Leria, son unha banda de indie pop coruñesa formada por catro mulleres de 19 a 24 anos e que o xurado do VII concurso Novos Valores 2023 do Festigal escolleu como banda gañadora. As súas integrantes, Mayra, Helena, Andrea e Itziar, serán as encargadas de abrir o Festigal o vindeiro 24 de xullo.
Fotografía tomada do instagram de Leria
Dende Bibliosons quixemos coñecelas un pouquiño máis polo miúdo ademais do que sabiamos delas polo que reza a súa biografía web:
Leria comeza nas rúas de A Coruña, con May e Hele.Tras un bolo en acústico, con caixón e guitarra… entendemos que esto funciona e queremos e necesitamos axuda. É entón cando aparece Itzi nas nosas vidas como baixista do grupo e un tempiño despóis, incorpórase Andrea.
No ano 2022 tocamos en varias salas de Coruña, unha delas a Mardi Gras (3 veces).É en Agosto cando debutamos nun escenario grande, o do festival “ROCK IN CAMBRE”E esa é a nosa historia breve e concisa.
Fotografía tomada do instagram de Leria
Máis eu o dato que recalco é o que podemos ler na súa conta de instagram Tocando polas rúas de A Coruña.Indie pop en galego.
B. Así que a pregunta é case obrigada, parece indiscutible o auxe que está a vivir a música en galego, pero vós como decidistes facer esa aposta?
A verdade é que apetecíanos cantar neste idioma. Parécenos unha lingua fermosa para cantala cunha sonoridade impresionante. E ademáis, sentimos que a lingua galega está como asinada a un estilo como é o folclore e non é así.
B. E en relación coa pregunta anterior, como é o proceso creativo para as novas cancións? Individual, en grupo a lume lento, rápido…
Xeralmente partimos dunha idea que trae algunha das miembros do grupo. Ás veces intentamos comezar algo xuntas, depende un pouco da inspiración.
B. Enmarcadas dentro do indie pop, cales son os vosos referentes? que tipo de música acostumades escoitar?
Acostumamos escoitar iso, aínda que en realidade escoitamos de todo un pouco.
Temos como referentes a Ginebrasno tema facer música para pasalo ben, dar un show entretido . Pero encántamnos outros artistas como Xoel López, Sidecars, Ede,… pero cada unha individualmente ten os seus gustos diversos jajaja.
Videoclip oficial LERIA – Queres ir a bailar?
B. O ano pasado tocastes no Rock in Cambre, como foi a experiencia? Xa podedes dicir se sodes máis de festival ou de sala pequena? 😉
A verdade é que é un pouco cedo para dicir o que preferimos , xa que así nun escenario tan grande só estivemos esa vez. Pero sempre é guai poder moverse sen darlle á compañeira no ollo.
Este 24 de Xullo que imos ao Festigal, e poderemos confirmar que os escenarios grandes molan máis.
B. Agora mesmo andades metidas de cheo na programación das sesións vermús polos barrios da cidade que durarán ata maio, como está sendo a acollida por parte do público?
En xeral, ben. Tamén é verdade que non é o mesmo un público que vai verte a ti que un público que foi tomar un vermú e atopouse contigo. Pero quen intenta desfrutar da nosa música sempre ten boas palabras para nós.
B. Como se presenta este verán?
Cargadiño de cousas a verdade. Non podemos dicir moito, pero quen queira ir vernos , terá a oportunidade seguro.
B. E xa para rematar, que lle diriades ao público máis novo que aínda non vos coñece, que vai atopar na vosa música?
Que se anime a escoitarnos, que cremos que temos un directo para pasalo ben e para todo o mundo.Na nosa música vai atopar boas vibras, estrousos pegadizos e a catro tías chulísimas aos mandos dunha banda, que a día de hoxe tampouco é tan común ver nun escenario.
A Biblioteca Fórum ven de poñer en marcha un novo ciclo temático:“De meu, de teu, de seu: a importancia da convivencia interxeracional na sociedade”para dar visibilidade e tomar conciencia da importancia das relacións interxeracionais tanto dende un punto de vista teórico, a través de charlas de expertos, coma práctico coa realización de obradoiros nos que prime a convivencia e interacción de persoas de diferentes idades.
O mércores 27 de abril ás 19 h. a sala de adultos da biblioteca acolle un faladoiro da man do músico e investigadorXurxo Fernandes no que nos achegaremos precisamente á interxeracionalidade como elemento singular dentro do folclore: pasado, presente e futuro das ruadas nas que desaparece a división etaria. Descubriremos cales son as claves para afianzar estes espazos e como contribuír desde o ensino a fornecer códigos que permitan o funcionamento actual e futuro deste fenómeno de lecer.
Imaxe de Xurxo Fernandes para Bibliosons
Dende Bibliosons conversamos un anaquiño, para coñecer máis polo miúdo ao creador e artista coruñés, Xurxo Fernandes, que ten un merecido recoñecemento como etnógrafo da música de tradición oral galega, da que beben proxectos artísticos como ‘Radio Cos’, e tamén destaca como intérprete da música urbana dos xudeus do imperio Otomán, no que está baseado o seu personaxe de Jako o Muzikante.
B. En Levaino! o teu último e exquisito traballo pódese dicir que conflúen a túa vertente investigadora e a interpretativa e exploras a conexión existente entre a tradición oral de Galicia coa do Mediterráneo Oriental. Eu persoalmente no primeiro no que reparo é no título, paréceme que transmite forza e moita mensaxe atrás del. Cal é o verdadeiro significado de Levaino!?
X. “Levaino!” é unha exhortación a levar connosco a nosa identidade alá onde vaiamos. Nun mundo no que vivimos en minoría impregnados pola globalización é un grande reto manter a nosa esencia e ao mesmo tempo estar abertos e ser permeábeis ao universo que nos rodea. Un traballo ben dificil: non habitar guetos mentais nin diluírse na corrente que arrastra as masas.
B. Levaino! ofrece doce temas que recolleches en Coristanco (A Coruña), Samakov (Bulgaria), A Mezquita (Ourense), Salihli (Turquía), Tordoia (A Coruña), Larache (Marrocos) e Tel Aviv (Israel). Entendo que entre a música da terra e a da vertente Mediterránea a diferenza é notable, pero, que características diferenciadoras sinalarías entre as cantigas da Mezquita e as de Tordoia por exemplo? E os toques de pandeireta?
X. A música tradicional ,igual que a língua, é un contínuo ao que nós lle asignamos unhas divisións para poder encaixalas nos nosos esquemas mentais. De modo que as diferenzas que pode haber entre as cántigas de Tordoia e as da Mezquita dependen do lugar onde se sitúe o interlocutor. A min persoalmente quédame máis próximo Tordoia, un concello que explorei moito grazas ás gravacións de campo e co que tiven un vínculo laboral moi estreito, de modo que as músicas da Mezquita – e non é polo nome- parécenme máis exóticas. Seguro que á xente da Mezquita Tordoia sóalle a grego…hahaha. Galicia é moi grande! No plano musical a dispersión populacional que hai na Galiza favorece a diversidade e a riqueza de melodías e toques de pandeireta, sen dúbida. O feito de que haxa diferenzas no toque entre aldeas que teñen dous quilómetros de distancia dános unha idea da magnitude do tesouro que temos entre mans.
B. Por certo, esa conexión entre a tradición galega e a de todos eses países que mencionamos na pregunta anterior, que curiosa non? É que a música de raíz ten estas similitudes en xeral entre países ou hai algún vínculo especial nestas para cadralo todo nun disco?
X. Como ben dis as músicas de raíz teñen algo en común. Alén da súa xénese estritamente musical, pasaron por varias peneiras: o tempo, a memoria e a aprobación popular. Pero ademais disto eu vexo que a tradición oral de Galiza está vencellada á oralidade norteafricana e mediterránea: comparten o mesmo modo de entender a voz e as percusións de man. Un vínculo que non está moi explorado e que me interesa pór enriba da mesa aproveitando a miña experiencia na investigación de dúas realidades músicais: a galega e a da comunidade sefardí de oriente.
B. Parece que na actualidade estamos a vivir un auxe do folclore e da música de raíz galega, o exemplo máis evidente recén o acabamos de vivir co fenómeno Tanxugueiras, pero pensas que veu para quedar ou que pode ser unha moda pasaxeira?
X. Cal é a moda pasaxeira? O auxe do folclore ou a música das Tanxugueiras? Espero que ningunha. O folclore en Galicia pasou varias veces por este punto álxido. Nos anos 60 a empresa Butano S.A. organizaba un concurso itinerante de muiñeira que reunía en Compostela a máis de 35000 persoas para asisitir á súa final. Sen redes sociais. Nos anos 90 o concurso de pandeireteiras de Xacarandaina tiña ocupado o teatro Colón da Coruña durante tres fins de semana seguidas con fileiras quilométricas que daban a volta aos xardíns de Méndez Núñez para asistir ao evento. O fenómeno non é novo pero temos unha memoria moi fráxil, o pé coxo do folclore.
B. No faladoiro da Biblioteca Fórum achegaremos á interxeracionalidade como elemento singular dentro do folclore, practicamente o único ou un dos poucos fenómenos de ocio no que conviven diferentes xeracións. Quixera que nos contaras que situación están a vivir na actualidade as ruadas, imaxino que coma a todos os fenómenos sociais e de lecer se viron afectados pola pandemia, pero hai recuperación actualmente?
X. Parece que si, a xente está participando moi activamente nas propostas que van aparecendo. Penso que levan bo camiño. Pero tamén hai que redefinilas. Para saber que é unha ruada hai primeiro que destilala e pór enriba da mesa os elementos importantes que non poden faltar para evitar que se convirtan, por exemplo, en sinónimos de festival onde a participación espontánea brilla pola súa ausencia ou festa convocada pola “comisión de festas”con grupos que tocan de balde.
B. Que papel xogan realmente as ruadas e as foliadas na trasmisión e conservación do patrimonio cultural oral galego?
X. Por agora o papel na conservación e na transmisión é escaso, sendo que ese papel hoxe en día xógano as asociacións culturais en exclusiva. Ademais disto, as ruadas de hoxe en día están carentes duns códigos que permitan esa transmisión dun modo voluntario e natural, como pasaba antigamente. Hoxe o escenario mudou totalmente pero os códigos non se actualizaron, senón que desapareceron. Un traballo pendente.
B. Sabemos que comezaches dende moi noviño a túa andaina percorrendo Galiza e realizando un traballo de campo valiosísimo que precisamente é o que agora se reflexa nos teus discos, pero quen foi realmente para ti esa persoa “interxeracional” que che transmitiu o amor e interese pola música tradicional?
X. O meu interese na música tradicional veu pola língua, polo tanto as primeiras persoas que me fascinaron eran meus avós. A outra referencia é a xente maior que me ensinou tan xenerosamente.
B. E como cres que será a transmisión interxeracional de agora en diante? Cando sexa a nosa xeración a que teña que transmitir a tradición galega sen tela vivido como a viviron as nosas avoas e avós.
X. Nós temos que contarlles como era o mundo sen internet e sen teléfono móbil, a música xa escoitan por Spotify… hahahahaha…