Xurxo Souto no AgoraSón do outono 2019

Con motivo do Día das Bibliotecas (24 de outubro) e para promover a lectura e o emprego de materiais audiovisuais en lingua galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o AgoraSón 2019, con Xurxo Souto, Lydia Botana e Vudú en concerto. Dende Bibliosons poidemos conversar un anaquiño cun dos protagonistas.

Antes de nada Xurxo, moitas grazas por atendernos e parabéns por ese recente premio Facer País da Asociación Val do Láncara pola túa difusión da cultura galega entre a mocidade. O Premio xa outorgado noutras ocasións a persoeiros e colectivos coma Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, o diario A Nosa Terra, a Mesa pola Normalización Lingüística ou Margarita Ledo Andión. Qué significa este recoñecemento para ti?

Realmente non sei por que mo deron, mais estou moi contento. Xusto o día da entrega cumpriranse XXV anos da noite na que inventamos en Chantada o bravú. Gustaríame que fose pois un recoñecemento colectivo a todos aqueles grupos que entón decidimos crear música para xente nova en galego, rachando tópicos e con moita distorsión. Tamén quero que sexa unha nova homenaxe ao meu mestre, o poeta Manuel María, a quen tiven a sorte de  tratar  nos anos que viviu na Coruña. El foi o referente maior do que significa “facer país”.

 Recentemente tamén ves de presentar na Coruña e en Oleiros o teu sétimo libro A gran travesía de  Chiruca  Macallás. O libro narra a viaxe en barco desde o Gran Sol ao mando dunha muller, Mercedes, patroa de pesca que tamén foi vocalista do grupo  ForzA  dozZe. Con qué intención creas este personaxe  con tanta forza de muller e música?

Porque o talento das mulleres nestes dous eidos, a música e o mar, foi durante moito tempo invisible. Penso que a literatura, polo que ten de reflexión profunda, é un bo camiño para comezar a derrubar tanto tópico escuro.

Aproveito para recomendar un libro que sairá á venda en breve: “Músicas Galegas Ilustradas”, de Laura Romero, a baixista do grupo Zënzar, no que esta artista -tamén é ilustradora- homenaxea a moitas mulleres, mestras verdadeira na arte sonora.

Anotado queda Xurxo. Ti es escritor, cantante, acordeonista, actor, director e locutor de radio. Pero se por algo es tremendamente coñecido é por ser  vocalista da banda de rock  bravú Os Diplomáticos de Monte Alto entre os anos 1990 e 2001.Canto que ver tivo na túa faceta de músico o teu avó Manuel fundador da Orquestra Os Satélites da Coruña?

Moitísimo. Cando eu era pequeno o meu avó, Manuel Eiroa, xa estaba retirado dos escenarios, mais sentía o respecto con que o trataban os seus compañeiros de profesión. Para min foi un modelo, porque tiña unha visión cosmopolita do mundo e da música. Na casa tiñamos moitos discos de jazz, de sons tropicais, de big-bands norteamericanas. Mais, ao mesmo tempo, valoraba moito a cultura máis próxima. Era de Perillo, sabía das cousas da ría e das cousas do mar. Cantaba regueifas nos casamentos e coñecía moi ben a música tradicional galega. Moito antes de n’Os Satélites, con dezaseis anos xa tocaba n’Os Canosa de Dorneda.   

Sendo eu dos 80,teño pasado moitas tardes despois de vir da escola vendo os debuxos coa mña irmá pequena, así que a pregunta é obrigada para min,  qué opinión che merece a Xeración Xabarín e todo o movemento musical que se creou arredor dela?

Marabillosa. A Televisión de Galicia foi creada para promocionar e divulgar a lingua e a cultura galega. Tras varios anos de perguizas fixo algo tan elemental como gravar unha serie de vídeos de grupos que cantaban en galego  e , inmediatamente, o programa converteuse nun auténtico éxito. Un verdadeiro que deixou pegada en toda unha xeración.

Agora cómpre que  os grupos de hoxe conten con esa mesma posibilidade de promoción que tivemos nós. Somos  un pobo de artistas. E o deber da Televisión de Galicia ( insisto, para iso foi creada) é divulgar tanto talento.

E para ir concluindo, o cartaz do AgoraSón 2019 é cando menos chamativo, vas compartir escenario con Lydia Botana e Vudú, de onde saiu esta simbiose?, pódesnos adiantar algo do que nos imos atopar?

Xa nos coñeciamos, coincidimos nunhas xornadas en Carballo e xurdiu a posibilidade de facer un evento conxunto. Vai ser unha apoteose da creatividade e das músicas das mulleres. Vudú e Lydia desenvolven dende hai tempo cadanseu proxecto poderoso. Dentro desta dinámica, eu farei unha primeira achega a un xénero até o de agora case descoñecido, “a música de traballo das mulleres do mar”. E para isto, alén de Lydia e Vudú, precisarei da colaboración, ou sexa do canto, de todas as persoas presentes. Adiántoche un berro: “Medre o Mar ( das Mulleres do Mar !”.

O Agorasón, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña  é unha iniciativa gratuíta e aberta á veciñanza que procura promover a lectura en lingua galega, así como proporcionar alternativas de lecer na poboación moza e adulta e promocionar a música na lingua do país. Pensas que nos tempos que corren son máis necesarias alternativas coma esta? Qué opinión che merece o panorama musical galego na actualidade?

O panorama musical galego é extraordinario, unha “selva diversa” chea de propostas creativas. O único problema é que non se coñecen. Xa falamos da Televisión de Galicia. Na Televisión Española, soan moitas cancións en inglés ( o que me parece ben), mais é imposible escoitar unha canción en galego ( o que me parece moi mal). Mais o talento sempre trunfa,mesmo diante da indolencia dos grandes medios de comunicación. Velaí o caso, por exemplo, dunha gran artista coruñesa, Sés. Foi quen de chegar a un público maioritario, á marxe das canles habituais, conquistando seguidoras e seguidores, concerto a concerto, persoa a persoa.

 E por último, para pechar a conversa a bo ritmo,  gustaríanos  que nos deixaras a túa recomendación musical

Vou deixar moitas. Ademais de Lydia Botana e Vudún,  Mercedes Peón, Uxía,Sés, Ugia Pedreira, Guadi Galego,Susana Seivane, MJ Pérez, Rosa Cedrón…a música galega viaxa polo mundo con voz de muller.

Moitísimas grazas Xurxo e parabéns polos éxitos!!!

Lembrade que a cita é mañá venres 25 ás 21 H. no Auditorio do Centro Ágora.

E para os que aínda no tedes entrada só tedes que pasarvos por calquera centro da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, os convites repártense pola retirada de libros, música e/ou cine en galego.

Lydia Botana, “Bolboreta”, nos Xoves na Sagrada

BolboretaNa biblioteca da Sagrada Familia falamos da temporada outono-inverno como se dunha pasarela de moda se tratara. E non andamos moi afastados, porque desde hai anos, esta biblioteca de barrio funciona como unha auténtica pasarela dos músicos locais, músicos galegos, músicos doutros lugares do estado e mesmo doutros países.

Nesta ocasión a temporada vaina cerrar unha artista de ben cerquiña: Lydia Botana naceu en Culleredo e desde hai anos é xa coñecida pola súa traxectoria como multinstrumentista. Xa estivera na biblioteca hai uns anos formando parte da banda Skarallaos. Desde aquela continuou dándose a coñecer en diversas agrupacións de rock, pop, reggae, ska… E atreveuse mesmo con bandas sinfónicas e con dirección de coros. En definitiva, que non se arreda ante os retos e busca sempre superarse e ampliar as súas posibilidades explorando novos estilos e novas tendencias.

A práctica permanente combinouna coa formación, xa que é titulada polo Conservatorio Superior de Música da Coruña en Pedagoxía da Linguaxe e a Educación Musical.

Esta base, teórica e práctica, serviulle para acompañar –con diversos instrumentos como a batería ou o acordeón- a bandas como Diplomáticos de Monte Alto, Canteca de Macao, Konflikto, Dakidarria, Dios Ke Te Crew, Os Tres Trebóns ou para acompañar a músicos da talla de Manu Chao, Joan Garriga ou Xabier Díaz.

Unha das súas últimas “aventuras” musicais foi a dirixida ao público infantil co espectáculo “De aquí para alá!”.

E xusto no mes de decembro, presenta o su videoclip do single “Nunca Choveu”, que é un adianto do que será o seu primeiro disco como “Bolboreta”.

E na nosa “pasarela”, na biblioteca municipal Sagrada Familia, Lydia vainos ofrecer un concerto en acústico, acompañada nesta ocasión nalgúns dos seus temas por García MC de Dios Ke Te Crew. Teremos oportunidade de escoitar a rica fusión de xéneros musicais como o latin, o rock, o pop ou o ska, e versións que van desde temas tradicionais galegos, como “Túa nai é meiga” ata o reggae de Bob Marley. Seguro que vai ser unha delicia e un bo aperitivo para ir abrindo “ouvidos” ao que vai ser unha longa e rica carreira musical desta cullerdense. Polo tanto, cita imprescindible este xoves día 4 de decembro ás 19.30 h na biblioteca Sagrada Familia. E non fai falta que traiades cartos, porque como sempre, a entrada é de balde. Ata completar a capacidade, claro, porque, como dicía a canción de Celia Cruz, “no hay sitio pa tanta gente”.