Ao paso dos versos: celebramos o Día Internacional da Danza

Cada 29 de abril desde o ano 1982 celébrase o Día Internacional da Danza. A data escollida corresponde ao nacemento de Jean-Georges Noverre (1727-1810), un innovador bailarín e coreógrafo que deu un xiro a esta disciplina. Como moitos pioneiros, nos seus tempos non foi moi comprendido, pero a día de hoxe considéraselle como o pai do ballet moderno.

Un día para que todas aquelas persoas que elixiron a danza como medio de expresión, traspasando barreiras culturais, políticas e étnicas, celebren a súa diversidade. Tamén unha data para lembrar que, como a música, a danza é unha arte completamente universal na que non existen discriminacións por raza, idade, aspecto, relixión ou clase social.

Cada ano o Comité Internacional da Danza do Instituto Internacional do Teatro (ITI) encarga a unha personalidade coñecida do mundo da danza a redacción dunha mensaxe, que neste ano corre a cargo do bailarín, coreógrafo, docente e actor surafricano Gregory Vuyani Maqoma. As súas palabras adquiren especial significado nestes momentos:

A medida que bailamos cos nosos corpos caendo no espazo e enredándonos xuntos, convertémonos nunha forza de movemento tecendo corazóns, tocando almas e proporcionando a curación que é tan desesperadamente necesaria. E o desafío convértese nunha soa danza, invencible e indivisible. Todo o que precisamos agora é bailar un pouco máis!”

O uso do corpo como unha linguaxe universal que todo o mundo pode entender. Iso é a danza. Unha disciplina que en ocasións non se libera de estereotipos, pois hai quen pensa que para ver danza hai que ser entendido na materia. Non é certo. Para ver danza hai que deixarse levar por ela e desfrutar do que nos provoca. Iso é todo.

Desde as Bibliotecas Municipais apostamos por poñer en valor e difundir esta arte a través da iniciativa Ao paso dos versos, que dá nome á playlist que vos propoñemos esta semana no noso perfil de Spotify: unha selección das músicas elixidas por compañías de todo o mundo para as súas representacións escénicas.

Unha lista de reprodución para deleitarse coa mestría das pezas clásicas de Bach, elixidas por compañías tan notables como o Ballet alla Scala de Milán ou o Tulsa Ballet. Destacamos deste último a exuberante obra A million kisses to my skin, na que a música abstracta e escura do compositor e os movementos expansivos dos corpos conducían ao público a unha experiencia sensorial única.

Tamén hai espazo para o rock and roll dos Rolling Stones, que cobra vida en Rooster, a  electrizante celebración dos anos sesenta do coreógrafo Christopher Bruce. Homes con traxe de serpe e mulleres fortes e atrevidas realizan danzas de cortexo virtuosas con algunhas das melodías máis famosas das Satánicas Maxestades, como Paint it Black, Sympathy for the Devil e a versión do clásico do blues Little Red Rooster.  A Rambert Dance Company, compañía de danza nacional de Gran Bretaña, combinou bailaríns de clase mundial e unha orquestra en vivo para crear unha experiencia realmente estimulante.

Contamos tamén co flamenco impecable de Enrique Morente, homenaxeado fai poucos anos polo Ballet de Víctor Ullate en El Sur, un espectáculo de fondas raíces andaluzas cunha fusión de universos diferentes: a danza, como forma de expresión, e o sentimento andaluz, como unha forma de entender a vida.

Música de cámara, rock, blues, flamenco… “Ao paso dos versos” é un reflexo da pluralidade de estilos que nutren e dan vida a esta marabillosa manifestación artística.

Se co “fío musical” non tedes suficiente, nos nosos blogs atoparedes diversidade de contidos en torno a este festexo: recomendacións lectoras para adultos no Blog dos Clubs de Lectura, e para a cativada no Blog das Salas Infantís. Tamén vos ofrecemos unha escolla de frases e reflexións de profesionais da danza no Blog Corto e Cambio, así como este podcast coa lectura dun fragmento da autobiografía da bailarina moscovita Maya Mijáilovna Plisetskaya:

Ir a descargar

E moita atención ás nosas redes! Ademais dunha fermosa felicitación audiovisual composta para a ocasión, haberá #Biblioretos “en movemento” da man do bailarín profesional José Antonio Checa e unha nova sesión de #asbibliotecariascontan, na que gozaremos da historia Un tigre con tutú. Como comprobaredes, unha especial e completísima proposta para celebrar, tomando as palabras do bailarín Sidi Larbi Cherkaoui: “a interminable coreografía da vida“.

Wanderlust: mapamundi sonoro

Non todos os que deambulan están perdidos.

O hobbit, J. R. R. Tolkien

Wanderlust é un termo moi popularizado a día de hoxe, pero non por iso menos máxico. Non ten tradución exacta na nosa lingua. Provén do alemán; orixinouse das palabras wandern, que significa “deambular”, e lust, que quere dicir “desexo”. Ven a ser “un forte desexo ou impulso de percorrer e explorar o mundo”. Paixón por viaxar, resumindo. Para moitas persoas é máis. É un modo de vida, de facer que a rutina se converta nunha sucesión de destinos, caras novas e experiencias diferentes. Porque viaxar sempre foi unha maneira de romper coa monotonía, unha das válvulas de escape máis eficientes que existen.

Pero… ante as circunstancias actuais, nas que certos impulsos e desexos están reprimidos, o de explorar o mundo soaravos como algo bastante improbable. Pois ben, desde as Bibliotecas Municipais respondemos a isto cun tópico galego: depende. Nestas novas condicións, habemos de seguir mantendo o noso espírito nómade como sexa. Ademais das fotografías, os relatos e as boas historias, a música eríxese como un medio absolutamente inspirador para vivir unha viaxe. Existen cancións capaces de invocar os nosos instintos viaxeiros máis primarios. Chegan a materializar o desexo de poder evadirnos e trasladarnos por un momento a eses destinos xa coñecidos ou pendentes de visita.

Cidades, rúas, paisaxes, recordos, aventuras… Iso é o que propón Wanderlust, a playlist desta semana: transportarnos a outros lugares do planeta sen movernos do sitio, sen facer a maleta. Cada canción é un billete a un novo destino. Non só por lucir o nome no seu título, senón por transmitir parte do encanto deses enclaves mediante a melodía e as letras. Porque a esencia máis real dos lugares atópase nas historias que se contan (e se cantan) sobre eles.

Máis tarde ou máis cedo, volveremos a saír e poderemos planear esa escapada “real”. Pero, de momento, vale a pena pechar os ollos e viaxar onde nos leve o poder da música. Dálle ao play. Bon voyage!

Lemos para ti, lectura en voz alta para adultos

Nun día tan especial para o persoal bibliotecario como é o Día do Libro, efeméride que celebramos este ano desde as Bibliotecas Municipais da Coruña coa campaña “Mollámonos polo libro”, bota a andar a proposta de lectura en voz alta para adultos Lemos para ti.


Mollámonos polo libro

Fai click na imaxe para ampliar información sobre a campaña.

Baixo o lema #Mollamonospololibro desde as bibliotecas apostamos por dar visibilidade e reivindicar o traballo de todos os axentes do sector do libro, así como tamén poñemos de manifesto a necesidade de crear rede e tercer comunidade entre todas as persoas que formamos parte do mesmo: libreirxs, escritorxs, editorxs, ilustradorxs, narradorxs, bibliotecarixs e lectorxs. E ti, móllaste polo libro?


Lemos para ti nace co obxectivo de acompañar a través da voz e achegar lecturas á cidadanía, especialmente a todas aquelas persoas non conectadas a través da Internet e/ou das redes sociais. E ve a luz nestes momentos de confinamento por mor da crise sanitaria Covid-19 para acercarnos a toda a comunidade de usuarios e usuarias das nosas bibliotecas. Coa voz transmitimos emocións, coa voz trasladamos ideas, coa voz recitamos poemas, coa voz contamos historias!!

Cunha periodicidade bisemanal, compartiremos en audio lecturas en voz alta de textos breves e/ou fragmentos de distintos xéneros (novela, poesía, relato, etcétera), que estarán dispoñibles tamén en formato podcast -de aproximadamente 3 minutos de duración cada un- no noso perfil de Ivoox para quen estea familiarizado coas redes sociais e desexe subscribirse ao canal.

A pesares da distancia física, as lecturas gravadas están realizadas coa mesma proximidade, agarimo e coidado co que facemos as sesións a viva voz nos espazos presenciais, e por suposto coa mesma vontade de encontro e convocatoria. Porque como dixo Juan Mata Anaya, presidente da Asociación Entrelibros

“a lectura en voz alta pode ser unha actividade hospitalaria, confortante, alentadora. Fronte á lectura solitaria e illada, a lectura en voz alta é unha forma de encontro, de convocatoria. A lectura en voz alta require a presenza doutros, crea comunidade. E iso produce pracer…”.

E inauguramos a proposta coas seguintes lecturas, que xa poden escoitarse e compartirse por diversas canles:

  • Fragmento da novela de intriga “El sueño eterno”, do escritor estadounidense Raymond Chandler (Chicago, 1888 – California, 1959) e publicada orixinalmente no ano 1939.

Ir a descargar

  • Fragmento de “Válido para unha viaxe”, do escritor, poeta e intérprete interdisciplinar Pau Gener (Sant Celoni, 1977). Traducido ao galego por Brais Estévez Vilariño e publicado en Estaleiro Editora.

Ir a descargar

  • Fragmento da novela “Señora de rojo sobre fondo gris”, considerada como unha declaración pública de amor de Miguel Delibes (Valladolid, 1920 – Valladolid, 2010), referente da literatura española, á súa muller.

Ir a descargar

Para finalizar, recordámosvos que iremos nutrindo semanalmente o catálogo de lecturas en voz alta con novos podcast. Agardamos desfrutedes escoitando estes fragmentos e convidámosvos a compartilos para construír entre todos este espazo de encontro que é #LemosParaTi.

Lista Reprodución Fórum: #quedanacasa

Xa falaron as miñas compañeiras en post anteriores da cantidade de movementos que xurdiron por parte da industria musical en torno á pandemia do COVID 19 para poder desfrutar da música en directo dende a casa. Ao longo dos próximos días seguiremos compartindo recursos convosco que de seguro non deixarán de medrar, mais hoxe queremos animarvos a xornada a bo ritmo aínda que non sexa en streaming.

Hoxe volta ao blog a Lista de Reprodución do Fórum máis necesaria ca nunca. A lista de reprodución pode ser unha boa forma de descubrir novos artistas ou simplemente deixarte levar polo son mentres vas facendo outras cousas… seguro que o confinamento che pasa a mellor ritmo!! Desta volta traemos novidades frescas chegadas á biblioteca e que poderedes levar en préstamo cando todo volte á normalidade. Namentras aí vos vai un petisco para ir abrindo boca.

Comezamos moi movidos a ritmo de pop e electrónica da man dos madrileños Miss Caffeina e o seu último traballo Oh Long Johnson, un curioso título que vén dun meme dun gato que parece pronunciar esas tres palabras e que no seu momento fíxose  viral na internet. Oh Long Johnson fálanos do poder que exercen os móbiles e internet sobre a xente hoxe en día. Alude a esa tendencia da vida dixital que leva ás persoas a tentar proxectar por todos os medios unha imaxe de felicidade constante e irreal. Unha temática moi acaída para o momento que estamos a vivir e que cando menos invita a pensar. Reflexións á marxe, o disco está plagado de grandes e moi pegadizos temas dende que arranca da man da canción homónima unha auténtica festa aínda que sexa nos peores momentos, así que a bailar!

Moi relacionado con internet está outra das nosas propostas, os neoiorquinos Vampire Weekend, banda de indie rock que se fixo coñecida por medio de blogs e a rede. Father of the bride (traducido como “O pai da noiva”) é o título do seu tan agardado cuarto álbum que chega despois de 6 anos de ausencia. Chega co seu selo de indentidade sempre recoñecible, un son ecléctico que desborda alegría e desprende luz. Abrimos pista coa espiritual Hold You Now.

Seguimos con  La Marabillosa Orquesta del Alcohol, tamén coñecidos como La M.O.D.A , unha das agrupacións que máis deron que falar durante estes últimos anos onde encandilaron co seu último  elepé Salvavidas (de las balas perdidas), e causaron furor ao longo da súa xira alá onde pisaron. Se algo define a esta agrupación burgalesa despois de pasar por varios discos en castelán e inglés é que acadaron un estilo propio moi marcado sobre todo polo timbre de voz do seu vocalista. La M.O.D.A. erixiuse como unha das bandas que dá voz ao que pensan miles de xóvenes do noso país, xa por iso merecen unha escoita.

Á lista sumamos tamén o xa coñecidísmo Astronauta da artista de Úbeda Zahara recente premio MIN ao mellor vídeo por “Hoy la Bestia Cena en Casa”. Zahara forma parte do elenco de artistas que comparten os seus directos a través de instagram. Nesa rede tamén se move coma peixa na auga David Martínez Álvarez, Rayden,  que no seu traballo Sinónimo conta coa colaboración de artistas coma Pablo López ou Andrés Suarez, entre otros.

Coma sempre aquí vos deixamos a lista ao completo para que a escoitedes con ansia e ganas de bailar. Agardamos que a próxima a compartamos dende a Biblioteca, namentras este é un bo xeito de achegarnos dende as nosas casas ás vosas porque non queremos despedirnos sen lembrarvos #quedanacasa somentes así podemos axudar a reducir a cadea de contaxios.

Lista Reprodución Fórum: #quedanacasa

Budiño – Fulgor,  Amaral – Salto al color, Miriam Rodríguez – Desperté, Two Door Cinema Club –  False Alarm, Vampire Weekend – Father of the Bride  , Taylor Swift – Lover,  Zahara –  Astronauta , Miss Caffeina – Oh long Johnson, Ángel Stanich – Camino Ácido, La M.O.D.A – Salvavida, Andrés Suárez  –  Pequeña Historia, Rosalía – Malamente,  Fredi Leis – Neón, Rayden – Sinónimo, Arce – Pedigrí,  Dios Ke Te Crew – O ciclo da serpe, Disco Las Palmeras – Cálida, León Benavente – Vamos a volvernos locos, Maren Ladson – Maren Ladson, Guadi Galego – O mundo está parado