Grande Amore en concerto (de balde) no AgoraSón do outono 2022

Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto.

Esta edición do AgoraSón terá como protagonista o músico do Valadouro, na mariña lucense, Nuno Pico, coñecido no panorama musical como Grande Amore, que acaba de recibir este mes o premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica, e é unhas das revelacións máis recentes dentro do panorama musical galego.

    O Servizo de Normalización Lingüística, o 22 de outubro ás 21.00 h, volve organizar o concerto do AgoraSón outono (co gallo do Día da Biblioteca e para promover a lectura e o emprego de materiais audiovisuais en lingua galega), en colaboración coas Bibliotecas Municipais da Coruña.

    Grande Amore naceu coa idea de xogar co techno, o rock and roll e o pop dos 80 dende a óptica da música electrónica actual. Editou os seus primeiros singles “Todo ou nada” e “Esta cruz“, moi influenciados por correntes estilísticas como o Italo Disco ou o High Energy. A mediados de 2021, e logo de diversas colaboracións con artistas como Ortiga, Verto ou Mundo Prestigio, sae á luz o seu primeiro álbum, de título homónimo, no que se mostra máis cercano ao post-punk, o darkwave e os sons industriais. Amosa unha grande implicación e compromiso coa lingua galega e caracterízase polo seu estilo moderno e fresco. A web Hipersónica recoñeceuno como o mellor disco do ano en España, nunha lista na que figuraban nomes coma o de C. Tangana.

    O evento terá lugar no auditorio do Centro sociocultural Ágora o día 22 de outubro ás 21.00 horas.

    A asistencia será de balde, mais precisará a recollida previa de invitación nas Bibliotecas Municipais. 

    Concertos nos mercados: Día da Biblioteca con Letras no Mercado

    O 24 de outubro  celebramos o Día da Biblioteca instalándonos nos mercados  municipais coa proposta #Letrasnomercado de 9.00 a 14.00 h, poderasnos atopar nos seguintes mercados municipais : As Conchiñas, Monte Alto, Santo Agostiño, Praza de Lugo e Elviña. Haberá sorpresas, libros, música, obradoiros…

    Polo que respecta á música, será a protagonista no Mercado de Elviña e no das Conchiñas:

    • Mercado de Elviña: Concerto “FemininoPlural Silvia Penide á voz e Carla López á voz e ao piano, renden homenaxe ás autoras femininas ao longo da historia co seu espectáculo “Femeninoplural”, que achega ao público unha ruta musical e poética, un universo de mulleres autoras, de libros e cancións. Soarán cancións de Amaral, Guadi Galego, Julieta Venegas, Patti Smith e escoitaremos textos de Lucía Aldao, entre outras.

    • Mercado das Conchiñas: Porque sí, con Aldaolado: O proxecto Aldaolado está formado polas poetas María Lado e Lucía Aldao, que desde o ano 2005 achegan a poesía dun xeito diferente ao público.O espectáculo “Porque sí”, mistura recital de poesía en galego, humor e música en vivo. Aldaolado consegue facer do recital poético un acto atractivo, íntimo e divertido para todo tipo de público, ata aqueles que nunca leron a poesía, facéndonos rir e emocionando ao mesmo tempo. A súa ampla experiencia no teatro permítelle combinar a improvisación e falan sobre o amor, o idioma, as mulleres ou as súas propias experiencias como creadores, entre outros temas.

    Pero ademais da música, consultade a programación, porque haberá teatro, contacontos, obradoiros… e moitas sorpresas. Vivan as Bibliotecas!!!!