Cancións para as nais

Hoxe imos celebrar un dos días máis sinalados do ano, o Día da Nai. Dende a casa, con videochamadas, música e  moita imaxinación. Queremos homenaxear a todas as nais que nos axudan a seguir medrando, que nos impregnan de amor, unión e fortaleza. Elas son unha fonte inesgotable de inspiración polo seu traballo e compromiso.

É doado atopar cancións inspiradas na figura da nai, musa para moitos e moitas artistas. As Bibliotecas Municipais de A Coruña poñen a vosa disposición unha lista de reprodución en Spotify para que desfrutedes este día tan especial.

ODAS AS NAIS

Miña nai, miña naiciña: canción popular galega. Interpretada por distintos artistas como Luar na Lubre, Juan Pardo ou  Silvia Pérez Cruz, entre outros. Este canto popular é unha das oda máis fermosas que se lle poden dedicar a unha nai.

Madrecita de Osvaldo Farrés: este bolero era o tema preferido de Farrés. Unha canción dedicada a súa nai que se fixo moi popular na súa época. Foron moitos e moitas artistas que interpretaron esta canción do compositor cubano. Hoxe é o tema máis popular para cantar no día da nai en moitos países latinoamericanos.

Amor de madre de Gabinete Galigari: unha canción de amor incondicional a figura da nai. É unha oda ao amor que unha nai sente polo seu fillo ou filla. Enxalza o seu papel educador e protector.

Tell mama de Clarence Carter: un dos temas máis populares para cantar nesta data, sobre todo no mundo anglosaxón. Foi interpretada por Etta James que popularizou a canción. Décadas despois, Janis Joplin faría unha versión do tema. 

A song for mama de Boyz II Men: esta canción advirte que nunca haberá na vida un amor tan sincero e incondicional como o amor de nai. Saber que unha nai sempre está aí, queda ben definido nesta canción.

Mama, mama de Jean Jacques: con 13 anos de idade, Jean Jacques, interpretou, nun certame de Eurovisión, esta canción que espertou os sentimentos maternais de case todos os espectadores. É un himno-marcha dedicado á figura da nai.

De parto de Joan Manuel Serrat: unha homenaxe ás nais primerizas. Canción que relata a figura dunha nai dende que está embarazada ata os primeiros días e os cambios que experimenta a súa nova vida.

Mama de Spice Girls: sacaron este single que no seu día púidose descargar xustamente o día da nai. Unha canción feita para celebrar este día tan especial.

Madre de Orishas: o grupo cubano dedica unha canción a todas esas nais loitadoras que tiveron que ser nais e pais á vez e que traballaron moi duro para sacar aos seus fillos adiante.

Mama told me not to come de Thee Dog Night: canción para todas esas nais que están a vivir desesperadamente a adolescencia  dos seu fillos e fillas. Mulleres precavidas e protectoras que ven perigo en todas partes e que non aceptan as modas. Tome Jones e Stereophonics fixeron tamén una versión deste tema.

CANCIÓNS BIOGRÁFICAS

The Wish de Bruce Springsteen: é a canción máis persoal e autobiográfica do artista estadounidense chea de detalles cotiás da súa vida. Mostra o cariño e orgullo que sinte pola súa nai.

Mami de Mala Rodríguez: conecta dalgún xeito ca canción Mami que popularizaron Los Chicos nos 80’s. É unha balada inédita coa que Mala Rodríguez dirixe unha mensaxe a unha nai que bota en falta porque traballa moitas horas para sacar a súa familia adiante.

Mama’s boy de Los Ramones: Joey Ramone define a súa propia personalidade falando dun neno de mamá, dun rapaz mimado. Sen dúbida, un clásico desta lendaria banda de punk.

Mama’s pearl de Jackson Five: nada podían ter máis en común os Jackson Five que a súa nai. Compuxeron esta canción para pedirlle que os deixara crecer. Suplican o visto bo da súa nai para botarse moza.

Mama’s boyfriend de Kanye West: o rapeiro canta o seu desexo de ser el a persoa que coidase da súa nai e non todas esas parellas que pasaron polo seu fogar cando West era pequeno. Na canción podemos sentir a frustración do cantante ante os mozos da súa nai.

Mother dear de The Divine Comedy: Neil Hannon, líder da formación irlandesa, compuxo esta canción para homenaxear a súa nai con estrofas coma esta: “Ela nunca me deixou ir, mantívome cálido e seguro. Nunca vou perder a fe na miña nai querida”.

Thinking of you de Lenny Kravitz: é unha canción nostálxica dedicada a súa nai. Lembra con agarimo a vida de neno xunto a ela. Pregúntase se foi feliz e se está orgullosa del.

Turn to you de Justin Bieber: neste single Bieber encomia todo o esforzo que fixo a súa nai por el, por sacar adiante á súa familia. Móstrase tenro e cariñoso ao cantar que el tamén estará aí por ela no momento no que o necesite.

Mama de Chris Brown: canción de amor incondicional. Fala dos pequenos detalles da súa infancia xunto á súa nai. Relata accións tan cotiás como cando o deitaba ou o agarimo que lle daba cada día.

Oh mother de Christina Aguilera: unha chiscádela a canción Oh father de Madonna. É unha balada na que conta as críticas e abusos que tanto ela como a súa nai recibiron por parte do seu pai. Pon de manifesto a enteireza de ambas para superalo.

Por ti de El Canto de el Loco: tema sentimental para agradecer ás súas nais todo o apoio que recibiron. Moi lonxe queda da canción La madre de José en clave de humor.

Te voy a decir una cosa de Amaia Montero: a nai de Amaia foi fundamental no éxito profesional da ex vocalista da Orella de Van Gogh. Por iso, a cantante quixo lembrar os mellores momentos que nai e filla viviron.

The perfect fan de Backstreet Boys: a boyband da década dos 90’s desatou un fenómeno fan entre a xuventude. Entre todas esas fans sobresaen as súas nais. Nesta canción agradecen o apoio.

Por tantas cosas de Álex Ubago: se hai unha muller que non lle rompeu o corazón a Ubago esa é a súa nai.  O cantante agradece todo o que fai por el e os seus consellos.

CANCIÓNS DE DESARRAIGO

Mama said de Mettallica: é unha canción de desarraigo, dunha persoa que intenta atopar o seu propio camiño. Transluce a mala relación de James Hetfield coa súa nai debido ás súas crenzas.  Os seus pais eran membros dunha seita que prohibía o uso das medicinas. De feito, a súa nai morreu dun cancro que non tratou e isto xerou un serio conflito entre James e os dogmas relixiosos practicados pola súa familia. Non é a única canción que James Hetfield lle compon a súa nai: The God That Failed,  Dyers Eve e Until It Sleeps.

Take your mama de Scissor sisters: a letra da canción representa a loita de ser un mozo homosexual criado nun ambiente conservador e as dificultades da aceptación da súa sexualidade por parte da súa nai e o seu contorno.

Cleanin out my close de Eminem: nesta canción Eminem lava os trapos sucios fora da casa literalmente: “Síntoo mamá, nunca quixen ferirte, nunca quixen facerche chorar, pero esta noite vou sacar os trapos sucios”.

CANCIÓNS DE ARREPENTIMENTO

Headlight de Eminem: e nesta, Eminem descúlpase coa súa nai, Debbie Mathers, por faltarlle o respecto na canción anterior e por mostrar desprezo e resentimento cara a ela no pasado.

Perdóname de Camilo Sesto: o cantante compuxo a súa nai esta canción de arrepentimento. Queda no recordo de todos aquel día que Camilo Sesto rompeu a chorar en directo cando lle estaba dedicando esta canción a súa nai, Dona Joaquina, quen non paraba de secar as bágoas cun pano.

Los siento de Laura Pausini: a cantante estivo un tempo enfrontada a súa nai, Gianna, cando esta tiña 19 anos. Co paso do tempo Pausini deixou o rancor a un lado e compuxo esta canción tras a reconciliación de ambas.

CANCIÓNS PÓSTUMAS

Mama liked the roses de Elvis Presley: dabondo é coñecida a estreita relación do Rey coa súa nai Gladys, á que sempre tivo como modelo de muller ideal. Estiveron moi unidos ata que o seu falecemento deixou o cantante moi abatido. Esta coñecida canción é so unha das múltiples dedicatorias que Elvis lle cantou a súa nai.

Iris (hold me close) de U2: Iris é o nome da nai de Bono que morreu dun aneurisma cerebral cando o líder da banda tiña 14 anos. Unha perda que o marcou moito e que reflexa nesta canción.

Caravel de Baiuca xunto a Nita de Fuel Fandango: Baiuca recupera os versos do poema que Rosalía de Castro dedica a súa nai tras sufrir a súa perda no poema A mi madre. Nita é a elexida para dar voz a nosa poetisa más valorada.

Amor eterno de Juan Gabriel: o gran artista mexicano compuxo este tema en honra á súa nai falecida. Unha canción triste que tamén foi interpretada por Rocío Durcal

No estás de Ana Torroja: a ex cantante de Mecano dedicou esta canción á súa nai falecida. Ambas estaban moi ligadas por iso, compuxo esta canción dando a coñecer o moito que bota de menos estar ao seu lado.

Mother  de John Lennon: canción sobre a falta da figura materna (e tamén paterna) na vida do ex Beatles. O pai de John abandonou a familia cando este era un neno e a súa nai, Julia, foi atropelada por un condutor ebrio cando Lennon tiña 17 anos. É o segundo tema que John Lenon dedica a súa nai, sendo o primeiro deles a canción Julia de The Beatles.

OUTRAS CANCIÓNS

Your mother should know de The Beatles a canción foi escrita por Paul McCartney para a película Magical mystery tour.

It’s alright ma (i’m only bleeding) de Bob Dylan Escribiuse moito sobre o significado da mensaxe. Non sei como cheguei a escribir esa canción” dixo Dylan en 2004. Quizais sexa unha denuncia contra o mundo e as súas regras.

Mama de Genesis para moitos era unha canción sobre o aborto ou sobre o abandono dun fillo pero en realidade, Phil Collins escribiu sobre un mozo adolescente que ten unha fixación maternal por unha prostituta.

If i was your mother de Bon Jovi a banda estadounidense describe como sería o seu papel se eles foran nais. Retratan a unha muller moi posesiva e atafegante.

Mamma mia, de ABBA non é unha canción dedicada as nais, este éxito dos 80’s fai referencia a expresión que indica sorpresa ou admiración por algo: Miña nai!