Lonely Coaster: Rock en estado puro.

lonely coaster
Non lles gustan as etiquetas: considéranse unha banda de rock sen trampas e sen efectos. En estado puro.

Lonely Coaster está formada por catro amigos, de procedencia moi dispar: A Coruña, Pamplona, EEUU.  No escenario están dispostos a dalo todo e tocar coma se fose a derradeira vez. Unha ración de rock cru que pon punto e seguido ao ciclo “Xoves na Sagrada”.

A orixe da banda remóntase ao 2008. Sen propoñelo moito comezan facendo versións da música que lles gusta para os seus amigos, ata que no 2011 comezan a tocar os seus propios temas e queda constituída a formación actual.

Franmephisto: voz
Frank Sieiro: guitarra
Manu Martinez: baixo
Marco Vidal: batería

A principios do 2014 gravan “Coasting through life” nos Estudos Bonham da Coruña, ata o momento o seu único traballo de estudo: dez pistas que reflicten os seus gustos musicais e o seu estilo de rock clásico.


Ese mesmo ano gañan o concurso de maquetas “Cultivando Música” do Festival da Luz 2014, convocado pola Fundación Paideia, destinado á promoción de músicos noveis sen obra editada.

O mellor xeito de coñecelos é gozar dos seus directos e achegarse este xoves 21 de maio, ás 20 horas, á biblioteca Sagrada Familia. Como sempre, entrada libre ata completar capacidade.

O rock and roll volve á Sagrada Familia!! E con este concerto pechamos a temporada de primavera e vémonos de novo no outono.