A música tamén é un medio para #DesconfinarALingua

As Bibliotecas Municipais vimos de celebrar toda esta semana Das Letras Galegas 2020 coa campaña “Desconfinar a lingua”, unha ocasión  na que coñecemos, usamos e vivimos a lingua con normalidade e sen filtros en todos os ámbitos e situacións. Desconfinamos a lingua amosando a nosa cara nas redes, con libros, discos, publicacións, filmes… na nosa lingua, como xeito de os mostrar, recomendar e dar a coñecer.

Agora que a semana remata toca despedir e dende Bibliosons queremos facelo como non podía ser doutro xeito con música do país, de aquelas e aqueles músicos galegos que empregan a nosa lingua como medio de expresión das súas creacións artísticas. Faremos un percorrido por todos os estilos e para todos os gustos.

Comezamos pola música tradicional do país e resultanos inevitable nomear ás Tanxugueiras. Hai precisamente un ano, tamén con motivo do Día das Letras Galegas  e para promover a lectura en lingua galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organizaba o AgoraSón 2019, coas Tanxugueiras en concerto.Dende Bibliosons falamos con elas nunha entrevista polo miúdo onde definían que

Facemos música sen complexos, escollendo pezas tradicionais e dándolle o noso punto de vista. Todo isto facéndoo dende o corazón, o respecto e desfrutando moito facendo ese traballo. Somos tres mulleres orgullosas de selo, que desfrutan ao cantar e contar a nosa tradición e, sendo moi conscientes de que somos capaces de levar un proxecto desta magnitude adiante. E sempre coa máxima presente de que hai que darlle unha volta á música tradicional referíndose á necesidade de achegala aos nosos tempos, perder o medo a xogar con ela facéndoa nosa”

 

As Tanxugueiras contan no seu haber cun Premio MIN  ao mellor álbum en galego (2018), categoría na que competían entre outros artistas coa gran Mercedes Peón.Este ano repiten nominación na mesma categoría con Contrapunto e comparten cartel coa santiaguesa Banda da Loba – a quen tamén tivemos a ocasión de entrevistalas en Bibliosons e máis ca recomendadas quedan – e coa Familia Caamagno. As Tanxugueiras teñen tamén recoñecemento na categoría de Música tradicional e folk dos Premios Martín Códax da Música e nas Mellores músicas de Galiza 2019 por “Que non mo neguen”, Certame aRi[t]mar Galiza e Portugal.  Agora, recén acaban de recibir a noticia de que Contrapunto, o seu último traballo, está entre os 20 discos da WorldMusicChartsEurope do mes de maio. Un listado que deciden 42 xornalistas, DJs, programadores europeos de máis de 20 países. E Autocracia está no TOP 20 de temas mundiais dentro da WMCDE. Durante esta etapa de confinamento estiveron moi activas nos seus perfís das redes sociais e destacaron pola hora do tanxuvermú durante os días 28 de marzo ao 12 de abril onde realizaban conversacións virtuais con diferentes persoeiros entre eles a xornalista Pilar García Rego ou a gran Guadi Galego.

Da música tradicional pasamos a algo máis movido, cunha mestura de garage sesenteiro, rock and roll, e letras que non deixan indiferente a ninguén, falamos dos Familia Caamagno. A banda formouse en Sigüeiro (ben pretiño de Compostela) aló polo 2011. Entrevistas radiofónicas e en prensa escrita, aparicións executando ao vivo os seus temas na TV autonómica galega e críticas moi favorables en medios especializados axudaron a que os Caamagnos tiveran unha axenda xeitosa ao longo do 2013, ano que remataron triunfalmente levando o primeiro premio no Concurso de bandas da Deputación da Coruña. O 2014 iníciano co disco Hai que andar cos tempos! e no 2016 lanzaron Para unha vez que saimos. No 2019 con Había que intentalo! os Caamagno despregan un compendio de melodías pop, ritmos frenéticos e retrousos coreables co único afán de facernos bailar e quen tivo a sorte de velos en directo sábeo ben!

Cambiamos novamente de ritmo pero sen deprazarnos moito, porque ben pretiño de Sigüeiro seguindo a ruta do grelo chegamos a Ordes, localidade natal dos Dios Ke te Crew un grupo de hip hop creado aló polo ano 2003. O pasado 2019 sacaban á luz  O ciclo da serpe, o terceiro álbum de longa duración do grupo e sen dúbida o seu traballo máis completo ata a data. Neste disco conflúen estilos difrentes pero coa seña inconfundible das letras satíricas e cargadas de acidez referentes á sociedade na que vivimos porque segundo eles mesmos din cren na liberdade de expresión e así o amosan nas súas cancións.

Seguimos na comarca de Compostela sen ser á mantenta pero é que non queriamos deixar pasar a ocasión se de innovación falamos, de mencionar aos pioneiros do trap en galego, os Boyanka Kostova. Dúo compostelán que toma o seu nome dunha atleta búlgara de halterofilia campioa do mundo en 58 Kg. e implicada nos casos de dopaxe dos Xogos Olímpicos de Londres. A respecto de cantar en galego son claros, esto é o que respondían nunhas declaracións a “El Cofidencial”

“Nós non o utilizamos como unha arma para facer os temas simplemente como un medio… coma se o fixeras en catalán en Cataluña ou en vasco no País Vasco. É o noso idioma habitual, nada máis”.

Os santiagueses son orixinais á hora de elixir o nome e tamén na letra das súas cancións e promete “leiras” en vez de luxo. Leiras é unha canción de amor, desas nas que un se vende para conquistar a unha moza e cantan: ” Teño leiras” para conquistala. . A idea da letra sae do avó de Cibrán que segundo el mesmo lle confesou ao neto conseguiu conquistar á súa avoa porque tiña moitas leiras. Os Boyanka Kostova demostran así que este xénero tan de moda pódese mesturar coa cultura e o costumbrismo.

Emprendemos ruta cara o sur e chegamos a Cambados para falar de Paula Chaves, máis coñecida como Pauliña no panorama musical é unhas das voces femininas con máis carácter e personalidade hoxe en día. O seu estilo pode definirse entre a música countrie con rock e blues. Dentro do panorama musical galego é coñecida polas súas colaboracións con grandes nomes do rock como Vituco Neira, NAVE, etc., no 2018 emprendeu carreira en solitario pero rodeada de grandes músicos. Recentemente acaba de editar o seu segundo disco A Mafalda e antes do confinamento estaba a preparar a xira a que prometia acompañar dun show innovador e rompedor. Así que desexando estamos sobre os escenarios.

E rematamos moi a conto o noso pequeno percorrido polo música en galego de vangarda na cidade de Ourense. De alí son Os Amigos dos Músicos un grupo formado por experimentados músicos que proveñen de grupos e tradicións diversas, falamos de bandas como Niño y Pistola, Blood Filloas, O Sonoro Maxín, Annie Hall, Haecceidad ou Cinnamon Gum. O grupo nace como banda de acompañamento de O Neno Elliott (Daniel Alonso), pero despois da gravación de Osaka, unha adaptación do poema de Carvalho Calero (homenaxeado este ano polo Día das Letras) A orquestra filarmónica de  Osaka, comeza a funcionar de maneira independente. O que tiñan claro desde un primeiro momento era que querían reflectir na súa música toda a herdanza folk rock galega, desde Suso Vaamonde e  Batallán ata  Bibiano, todo iso sen que o seu son perda orixinalidade, frescura nin personalidade. Todos os integrantes do grupo cantan e compoñen, utilizando o galego como vehículo de expresión e transmisión de emocións.

O percorrido remata aquí pero podedes completalo coa Lista de Reprodución na nosa canle de spotify. Alí ademáis dos xa mencionados atoparedes artistas coma  MJ Pérez, Cuarta Xusta, O Sonor Maxín, Oh!Ayatollah, Los Jinetes del trópico, Momboi ou The Rapants entre outros. Que a desfrutedes e Feliz Día das Nosas Letras!!!