Ataque Escampe padecen de amor

ataque_escampe-785x523

Sería 2006 ou 2007. As primeiras novas sobre eles chegaban aos poucos, de forma difuminada e parcial, acompañadas da agradecida gravación en CD-r que che facía algún amigo para pasarche os seus primeiros temas. Cadaquén facía fincapé nas referencias compartidas. Ataque Escampe eran o grupo de Samuel Solleiro. Ataque Escampe eran o grupo de Roi Vidal. Ataque Escampe eran un grupo da Faculdade de Filoloxía da USC. Ataque Escampe eran un grupo das tascas de Vista Alegre. Ataque Escampe saían polo Avante. Etc…  A vida é así.

Ás primeiras escoitas cadaquén ía facendo a súa composición persoal sobre o grupo. Boas letras, ironía, mestura de referencias da cultura popular, rock de serie B, imaxinario particular no musical e no social, discurso definido e ben comunicado, … Un grupo diferente e do que sempre apetecía escoitar máis.

Os anos e os discos foron pasando, as referencias aos datos biográficos particulares deixaron paso ao proxecto musical colectivo e aquelas primeiras intuicións sobre as AE mudaron na constatación de estarmos diante dunha sólida (e feliz) realidade. A súa autodefinición: “As Ataque Escampe escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre.”

Outra posible, igual de pertinente e feliz, a que ofrece o escritor Mario Regueira: “Hai moitos tipos de fronteiras, non só as políticas, e o grupo transitou por moitas delas. De México a California, do rock ao tango, dos poetas dos 50 ao dadaísmo, ou do sublime á serie B nun só paso, porque o interesante deses espazos é o feito de camiñar entre eles incansabelmente, trazar rutas para futuros viaxeiros, e poder dicir ás persoas que habitan nas beiras que forman un todo cos do outro lado. O custo pode ser desigual, para cruzar á ida pode chegar con sobornar a un axente de fronteiras, na volta pódese chegar tiroteado e coas costas molladas. É o prezo do contrabando de ideas. No caso concreto da Galiza, por exemplo, as fronteiras mal definidas entre o rural e o urbano crean longas zonas de transición cunha idiosincrasia propia. As vilas grandes e os bairros dalgunhas cidades son universos próximos rexidos polas mesmas regras. Ataque Escampe son como os cabalos atados nos descampados das aforas. (Somos libres como bestas). Veñen do lugar onde se beben viños sen nome nen cor definida, onde se discute de poesía e cinema diante dunha tapa de callos, de espazos onde chove sempre, ininterrompidamente, e algúns, sabendo que é mexo, botan man do paraugas e berran con toda a forza para avisar aos demais.”

230312_ataque1

Porque Ataque Escampe, en realidade, padecen de amor. Só hai dor mentres vive a esperanza, escribira nun dos seus máis fermosos versos Pilar Pallarés. Esperanza que non morre e que explica e dialoga coa raiba, a indignación e a consciencia de que a sociedade na que vivimos -periférica, negra e colonial: Galiza- podería ser outra cousa. Do lado de Frantz Fanon, Aimé Cesaire, Stokely Charmichael e Albert Memmi, as Ataque Escampe cantan calipsos, incendian temas de soul sureño en días de chuva verde compostelá e soben ao palco da música de todas as festas, nos prados do carón da Cidade da Cultura.

Non nos imos deter neste post na súa traxectoria, tamén perfectamente explicada por eles mesmos no seu blog, senón simplemente incitarvos a entrardes na súa música. Toda -e iso non fácil dicilo dun grupo!- a súa discografía merece a pena. Dalgunha forma ela mesma conformou, do 2007 a hoxe, a banda sonora -ferida e consciente- da mocidade galega atrapada nestes violentos anos dez, músicas posibles dunha época de resaca de fin de festa, de loita de clases renovada, de desemprego, emigración xuvenil e derrota xeracional.

Nas nosas bibliotecas podedes atopar parte da discografía e as colaboracións musicais do grupo compostelán:

  • A grande evasión [Gravación sonora] / Ataque Escampe. — [A Coruña] : A Regueifa discos, D.L. 2009
  • Nsaio & Gzcrea [Grabación sonora] : a música emerxente de Galicia. — [Santiago de Compostela] : Dirección Xeral de Xuventude e Solidaridade , 2008
  • Galicia es una mierda [Grabación sonora] / Ataque escampe. — [A Coruña] : A Regueifa discos, D.L. 2008
  • Manifesto Dobarrista [Grabación sonora] : un disco tributo a Andrés do Barro. — [A Coruña] : Falcatruada, D.L. 2007

Sés, talento e forza de aquí para o mundo

mariaxosesilvar

Que Sés se converteu na grande novidade da música galega dos últimos anos é amplamente compartido e recoñecido dentro do mundo cultural do noso país. Hoxe concita o favor do público -mesmo conseguiu crear un certo fenónemo fans no ámbito xuvenil- e o respecto do propio sector, con unicamente dous discos no mercado.

Diante do escepticismo habitual que xorde cada vez que un artista de noso acada certo suceso convén poñer ás claras que o seu non se cimenta en grandes campañas de marketing promocional ou na repetición pagada das súas cancións nas radios comerciais, senón nun traballo constante e calado de anos que se fai sólido en base a centos de concertos e se extende a través do boca a boca. Tocando en garitos, en IES, en locais de asociacións, cobrando máis, menos ou nada, sendo comprendida ou non, … Sés pasou por diferentes momentos anímicos na música, mais seguiu adiante e foi queimando etapas cara á madurez. Da inicial con Chámalle Xis á do primeiro disco –Admirando a condición, con AiraPro–  ata a actual de recoñecemento unánime e éxito de público -co disco Co xenio destrozado, xa con Fol Música-.

50ba3b8b757cf-ses1

A súa música? Galega, latinoamericana, negra, blues, rock, tradicional, de autor, … Todo xunto, pero tratado con respecto e bo facer. A chave do asunto: o seu directo. Carisma, talento e forza que sorprenden e entusiasman a quen a ve por primeira vez, até o punto de mudar os públicos en fans. Así foi subindo chanzos e gañando o cariño e a admiración de cada día máis xente.

Se xa a coñecías, continúa a gozar da súa música. Se non era o caso, achégate a ela. Resulta, desde logo, moi recomendable.

Para saber máis, podedes pinchar aquí e aquí.

Para saber máis podedes escoitar o audio dunha das súas entrevistas onde fala da historia do tema “Concordias de Papel e unha pequena reportaxe que lle adicaron no El Pais “Vuelve el ciclón Sés

Nas nosas bibliotecas podedes atopar os seguintes traballos da artista galega:

  • Admirando a condición [Grabación sonora] / Sés ; arranxos e producción musical, María Xosé Silvar [Sés] e David Paz. — A Coruña : Falcatruada, 2011
  • Co xenio destrozado [Grabación sonora] / Ses. — [S.l.] : Fol Música, cop. 2013
  • Cantigas de mulleres [Grabación sonora]. — [S.l.] : Fol Musica, D.L. 2012