Reiniciando a música tradicional e popular

O folclore e a música popular non só existe, senón que tamén resiste. Moitos e moitas artistas descobren a súa catarse creativa no mundo rural, onde reside o folclore tradicional. Esta fonte de inspiración failles viaxar ó pasado para conectar co presente. Unha viaxe temporal que podemos escoitar como o espírito ancestral casase coa vangarda.  Non tratan de continuar a viaxe do folclore tradicional e a música popular por un sendeiro recto, inmune o paso do tempo, senón todo o contrario, experimentan novas rutas que se desvían do camiño ou incluso de difícil acceso, para traelas a unha nova era.

As Bibliotecas Municipais de A Coruña destacan unha serie de artistas (non están todas as que son, pero si son todas as que están) que experimentan e alteran a música popular e conseguen un prefecto diálogo entre xéneros e xeracións.

Mercedes Peón

Compositora, produtora, cantante e instrumentista galega. Peón é unha das artistas máis importantes e valoradas do noso país. Figura fundamental da escena etnocontemporánea europea. Dende pequena mostrou interese pola tradición oral e o folclore galego, fundamentalmente pola súa aldea materna, Oza dos Ríos. Leva anos renovando a música tradicional dun xeito orixinal. Sen dubida, é unha das artistas máis vangardistas da nosa época.

Baiuca

Alejandro Guillán, natural de Catoira, é o álter ego de Baiuca. Un proxecto musical revolucionario que redefine o folclore tradicional galego. Poderíamos encadralo no xénero folktrónica, é dicir, a mestura ou fusión de elementos da música tradicional con electrónica. Etiquetas a parte, a súa música achega a nosa tradición galega á un son coetáneo e de vangarda. Parte do noso patrimonio popular, como poden ser: as muñeiras, xota, pasodobre, mazurca, maneo, etc., e instrumentos como: cunchas, pandeiretas, gaitas frautas… ou mesmo as voces tradicionais, asócianse con sintetizadores, caixas de ritmo e programación. É unha proposta orixinal que realmente chega ao público e traspasa fronteiras.

Rodrigo Cuevas

Cantante, compositor e provocador asturiano. Defínese como un “axitador folclórico e sex-symbol da copla”, en clave de humor, para facer chegar unha mensaxe seria. Rodrigo é un músico transgresor que defende un proxecto atrevido e sen vergoña no que une o folclore popular con ritmos de vangarda. Esta mestura, tradicional e vangardista, tamén é visíbel na súa proxección estética.  Detrás de Rodrigo Cuevas hai un traballo de arquivo, estudo das nosas raíces e apoloxía do rural. Un artista único que dará moito que falar.

“Muiñeira para a filla da bruxa”

Lorena Álvarez

Compositora asturiana que non só reivindica a música popular, senón tamén a vida no rural. A sinxeleza coa que parece que se expresa e crea a súa obra é a que fai o verdadeiro vínculo co folclore tradicional máis aló, de atreverse a mesturar pop con xotas, pasodobres, muñeiras, etc. A súa proposta está chea de humor, poesía e pon en valor as cousas pequenas que lle rodean.

Soleá Morente

Filla do cantaor Enrique Morente, Soleá, xoga a fusionar e expandir a súa música. Partindo do flamenco como base recondúceo a outros estilos como o pop, rock ou psicodélica. Non só se centra no flamenco, tamén se atreve con tango arxentino, sevillana, fandango ou a granaína. Como o seu pai, o mestre Morente, canta poemas de Antonio Machado ou de Federico García Lorca. É unha librepensadora do flamenco e das súas posibles fusións.

Lila Downs

Chavela Vargas chegou afirmar, despois de ver a Lila Downs sobre un escenario, que xa podía morrer tranquila. Downs é unha cantante, compositora, produtora e actriz mexicana. A súa obra ten un tratamento contemporáneo do folclore. Con naturalidade mestura o vello e o novo, unha voz atronadora e unha voz doce. A parte de cantar en español e inglés, tamén interpreta melodías en diversos idiomas nativos do seu país, como mixteco, zapoteco, maya, purépecha e náhuatl. Reivindica as súas raíces mexicanas e a dos pobos indíxenas, sobre todo a música rexional de Oaxaca, o seu pobo natal.

Zapata se queda

Nícola Cruz

É un dos principais referentes do xénero folktrónica latina, mestura folclore andino con música electrónica. Aínda que Cruz naceu en Francia, actualmente está afincado en Quito, Ecuador, de onde son as súas raíces e inspiración. Mostra unha gran sensibilidade pola música ancestral dando nova vida os instrumentos tradicionais dos Andes que renova a partir dos métodos de produción actuais.

Calexico

Banda estadounidense de Tucson, Arizona, de flok-rock americano. Calexico caracterízase polo os seu estilo ecléctico no que une variedade de estilos, destacando o folk do suroeste de Estados Unidos e do norte de México. A diversidade cultural dos compoñentes dá credibilidade o seu discurso de achegar culturas e diluír fronteiras. Canta á inmigración e a todas esas comunidades de xente que se instalou no país en busca do soño americano, en definitiva, intentan mostrar que da diversidade saen cousas marabillosas, como a súa música.

Jambinai

Trío coreano que xurdiu en Seúl, na Universidade Nacional de Artes de Corea, onde estudaban música tradicional. Compoñen música instrumental feita con instrumentos milenarios, en risco de extinción, e coetáneos (guitarra, baixo e batería). Mesturan sons do pasado con hardcore, a fraxilidade co heavy. Unha proposta moi interesante e atípica que merece ser escoitada. Confesan que a súa inspiración vénlles dos sentimentos de angustia, enfado e illamento que lles xeran as forzas conservadoras que queren controlar ás novas xeracións.

Onda

Fuerza nueva

Fuerza nueva é o incendiario e revolucionario proxecto formado por Los Planetas e Niño de Elche. Recuperan a verdadeira orixe de cancións populares, as despoxan da súas connotacións ideolóxicas e proporcionan novas lecturas. Xogan a alterar símbolos. Remozan himnos como o de Andalucía (“Santo Dios”), “El Novio de la muerte” (canción que naceu como un cuplé, e que para moitos e moitas é o himno da Lexión), o himno oficial dos xitanos ou o himno de Cataluña, “Els Segadors”, que adaptan baixo o título “Canción para los obreros de Seat”. Aínda que non o pareza, súa intención non é, en ningún caso, provocar, senón baleirar de ideoloxía para que poidan ser escoitadas cunha mentalidade aberta.

Existen temas que xenaran tabús e controversias na sociedade e Francisco Contreras Molina, Niño de Elche, é un dos artistas que a través dos seus proxectos (xa sexa en Fuerza nueva ou en solitario) nos axudan a reflexionar e xerar diálogo.

Caxade

É o proxecto persoal de Alonso Caxade quen estudou acordeón no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra e Educación Musical, ademais, ten o Posgraduado de Música Tradicional Galega. Ca súa banda, fusiona folclore tradicional galego con pop. Define a súa música como un conxunto de estilos que crean un propio. Mostra unha gran consideración polo mundo rural e o noso patrimonio cultural tradicional. Detrás de súa obra hai un discurso irónico e reivindicativo.

Gente pota

Davide Salvado

Artista galego que converte a música tradicional galega en universal grazas o seu arte e unha gran posta en escena. Salvado é rural e folclórico, pero tamén amigo da provocación e o desconcerto. Foi capaz de atopar o seu propio estilo agrogay, como se define, que se move entre a vangarda, a tradición e a provocación. Salvado presenta un folclore tradicional onde mestura sen medo todas as súas influencias para engrandecer os cantares ancestrais.

Omar Souleyman

Natural de Ras al-Ayn, da rexión nordés de Siria. Comezou no eido da música na década dos noventa. Pasou de cantar nos festexos nupciais por encargo a converterse na estrela máis grande do Medio Oriente. Hoxe, é un músico de fama internacional. Dende pequeno, Souleyman, cantou cancións tradicionais de dabke, base da súa obra, que mestura co estilo iraquí de música choubi e letras kurdas. Este folclore axítase con electrónica producindo unha gran cantidade de cancións cun estilo frenético. É un son estraño e exótico para os oídos occidentais, oídos os que Omar Soleyman non parece estar moi interesado en compracer, aínda así, colleita moi boas críticas a nivel mundial.

Warni warni

Lista Reprodución Forum: música galega para o mes de xullo

No mes de xullo celebramos o Día Nacional de Galicia, a nosa festa oficial. Así que, proveitando a magnitude do evento quixemos elaborar unha Lista de Reprodución á altura, con música feita no país e por artistas galegos. Porque se os galegos podemos andar coa cabeza ben erguida por moitos motivos, por suposto a música é un deles.

santiago

Esta non pretende ser unha lista exhaustiva nin tampouco un glosario porque, entre outras cousas, o noso cometido limítase ao proceso de selección de 26 traballos discográficos e polo tanto moitos dos artistas quedaríannos fóra. Do que se trata é de facer un percorrido xeral pasando pola música folk e tradicional de raíz con grupos coma Luar na Lubre ou Rosa Cedrón ata chegar aos xéneros máis novidosos que se están dando no panorama actual. Incluimos nomes como o da gran Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical en Galicia. Guadi debutou como vocalista con  Berrogüetto (Viaxe por Urticaria, 1999) e pasou por formacións como Nordestinas, Espido e aCadacanto. Sen dúbida o éxito rotundo aclamado por crítica e público chegoulle da man do seu segundo e último traballo en solitario Lúas de outubro e agosto co que a cantante e compositora de Cedeira se presenta cun son e unha expresión artística moito máis madura e arriscada.

Seguindo con esa estirpe podemos falar de Alba María, unha moza de tan só dezanove anos filla da emigración galega e que acaba de presentar o seu primeiro traballo “Ainda” cuxa edición correu a cargo de aCentral Folque e que está en pleno auxe.

Na liña tradicional tamén podemos incluir a Nelson Quinteiro, cantante, actor, bailarín, guionista e director de escena que despois dun proxecto de crowdfunding a principios do 2013 entra en fase de gravación do disco Orquesta Gharbo!. Acompañado de músicos da talla de Fran Castro, Pulpiño Viascón ou Silvia Penide conformaron un disco de música tradicional galega cunha che de influencias, sonoridades pop, tango e mesmo música trovadoresca.

Nada que ver teñen os Dios ke te crew (DKTC), grupo de hip hop da vila coruñesa de Ordes formado en 2003. Posteriormente formaron tamén un grupo de graffiti, breakdance, DJs e rap. Todos estes aspectos do hip hop únense nas presentacións en directo do grupo, onde é común presenciar pezas de pintura e graffiti no fondo do escenario e bailar breakdance, mentres o grupo musical interpreta as súas cancións. “Humanose” é o seu segundo traballo publicado no 2011.

E para rematar con sons que tiran máis polo pop e indie falamos dos xa desaparecidos Nadadora, o de sobras coñecido por todos Iván Ferreiro quen durante trece anos foi o cantante e líder do grupo de pop-rock Los Piratas, os coruñeses Triángulo de Amor Bizarro que non fan máis que colleitar éxitos ou dos Nouvelle Cuisine que levan máis de 12 años facendo cancións, pasando do pop guitarreiro á electrónica máis refinada con paradas na música popular.

Aquí vos deixamos a lista ao completo para que lle botedes unha escoita que de seguro merece a pena. E se queredes desfrutar dos traballos seleccionados ao completo non esquezas pasarte pola Biblioteca Forum e levalos en préstamo!

Aíd – Rapoemas, Alba María – Aínda, Rosa Cedrón – Entre dous mares, Dios Ke te crew – Humanose, Iván Ferreiro – Confesiones de un artista de mierda, Guadi/Guillermo – Espido, Guadi Galego – Lúas de outubro e agosto, The Homens – Tres, Lamatumbá – Paraugas universal, Lovely Luna – Chan y Eng, Luar Na Lubre – Torre de Breoghán, Marful – Marful, Nadadora – Luz, oscuridad, luz, Nouvelle Cuisine  – De memoria, O sonoro maxín – A onda sonora (chega do interior), Amancio Prada – Trovadores, místicos y románticos, Nelson Quinteiro – Orquesta Gharbo!, Niño y Pistola – There’s a man with a gun over there, Novedades Carminha – “Juventud infinita”, Os Resentidos – Fai un sol de carallo, Rústica – Rústica, Ruxe Ruxe – A terra dos comentos, Som do galpóm – … Em terrä de ninguëm, Stereotipos – Stereotipos, Triángulo de Amor Bizarro – #Año Santo, Zënzar  – Vaise armar

Aturuxos na Cidade do Vento

As festas de María Pita están a tinguir de músicas do mundo a cidade da Coruña. Non podemos esquecer as melodías de raíz, auténticas bandas sonoras das nosas vidas durante xeracións.

O mes pasado abriu a tempada de concertos de música galega a Asociación Cultural Donaire continuada por grupos como a Agrupación folclórica Aturuxo. Onte rematou o Festival Internacional de Folclore organizado e creado pola Asociación coros e danzas Eidos, onde este ano puidemos desfrutar de músicas e danzas de moitas partes do mundo (Exipto, Sudáfrica, Costa Rica e Rusia).

Se non queredes perder os vindeiros espectáculos de Música Tradicional Galega, anotade estes nas vosas axendas, xa que gaitas, pandeiras, bombos e tamborís ”bailarán” o enxebre son de muiñeiras, xotas, alalás, pandeiradas, maneos e foliadas en varios recunchos da cidade:

– 11 de agosto ás 20.00h. no Parque de Sta. Margarida: A Asociación Folclórica Sociocultural Cantares Galegos vólvenos agasallar coas súas cancións dentro do programa Música no Parque.

– 12 de agosto ás 20.00h. no Parque de Sta. MargaridaO Coro Galego Cántigas da Terra compartirá escenario co Coro Casa Galicia de New York para nos achegar dous xeitos de sentir a música galega.

– 17 de agosto ás 22.30h. na Praza de María Pita: un ano máis, a Asociación Cultural Xacarandaina encherá a praza do Concello ao ritmo de cantos e danzas tradicionais cheas de cor e movemento.

– 19 de agosto ás 20.00h. no Parque de Sta. Margarida: O Coro Aires de Bergantiños compartirá con todos nós o seu amplo repertorio para divulgar unha parte do folclore galego que tanto lles apaixona.

Coro Aires de Bergantiños

– 20 de agosto ás 20.30h. nos Xardíns de Méndez NúñezGrupo de música e danza tradicional “Alxibeira” amosaranos bailes e cantigas de aldeas de Lugo, Pontevedra e A Coruña.

Grupo Alxibeira

– E, o 24 de agosto ás 21.00h. nos Xardíns de Méndez Núñez, o case centenario Coro Galego Cántigas da Terra, historia viva da Coruña, fechará coa súa actuación  o programa de Festas de María Pita.

Pero tamén contaremos con músicas tradicionais doutras partes do estado español incluídas no XVIII Certame de Casas Rexionais:

– 16 de agosto ás 20.30h. contaremos con músicas e danzas de Aragón.

– 17 de agosto ás 13.30h. e ás 19.30h. poderemos ver os grupos de baile Soniquete da Casa de Andalucía e o Alto del Guadalquivir” de Córdoba.

– 24 de agosto ás 13.00h. e ás 19.00h. estarán a Asociación Folclórica Cristo de la Veracruz e o Grupo Folclórico “Magisterio” de Albacete, dentro do día de Castela A Mancha.

Convidámosvos a coñecer o fondo das Bibliotecas Municipais da Coruña de música galega que está dispoñible no noso Catálogo.

Presentación da Orquestra de Música Tradicional Galega

Mañá sábado 24 de maio a partir das 19:30 horas, no Forum Metropolitano, terá lugar a presentación da Orquestra de Música Tradicional Galega (OMTG) da Escola Municipal de Música de A Coruña.

orquestra

 

Un evento que terá como artistas invitados:

  •  MANOELE DE FELISA (cantautor)
  • MARCEL CHIRILOV & MARCOS REPRESAS (dúo clarinetes) “Eu quero sossego” (fado). Arreglos: Marcel Chirilov
  • SAPOCONCHO GALEGO (cantautor) “Estraña forma de vida”, “Lágrima” e “Carmiña Carmela & O Arrierio”.
  • GRUPO MAGHÚA (pandereteiros)
  • PULPINHO VIASCÓN (serrucho y piano) “Os Teus Ollos”
  • ORQUESTA DE MÚSICA TRADICIONAL GALLEGA DE LA ESCUELA MUNICIPAL DE MÚSICA DE A CORUÑA

A ORQUESTRA DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA (OMTG) é unha proposta do profesorado da Escola Municipal de Música de A Coruña como nova agrupación do centro para o curso 2013-2014. A diferenza esencial a respecto doutras agrupacións existentes na escola é que a OMTG se crea como un “taller” aberto tanto para alumnado interno como externo á propia escola.

A recén creada OMTG comprende unha base de músicos afeccionados e un conxunto de repertorio que ás veces soa máis clásico e ás veces máis moderno; con pequenas seccións de cordas e de metais, de gaitas, percusión tradicional e moderna, piano, acordeóns, contrabaixo, etc. Esta base, unida á magnífica resposta por parte de músicos profesionais para unirse e colaborar, permitiu que, en poucos meses desde a súa creación, a OMTG se presente por vez primeira ante o público.

Así que se tedes a oportunidade non deixedes de asistir ao evento, xa que en palabras do músico Eduardo “Dubi” Méndez Baamonde

 Non sabemos nen tan sequera se a agrupación chegará a consolidarse como tal nun futuro. Dependerá de varios factores: da resposta do alumnado e do público, do apoio institucional e do propio centro, e sobre todo do ánimo do profesorado para levalo a cabo, porque implica moitísimas horas de traballo non remunerado.
Tamén o de que cumpra o seu obxectivo fundacional: o de socializar a música tradicional na cidade. Para iso estará sempre aberta a calquera iniciativa ou proposta de diálogo e colaboración con outras Escolas, Asociacións, Institucións. As aportacións serán mutuas.

 

Dende aquí desexamoslle toda a sorte que se merecen nesta nova andaina.

Deusa Tola en concerto

Este sábado 22 de marzo temos a sorte de ter a Deusa Tola en concerto no Auditorio do Forum Metropolitano.

352_DeusaTolaP

Nada mellor para definilos que o que reza a súa propia biografía:

Deusa Tola achéganos unha odisea musical atemporal, meténdose nas raíces comúns da súa terra natal, Galicia, e dos sons das beiras do Atlántico, pezas do noso repertorio popular mesturadas con cancións emblemáticas dos nosos tempos: os grandes clásicos da música antiga e contemporánea

O grupo está formado por Susana de Lorenzo, voz e armonium e Xoan Piñón, guitarra acústica e eléctrica. Sen dúbida dous músicos de longa bagaxe musical.

Susana de Lorenzo, soprano e profesora de latín e grego compaxina a súa labor docente coa música. Comezou a súa carreira no mundo do pop-rock e foi evolucionando por diferentes estilos. Cun ambiente familiar artístico cultiva, dende moi pequena, xéneros musicais, interpretación, ballet contemporáneo… obtendo numerosos premios e participando en diversas gravacións, ata converterse segundo a crítica nunha das mellores voces de Galicia.

O coruñés Xoán Piñón, ainda que licenciado en mediciña é fotógrafo profesional ademais de músico. Pertenceu a diversas formacións de música experimental, electrónica, rock e folk como Generación 49 e foi tamén un dos fundadores do grupo de folk DOA.

O pasado mes de xaneiro Deusa Tola formaron parte do elenco musical do Festival Implicate que tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela

Asi que se non tedes plans para a fin de semana non perdades a oportunidade de escoitalos en directo, mercando a túa entrada. Lembra que a cita é este sábado 22 de marzo ás 22:30 no Auditorio do Forum Metropolitano da Coruña.

Nas nosas Bibliotecas Municipais temos algúns traballos dos músicos. Consulta a súa dispoñibilidade no Catálogo.