Día Internacional do Jazz: ferramenta educativa e motor para a paz

Se onte era o día da danza, hoxe toca o turno ao Día Internacional do Jazz. A celebración desta xornada decretada pola UNESCO, ten como obxectivo sensibilizar ao público en xeral sobre as virtudes da música jazz como ferramenta educativa e como motor para a paz.

En Bibliosons non queremos deixar pasar por alto a efeméride e facémonos eco das palabras de Herbie Hancock, embaixador de Boa Vontade da UNESCO

Agora máis que nunca,  unámonos e difundamos a ética do movemento global do Día do Jazz ao redor do planeta e usemos isto como unha oportunidade de ouro para que a humanidade se  reconecte especialmente no medio de todo este illamento e incerteza.”

Por iso aproveitamos a ocasión do día sinalado para resaltar e dar a coñecer a artistas galegos que se moven en torno a esta corrente musical.

Falamos de Son Trío, tres músicas: Katerina Linke (piano, composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello), que se xuntan no 2017 e por separado teñen unha gran formación artística. Veñen de crear o seu proxecto Miña almiña con música orixinal e letra de Rosalía de Castro, que soa moi orgánico e fresco, conseguindo emocionar ao público. Segundo reza a súa propia biografía  fan

música intimista e contemporánea nunha viaxe entre estilos dende o clásico até o jazz”

 

Ao percusionista ferrolán Miguel Lamas, bregado musicalmente a moi altos niveis a pesares da súa xuventude (27 anos) o da música venlle de familia e con escasos catro aniños xa comezou a tocar a batería. Traballou con multitude de artistas internacionais como: Raimundo Amador, Miguel Ríos, Amaia Montero, Miriam Rodriguez, Abraham Mateo, Andrés Suárez, David Bustamante, Tamara, O’Funk’Illo, Tomasito pero agora pasouse ao lado máis solitario e underground e segue acumulando gran cantidade de logros na súa afamada carreira. Aínda que o seu último disco “My Expression Way” ten un aire máis rock e punk, os seus dous primeiros traballos están moi relacionados co mundo do jazz e da música instrumental.

E con artistas xoves seguimos porque queremos destacar tamén o traballo de Xoana que está inmersa nun proxecto musical que ten como principal aliada a lingua galega, promocionando o seu uso coa axuda de ritmos como o pop, o rock, o jazz, o  funky e mesmo o reggae. Así nace “Dardos”, o disco co que irrompe no mundo da música. Ela mesma di

Cos meus 20 anos estou a dar os primeiros pasos neste longo camiño, mais sempre coa mesma idea presente: achegar variedade musical na nosa lingua cun pequeno gran de area. Non teño moito que contar dos meus inicios, mais si que espero que sexan o comezo dunha longa experiencia musical na que todos e todas esteades presentes”

E eu non podo máis que compartir o desexo desa longa e prometedora carreira musical para Xoana porque o galego precisa máis artistas compremetidos coma ela.

De máis longa traxectoria son Sumrrá o trío de jazz formado polos músicos Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e LAR Legido (batería). Cunha carreira de 20 anos e seis discos editados, ademais de centos de concertos convertéronse nunha formación de referencia na escena  jazzística española contemporánea. Desde os seus comezos Sumrrá  cautivou a público e crítica cun jazz  inclasificable,  melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, a calidade dos seus integrantes e a frescura dos seus directos.

No seu sexto álbum, 6 Mulleres,  Sumrrá rende tributo a seis mulleres poderosas que foron e seguen sendo fonte de inspiración para a loita por un futuro mellor para toda a humanidade: Frida Kahlo de México, Rosa  Parks de América, Rosalía de Castro de España, Quin  Jin de China,  Malala  Yousafsai de Paquistán e  Nawal O- Saadawi de Exipto. 6 Mulleres é unha achega á loita feminista desde a música contemporánea do século  XXI.

E non podemos rematar sen facer mención ao nome en maiúsculas do jazz en Galicia, o gran Abe Rábade que conta no seu haber cunha ducia de discos como líder. É autor dunhas 200 composicións orixinais (moitas de corte  jazzístico, pero tamén varias próximas á música experimental, á tradicional galega, ao flamenco ou á clásica). O pinista e compositor compostelán é licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance por Berklee College of Music (Boston, EEUU) en el 1999. Dirixe o seu trío de jazz acústico desde 1996, formado na actualidade por Pablo Martín  Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería.

Agardo desfrutarades desta velada a ritmo de jazz, que segundo a propia UNESCO non é só un estilo de música, senón que tamén contribúe á construción de sociedades máis inclusivas e dende as Bibliotecas Municipais por iso apostamos tamén!