Pandemia musical

Nestes tempos convulsos de coronavirus e ante a perspectiva de ter que pasar unha tempada de peche domiciliario, a industria musical non tardou en reaccionar, propoñendo iniciativas dispostas a entreter ao público e concienciar sobre a importancia que ten ficar na casa. Moitos artistas e plataformas uniron forzas, conxuntamente e por separado, para construír unha oferta de concertos online, que ao longo destes días vanse sucedendo gratuitamente a través da rede para que gocemos da música “en directo” sen movernos do noso fogar.

Neste post queremos achergavos algunhas das propostas streaming máis atractivas para amenizar o confinamento:

O pioneiro: #YoMeQuedoenCasaFestival

Nun comunicado emitido pola organización explicaron que os artistas están a vivir en primeira persoa a crise do coronavirus: “Os propios músicos están a sufrir a crise global nas súas propias carnes, dado que moitos tiveron que cancelar os seus concertos nas próximas datas, así que quixeron aproveitar a situación para, de forma altruista, ofrecer a súa música como antídoto contra o aburrimento”.

Tralo exitazo do pasado fin de semana (no que contou con artistas como Rozalén, Carlos Sadness, Rayden, Alfred García…), chega unha segunda edición para os días 20, 21 e 22 de marzo.

O funcionamento do Festival é moi sinxelo. Cada artista realizará un directo desde o seu propio perfil de Instagram a unha hora establecida (sinalada nos carteis oficiais e redes do evento) e terá media hora para tocar uns temas e compartir cos seguidores o que desexe. Os “festivaleiros” irán saltando de perfil en perfil para ir coñecendo as propostas que teñen preparadas para o público.

Cuarentena Fest

Na liña do anterior, este proxecto propón un cartel moi potente formado por artistas e selos da música independente do noso país. Participan na iniciativa diversos selos discográficos e artistas españois e arxentinos, entre os cales destacan Carlota, Papá Topo, El Petit de Cal Eril, Cuchillas, Lashormigas, Pixel de Stael, Valdivia ou The Crab Apples. Ata o 27 de marzo podes seguilo a través de cuarentenafest.tumblr.com ou nas canles de Youtube dos distintos artistas.

CuarentenaFest

#Coronafestival

A través deste hashtag atopamos en Twitter outra iniciativa de microconcertos caseiros que convocou o xornalista, musicólogo e pianista Pep Gorgori, o primeiro en ofrecer un pequeno recital de pezas clásicas. A clavecinista María José Anglés tomoulle o relevo, e seguen sumando intérpretes dispostos a que non nos esquezamos dun xénero tan beneficioso e estimulante como é a música de cámara.

Streaming Rock Fest: Como en casa, en ningún sitio

Que si, que tamén hai alternativas para os máis roqueiros! Varo Torres, de Rock 66 Radio, ca axuda de GarridoRock e Gaser Discos, capitanea esta iniciativa grazas aos seus contactos no mundo do rock. Este festival terá lugar os días 20, 21 e 22 de marzo dende as contas de Instagram das diferentes bandas participantes, pero tamén podes seguilos desde @manerasdevivircom, @elamplificadordelrock e Manerasdevivir.com.

Bandas como Gritando en Silencio, Fran Mariscal, Gato Ventura, La Desbandada, os coruñeses Tregua… demostrarán que o rock pode con todo!

streamingrock

Mantita Fest

Outra alternativa é o Mantita Fest, un festival de cantautores e cantautoras que xa comezou o martes 17 e rematará o sábado 21. Tamén neste caso a conexión faise dende os perfís de Instagram dos artistas. Nesta proposta, máis canalla e mestiza, poderemos escoitar a Miguel Campello, Chiki Lora, Capitán Cobarde, Astola, Arco, Gato Charro

MANTITA

E non como parte dun festival, pero co mesmo entusiasmo, moitos artistas e grupos do panorama nacional tamén están a ofrecer directos nas súas contas de Instagram e Facebook, que logo manteñen publicados nas stories para gozalos no momento que desexemos. Compartir salón con nomes tan potentes como Izal, La M.O.D.A., Ismael Serrano, Rozalén, Second… é, nesta situación extrema, un luxo ao alcance de moitos.

As salas de concertos coruñesas tampouco quedan atrás. A pesar de ter as portas pechadas, contas como a da Sala Mardi Gras ou a de Bembiú Jazz Bar andan a compartir vídeos dalgunhas actuacións en directo que tiveron recentemente nos seus locais.

Mentres isto pasa nas redes, outras tantas persoas anónimas non poden evitar saír ó balcón do seu domicilio para despregar o seu talento e creatividade. En diferentes países estanse sucedendo cánticos de cancións emblemáticas, así como a interacción dos veciños dispostos a facer máis pracenteira a vida no barrio:

Respostas optimistas, creativas e solidarias ante unha situación que hai semanas ninguén podería imaxinar. Unha adaptación á excepcionalidade que está a sacar momentos de gran humanidade, e que nos recorda que a música non entende de barreiras nin de virus. Desde as Bibliotecas Municipais insistimos na importancia de quedar na casa para asegurarnos de que o contaxio sexa exclusivamente de ritmos e melodías.