Os gregos, ignorantes do influxo da posición da órbita terrestre en relación co Sol, crearon un mito para explicar as diferentes estacións climáticas do ano. Segundo o mesmo, no principio dos tempos os seres vivos gozaban dunha eterna primavera. Pero o rapto de Perséfone polo seu tío Hades, namorado dela, deu orixe ás diferentes estacións.
Nas Bibliotecas Municipais desexaríamos facer do mito unha realidade e prolongar no tempo esta primavera tan especial, na que festexamos todas e cada unha das efemérides relacionadas co libro e a lectura no marco do Festival Primaletras. Pero sendo conscientes de que xogar a ser deuses é só unha absurda ilusión, argallamos un fin de festa que ata no Olimpo sería un exitazo. Celebraremos o Día das Letras Galegas co grupo de folk coruñés Luar na lubre, que ofrecerá un concerto no auditorio do Centro Ágora o vindeiro 21 de maio, ás 21 h, para as persoas socias das Bibliotecas Municipais.
Con máis de 30 anos de historia profesional e con dous discos de ouro ao longo da súa traxectoria, teremos o privilexio de escoitar a unha das bandas de música celta máis importantes de toda Europa. Recoñecida con galardóns como Mellor Álbum Tradicional por “Camiños da fin da terra” (Premios da Música, 2008) ou “Ao vivo” (Premios da Música, 2010), é un referente da música folk que participou nos principais festivais de World Music xunto a artistas como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof. O seu último traballo, “Vieiras e vieiros” (Warner Music, 2020), pon banda sonora ao Camiño de Santiago a través de 27 temas.
Os convites para o concerto repartiranse (ata acabar existencias) co préstamo de material en lingua galega (libros, películas, CDs…) dende o luns 16 de maio nas Bibliotecas Municipais, no horario de apertura de cada unha delas, ofrecendo dous convites por carné.
Faranse dúas quendas de reparto: en horario de mañá e horario de tarde. O horario de mañá será a partir das 9.00 h, salvo na Biblioteca de Durán Loriga, que será a partir das 12.00 horas. O horario de tarde será a partir das 16.00 h, agás no Punto de Servizo de Mesoiro, que será a partir das 17.30 horas. Bulide por eles!
Se o pasado mes houbo unha lista especial polo Día do Libro, agora polo Día das Letras Galegas fixemos unha selección de grupos da nosa terra. E é que canten en galego ou non, estes artistas levan polo mundo o noso sentir.
Os vilagarcianos The Cornelius conseguiron traspasar fronteiras. Aínda que levan dez anos como grupo, son moitos os que o coñecen polo nome que se viron obrigados a adoptar cando lanzaron o seu segundo álbum, 1960 (2009), que saíu á vez en 30 países. E é que naquel entón, había un DJ xaponés que se chamaba como eles, e para evitar confusións decidiron chamarse Cornelius 1960.
O pasado ano Silvia e Carlos lanzaron o seu terceiro disco, Hope. Os que eran uns dos mellores representantes do folk inglés no noso país, están deixando esa etapa atrás, e con este álbum fixeron a música que, nas súas palabras, mellor lles representa. Nel, o folk deixa sitio ao rock, tornándose máis eléctricos e enérxicos. Destacamos Ready, unha das cancións máis escuras do álbum.
Tras pasar por formacións como Alcatre, Voyeur e La Rosa (coa que grabou catro discos), Magín Blanco desapereceu da escea musical unha boa tempada, pero continuou escribindo cancións. No 2010 lanzou o seu primeiro álbum en solitario, Ella, onde atopamos cancións íntimas, persoais e emocionais, como Veño ou vou?. Neste traballo contou coa colaboración de Nancho Novo, Laura Arbiol, Gloria Van Aerssen e Uxía Senlle.
Despois doutros dous traballos en solitario, decide facer un cambio e dedicarse ao público máis complicado, o infantil, para fomentar o amor pola música dos máis pequenos con temas que transmiten valores como a solidariedade, a liberdade e a alegría.
Os ourensáns Lamatumbá mesturan estilos como a cumbia, o reggae, o pasodoble, o rock ou o folk levando polo mundo adiante o espíritu da verbena. As súas son cancións alegres, con letras que na maioría das ocasións van acompañadas da crítica social e buscan honrar a tradición galega. Desde a súa formación en 1998 compartiron escenario con Manu Chao, Macaco, Barón Rojo,Betagarri ou Mau Mau. En 2010 lanzaron o seu último traballo, A Órbita da Banda Hipnótica, con temas como Circus Magnificus.
Cornelius 1960 – Drive my car. Deluxe – El antihéroe. Dios Ke Te Crew – Dame ighual. Escuchando Elefantes – Ready. Félix Arias – Manchados de tinta. Jane Joyd – Landscape No.4. Lamatumbá – Circus Magnificus. Leilía – Vai dando a volta. Los 22 – No sé que ver. Magín Blanco – Veño ou vou?. Na Lúa – Nunca máis. Nadadora – Una nueva vida. Nouvelle Cuisine – Sintonía08. Piratas – Inevitable. Ruxe Ruxe – A Santa Compaña. Sevigny – Breathe. Steelwood – We Don’t Mind. Stereotipos – La última escena. Trasmundi – Raianos. Xoán Eiriz – Lela.
Na mostra “De acordes”, e dentro do programa “Ler Conta Moito”, temos a sorte de contar con Xardín Desordenadoen concerto. A cita será o luns 8 de maio ás 19:30 horas na Biblioteca do Fórum Metropolitano.
O grupo foi creado en Vigo no ano 2011, cando comezaron a percorrer bibliotecas e librarías buscando palabras ás que poñer música e chámase así así por unha expresión que utiliza Daniel Salgado nun dos seus libros. Como resultado da procura, realizando unha selección segundo o que lles provocaban os poetas, e logo levan os textos ao seu terreo, o jazz. Este traballo conta cunha unha dificultade engadida, pois o grupo evita tratar textos que xa foron musicados por outros.
O obxectivo de Xardín Desordenado é promover a poesía galega. De feito no seu primeiro traballo, chamado coma o grupo, escolleron quince poemas de homes poetas, que acompañaron de instrumentos acústicos; mentres que no segundo, Aprendendo a ladrar, reúnen cancións compostas sobre textos de poetas galegas, dende Rosalía a autoras contemporáneas, coma Carmen Krukemberg, Marica Campo, Olga Novo, etc.
Aquí a súa versión de Neno, de Manuel María:
No concerto renderán homenaxe a Carlos Casares, escritor a quen este ano se lle adica o día das Letras Galegas. Nel incluirán textos ben coñecidos do autor, como “A Galiña Azul” ou “Un Polbo Xigante”, pero tamén poemas non publicados ata agora en libros. Iso sí, os textos irán aderezados con moito swing, moito blues e moita bossa nova.
Agardámosvos o luns 8 de maio ás 19:30 h, cando teremos o pracer de escoitar a Santiago Ferragud, Marlene Rodrigues, David Outomuro, Lorenzo Boo e Isaac Garabatos.
E se non podedes vir, ou quedades con ganas de escoitalos de novo, o mércores 10 de maio á mesma hora, estarán na Biblioteca de Estudos Locais.
O outro lado da música, a poesía, denominou un libro seu a poeta e música coruñesa Luísa Villalta. Das relacións fecundas que se dan entre ambas, música e poesía, queremos falar nesta ocasión, centrándonos no ámbito galego como maneira de celebrar desde Bibliosons o Día das Letras Galegas 2014.
Moitos poderían ser os percorridos propostos neste artigo. O noso vai ser subxectivo e estará tamizado polas querencias persoais e os gustos propios. Agardamos que vos resulte de interese e sexa do voso agrado.
Comezamos pola época de maior esplendor e normalidade que viviu a nosa lingua, a baixa idade media, da que é mostra senlleira o tesouro patrimonial que constitúen as cantigas medievais galego-portuguesas. O riquísimo corpus literario das cantigas de amigo, de amor e de escarnho e maldizer, das que temos constancia a través dos Cancioneiros, xorde e alicérzase en relación á existencia dun territorio preeminente nos planos económico e político nesa altura, o Reino de Galicia. Lembremos que neses séculos o galego era a lingua de expresión e de creación tanto de reis propios -que se nos transmiten sempre como de León ou Asturias- como mesmo dos alleos -casteláns como Afonso X o Sabio, que tiña a súa Corte en Toledo-.
Interésanos resaltar, neste artigo, o feito de as cantigas seren composicións creadas para a súa transmisión musicada e cantada, e nas que por tanto música e poesía se vinculaban xa desde a súa propia orixe. Á marxe das formacións clásicas que, como o Grupo de Música Antiga Martín Códax, traballan de forma específica co repertorio medieval galego-portugués, un dos autores de referencia na súa popularización foi sen dúbida Amancio Prada, con discos coma o fermosísimo Lelia Doura (1980). O berciano, polo demais, é autor fulcral para a difusión da poesía galega polo seu traballo arredor da obra de dúas das nosas grandes figuras, Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro.
As décadas dos 60 e 70 coñeceron do espertar pop en galego, con voces como Andrés Dobarro, Pucho Boedo & Los Tamara ou Juan Pardo. Ao tempo, desde unha perspectiva de fondo compromiso social, nucleouse Voces Ceibes como un grupo de cantantes e artistas que, para alén de situaren Galicia no mapa musical da oposición ao franquismo, musicaron e divulgaron letras de diferentes voces poéticas da nosa literatura. Outrotanto farían, xa case entrando nos 80, Fuxan Os Ventos, grupo popularísimo que mesturaba sons tradicionais e letras de contido social para dar conta da situación que vivía o país na Transición.
A poesía galega estivo moi presente en todos eles, e moi especialmente aquela que engarzaba nos contidos cunha época convulsa como a que se vivía, no político e no social, famenta de liberdades e de dereitos. Poetas como Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Manuel María ou Curros Enríquez foron, por iso, dos máis musicados neses anos.
Fixemos anteriormente referencia a Amancio Prada. O seu traballo acabou por ser tan influínte que hoxe resulta mesmo complicado ler Rosalía de Castro ou Cunqueiro sen que a súa adaptación musical dos textos de ambos nos veña á cabeza. Con el, outras dúas voces foron decisivas no diálogo musical coa poesía galega nos anos 70 e 80: Luís Emilio Batallán e Suso Vaamonde. O primeiro cun traballo que segue a resultar hoxe de excepcional calidade, Ahí vén o maio (1975), no que musica textos de Curros Enríquez, Cabanillas, Rosalía ou Celso Emilio Ferreiro. O segundo con discos como ..Nin rosmar un laído (1977), adoptados moi claramente como emblemas de loita cultural na defensa da identidade galega.
Poeta era, e é, Antón Reixa, a voz do grupo máis relevante da Galicia dos 80: Os Resentidos. A súa estética e o seu discurso provocador, absolutamente identificable, rachou fronteiras para o pop en galego e conseguiu algúns dos seus maiores éxitos. Os Resentidos explícanse e son inseparables do contexto cultural vigués de comezos dos 80, con grupos poéticos como Rompente, do que Reixa formaba parte.
Nas décadas dos 80 e 90 sacan algúns dos seus mellores discos artistas como Emilio Cao, Luar na Lubre, Berrogüetto ou Uxía. O primeiro atrévese cun reto de dificultade notable: levar á música a poesía vangardista de Manoel Antonio. Para Emilio Cao fará letras un dos nosos autores máis recoñecidos, Suso de Toro, en tanto Manuel Rivas traballará con Berrogüetto no fermoso Alalá da noite. Uxía, pola súa banda, con especial querencia pola poesía e a relación coa creación lusófona, gravará unha das máis coñecidas cancións da nosa tradición, Unha noite na eira do trigo, modificada a partir dun poema de Curros Enríquez.
Coa chegada do novo milenio unha nova etapa especialmente vizosa cobra protagonismo na música galega, a que protagonizan artistas como Ugia Pedreira (Marful, Nordestinas), Guadi Galego (en solitario ou con Espido), Xabier Díaz (en solitario, con aCadacanto e noutros formatos) ou Fran Pérez, Narf. Moitos deles, para alén de musicar textos de autores galegos de onte e hoxe son tamén creadores de letras dunha alta calidade poética. Conceptualizada en ocasións como MPG, música popular galega, os seus discos marcan a actualidade máis interesante da nosa creatividade musical.
Polo lado do rock tamén a presenza da poesía galega é notoria, tanto no bravú que cohesionou aos grupos dos 90 como, na actualidade, na creación de artistas e bandas como Fanny & Alexander (que musicou a Pilar Pallarés, María Lado, Estíbaliz Espinosa e outras poetas actuais), Ataque Escampe (do que forman parte dos escritores Samuel Solleiro e Roi Vidal), Sés ou Das Kapital (con letras do poeta Daniel Salgado). A eles poderíamos sumarlles os textos das bandas de hip-hop como Malandrómeda, Fluzo ou Dios Ke Te Crew.
Rematamos este extenso artigo cunha promesa: dedicarmos outro á figura de Rosalía de Castro e a como foi levada á música a súa poesía. Amancio Prada, Uxía, Narf, Aíd, Luís Emilio Batallán, Najla Shami, aCadacanto e moitos outros grupos e artistas teñen escollido a nosa poeta nacional. Ela é, sen dúbida, a nosa escritora máis musicada, e de moi diversas maneiras. Mais este xa será tema para desenvolver noutro momento…