Lista de Reprodución Fórum: Viaxando… con música

Este mes traémosvos unha Lista pensada para acompañarvos nas vosas viaxes e complementaria a Pérdete… viaxando, a mostra do verán da Biblioteca Fórum, da que podedes desfrutar ata finais de setembro. Unha escolma de libros, revistas, música e películas seleccionadas con motivo da Campaña de verán Móvete’17 do servizo de Turismo Xuvenil do Centro Municipal de Información Xuvenil.

Música de distintas épocas e estilos, na que atoparedes grupos como The Cure ou AC/DC e artistas máis próximos, como Sés ou Xoel López, aos que puidemos ver fai uns días nas Festas de María Pita.

Se vos pedimos que digades unha canción do grupo noruegués A-ha, seguramente se vos veña á cabeza Take on Me, que con 7.000.000 de copias é un dos sinxelos máis vendidos do mundo. Considerada un One-hit wonder (flor dun dia), foron precisas tres versións do tema para que se convertise nun éxito, en gran parte grazas ao segundo e revolucionario videoclip polo que obtiveron seis premios MTV Video Music en 1986. Nel vemos aos membros da banda en animacións debuxadas a lápis e en escenas filmadas en vivo. O vídeo conta con numerosas parodias, como a de Dustin McLean, que cambiou a letra do tema para que describise o que sucedía en cada plano.

A Rush Of Blood To The Head (2002), o segundo álbum de estudio da banda británica Coldplay, está marcado polo 11S, xa que os atentados tiveron lugar unha semana antes de que comezaran a gravación do mesmo, o que influíu no estado anímico á hora de compoñer. O terceiro sinxelo deste traballo, Clocks foi composto nunha das últimas sesións de gravación, e inicialmente, pensaron deixalo para o terceiro álbum. O tema desprende un ton de desesperación, cunha letra críptica e cargada de contradicións. Coldplay vendeu máis de 13.000.000 de discos de A Rush Of Blood To the Head, que obtivo o Grammy a mellor álbum de rock alternativo, mentres que Clocks foi elexida grabación do ano, sendo hoxe en día un dos seus temas máis exitosos.

O zaragozano Enrique Bunbury lanzou en 1999 Pequeño, o seu segundo álbum en solitario. Neste traballo do ex vocalista e líder de Héroes del Silencio incluíase El extranjero, un tema que fala do desarraigamento, de sentirse foráneo na túa terra e pertencente a un lugar remoto.

Á cantante e actriz estadounidense Macy Gray comezou a súa carreira musical de casualidade: un amigo lle pediu que escribise letras para o seu grupo, e cando o vocalista non se presentou no estudio de gravación convidárona a substituílo. Pouco despois fichou por unha discográfica, e co primeiro álbum, On How Life Is (1999), chegou o éxito grazas ao tema I Try polo que recibiu o Grammy á mellor intérprete pop feminina. O vídeo musical de I Try, gravado en distintos lugares de Nova York, obtivo o MTV Video Music Award a Mellor Artista Novo.

Lembrade que na Biblioteca Fórum podedes levar os álbums dos traballos seleccionados. Pero mentres, aquí tedes a Lista de reprodución ao completo.

A-Ha – Take on Me. AC/DC –Black in Black. Adele –Someone Like You. Amy MacDonald –Let’s Start a Band. AndresCalamaro (int.: Los Pericos) – Flaca. Bonnie Tyler – It’s a Heartache. Bruce Springsteen – My Hometown. Coldplay – Clocks. Elton John – Crocodile Rock. Enrique Bunbury – El extranjero. Hombres G – Venecia. Led Zeppelin – Stairway To Heaven. Loquillo y los Trogloditas – Cadillac solitario. Macy Gray – I Try. Maria Rita – Encontros e Despedidas. Marlango – Lo que sueñas vuela. Oasis – Wonderwall. Russian Red – Cigarettes. Sés – Canto aquí canto na Habana. Simon & Garfunkel – America. Steppenwolf – Born To Be Wild. The Beatles – She’s Leaving Home. The Cure – Close to me. The Doors – Roadhouse Blues. XoelLópez – Patagonia. Zaz – Je veux.

Advertisements

Lista de Reprodución Forum: De acordes e letras

Este mes, co día do libro á volta da esquina e a nova mostra da Biblioteca Fórum, De acordes, adicada á música, presentámosvos unha lista reducida no número de temas, pero na que os discos veñen moi ben acompañados, pois relacionamos libros coas cancións que inspiraron e viceversa. E é que o vínculo entre música e literatura constitúe unha das máis antigas e proveitosas colaboracións entre as distintas manifestacións de arte.

Atoparedes relacións curiosas, como Firework de Katy Perry e Na carretera, de Jack Kerouac; a Caperucita Roja de Ismael Serrano e a versión que fan do clásico Aaron Frisch e o ilustrador Roberto Innocenti; O Aleph de Nena Daconte e o de Borges ou a de O Maestro e Margarita de Mijaíl Bukgákov, que inspirou a Franz Ferdinand, Patti Smith, Pearl Jam e os Rolling Stones, entre outros.

Tras deixar Heroes del Silencio, o cantante, compositor e multinstrumentista zaragozano Enrique Bunbury incluíu no seu primeiro álbum como solista (Radical Sonora) o tema Alicia (expulsada do país das marabillas), unha balada na que nos presenta a unha Alicia menos infantil e inocente, xa que como se pode ver no vídeo musical, non é unha nena. Nesta ocasión a obra que acompaña ao tema de Bunbury é a creada por Àngel Burgas e ilustrada por Ignasi Blanch, Alicia y el país de las maravillas, na que se recrea a forma en que se explicou por primeira vez a historia. Aerosmith, The Beatles, Jefferson Airplane e Marilyn Manson son algúns dos que tamén se basearon na obra máis popular de Lewis Carroll para crear as súas cancións.

O igual que ocurre con gran parte do álbum Diamond Dogs (1974), David Bowie inspirouse para crear o tema 1984 na novela do mesmo nome de George Orwell, e é que o artista británico, fascinado pola obra, quería adaptala para o teatro, pero o proxecto nunca se puido levar a cabo, xa que a viúva de Orwell non deu permiso. Deste álbum saíu outra das persoaxes de Bowie, Halloween Jack, que se caracterizaba polo mono vermello, o aro na orella, o parche no ollo e un pano no pescozo.

Con Pet Sematary, o single do disco Brain Drain (1989), da banda estadounidense Os Ramones, ocorre algo distinto, xa que o tema foi un encargo de Stephen King (fan do grupo), para a película do mesmo nome baseada na obra O ceminterio de animais do mestre do terror. O tema foi un dos grandes éxitos dos Ramones nos 90 e a letra foi composta por Dee Dee Ramone unha hora despois de que King lle dese unha copia da súa novela. O vídeo musical filmouse no cemiterio de Sleepy Hollow, en Nova York e nel móstranse escenas da película e aos Ramones nunha tumba aberta.

A cantante, compositora e actriz estadounidense Lana del Rey inspirouse en numerosas ocasións na literatura para compoñer os seus temas. Tal é o caso de Off the Races, inspirada en Lolita de Nabokov, ou Ultraviolence, canción que dá nome ao seu tecer álbum de estudo (2014), e que é un termo que Anthony Burgess utiliza en A laranxa mecánica para facer referencia aos actos de extrema violencia, normalmente inxustificada e con vícitimas escollidas ao azar. Ultraviolence conta cun refrán moi pegadizo e cunha letra moi escura, na que aparece algunha frase en castelán.

Aquí tedes a Lista ao completo. Lembrade que na Biblioteca Fórum poderedes atopar os traballos dos temas seleccionados e as obras vinculadas.

Black Sabbath – Behind the Wall of Sleep.Bunbury – Alicia expulsada del País de las Maravilas. Café Tacuba – Las Batallas. David Bowie – 1984. Deep Purple– TheMule.Héroes del silencio – La sirena varada. Ismael Serrano – Caperucita. Katy Perry – Firework. Lana del Rey – Ultraviolence. Mago de Oz – Molinos de viento. Nena Daconte – El Aleph.Nirvana – Scentless Apprentice.Pink Floyd Pigs.Queen Flash.Ramones Pet Sematary. Sting – Moon Over Bourbon Street.The Alan Parsons Project – I Robot.The Beatles Norwegian Wood. The Rolling Stones – Sympathy For The Devil.