Ata o 30 de xuño, na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano podedes desfrutar de De Acordes, a nosa nova mostra bibliográfica, adicada a música.
Deste xeito queremos render homenaxe a dous fitos culturais e musicais que tiveron lugar na cidade: o centenario do debut de Cántigas da Terra no Teatro Rosalía Castro, e o primeiro concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, que tivo lugar fai 25 anos no Palacio da Ópera da Coruña.
Na mostra poderedes atopar unha pequena selección do noso fondo documental e musical. E como complemento, poderedes gozar na biblioteca de música en directo con actividades para tódalas idades:

Comezamos as actividades de De Acordes cun encontro/recital aberto no que algúns membros do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia falarán da súa expreriencia nel, a formación que reciben, as súas motivacións, etc. Ademais, durante a charla, os rapaces cantarán para os asistentes.
Luns, 24 de abril ás 19.00 h. na sala de adultos. Entrada libre ata completar capacidade
.: Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia

Temos a sorte de contar para a mostra co segundo dos concertos que o proxecto educativo “Son Futuro” da OSG fai en colaboración coas Bibliotecas Municipais a favor da cultura. O primeiro tivo lugar en Durán Loriga o pasado mes de decembro. E o derradeiro será o da Orquestra de nenos no Centro Cultural Ágora. Onde estrearán unha peza dedicada ao Sistema Municipal de Bibliotecas da Coruña.
No recital poderemos escoitar ás grandes voces do Coro Xove interpretar Odi et amo de Carl Orff, Ave Verum Corpus de Mozart, Creep de Radiohead, Bohemian Rhapsody de Freddie Mercury, Fix You de Cold Play, entre outros.
Venres, 5 de maio ás 18:30 h. no Auditorio do Fórum Metropolitano. Entrada libre ata completar capacidade.
.: Concerto homenaxe a Carlos Casares

Con motivo da designación de Carlos Casares como autor do Dia das Letras Galegas 2017, Xardin Desordenado confeccionou un programa na súa homenaxe, no que se inclúe cancións con diversos textos do autor.
Luns, 8 de maio ás 19:30 h. na sala de adultos. Entrada libre ata completar capacidade (actividade dentro do programa Ler Conta Moito)
.: Manoele de Felisa. Acercarlle á infancia o mundo da poesía musicalizada
Este cantautor galego con diferentes traballos publicados, ofrece unha actividade para lles achegar aos cativos e ás cativas o mundo da poesía a través das súas interpretacións musicais, así como algunha sorpresa lúdica para manter a atención e facela máis atractiva para o público infantil.
Luns, 5 de xuño ás 18:00h. na sala infantil. Dirixida a nenos e nenas de 3 a 9 anos. Entrada libre ata completar aforo (actividade dentro do programa Ler Conta Moito)
Se queredes ver unha pequena mostra do que atoparedes na Biblioteca Fórum, aquí tedes a guía de lectura.

E que como dicía o compositor alemán Carl María von Weber
“A música é a verdadeira linguaxe universal”
Agardamos que vos preste!