SÉS presenta “Liberar as arterias”

Recén chegada da súa primeira xira por América Latina, a cantante coruñesa de orixe bergantiñá María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, xa ten a axenda cargada de concertos para a presentación do seu novo disco  “Liberar as arterias” pola xeografía nacional.

En América actuou en Arxentina, Uruguai, Paraguai e El Salvador pero non só ofreceu concertos senon que tamén impartiu obradoiros sobre música tradicional galega.

De Sés podemos dicir que é o fenómeno dos últimos anos da música galega, cunha carreira que non parou de medrar desde que publicou o seu primeiro disco en 2011. Neste sétimo traballo que acaba de ver a luz o pasado 21 de febreiro, SÉS segue evolucionando co seu particular son que a consagrou no máis alto, e no que conflúen unha escolma de cancións, con letra e música compostas pola propia cantante.

Neste novo traballo non abandona a súa habitual mensaxe combativa que a caracteriza dende sempre, pero sí destacan as influencias dos ritmos latinos pasados eso sí, polo seu filtro de cantareira. O disco componse de 12 cancións e o eixe é a loita feminista que anima a erguerse, a romper as mordazas, a ser unha mesma. O título é unha homenaxe á poeta e activista Luz Fandiño, no que a compositora conclúe que non quere ser escrava da xenreira. Os seus versos están musicados no tema que dá nome ao álbum.

Mentras agardamos ansiosos poder incorporalo ao noso catálogo, máis que recomendada queda a cita o vindeiro 22 de marzo no Pazo da Ópera. O seu directo nunca defrauda, a súa seña un torrente de voz espontánea que tanto canta blues coma unha muiñeira.