Lista Reprodución Forum: outono melancólico

En setembro collemos pulos con cancións cheas de enerxía para afrontar todos os propósitos que nos marcamos despois do verán. Agora que estamos metidos de cheo no outono, a estación máis melancólica do ano, é época de nostalxia pero tamén de inspiración para moitos. O cambio de tempo, a caída da folla, as cores verdes e marróns das paisaxes  invitan á relaxación e á melancolía, por iso a Lista de Reprodución de Outubro vén cargada de cancións cálidas e acolledoras.outono

Antonio Vega non podía faltar nesta lista, un dos compositores fundamentais do pop español dende a chegada da democracia. O intimismo das súas cancións e a súa sensibilidade fixeron que se gañara a admiración de crítica e público.

Espido é o nome do dúo musical que formaron Guadi Galego e Guillermo Fernández, que por entonces tamén eran membros de Berrogüetto. O proxecto nace polo roce melódico-harmónico destes dous músicos, unha mistura de gran creatividade da que naceu o seu disco homónimo onde Guadi Galego pon a voz e Guillerme Fernández toca a guitarra. Un traballo directo, cheo de tenrura e sentimento, no que as cancións transmiten por sí mesmas, sen abalorios.

E se de sentimentos falamos non pode faltar o desaparecido grupo galego Nadadora. Os do Grove que xa levaban 10 anos en activo e que se preparaban para sacar o seu cuarto disco anunciaron a súa separación por incompatibilidades persoais dos membros da banda no 2012. Os seus fans incondicionais quedámonos con que foi anunciado como un adeus non definitivo.

Want Two é a segunda entrega dun traballo anterior e que constitúe, por goleada, a obra máis barroca do compositor canadense Rufus Wainwright. Composto nunha época na que Rufus non paraba de traballar e compoñer cancións, Want Two está cheo de sensibilidade e romanticismo. Aínda que “cool”, Rufus cos seus excesos operísticos  non é pasto da maioría.

Cun son que ten moito do post punk dos anos 80, a crítica chegou a relacionar á banda escocesa Snow Patrol con elementos de U2. En Open Eyes invitan ao positivo pero a un positivismo que non está reñido coa tristeza e a melancolía que tamén está moi presente nas cancións. Como os propios membros da banda recoñecen “Nós non estamos sempre alegres, ninguén o está”.

Aquí vos deixamos a Lista de Reprodución completa. E non esquezas consultar a dispoñibilidade dos discos no noso catálogo:

Álex Ubago – ¿Que pides tú?, Andrés Calamaro – Obras incompletas, Antonio Vega – Básico, Billy Joel  – The Stranger, Christina Rosenvinge – Tu labio superior, Espido – Espido, Glasvegas – Glasvegas, Ismael Serrano – Acuérdate de vivir, Lamatumbá – Paraugas Universal, Macy Gray – The id, Nadadora – Todo el frío del mundo,  Najwajean – Till it breaks, Neil Young & Crazy Horse – Rust never sleeps, Noa – Gold,  Rufus Wainwright – Want two, Serrat & Sabina – Dos pájaros de un tiro, Snow Patrol – Eyes Open,  Tarik y La Fábrica de Colores – Sequentiale,  The Doors– The Doors, Travis – The invisible band, Triángulo de Amor Bizarro – Victoria Mística., Tulsa – Solo me has rozado, U2 – No line on the horizon, Van Morrison – Still On Top, Violent Femmes – Violent Femmes, Zënzar – Vaise armar

Recomendamos música escrita de puño e letra. Parte I

Dende as Bibliotecas Municipais recomendamos unha serie de lecturas moi musicais e especialmente rockeiras para este verán. Todas as obras están dispoñibles no noso catálogo:

Memorias de Neil Young : el sueño de un hippie (Malpaso, 2014)

Infancia esteparia, soño californiano, Buffalo Springfield, Crosby e os seus colegas, Crazy Horse… Ácidos, copas, escándalos, mulleres, acordes inextinguibles, desacordos….Regresos, voltas e revoltas….Esas son as claridades, pero que hai detrás ou debaixo das sombras? Neil Young é unha lenda en exercicio, unha voz cantante escrita de puño e letra (non hai pantasmas por medio) que nos presenta o calidoscópico panorama dunha vida e unha música executadas até a medula, que nos conduce desde as neves de Ontario aos edéns hawaianos pasando polas rúas alucinadas de Los Ángeles nos albores da gran turbulencia. Estamos, pois, ante o «relato definitivo» dunha viaxe obstinadamente inenarrable ou, como afirma un crítico sen dúbida perspicaz, ante «a historia do rocanrol aberta en canle, en primeira persoa e en presente de indicativo».

Fargo rock city : una odisea metalera en Daköta del Nörte / Chuck Klosterman (Es Pop, 2012)

A medio camiño entre as memorias, o ensaio e o estudo antropolóxico, Fargo Rock City é un libro hilarante que narra o auxe e a caída do heavy metal e dalgúns dos grupos máis populares dos anos 80 e 90 (Guns N’ Roses, Poison, Bon Jovi, Def Leppard, Metallica e moitos outros) á vez que recrea as experiencias xuvenís do autor: un fan irredento do metal, nacido en Wyndmere, Dakota do Norte, un lugar no que habitan máis vacas que persoas e no que os temas de conversación habituais son a recollida da colleita, o correcto coidado do gando agropecuario e a secretos da arte de reparar un tractor. Pero aínda que quizais tal contorna non pareza o máis propicio para entregarse en corpo e alma ao rock and roll, houbo un momento na historia da música no que o poder do metal era simplemente imparable e mesmo os páramos xeados de Dakota do Norte vibraban ao compás de KISS e Mötley Crüe. Klosterman, cualificado como «un dos principais críticos culturais de Norteamérica» pola revista Entertainment Weekly e como «o novo Hunter S. Thompson» pola revista People, disecciona con humor e impecable precisión a historia e os trazos básicos do xénero, desvelando todas as súas glorias e miserias.

Vida : memorias / Keith Richards (Global Rythm, 2010)

Asombrando a propios e estraños, Keith Richards escribiu as súas memorias: asombro porque puido (xa que a estas alturas ninguén sospeitaba que ía conservar a vida ou a lucidez suficiente para empuñar o teclado) e asombro porque quixo (xa que os entes satánicos non adoitan acudir ao confesionario). O crítico Nick Kent compendia así a súa imaxe nos anos setenta: «Era o gran lord Byron; era un demente, era un depravado e era perigoso coñecelo». Aquí disípanse varias néboas (transfusións, efusiones, agresións, etc.) e preséntanse finalmente os feitos que o foco da lenda había nubrado: o uso e abuso de sustancias tonificantes ou estupefacientes non adquiridas en farmacias; as variadas discrepancias con autoridades máis ou menos sanitarias; os encontros, desencontros e encontróns con xendarmes de diferentes países.

Los trapos sucios / Mötley Crüe (Es Pop, 2010)

A crónica definitiva dos perigos, os praceres e a decadencia da fama do rock and roll: whisky e actrices porno, pelexas e accidentes de coche, sobredose e morte. Propulsados por todas as drogas que tivesen ao seu alcance e esporeados por cantidades obscenas de alcol, Mötley Crüe son…mulleres corrompidas, habitacións de hotel arrasadas, coches esnaquizados, representantes toleados, ósos rotos e vítimas de diversa consideración. Todos estes feitos e as súas terribles consecuencias forman a espiña dorsal de Los trapos sucios, un libro de referencia tanto para os fans do grupo como para todos aqueles interesados no fenómeno do rock and roll. Narrado persoalmente por Tommy, Mick, Vince e Nikki, con achegas puntuais de compañeiros de viaxe como John Corabi, varios ex representantes e un par de executivos discográficos, Los trapos sucios dista moito de ser un retrato compracente.

Diarios / Kurt Cobain (Mondadori, 2003)

Kurt Cobain, vocalista e compositor do trío Nirvana, suicidouse pegándose un tiro aos vinte e sete anos cando era a estrela do rock máis influente da súa xeración. Desde os anos oitenta até mediados do noventa levou un diario onde plasmou os seus pensamentos máis íntimos. A través da escritura angustiada dun adolescente á exaltación de si mesmo, entre autoanálisis agudos e a representación de estados anímicos cos seus debuxos e garabatos, estes diarios constitúen a mellor biografía de Cobain. E a súa lectura é a maneira máis clara de coñecer e entender a súa vida e a súa morte, tal como explica a nota de suicidio incluída nestas páxinas.

Syd Barrett : el brillo de la ausencia / Rob Chapman (Global Rhythm, 2012)

A mediados de 1972, con apenas vinte e seis anos, a cera que ardía esgotouse definitivamente para Syd Barrett, creador e forza creativa dos primeiros Pink Floyd. Esta é a primeira obra que lle fai xustiza á figura máis excéntrica da música popular británica, e faia conxugando a súa anómala traxectoria vital cun perspicaz estudo das súas achegas tanto sonoras como verbais. Chapman desprega para iso os recordos nunca antes impresos de amigos, colegas, noivas e parentes xunto a un caudal inédito de cartas persoais, diarios e textos inclasificables. Se a ese material de trazas caóticas engadímoslle unha investigación exhaustiva e unha rara capacidade analítica obtemos a historia dunha vida tan elusiva que moitos crían irremediablemente condenada a morrer sen biografía.