Melodías distópicas

– Cantos dedos hai aquí, Winston? – Catro.

-E se o partido dixese que non son catro senón cinco… cantos habería?

1984. George Orwell

 

Ano 2020. Un virus letal de orixe descoñecida ameaza á nosa especie e o mundo ten paralizada toda actividade. Estamos obrigados a ficar nas casas, e a mensaxe que nos transmiten os Estados é que, á espera de que a ciencia descubra unha vacina, non temos máis ferramentas para protexernos que o illamento dos nosos semellantes. O distanciamento social é un imperativo, e desconfiamos de quen nos rodea por ser posibles axentes con capacidade de contaxiar. Sentimos medo, confusión, alarmismo, desamparo…

Realidade que sona a ficción. O discurso máis repetido desde que comezou a pandemia é a sensación de estar vivindo un soño, unha distopía. As historias distópicas expoñen escenarios dunha sociedade indesexable (por catastrófica, tiránica ou deshumanizada) para que sirva de reflexión. Guerras, pragas, tecnoloxías descontroladas, catástrofes naturais, gobernos opresores… Aferrámonos a estas narrativas imaxinarias como unha especie de “adestramento” para situacións como a actual, por máis que resulte evidente que non se trata de realidades equivalentes. A explicación a este interese por “futuros alarmantes” ven dada desde a psicoloxía: é a nosa resposta á incerteza, ao medo a non estar preparados para o descoñecido. As distopías fannos imaxinar un futuro incómodo, canalizan ese medo e póñennos en garda.

 

A literatura, o cinema e a música foron e serán sempre grandes espazos de reflexión sobre estas inquietudes humanas, un reflexo da fraxilidade da civilización. Descubrímolo en clásicos de culto como Fahrenheit 451, 1984, La Naranja Mecánica ou Un mundo feliz, pero tamén en El cuento de la criada, Los Juegos del Hambre e V de Vendetta.

Na playlist desta semana demostramos a capacidade que ten a música para canalizar as posibilidades alegóricas da distopía e trasladarnos a sociedades caóticas e contornas futuristas. En Melodías Distópicas evocamos as bandas sonoras de obras tan imprescindibles como 2001 Odisea en el espacio ou Blade Runner. E recollemos cancións inspiradas nos relatos de George Orwell, Aldous Huxley ou Philip K. Dick, así como as xurdidas de estandartes fílmicos como Metrópolis e Matrix. Sen esquecer, por suposto, os cuestionamentos emanados da propia música, da man de bandas como The Clash, Radiohead, Pearl Jam ou Metallica.

Pode que esta experiencia pandémica deixe unha pegada xeracional en todos nós e mesmo sirva para que empecemos a ver a realidade con ollos menos inocentes. Sexa cal sexa o escenario futuro, procuraremos que teña unha boa banda sonora.