Lista Reprodución Fórum: As mulleres na música

Se algo caracteriza ao mes de marzal é o día  8 de marzoDía Internacional da Muller.  No noso blog musical queremos celebrar de forma específica esta data de relevancia, non é efeméride calquera, adicando a Lista de Reprodución ás mulleres coraxe que encheron e enchen a música de voces femininas con moito que dicir e berrar.

Pouco a pouco, e coma en case tódolos ámbitos, e con moitos esforzos a muller adquiriu unha respetable posición na sociedade musical. Aportou a súa creatividade e o seu talento en diferentes estilos musicais ata chegar sen darse apenas conta a ser líderes de bandas de rock ou a convertirse en conocidísmas instrumentistas por exemplo.

A lista de mulleres destacadas dentro da música seria moi longa asi que na Lista de Reprodución da Biblioteca Forum Metropolitano tan só deixamos unha pequena escolma que abrangue diversos xéneros musicais e diferentes épocas.Pero sobre todo queremos resaltar as voces de mulleres galegas.

Comezamos cunha gaiteira de excepción e que precisamente está de aniversario sobre os escenarios Susana Seivane 1999-2019, de quen os coruñeses poidemos desfrutar o pasado mes de febreiro dun concerto especial 20 aniversario na sala Garufa.

FA, o seu último traballo tras oito anos de silencio discográfico,  opta aos Premios da Música Independente na categoría de mellor álbum de músicas do mundo e fusión. FA (Fiz e Antón os seus fillos) é unha profunda introspección no mundo da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal. Sen perder a súa esencia definitoria, Susana explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición e erixíndose como unha das máis virtuosas gaiteiras de todos os tempos.

O fenómeno musical da actualidade en Galicia é Sés, cun club de fans xuvenil incluído e milleiros de seguidores nas redes sociais. Forza, enerxía e carisma acompañados dun discurso sen pelos na lingua. Neste mes de marzo sae tamén á venda o seu novo disco que presentará entre outras datas o día 15 no teatro Rosalía. A “RABIA AO SILENCIO” que cantaba Yupanki dá nome a este traballo composto por unha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor, mais todas elas ligadas a un pobo do que manaron e ao que nutriron. Sés, proponnos desta volta un traballo acústico, máis íntimo e directo do que nos ten acostumados.

Da seguinte voz tamén poderemos desfrutar ben prontiño, desta volta compartindo escenario con Pablo Castaño Quartet feat dentro da programación Estación de Jazz A Coruña 2019 coa presentación do disco A-la-láa. Ugia destacou entre outros proxectos por ser a versátil vocalista de Marful, un grupo cuxa seña de identidade era sobre todo a música do  futuro, en palabras da propia Ugia “música popular galega urbana” que supuxo camiños distintos, nunca percorridos pola música galega. Pero sobre todo, Ugía é unha muller decidida e vital, que transmite enerxía en estado puro e en cada ollada.

Aínda que penso que xa non queda moito por dicir dela, non podiamos deixar sen mencionar a Guadi por quen temos unha especial debilidade. Primeiro con Berroguetto, despois formando alianzas fermosas de pequeno formato  (Espido, Nordestinas) e finalmente tamén en solitario, Guadi é hoxe unha voz imprescindíbel na nosa música, con presenza e referencialidade alí onde participa. Das súas benditas “Lúas de Agosto e Setembro” xa falamos longo e tendido neste post.

E pechamos o pequeno pero intenso recorrido con Silvia Penide e Carla López e co seu espectáculo Feminino Plural onde fan unha homenaxe ás mulleres autoras ao longo da historia. O percorrido que nos presentan está repleto de historias contadas e cantadas, de voz e música, e reflicte o magnífico patrimonio que nos deixaron as autoras universais que tantas veces permaneceron en segundo plano. Unha viaxe para descubrir, recoñecer, valorar e gozar con elas e por elas. Poderemos desfrutar da delicia do seu directo o próximo 14 de marzo na Biblioteca Forum.

A lista ao completo podedes escoitala aquí, e non esquezades consultar o catálogo para ver a dispoñibilidade dos discos que podedes levar en préstamo.

Aid – Rapoemas. Guadi Galego – Lúas de Outubro e agosto. Silvia Penide – InvisibleSusana Seivane –  Susana Seivane. Marful –Marful. Dulce Pontes – Pereginaçao. Alba María – Aínda  . Chavela Vargas – Antología.  Pasión Vega – Flaca de amor. Patti Smith – Horses. Florence + The Machine – How Big, How Blue, How Beautiful.  Björk – Debut. Adele – 25. Sés – Opoñerse á extinción.   Leilía – ConSentimento. Uxía – Eterno navegarEstrella Morente – Mujeres. Nina Simone – The Greatest Hits. Diana Krall – Wallflower. Norah Jones  –  High Violet

Advertisements

Benditas “Lúas de outubro e agosto”

Recén saído do forno poucas presentacións merece que non se lle fixeran xa. Lúas de outrubro e agosto é o segundo álbum en solitario de Guadi Galego. Un traballo que chega despois de  Benzón (2009) e logo de ter participado en proxectos colectivos tan celebrados como Nordestinas, Espido e aCadaCanto.

luas

Son dez temas, con letras ben reflexivas, cos que a ex-vocalista de Berrogüeto se alonxa do rexistro folk para facerlle as beiras ao pop. En palabras da propia Guadi:

O meu pop de autora é un chisco sofisticado e con cheiro a música popular

O disco saíu á venda o 25 de novembro coincidindo co Día Internacional dos Dereitos Humanos e presentouse de xeito oficial o sábado 6 de decembro no Culturgal, a feira das industrias culturais que estes últimos anos se ven celebrando en Pontevedra.

Unha, que tivo a sorte de coarse entre “bambalinas” puido asistir aos ensaios e á marabilla de concerto cun cheo absoluto de público no espazo da carpa. Tanto pequenos coma maiores gozamos do sentimento que Guadi pon en cada nota. É, sen dúbida, unha das artistas galegas con máis personalidade á hora de cantar.

Foi un deleite sen fin dende o “Mergullei” que xa prometía nas probas de ensaio ata o  “Matriarcas”, toda unha oda en homenaxe ás mulleres galegas que ademais conseguiu un éxito fulminante en Youtube con preto de 15.000 visualizacións en tan só dous días.

Á marxe de polémicas e debates que sairon á palestra sobre o feminismo, logo da publicación do artigo de Helena Miguélez Carballeira, titular de estudos hispánicos na Universidade de Bangor (Gales) e directora do Centro de Estudos Galegos en Gales, e de tantos outros que están xurdindo, “Matriarcas” xa se converteu en todo un himno da muller galega. A letra fala das mulleres como  aleitadoras do mundo e “brillantes activistas da vida cotiá”, unha vida cotiá que, por certo, non necesariamente se restrinxe á doméstica. “Nós pouquiño a pouco ímonos situando, construindo barricadas no país dos alalás” -di Guadi.

Co éxito e a polémica de telón de fondo, sen meternos en máis leas, deixo aquí a miña encarecida recomendación de “Lúas de outubro e agosto”. Un traballo que contentará aos fieis de Guadi porque a pesar de ter un ton diferente ao que nos ten acostumados, conseguimos atopar nel a súa esencia e tamén a quen o escoite por primeira vez, unha combinación tan difícil como fermosa de lograr.