Grazas a Sabela, Paula, Laura, Maikol, Lucas, Helena, María, Laura, Daniel G. Artés e María García do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia polo marabilloso encontro que tivemos na Biblioteca.
Grazas ao Coro Xove ao completo polo concerto no que desfrutamos de música de épocas e estilos moi diversos.
Grazas a Xardín Desordenado pola súa fermosa homenaxe a Carlos Casares, na que a través do swing, o blues e a bossa nova achegáronnos aos seus textos.
Grazas a Manoele de Felisa por facer que grandes e pequenos se acheguen á poesía musicalizada.
E grazas a todos vós por pasar estas tardes musicais con nós e por gozar da selección de libros e música que fixemos con tanto agarimo.
Na Biblioteca Fórum seguimos con De Acordes, a nosa mostra bibliográfica dedicada á música. Así que para este mes, entre tódolos compañeiros elaboramos unha Lista con algúns dos nosos discos favoritos.
E como somos tan distintos, obtivemos unha selección realmente variada, na que vos atoparedes con temas chill out, post-metal, gypsy jazz, soul, folk, rock, pop, música popular brasileira e ata temas de película. Agardamos que vos guste.
O cantante e compositor de música soul Benjamin Duterde, coñecido polo seu nome artístico Ben L’Oncle Soul, era un apaixonado do soul e a música negra desde antes de nacer por herdanza materna. Comezou a súa carreira musical no 2004 nun grupo góspel chamado Fitiavana. Nos inicios da súa carreira en solitario facíase chamar Oncle Ben, pero en 2009 cambiouno, para evitar equívocos coa marca de arroz Uncle Ben’s. Ademais do soul, tamén lle gusta o hip-hop e colaborou, tanto no escenario, como compoñendo temas, con artistas como Oxmo Puccino ou Hocus Pocus. O seu primeiro álbum Ben L’Oncle Soul (2010) conta con cancións en inglés e francés, que desprenden bo humor e recrean as décadas dos 50, 60 e 70. Destacamos Little Sister, que tamén ten cunha versión en francés.
Pianista, compositor, contrabaixista, director de big band e activista contra o racismo, Charles Mingus, icona do jazz da segunda metade do século 20, definía o jazz como “a música clásica negra”. Autodeclarado discípulo de Duke Ellington, este xenio musical só durou tres días na súa orquestra, pois o seu carácter irascible e temperamental tróuxolle numerosos problemas, causando mesmo confrontacións en medio de concertos. Mingus Ah Um (1959) é un dos seus discos cume, no que cada tema considérase unha clase de jazz, talento, furia e creatividade. Como Goodbye Pork Pie Hat, un blues lento dedicado a Lester Young.
A banda británica Coldplay, lanzou en 2011 Mylo Xyloto, o seu quinto álbum de estudo. Un traballo que “fala sobre dúas personaxes tentando atopar o amor e a felicidade nun mundo opresivo”. O disco comezou sendo acústico e foi evolucionando ata incorporar notas electrónicas. Paradise, o segundo sinxelo, foi escrito por Chris Martin para o gañador da séptima edición do programa The X Factor, pero o baterista Will Champion convenceuno de que deixala para o disco. O tema conta con dous vídeos musicais, un dirixido por Hype Williams (co que a banda non quedou del todo satisfeita), e o que vos deixamos a continuación, de Mat Whitecross, cuxa trama e concepto foron ideados por Chris Martin, quen interpreta ao home disfrazado de elefante que escapa do Zoo de Londres buscando o seu fogar.
Nacida a mediados dos 80, a banda estadounidense Neurosis ten un son moi orixinal e diverso, froito das súas variadas influencias (Joy Division,Pink Floyd e Black Sabbath entre outros). Desencadeantes da corrente post-metal, a súa música foi a base da carreira musical de grupos comoIsis ou Cult of Luna. The Eye of Every Storm (2004), o seu oitavo álbum de estudo, é considerado a obra mestra do grupo, sendo máis melódico que os seus traballos anteriores. Destacamos Left To Wander.
Se queredes descubrir os álbums que seleccionamos para vós e levalos en préstamo, lembrade pasar pola Biblioteca Fórum. Pero mentres, aquí tedes a Lista de Reprodución ao completo:
Adele – All I Ask. Antonio Vega – Lucha de giantes.Aretha Franklin – I Say a Little Prayer. Ben L’Oncle Soul – Little Sister. Bruce Springsteen – Thunder Road. Bruno Mars – Locked Out Of Heaven.Caetano Veloso – Você é linda.Carlos Núñez – Alborada de Rosalía. Charles Mingus – Goodbye Pork Pie Hat. Coldplay – Paradise. Compay Segundo– Anita. Cult of Luna – Circle. Edith Piaf– Non, Je ne regrette rien.El Kanka –A desobedecer.India Martínez – Los Gatos no Ladran.Iván Ferreiro – Turnedo. John Legend – Start a Fire. La Bien Querida – A.D.N.Iron Maiden – The Wicker Man.Mika –Happy Ending. Muchachito – Me tienes frito. Neil Diamond – Sweet Caroline. Neurosis – Left to Wander. Nina Simone – Since I Feel for You. Queens of the Stone Age – If Only. Red Hot Chili Peppers– By the Way. Venus in Motion– This Woman.Zaz– Cette Journée.
Na mostra “De acordes”, e dentro do programa “Ler Conta Moito”, temos a sorte de contar con Xardín Desordenadoen concerto. A cita será o luns 8 de maio ás 19:30 horas na Biblioteca do Fórum Metropolitano.
O grupo foi creado en Vigo no ano 2011, cando comezaron a percorrer bibliotecas e librarías buscando palabras ás que poñer música e chámase así así por unha expresión que utiliza Daniel Salgado nun dos seus libros. Como resultado da procura, realizando unha selección segundo o que lles provocaban os poetas, e logo levan os textos ao seu terreo, o jazz. Este traballo conta cunha unha dificultade engadida, pois o grupo evita tratar textos que xa foron musicados por outros.
O obxectivo de Xardín Desordenado é promover a poesía galega. De feito no seu primeiro traballo, chamado coma o grupo, escolleron quince poemas de homes poetas, que acompañaron de instrumentos acústicos; mentres que no segundo, Aprendendo a ladrar, reúnen cancións compostas sobre textos de poetas galegas, dende Rosalía a autoras contemporáneas, coma Carmen Krukemberg, Marica Campo, Olga Novo, etc.
Aquí a súa versión de Neno, de Manuel María:
No concerto renderán homenaxe a Carlos Casares, escritor a quen este ano se lle adica o día das Letras Galegas. Nel incluirán textos ben coñecidos do autor, como “A Galiña Azul” ou “Un Polbo Xigante”, pero tamén poemas non publicados ata agora en libros. Iso sí, os textos irán aderezados con moito swing, moito blues e moita bossa nova.
Agardámosvos o luns 8 de maio ás 19:30 h, cando teremos o pracer de escoitar a Santiago Ferragud, Marlene Rodrigues, David Outomuro, Lorenzo Boo e Isaac Garabatos.
E se non podedes vir, ou quedades con ganas de escoitalos de novo, o mércores 10 de maio á mesma hora, estarán na Biblioteca de Estudos Locais.
Xa tivemos a sorte de coñecer a oito dos seus membros no encontro Cantando coa Sinfónica, do pasado 24 de abril.
De esquerda a dereita: Sabela, Paula, Laura, Laura, Maikol, Lucas, Helena e María.
Nel os rapaces contáronnos qué é para eles o Coro, compartiron anécdotas e vivencias do tempo que levan no mesmo. E sobre todo, fixéronnos partícipes da súa paixón pola música, e do compañeirismo e a amizade que hai entre eles. O seu amor polo coro e a boa sintonía reinante, fan que non importen as distancias (algúns membros veñen de Monforte ou León), o importante é cantar, e mesmo o fan nos descansos dos ensaios.
Pode que parte da maxia, consista en que non teñen que sobresaír uns sobre os outros, senón que o que se busca é un empaste de voces, unha boa sintonía, algo que sen dúbida conseguen.
Todos falaron do que lles aporta, o que melloraron desde que comezaron e como lles compensa o traballo extra de asistir aos ensaios os sábados pola mañá, ou mesmo ir cantar despois da súa graduación. Outra mostra do que lles gusta a música é que moitos o compaxinan tamén co Conservatorio; no coro hai grandes violas, pianistas, etc.
O pase de diapositivas require JavaScript.
A paixón polo Coro é algo que teñen en común co seu director Daniel García Artés, que comezou no Coro aos 19 anos, e que desde fai dous leva a batuta en solitario; e coa súa coordinadora, María, que leva máis de 20 anos nel.
Do que non cabe a menor dúbida é do seu talento, pois tres dos que nos acompañaron, Laura, Helena e Lucas, xa forman parte do Coro de Adultos da OSG.
Nós tivemos a oportunidade de escoitalos cantar un par de temas. Pero esta vez, no Auditorio do Fórum estará o coro ao completo, e ollade o programa que teñen preparado:
.: Odi et amo – Carl Orff
.: If music be the food of love – Henry Purcell
.: Ave Verum Corpus – W. A. Mozart
.: When you wish – Leigh Harlile (arr. Daniel G. Artés)
.: I Will follow him – Franck Pourcel, Paul Mauriat (arr. Daniel G. Artés)
.: Creep – Radiohead (arr. Daniel G. Artés)
.: One day more – Claude-Michel Shönberg (arr. Mark Brymer)
.: Bohemian Rhapsody – Freddie Mercury (arr. Daniel G. Artés)
.: Fix You – Cold Play (arr. Daniel G. Artés)
Como podedes ver, abarcan tanto música clásica e contemporánea, coma pop, e é que aínda que agora só está Daniel (que revolucionou o coro ao incluir temas máis coñecidos), o coro tivo antes outros directores: José Antonio García Mato, Fernado López Briones e José Ramón Rodríguez Castellanos, e as preferencias de cada un por un estilo, deixou en herdanza un repertorio moi amplo e variado, que lles permite achegarse a todo tipo de público.
Se queredes pasar unha tarde escoitando boa música, non vos perdades o Coro Xove da OSG. Agardámosvos!!
A formación, composta por 35 rapaces de entre 13 e 21 anos, aparece trala consolidación do Coro e dos Nenos Cantores da OSG, entre os que fai de ponte.
O Coro Xove conta xa cunha longa traxectoria, pois o próximo xuño cumpriranse 12 anos dende a súa presentación ante o público. Neste tempo, obtivo o 2º Premio no Certame Coral Fira de Tots Sants de Concentaina, en Alacante; así como o Premio do Público e o 2º do Concurso Nacional de Corais Antonio José, en Burgos (2008). Adoita colaborar co Coro e a Orquestra Sinfónica de Galicia, e ofrece con regularidade concertos a capella en distintas localidades de Galicia.
Se vos gusta a música, agardámosvos na Biblioteca Fórum onde estas promesas falarán da súa experiencia no Coro Xove, a formación que reciben, as súas motivacións, etc. Unha oportunidade única na que ademáis poderemos escoitalos interpretar algúns temas do seu repertorio, o que nos servirá para abrir boca de cara ao concerto que terá lugar no Auditorio o 5 maio ás 18:30h.
Ata o 30 de xuño, na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano podedes desfrutar de De Acordes, a nosa nova mostra bibliográfica, adicada a música.
Deste xeito queremos render homenaxe a dous fitos culturais e musicais que tiveron lugar na cidade: o centenario do debut de Cántigas da Terra no Teatro Rosalía Castro, e o primeiro concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, que tivo lugar fai 25 anos no Palacio da Ópera da Coruña.
Na mostra poderedes atopar unha pequena selección do noso fondo documental e musical. E como complemento, poderedes gozar na biblioteca de música en directo con actividades para tódalas idades:
Comezamos as actividades de De Acordes cun encontro/recital aberto no que algúns membros do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia falarán da súa expreriencia nel, a formación que reciben, as súas motivacións, etc. Ademais, durante a charla, os rapaces cantarán para os asistentes.
Luns, 24 de abril ás 19.00 h. na sala de adultos. Entrada libre ata completar capacidade
Temos a sorte de contar para a mostra co segundo dos concertos que o proxecto educativo “Son Futuro” da OSG fai en colaboración coas Bibliotecas Municipais a favor da cultura. O primeiro tivo lugar en Durán Loriga o pasado mes de decembro. E o derradeiro será o da Orquestra de nenos no Centro Cultural Ágora. Onde estrearán unha peza dedicada ao Sistema Municipal de Bibliotecas da Coruña.
No recital poderemos escoitar ás grandes voces do Coro Xove interpretar Odi et amo de Carl Orff, Ave Verum Corpus de Mozart, Creepde Radiohead, Bohemian Rhapsody de Freddie Mercury, Fix You de Cold Play, entre outros.
Venres, 5 de maio ás 18:30 h. no Auditorio do Fórum Metropolitano. Entrada libre ata completar capacidade.
Con motivo da designación de Carlos Casares como autor do Dia das Letras Galegas 2017, Xardin Desordenado confeccionou un programa na súa homenaxe, no que se inclúe cancións con diversos textos do autor.
Luns, 8 de maio ás 19:30 h. na sala de adultos. Entrada libre ata completar capacidade (actividade dentro do programa Ler Conta Moito)
Este cantautor galego con diferentes traballos publicados, ofrece unha actividade para lles achegar aos cativos e ás cativas o mundo da poesía a través das súas interpretacións musicais, así como algunha sorpresa lúdica para manter a atención e facela máis atractiva para o público infantil.
Luns, 5 de xuño ás 18:00h. na sala infantil. Dirixida a nenos e nenas de 3 a 9 anos. Entrada libre ata completar aforo (actividade dentro do programa Ler Conta Moito)
Se queredes ver unha pequena mostra do que atoparedes na Biblioteca Fórum, aquí tedes a guía de lectura.
E que como dicía o compositor alemán Carl María von Weber