Lista de Reprodución Fórum: os nosos recomendados

Na Biblioteca Fórum seguimos con De Acordes, a nosa mostra bibliográfica dedicada á música. Así que para este mes, entre tódolos compañeiros elaboramos unha Lista con algúns dos nosos discos favoritos.

E como somos tan distintos, obtivemos unha selección realmente variada, na que vos atoparedes con temas chill out, post-metal, gypsy jazz, soul, folk, rock, pop, música popular brasileira e ata temas de película. Agardamos que vos guste.

O cantante e compositor de música soul Benjamin Duterde, coñecido polo seu nome artístico Ben L’Oncle Soul, era un apaixonado do soul e a música negra desde antes de nacer por herdanza materna. Comezou a súa carreira musical no 2004 nun grupo góspel chamado Fitiavana. Nos inicios da súa carreira en solitario facíase chamar Oncle Ben, pero en 2009 cambiouno, para evitar equívocos coa marca de arroz Uncle Ben’s. Ademais do soul, tamén lle gusta o hip-hop e colaborou, tanto no escenario, como compoñendo temas, con artistas como Oxmo Puccino ou Hocus Pocus. O seu primeiro álbum Ben L’Oncle Soul (2010) conta con cancións en inglés e francés, que desprenden bo humor e recrean as décadas dos 50, 60 e 70. Destacamos Little Sister, que tamén ten cunha versión en francés.

Pianista, compositor, contrabaixista, director de big band e activista contra o racismo, Charles Mingus, icona do jazz da segunda  metade do século 20, definía o jazz como “a música clásica negra”. Autodeclarado discípulo de Duke Ellington, este xenio musical só durou tres días na súa orquestra, pois o seu carácter irascible e temperamental tróuxolle numerosos problemas, causando mesmo confrontacións en medio de concertos. Mingus Ah Um (1959) é un dos seus discos cume, no que cada tema considérase unha clase de jazz, talento, furia e creatividade. Como  Goodbye Pork Pie Hat, un blues lento dedicado a Lester Young.

A banda británica Coldplay, lanzou en 2011 Mylo  Xyloto, o seu quinto álbum de estudo. Un traballo que “fala sobre dúas personaxes tentando atopar o amor e a felicidade nun mundo opresivo”. O disco comezou sendo acústico e foi evolucionando ata incorporar notas electrónicas. Paradise, o segundo sinxelo, foi escrito por Chris Martin para o gañador da séptima edición do programa The X Factor, pero o baterista Will Champion convenceuno de que deixala para o disco. O tema conta con dous vídeos musicais, un dirixido por Hype Williams (co que a banda non quedou del todo satisfeita), e o que vos deixamos a continuación, de Mat Whitecross, cuxa trama e concepto foron ideados por Chris Martin, quen interpreta ao home disfrazado de elefante que escapa do Zoo de Londres buscando o seu fogar.

Nacida a mediados dos 80, a banda estadounidense Neurosis ten un son moi orixinal e diverso, froito das súas variadas influencias (Joy Division, Pink Floyd e Black Sabbath entre outros). Desencadeantes da corrente post-metal, a súa música foi a base da carreira musical de grupos como Isis ou Cult of Luna. The Eye of Every Storm (2004), o seu oitavo álbum de estudo, é considerado a obra mestra do grupo, sendo máis melódico que os seus traballos anteriores. Destacamos Left To Wander.

Se queredes descubrir os álbums que seleccionamos para vós e levalos en préstamo, lembrade pasar pola Biblioteca Fórum. Pero mentres, aquí tedes a Lista de Reprodución ao completo:

Adele – All I Ask. Antonio Vega – Lucha de giantes. Aretha Franklin – I Say a Little Prayer. Ben L’Oncle Soul – Little Sister. Bruce Springsteen – Thunder Road. Bruno Mars – Locked Out Of Heaven. Caetano Veloso – Você é linda. Carlos Núñez – Alborada de Rosalía. Charles Mingus – Goodbye Pork Pie Hat. Coldplay – Paradise. Compay Segundo – Anita. Cult of LunaCircle.  Edith Piaf – Non, Je ne regrette rien. El Kanka – A desobedecer. India Martínez – Los Gatos no Ladran. Iván FerreiroTurnedo. John Legend – Start a Fire. La Bien Querida – A.D.N. Iron Maiden – The Wicker Man. Mika – Happy Ending. Muchachito – Me tienes frito. Neil Diamond – Sweet Caroline. NeurosisLeft to Wander. Nina Simone – Since I Feel for You. Queens of the Stone Age If Only. Red Hot Chili Peppers  – By the Way. Venus in Motion – This Woman. ZazCette Journée.

Advertisements