O venres 5 de maio ás 18:30 h no Auditorio do Fórum Metropolitano teremos o pracer de escoitar ao Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Xa tivemos a sorte de coñecer a oito dos seus membros no encontro Cantando coa Sinfónica, do pasado 24 de abril.

De esquerda a dereita: Sabela, Paula, Laura, Laura, Maikol, Lucas, Helena e María.
Nel os rapaces contáronnos qué é para eles o Coro, compartiron anécdotas e vivencias do tempo que levan no mesmo. E sobre todo, fixéronnos partícipes da súa paixón pola música, e do compañeirismo e a amizade que hai entre eles. O seu amor polo coro e a boa sintonía reinante, fan que non importen as distancias (algúns membros veñen de Monforte ou León), o importante é cantar, e mesmo o fan nos descansos dos ensaios.
Pode que parte da maxia, consista en que non teñen que sobresaír uns sobre os outros, senón que o que se busca é un empaste de voces, unha boa sintonía, algo que sen dúbida conseguen.
Todos falaron do que lles aporta, o que melloraron desde que comezaron e como lles compensa o traballo extra de asistir aos ensaios os sábados pola mañá, ou mesmo ir cantar despois da súa graduación. Outra mostra do que lles gusta a música é que moitos o compaxinan tamén co Conservatorio; no coro hai grandes violas, pianistas, etc.
A paixón polo Coro é algo que teñen en común co seu director Daniel García Artés, que comezou no Coro aos 19 anos, e que desde fai dous leva a batuta en solitario; e coa súa coordinadora, María, que leva máis de 20 anos nel.
Do que non cabe a menor dúbida é do seu talento, pois tres dos que nos acompañaron, Laura, Helena e Lucas, xa forman parte do Coro de Adultos da OSG.
Nós tivemos a oportunidade de escoitalos cantar un par de temas. Pero esta vez, no Auditorio do Fórum estará o coro ao completo, e ollade o programa que teñen preparado:
.: Odi et amo – Carl Orff
.: If music be the food of love – Henry Purcell
.: Ave Verum Corpus – W. A. Mozart
.: When you wish – Leigh Harlile (arr. Daniel G. Artés)
.: I Will follow him – Franck Pourcel, Paul Mauriat (arr. Daniel G. Artés)
.: Creep – Radiohead (arr. Daniel G. Artés)
.: One day more – Claude-Michel Shönberg (arr. Mark Brymer)
.: Bohemian Rhapsody – Freddie Mercury (arr. Daniel G. Artés)
.: Fix You – Cold Play (arr. Daniel G. Artés)
Como podedes ver, abarcan tanto música clásica e contemporánea, coma pop, e é que aínda que agora só está Daniel (que revolucionou o coro ao incluir temas máis coñecidos), o coro tivo antes outros directores: José Antonio García Mato, Fernado López Briones e José Ramón Rodríguez Castellanos, e as preferencias de cada un por un estilo, deixou en herdanza un repertorio moi amplo e variado, que lles permite achegarse a todo tipo de público.
Se queredes pasar unha tarde escoitando boa música, non vos perdades o Coro Xove da OSG. Agardámosvos!!