Nova playlist en Spotify: Poesía Sonora

Toda canción ten algo de poesía e case toda poesía podería facerse canción.

O poeta Joan Margarit, Premio Cervantes 2019, afirmou rotundo cando soubo do galardón que “as únicas ferramentas que consolan de verdade ao ser humano son a música e a poesía”.

Eternamente unidas, imprescindibles, son unha forma de transmisión da nosa historia, cultura e sentimentos. A poesía representa a música das palabras, a beleza estética e espiritual, a forma máis elevada da linguaxe. Os sons dos poemas son un retrato de vida e morte, de amor, de nostalxia, de homenaxe, de crítica… Temas universais que dan forma a moitas das emocións que xorden no medio desta “situación distópica” que vivimos, situación que está a mudar en moitos casos a nosa forma de afrontar a realidade.

Coa playlist desta semana poñémonos intensas, vaia. E destacamos eses poemas que se converteron en canción da man de artistas e grupos variados, pasando a formar parte do universo musical. Adaptacións que, ademais de brindar consolo, poden contribuír a que a nosa conciencia e sentimentos non se acartonen nin sexan vítimas do confinamento.

Poesía Sonora non é unha lista de reprodución. É unha válvula de escape. Un butrón na parede. Como dicían na película El cartero y Pablo Neruda, “a poesía non é de quen a escribe, se non de quen a necesita”. Quedámonos con iso. Dálle ao play. Toda túa.

Música para o confinamento: Inland Valley

O confinamento por mor do coronavirus segue e, desgraciadamente, os concertos en directo son algo que tardaremos aínda días en poder presenciar. Pero dende Bibliosons queremos seguir compartindo con vós opcións para poder desfrutar da música. Falamos de concertos dende a casa, de listas de reprodución e por suposto non queremos deixar de lado as bandas emerxentes da cidade que tamén están sufrindo o parón. Hoxe presentámosvos, para quen aínda non os coñeza a  Inland Valley, a quen a pandemia do COVID-19 pillou no estudo preparando o seu EP.

Inland Valley son un grupo formado por Sandra Guedev e Robin Sar, que pode definirse como unha mestura de Dream Pop/ Indie con toques de Post Rock. Iso é o que reza a bio dos seus perfís en redes sociais. O estilo do grupo pode asentar as súas bases nunha mestura de Dream Pop, Indie e Alternativo, no que teñen cabida diferentes elementos doutros xéneros.

“O estilo do grupo pode asentar as súas bases nunha mestura de Dream Pop, Indie e Alternativo, no que teñen cabida diferentes elementos doutros xéneros.”

Sandra (@sandraguedev) cantante e letrista, nada na Costa da Morte, pero que xa leva 8 anos vivindo na Coruña, compaxina a súa faceta musical coa de productora. Robin (@robin_rsar) é o guitarrista. Naceu e medrou na Coruña e destaca por tocar a guitarra dende os 13 anos, comezando de maneira autodidacta. Pasou por distintos grupos e diferentes xéneros (rock,metal) pero sempre como guitarrista. Dende o 2016 forma parte do AdHoc, grupo de Metal/Hardcore.

Foto da súa actuación na Sala Malatesta na final do concurso de bandas emerxentes

Sexa como fora esta recente banda creada no 2018 asegúrovos que non deixa indiferente a quen a escoita. Queredes probas?

O pasado mes de novembro foron finalistas no concurso de bandas emerxentes #outramaisoutra organizado polos coruñeses Estudios Mans. Daquela tocaron en directo na sala Malatesta de Compostela. 

Estiveron tamén entre os candidatos aos Premios MIN da música independente deste ano nas categorías de “Mellor artista emerxente” e “Mellor canción do ano”.

E o pasado 15 de febreiro uns poucos foron os privilexiados en velos por primeira vez en concerto na sala Baba Bar da Coruña presentando temas que formarán parte do que será o seu primeiro EP.

Recentemente formaron parte da segunda edición do #FicaNaCasaFest, unha fantástica inciativa de música para o confinamento levada a cabo por @galicia_molona e que este fin de semana celebrará unha nova edición por terceira semana consecutiva.

Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña desexámosvos moita sorte e moitos azos!! En nada vémonos nos escenarios porque namentras todo isto pasa #euficonacasa