De Película: as mellores BSO

Fai uns días coñecíamos a noticia de que John Williams e Ennio Morricone, dous dos compositores de bandas sonoras máis importantes da historia, son os galardoados co Premio Princesa de Asturias das Artes 2020. Williams conta xa con cinco premios Óscar na categoría de mellor banda sonora orixinal por El violinista en el tejado, Tiburón, La Guerra de las Galaxias, E. T. e La lista de Schindler, ademais de deixar pegada no imaxinario colectivo grazas ás bandas sonoras de películas como Parque Jurásico, Indiana Jones ou Harry Potter, entre moitas outras. Morricone é un dos compositores cinematográficos máis prolíficos do mundo: conta con máis de catrocentas bandas sonoras para cinema e televisión, entre as que destacan as de películas como La misión, Cinema Paradiso, El bueno, el feo y el malo ou Por un puñado de dólares. En 2007 recibiu o Óscar honorífico a toda a súa carreira, e case unha década máis tarde facíase co galardón pola banda sonora composta para Los odiosos ocho, o peculiar western de Quentin Tarantino.

Todos estaremos de acordo en que custa imaxinarse unha película ou unha serie de televisión que careza de música. Sen efectos sonoros, cabeceiras ou sintonías, os silencios darían unha estraña sensación de baleiro e lentitude. O seu gran poder fixo dela un instrumento que leva máis dun século utilizándose para reforzar aquilo que se desexa transmitir na industria audiovisual. Antes de que o cinema fose sonoro, xa había unha interacción entre este e a música. En moitas salas había pianos, ou mesmo orquestras enteiras, que tocaban música en directo, acompañando á acción que transcorría na pantalla. A primeira banda sonora como tal da que se ten constancia data de 1908. Camille Saint-Saëns compuxo unha peza para a película francesa El asesinato del Duque de Guisa. Nese mesmo ano, o ruso Mikhaíl Ippolítov-Ivánov compoñía outra melodía para o filme Stenka Razin.

A día de hoxe, as bandas sonoras son case tan importantes como as propias películas. Transforman o mundano en máxico, engaden vigor e riqueza ás imaxes e transpórtanos a outra realidade. Os sons modelan a atmosfera do filme, recrean épocas e lugares, e achegan un significado aos personaxes, aos diálogos e ao argumento que non se acadaría doutro modo. Mesmo a experiencia emocional é diferente: a música inflúe nas nosas sensacións, modificando o sentido da imaxe ou anticipando unha situación determinada. Quen non asociaría, por exemplo, o fondo musical da escena da ducha de Psicosis co que vai ocorrer? Ou imaxinas a Marcha Imperial de Star Wars sen a aparición de Darth Vader?

De Película é o nome da nova playlist que vos ofrecemos en Spotify, na que facemos un percorrido polas bandas sonoras imprescindibles que forman parte da historia do sétimo arte. Aos temas instrumentais dos citados galardoados sumámoslle os de Hans Zimmer (Piratas del Caribe, Gladiator, El Rey León…), James Horner (Titanic, El Zorro, Avatar…), Ramin Djawadi (Juego de Tronos) e Howard Shore (El Señor de los Anillos), entre outros.

Tamén son parte desta lista diversas cancións incluídas en filmes que alcanzaron un estatus inesperado e se converteron en títulos de culto case sen pretendelo: Footloose, Pretty Woman, La princesa prometida, Pulp fiction, Kill Bill

O cine de súper heroes marca unha forte tendencia desde fai anos. Pasou de ser un subxénero máis das películas de aventuras e fantasía a converterse no maior activo da industria. Desde as primeiras historias de Batman ata os máis recentes Vengadores, esta lista compila algunhas mostras sonoras das aventuras nadas nos cómics.

E non poderiamos falar da música e as súas funcións no cinema se non temos en conta o musical como un xénero cinematográfico en se mesmo. En De Película contamos con temas que forman parte dos musicais máis importantes da historia: El mago de Oz, Cantando bajo la lluvia, West side history, Grease, Moulin Rouge, La,la,land…

Unha antoloxía de bandas sonoras que foron capaces de traspasar a pantalla e transcender ás películas para as que foron creadas. Luces, cámara…. e play!!