Pandemia musical II

Se o que verdadeiramente che gusta é a música en directo, non te preocupes, porque Internet estase a converter nun gran escenario onde os artistas, de todos os caches e estilos, asómanse ás redes sociais para dar renda solta o seu talento e amenizar o noso confinamento.

Dende as Bibliotecas Municipais de A Coruña seguimos recompilando as iniciativas da industrial musical e as súas propostas en tempos de Coronavirus. Aquí tendes máis concertos de andar por casa para estes días de encerro:

Son da casa @sondacasa

“O campo da festa no teu Instagram”. Así se presenta este festival de música galega en streaming para pasar a corentena. Terá lugar os días 20 e 21 de marzo. Cada artista etiquetado no cartaz ofrecerá un concerto dende o seu propio perfil de Instagram respectando os horarios programados. Poderás moverte dun escenario a outro con só un click.

O Son da casa Fest: @osondacasafest

Festival de música electrónica galega. Celebrarase o venres 20 e o sábado 21 de marzo, de forma ininterrompida dende ás 16:00 ás 21:45, a razón de sesións de 45 minutos por parte de cada DJ. Poderás seguir os concertos a través das súas contas de Facebook e de Instagram

En Casa Se Baila Festival

Sen deixar de lado a música electrónica, achegámosvos este festival que se está levando a cabo, dende o día 18 de marzo, por un colectivo de DJ’s de todas as idades, xéneros e estilos. Entre ás 20:00 e 21:00 horas podedes entrar na súa web www.encasasebaila e desfrutar das sesións de baile. Hai un cartaz xeral con todos os artistas invitados, nos que aparecen DJ’s de renome como: DJ Amable, Ley DJ, Eli Kapowski …, pero non se especifica que día pinchará cada un, polo que cada día pode ser unha sorpresa.

Mariscal Rock

“Mariskal Rock: o portal de Rock máis heavy” ofrece 5 concertos de rock completos para ver dende casa. Iron Maiden no Rock in Rio de 2019;  Kiss nun concerto en Zúrich  do ano 2013; Black Sabbath no Ozzfest de 2005; Metallica en Berlín no ano 2019 e Slipknot no Resurrection Fest do ano pasado.

  #EuFicoEmCasa Festival

Dende o país veciño tamén atopamos iniciativas musicais en directo. Eu fico em casa é un festival que se celebra do 17 o 22 de marzo con máis de 70 artistas confirmados. É unha oportunidade única para descubrir os mellores artistas portugueses do momento.

Non deixes de desfrutar da axenda cultural que está presente nas redes sociais. Nun estado de alarma que limita o movemento da cidadanía, resulta máis necesario ca nunca manter o cerebro esperto, distraerse e afastar pensamentos negativos. Por esta razón, esperamos que estas iniciativas musicais, sen ánimo de lucro, poñan banda sonora os teus días de confinamento. Lembrade que música sempre está do noso lado.