento de crowdfunding que puxo en marcha o cantautor fai un ano.

Crowdfunding é unha cooperación colectiva, levada a cabo por persoas que realizan unha rede para conseguir diñeiro ou outros recursos, adóitase utilizar Internet para financiar esforzos e iniciativas doutras persoas ou organizacións

Deste xeito, o 24 de xaneiro de 2013 César de Centi estivo na nosa Biblioteca Forum Metropolitano nun  concerto que estaba enmarcado na xira de presentación da campaña crowdfunding do seu novo disco en solitario.

En palabras do autor definía este proxecto como “unha produción máis elaborada que as miñas anteriores gravacións, con cancións directas sobre situacións cotiás con certo contido poético e de corte intimista”

César de Centi na Biblioteca do Forum MetropolitanoCésar de Centi en concerto na Biblioteca do Forum Metropolitano

La Luz de los Gigantes

Este traballo discográfico resume en boa parte a idea que o artista leva fraguando dende fai moito tempo. Neste concierto, Cesar estará acompañado por Diego Barral (Guitarra), Juan Aparicio (bajo), Dresan Drex(batería) y David Taboada (Teclados).

Contará con las colaboraciones de más de una veintena de músicos: Silvia Penide, Danieme, Xurxo Mares, Paris Joel, Nando Deibe, Robert Pier, Jacobo Paz, Marcos Mella, Tato López, Xose Constenla, Fátima Baña, Jorge Bau, Miguel Castro, Débora Silva, Pablo Rubén Fernández, Carlos Valiño, Juan Cordonié (dobro), Mabel Carro (chelo), Iago Gordillo (saxo), Mou y Tonu Leiro (percusiones), Tamara Diaz y Vanessa León (Pandereteiras).

Web de César de Centi   Blog de César de Centi   Venta de entradas. 5 Euros

Nas nosas Bibliotecas Municipais contamos con algún dos traballos do cantautor. Visita o noso catálogo para ver a súa dispoñibilidade.

A cita é o sábado 18 de xaneiro as 21.30 no auditorio do Centro Ágora, coa música de autor, feita por un artista da nosa cidade. Pasen, vexan, escoiten e disfruten.