Fai pouco máis de 365 días poñíamos en marcha un ciclo de concertos que configuraba un novo punto de encontro entre patrimonio bibliográfico e sonoro, reafirmando o compromiso das Bibliotecas Municipais de A Coruña coa cultura musical da cidade. O proxecto “En clave de Á” xurdía como unha colaboración entre a Asociación de Estudantes do CSM da Coruña e a Biblioteca Ágora para ofrecer a música de solistas e grupos de cámara nun entorno un tanto diferente. Grazas ao esforzo e implicación de Eloy Vázquez e Susana Pérez, coordinadores da Asociación, o alumnado do Conservatorio saiu da “zona de confort” académica para ensaiar o seu repertorio ante un público real e entusiasmado coa iniciativa.
Doce meses nos que vimos pasar polo “escenario” bibliotecario a máis dunha treintena de artistas, tanto solistas como formacións diversas: duetos, un cuarteto de metal, un quinteto de vento, un grupo de jazz… Con eles descubrimos instrumentos tan singulares como o cello e o clarinete, gozamos da beleza da guitarra, emocionámonos co piano, apreciamos a peculiar sonoridade da flauta… Unha nova xeración de músicos que non só aposta por cambiar as regras da interpretación, senón tamén por diluir os límites entre os públicos e as formas contemporáneas de consumo cultural.
Este xoves tamén temos cita entre libros e melodías. Gozaremos da música de Ana Represas (cello), Cristina Bernal (piano) e do trío de violín, clarinete e piano formado por Aitor López, María Giraldes e Javier Segade. Será a partir das 19 h nun encontro de entrada libre e para todos os públicos. Agardámosvos!