Lista Reprodución Fórum: Outono a ritmo de música galega

Coma quen non quere a cousa pero expremendoo ao máximo pasou xa o verán, chegan as chuvias, a caída da folla e comezana refrescar os días. Estamos no outono, época para moitos de cambios e novos propósitos pero época tamén nostálxica coa que na Lista de Reprodución de Fórum volvemos á carga, desta volta facémola con música galega. Os seguidores do blog poden dar boa conta que dende Bibliosons apoiamos e visibilizamos a música e os artistas da terra. Con esa mesma idea creamos físicamente na Biblioteca Fórum unha sección de música en galego onde poderedes atopar cedés tanto de artistas galegos coma de que aqueles que cantan en galego. A lista podería ser longa pero coma sempre facemos escolla de 20 traballos que xa tedes listos para poder levar en préstamo.

Comezamos cos composteláns Novedades Carminha e o seu disco “Juventud infinita” onde podemos desfrutar da súa esencia garaxeira, toques descarados e canallas nas letras e temas moi pegadizos. O vídeo do single que leva o mesmo nome do disco foi estrenado por un medio tan importante como El País. Novedades segue estando de plena actualidade co seu hit “Mucho nivel”. Nós  abrimos boca con “Quiero verte bailar”.

Sen marchar de Compostela aproveitamos para facernos eco de Fredi Leis, intérprete, músico e compositor que desde pequeno empeza a tocar o piano de maneira autodidacta. Fredi Leis postúlase como unha das promesas da canción de autor renovada. Dáse a coñecer en Souncloud conseguindo centos de miles de escoitas e percorre salas e teatros do circuíto nacional de cantautores. Xa está dispoñible o single “Nivel experta” do que será o seu próximo disco que verá a luz no 2021. Namentras quedamos con “Mariposas” do seu traballo Neón.

Seguimos cunha das grandes revelacións da música galega e española dos últimos tempos, a ourensá Marem Landson. Filla de nai galega e o famoso baloncestista Willie Ladson.Tras debutar na primavera de 2018, cun primeiro álbum homónimo que cultivou críticas entusiastas, Marem, participou nunha infinidade de festivais ( FIB, Vida, Noroeste, Sinsal, Ribeira Sacra, Ewan Fest…). Un primeiro disco gravado con tan só 19 anos e composto por once cancións que se pasean polo pop, o rock e o folk. Landson ten influencias clásicas pero un son contemporáneo ao que acompaña de moita personalidade.

E con mulleres continuamos, concretamente co cuarteto de indie-rock  do Barbanza Agoraphobia. A banda nace no ano 2006, coma un cuarteto de amigas de instituto que compartían o gusto pola música punk e as ganas de facer as súas propias cancións. As Agoraphobia recén acaban de tocar no Festival da Luz. Na lista rescatamos o seu traballo “Incoming Noise”, un disco contemporáneo no que podemos desfrutar de dez cancións nas que conflúen distintas tendencias pero cun marcado carácter rock.

Neste outono musical a ritmo de música galega podes desfrutar ademáis de artistas tan dispares coma Davide Salvado, Los Suaves, Narf, os rapoemas da viguesa Aíd, o gran Iván Ferreiro, voltar ao sempre rememorable Deluxe co seu “Los jóvenes mueren antes de tiempo”, etc. E por suposto non queriamos deixar pasar a ocasión para render a nosa pequena homenaxe a gran Ana Kiro cando se acaban de cumprir, o pasado 24 de setembro, 20 anos do seu pasamento.

Coma sempre aquí vos deixamos a lista ao completo para que a escoitedes con ansia e ganas de bailar na nosa canle de spotify. Podedes consultar a súa dispoñibilidade no catálogo e vir a recollelos á Biblioteca, agardámosvos!!

Lista Reprodución Fórum: Outono a ritmo de música galega

Ana Kiro – Toda unha vida,  Jane Joyd – Shy Little Jane Presents, Marem Ladson – Marem Landson, Alba María –  Aínda, Tanxugueiras – Tanxugueiras, Iván Ferreiro – Casa, Cepeda –  Nuestros Principios , Fredi Leis – Neón, Novedades Carminha – Juventud Infinita, Miriam Rodríguez – Cicatrices, Agoraphobia  – Incoming Noise, Hard GZ, Tee Amara – Versus,  Davide Salvado – Lobos, Deluxe – Los Jóvenes Mueren antes de Tiempo, Los Suaves – Maldita sea mi suerte, Budiño – Fulgor, Narf – Nas Tardes Escuras, Aíd – Rapoemas, Luz Casal – La pasión, Xabier Díaz – Noró