Lista de Reprodución Fórum: Viaxando… con música

Este mes traémosvos unha Lista pensada para acompañarvos nas vosas viaxes e complementaria a Pérdete… viaxando, a mostra do verán da Biblioteca Fórum, da que podedes desfrutar ata finais de setembro. Unha escolma de libros, revistas, música e películas seleccionadas con motivo da Campaña de verán Móvete’17 do servizo de Turismo Xuvenil do Centro Municipal de Información Xuvenil.

Música de distintas épocas e estilos, na que atoparedes grupos como The Cure ou AC/DC e artistas máis próximos, como Sés ou Xoel López, aos que puidemos ver fai uns días nas Festas de María Pita.

Se vos pedimos que digades unha canción do grupo noruegués A-ha, seguramente se vos veña á cabeza Take on Me, que con 7.000.000 de copias é un dos sinxelos máis vendidos do mundo. Considerada un One-hit wonder (flor dun dia), foron precisas tres versións do tema para que se convertise nun éxito, en gran parte grazas ao segundo e revolucionario videoclip polo que obtiveron seis premios MTV Video Music en 1986. Nel vemos aos membros da banda en animacións debuxadas a lápis e en escenas filmadas en vivo. O vídeo conta con numerosas parodias, como a de Dustin McLean, que cambiou a letra do tema para que describise o que sucedía en cada plano.

A Rush Of Blood To The Head (2002), o segundo álbum de estudio da banda británica Coldplay, está marcado polo 11S, xa que os atentados tiveron lugar unha semana antes de que comezaran a gravación do mesmo, o que influíu no estado anímico á hora de compoñer. O terceiro sinxelo deste traballo, Clocks foi composto nunha das últimas sesións de gravación, e inicialmente, pensaron deixalo para o terceiro álbum. O tema desprende un ton de desesperación, cunha letra críptica e cargada de contradicións. Coldplay vendeu máis de 13.000.000 de discos de A Rush Of Blood To the Head, que obtivo o Grammy a mellor álbum de rock alternativo, mentres que Clocks foi elexida grabación do ano, sendo hoxe en día un dos seus temas máis exitosos.

O zaragozano Enrique Bunbury lanzou en 1999 Pequeño, o seu segundo álbum en solitario. Neste traballo do ex vocalista e líder de Héroes del Silencio incluíase El extranjero, un tema que fala do desarraigamento, de sentirse foráneo na túa terra e pertencente a un lugar remoto.

Á cantante e actriz estadounidense Macy Gray comezou a súa carreira musical de casualidade: un amigo lle pediu que escribise letras para o seu grupo, e cando o vocalista non se presentou no estudio de gravación convidárona a substituílo. Pouco despois fichou por unha discográfica, e co primeiro álbum, On How Life Is (1999), chegou o éxito grazas ao tema I Try polo que recibiu o Grammy á mellor intérprete pop feminina. O vídeo musical de I Try, gravado en distintos lugares de Nova York, obtivo o MTV Video Music Award a Mellor Artista Novo.

Lembrade que na Biblioteca Fórum podedes levar os álbums dos traballos seleccionados. Pero mentres, aquí tedes a Lista de reprodución ao completo.

A-Ha – Take on Me. AC/DC –Black in Black. Adele –Someone Like You. Amy MacDonald –Let’s Start a Band. AndresCalamaro (int.: Los Pericos) – Flaca. Bonnie Tyler – It’s a Heartache. Bruce Springsteen – My Hometown. Coldplay – Clocks. Elton John – Crocodile Rock. Enrique Bunbury – El extranjero. Hombres G – Venecia. Led Zeppelin – Stairway To Heaven. Loquillo y los Trogloditas – Cadillac solitario. Macy Gray – I Try. Maria Rita – Encontros e Despedidas. Marlango – Lo que sueñas vuela. Oasis – Wonderwall. Russian Red – Cigarettes. Sés – Canto aquí canto na Habana. Simon & Garfunkel – America. Steppenwolf – Born To Be Wild. The Beatles – She’s Leaving Home. The Cure – Close to me. The Doors – Roadhouse Blues. XoelLópez – Patagonia. Zaz – Je veux.

Advertisements