De Acordes: a despedida

Tras tres meses desfrutando da música, hoxe rematamos o Ciclo Temático De Acordes, e desde a Biblioteca Fórum Metropolitano queremos dar as grazas.

Grazas a Sabela, Paula, Laura,  Maikol, Lucas, Helena, María, Laura, Daniel G. Artés e María García do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia polo marabilloso encontro que tivemos na Biblioteca.

Grazas ao Coro Xove ao completo polo concerto no que desfrutamos de música de épocas e estilos moi diversos.
Actividades Ciclos Temáticos BForum

Grazas a Xardín Desordenado pola súa fermosa homenaxe a Carlos Casares, na que a través do swing, o blues e a bossa nova achegáronnos aos seus textos.

Grazas a Manoele de Felisa por  facer que grandes e pequenos se acheguen á poesía musicalizada.

E grazas a todos vós por pasar estas tardes musicais con nós e por gozar da selección de libros e música que fixemos con tanto agarimo.

Que non pare a música!

Concerto do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia

O venres 5 de maio ás 18:30 h no Auditorio do Fórum Metropolitano teremos o pracer de escoitar ao Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Xa tivemos a sorte de coñecer a oito dos seus membros no encontro Cantando coa Sinfónica, do pasado 24 de abril.

IMG_4523

De esquerda a dereita: Sabela, Paula, Laura, Laura, Maikol, Lucas, Helena e María.

Nel os rapaces contáronnos qué é para eles o Coro, compartiron anécdotas e vivencias do tempo que levan no mesmo. E sobre todo, fixéronnos partícipes da súa paixón pola música, e do compañeirismo e a amizade que hai entre eles. O seu amor polo coro e a boa sintonía reinante, fan que non importen as distancias (algúns membros veñen de Monforte ou León), o importante é cantar, e mesmo o fan nos descansos dos ensaios.

Pode que parte da maxia, consista en que  non teñen que sobresaír uns sobre os outros, senón que o que se busca é un empaste de voces, unha boa sintonía, algo que sen dúbida conseguen.

Todos falaron do que lles aporta, o que melloraron desde que comezaron e como lles compensa o traballo extra de asistir aos ensaios os sábados pola mañá, ou mesmo ir cantar despois da súa graduación. Outra mostra do que lles gusta a música é que moitos o compaxinan tamén co Conservatorio; no coro hai grandes violas, pianistas, etc.

This slideshow requires JavaScript.

A paixón polo Coro é algo que teñen en común co seu director Daniel García Artés, que comezou no Coro aos 19 anos, e que desde fai dous leva a batuta en solitario; e coa súa coordinadora, María, que leva máis de 20 anos nel.

Do que non cabe a menor dúbida é do seu talento, pois tres dos que nos acompañaron, Laura, Helena e Lucas, xa forman parte do Coro de Adultos da OSG.

Nós tivemos a oportunidade de escoitalos cantar un par de temas. Pero esta vez, no Auditorio do Fórum estará o coro ao completo, e ollade o programa que teñen preparado:

.: Odi et amo – Carl Orff

.: If music be the food of love – Henry Purcell

.: Ave Verum Corpus – W. A. Mozart

.: When you wish – Leigh Harlile (arr. Daniel G. Artés)

.: I Will follow him – Franck Pourcel, Paul Mauriat (arr. Daniel G. Artés)

.: Creep – Radiohead (arr. Daniel G. Artés)

.: One day more – Claude-Michel Shönberg (arr. Mark Brymer)

.: Bohemian Rhapsody – Freddie Mercury (arr. Daniel G. Artés)

.: Fix You – Cold Play (arr. Daniel G. Artés)

Como podedes ver, abarcan tanto música clásica e contemporánea, coma pop, e é que aínda que agora só está Daniel (que revolucionou o coro ao incluir temas máis coñecidos), o coro tivo antes outros directores: José Antonio García Mato, Fernado López Briones e José Ramón Rodríguez Castellanos, e as preferencias de cada un por un estilo, deixou en herdanza un repertorio moi amplo e variado, que lles permite achegarse a todo tipo de público.

Se queredes pasar unha tarde escoitando boa música, non vos perdades o Coro Xove da OSG. Agardámosvos!!

Cantando coa Sinfónica

Hoxe, luns 24 de abril ás 19:00 h, non vos podedes perder Cantando coa Sinfónica na Biblioteca Fórum. O encontro/recital no que teremos a sorte de contar con 9 membros do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia, acompañados polo seu director musical, Daniel García Artés; quen compaxina esta labor coa docencia na Escuela de Músicos de A Coruña. Ademais, dirixe  o Orfeón Herculino, o Coro Sancta María Maris e o grupo vocal  El acorde secreto, do que tamén e fundador.

A formación, composta por 35 rapaces de entre 13 e 21 anos, aparece trala consolidación do Coro e dos Nenos Cantores da OSG, entre os que fai de ponte.

O Coro Xove conta xa cunha longa traxectoria, pois o próximo xuño cumpriranse 12 anos dende a súa presentación ante o público. Neste tempo, obtivo o 2º Premio no Certame Coral Fira de Tots Sants de Concentaina, en Alacante; así como o Premio do Público e o 2º do Concurso Nacional de Corais Antonio José, en Burgos (2008). Adoita colaborar co Coro e a Orquestra Sinfónica de Galicia, e ofrece con regularidade concertos a capella en distintas localidades de Galicia.

Se vos gusta a música, agardámosvos na Biblioteca Fórum onde estas promesas falarán da súa experiencia no Coro Xove, a formación que reciben, as súas motivacións, etc. Unha oportunidade única na que ademáis poderemos escoitalos interpretar algúns temas do seu repertorio, o que nos servirá para abrir boca de cara ao concerto que terá lugar no Auditorio o 5 maio ás 18:30h.

Non faltedes a cita!

De acordes na Biblioteca Fórum

Ata o 30 de xuño, na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano podedes desfrutar de De Acordes, a nosa nova mostra bibliográfica, adicada a música.

Deste xeito queremos render homenaxe a dous fitos culturais e musicais que tiveron lugar na cidade: o centenario do debut de Cántigas da Terra no Teatro Rosalía Castro, e o primeiro concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, que tivo lugar fai 25 anos no Palacio da Ópera da Coruña.

Na mostra poderedes atopar unha pequena selección do noso fondo documental e musical. E como complemento, poderedes gozar na biblioteca de música en directo  con actividades para tódalas idades:

.: Cantando coa Sinfónica

1442850340430_860_1000_U_5d2b5c6444a0ba70415d976ea5c48d25

Comezamos as actividades de De Acordes cun encontro/recital aberto no que algúns membros do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia falarán da súa expreriencia nel, a formación que reciben, as súas motivacións, etc. Ademais, durante a charla, os rapaces cantarán para os asistentes.

Luns, 24 de abril ás 19.00 h. na sala de adultos. Entrada libre ata completar capacidade

.: Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia

1442850340549_860_1000_U_144ccd6fbc6a4711c6164c72e72a78c

Temos a sorte de contar para a mostra co segundo dos concertos que o proxecto educativo “Son Futuro” da OSG fai en colaboración coas Bibliotecas Municipais a favor da cultura. O primeiro tivo lugar en Durán Loriga o pasado mes de decembro. E o derradeiro será o da Orquestra de nenos no Centro Cultural Ágora. Onde estrearán unha peza dedicada ao Sistema Municipal de Bibliotecas da Coruña.

No recital poderemos escoitar ás grandes voces do Coro Xove interpretar Odi et amo de Carl Orff,  Ave Verum Corpus de Mozart, Creep de Radiohead, Bohemian Rhapsody de Freddie Mercury, Fix You de Cold Play, entre outros.

Venres, 5 de maio ás 18:30 h. no Auditorio do Fórum Metropolitano. Entrada libre ata completar capacidade.

.: Concerto homenaxe a Carlos Casares

1442850340671_860_1000_U_27aab752d5be2d5372a781c8cdf69597

Con motivo da designación de Carlos Casares como autor do Dia das Letras Galegas 2017, Xardin Desordenado confeccionou un programa na súa homenaxe, no que se inclúe cancións con diversos textos do autor.

 

Luns, 8 de maio ás 19:30 h. na sala de adultos. Entrada libre ata completar capacidade (actividade dentro do programa Ler Conta Moito)

.: Manoele de Felisa. Acercarlle á infancia o mundo da poesía musicalizada1442850340765_860_1000_U_c1b23d0cad968d67acb8b3cfdf744c

Este cantautor galego con diferentes traballos publicados, ofrece unha actividade para lles achegar aos cativos e ás cativas o mundo da poesía a través das súas interpretacións musicais, así como algunha sorpresa lúdica para manter a atención e facela máis atractiva para o público infantil.

Luns, 5 de xuño ás 18:00h. na sala infantil. Dirixida a nenos e nenas de 3 a 9 anos. Entrada libre ata completar aforo (actividade dentro do programa Ler Conta Moito)


Se queredes ver unha pequena mostra do que atoparedes na Biblioteca Fórum, aquí tedes a guía de lectura.

E que como dicía o compositor alemán Carl María von Weber

“A música é a verdadeira linguaxe universal”

Agardamos que vos preste!