Lista Reprodución Fórum: os máis prestados do 2022

Xa entrados no mes de febreiro e antes de meternos noutros mesteres, na Lista de Reprodución Fórum gustanos de cando en vez volver a vista atrás e facer valoracións,desta que volta imos dos máis prestados do 2022.

Parécenos que botar un ollo aos datos sempre é bo para coñecer un pouco máis de preto os gustos das nosas usuarias e usuarios, algo que dende hai un tempo na Lista de Reprodución Fórum xa é todo un referente. O resultado sen embargo non deixa de sorprendernos e emocionarnos a partes iguais, unha composición do máis ecléctica onde caben infinidade de sons que, confesamos, conseguen arrincarnos algunha que outra brincadeira á hora de confeccionala.

O que comeza a ser xa un clásico tamén é algún dos discos que logra meterse na selección ano tras ano, como é o caso de “Me gustas mucho” unha reliquia da grande Rocío Durcal que acada o número dous da lista só superada esta vez polo fenómeno Tanxugueiras das que pouco queda por dicir que non se dixera xa. Quedámonos coas súas propias palabras:

“O grupo naceu sen pretensión de nada e mira onde estamos agora”

Que entre os máis prestados figuren tamén nomes como o do coruñés Xabier Díaz e o seu último traballo “Levantarse e caer: arrolos e abrente” ou  Sés co seu traballo do 2015 “Tronzar os valos”  non fai máis que confirmar o bo momento que está a travesar a música popular e de raíz.

Por suposto tamén hai oco para o pop rock tanto nacional coma internacional, atopamos así a The Killers  co seu álbum “Pressure machine”, un traballo conceptual baseado na infancia do cantante Brandon Flowers na cidade de Nephi, Utah ou ao recente triunfador nos Grammy o británico Harry Styles que recolleu os premios ao ao mellor disco do ano e ao mellor disco pop.

E para o remate deixamos a sorpresa final, na lista incluímos un disco que nos fai especial ilusión por dous motivos, unha porque unha das súas cancións está incluída na recén premiada película de animación “Unicorn Wars” e dúas porque un dos integrantes da banda  é un compañeiro noso, falamos como non de Hongo.

Seguro que a estas alturas xa todos sabedes que o artista coruñés Alberto Vázquez acaba de gañar un Goya pola película de animación “Unicorn Wars” pero o que posiblemente non saibades é que outros coruñeses, en concreto os músicos do grupo Hongo, participaron coa súa canción “Respirando Odio” nos créditos da mesma. Con esta canción, que pertencente ao “Split con Aguirre” e se pode escoitar en directo no seu álbum “Live to ruin”, péchase un círculo que comezou hai dez anos co corto que iniciou esta aventura conxunta: Sangre de Unicornio. Un corto que comeza coa mesma canción e que como o propio filme e a música de Hongo, é tremendamente nihilista, persoal e crítico coa sociedade occidental. 

A lista segue e aquí vola deixamos ao completo, para que lle botedes unha escoita, a desfrutedes e por suposto a compartades. Os discos coma sempre tédelos á vosa disposición para o préstamo na Biblioteca Fórum.

Lista Reprodución Fórum: os máis prestados do 2022

Tanxugueiras – Tanxugueiras, Rocío Dúrcal – Me gustas mucho, Arcade Fire – We,The Killers – Pressure machine, Diana Ross – Baby love the essential, Amaral – Salto al calor, Harry Styles – Harry´s house, Kings of Convenience – Peace or love – Tanxugueiras – Contra [punto], Xabier Díaz – Levantarse e caer, Lana del Rey – Blue Banisters, Fredi Leis – Temas privados, Michel Camilo & Tomatito – Spain again, Lori Meyers – Espacios infinitos, Ginebras – Ya dormiré cuando me muera, Fredi Leis – Neón, Rozalén – Quién me ha visto y quién me ve, M80 Radio – Movie Hits, Sés – Tronzar os valos, Dúa Lipa – Future Nostalgia, Hongo – Live to ruin.

Lista Reprodución Fórum: os máis prestados

Xa entrados no mes de febreiro, pasado o día dos namorados e chegando o entroido mais antes de meternos noutros mesteres, na Lista de Reprodución Fórum non nos esquecemos que aínda tiñamos pendente a selección dos máis prestados do 2021.

Botar un ollo aos datos sempre é bo para coñecer un pouco máis de preto os gustos das nosas usuarias e usuarios, algo que dende hai un tempo na Lista de Reprodución Fórum xa é todo un referente. O resultado sen embargo non deixa de sorprendernos e emocionarnos a partes iguais, unha composición do máis ecléctica onde caben infinidade de sons que, confesamos, conseguen arrincarnos algunha que outra brincadeira á hora de confeccionala.

A cousa comeza animada ao ritmo da raíña da rancheira, a grande Rocío Dúrcal e o seu inesquecible “Me gustas mucho”. A canción do nome homónimo, converteuse no primeiro sinxelo do disco, e no gran éxito deste álbum, alcanzando importantes vendas tanto en España como en Latinoamérica. Tal foi o éxito que conta con numerosas versións, entre elas a do grupo infantil Parchís ou a da Década Prodigiosa entre outros. Un tema moi acaído para os amantes da verbena que por fin este ano parece que van poder desfrutar.

Imaxe da portada do disco Me gustas mucho: todos los grandes éxitos

E para ir de festa tamén podemos facelo a ritmo dos santiagueses Malandrómena e o seu “Cada can que lamba o seu carallo” que conxugan vangarda e poesía urbana para ofrecer unha mestura de estilos capaz  de animar ao máis parado.

Non hai que esquecer que xunto con “Os corenta e oito nomes do inimigo’, ‘Cada can que lamba ou seu carallo’  publicados á vez en 2016, foron elixidos discos nacionais do ano ex aequo na tradicional lista que publica a revista especializada en música Rockdelux.

Pero como non todo vai ser festa, na lista tamén hai oco para a música máis tradicional e o folk de Luar na Lubre e os cantos tradicionais e místicos do cantautor leonés Amancio Prada. Sen palabras nos deixa o seu “Campanas de Bastabales”.

Que entre os máis prestados figuren nomes como Rosa Cedrón, Guadi Galego e por suposto as de sobra coñecidas e admiradas Tanxugueiras non fai máis que confirmar o bo momento que está a travesar a música popular e de raíz. Pero por suposto a lista segue, e non estabamos de chance cando deciamos que era do máis ecléctica posto que se suman nomes como Nathy Peluso, Dua Lipa ou Sidonie.

Aquí cha deixamos ao completo, bótalle unha escoita, desfrútaa e compartea. Os discos coma sempre telos a túa disposición para o préstamo na Biblioteca Fórum.

Lista Reprodución en Spotify

Rocío Dúrcal – Me gustas mucho,  Nada Surf – Never not together, La M.O.D.A – Ninguna ola, Sidonie –  El regreso de abba,  Guadi Galego – Costuras,  Fiona Apple  –  Fetch the bolt cutters, Bruce Springsteen – Letter to you, Dua Lipa – Future Nostalgia  , Tanxugueiras – Contra [punto], Nathy Peluso  –  Calambre, Sinéad O’Connor – So far_the best of Sinéad O’Connor ,  Iván Ferreiro – Cena Recalentada, Luar na Lubre – Extra Mundi, Soleá Morente – Lo que te falta,  Amancio Prada – Trovadores, místicos y románticos, Malandrómena – Cada can que lamba o seu carallo, Rosa Cedrón – Entre dous mares, Siniestro Total – Trabajar para el enemigo, Amaral Amaral,Andrés SuárezMi pequeña historia

Lista Reprodución Fórum: os máis prestados do 2019

Non queremos deixar que remate xaneiro sen facer na Lista de Reprodución un repaso polos discos máis prestados ao longo do 2019 na Biblioteca Fórum. Desta volta, penso, a lista non vai deixar indiferente a ninguén , pois o resultado é do máis ecléctico.

O resultado amosa que o que está de actualidade funciona e ten razón de ser. Falamos de Rosalía a flamante gañadora do Grammy ao mellor disco latino de rock, urbano ou alternativo, polo seu álbum El mal querer. Sen embargo o seu álbum debut Los Ángeles é o que figura entre os máis prestados. Se por algo se caracteriza a catalana é polo seu bo facer á hora de mesturar polas raíces españolas co seu interese pola fusión urbana. Dende aquí ben que nos alegramos polo logro aínda que se quedou ás portas do outro premio ao que optaba, o de mellor artista novo que foi a parar a mans da gran triunfadora da noite, a americana Billie Eilish.

 

Moi de preto atopamos aos madrileños Izal. O grupo formado aló polo 2010 son todo un garante de éxito en canto a cheo absoluto nos seus concertos. Iso foi precisamente o que aconteceu en febreiro do 2019 no Coliseum coruñés cando deu comezo a súa xira Autoterapia e onde o grupo fixo cantar e bailar aos máis de 7000 seguidores que encheron as bancadas. Autoterapia é sen dúbida un traballo no que Izal busca profundizar nos sentimentos e aínda que a crítica non os acompañe demasiado acusándoos de frases fáciles non serei eu quen lle reste un chisca do éxito acadado.

E non saimos de Madrid porque tamén temos que falar de Morgan,
O grupo madrileño, que causa sensación entre o público, a crítica especializada e a industria musical, e do que hai un par de semanas poidemos desfrutar do seu directo na cidade. Despois de demostrar en festivais como o Sonorama Ribera ou o Mad Cool, onde tocaron na súa primeira edición como grupo emerxente volverono facer en O Son do Camiño de Santiago de Compostela, nun dos escenarios grandes como banda consolidada. Actualmente atópanse percorrendo de novo o país presentando o seu novo traballo Air, con entradas xa esgotadas en Alacante ou na capital, onde tiveron que habilitar unha segunda data para este decembro.

A lista dos máis prestados complétase con nomes coma o de Xoel López co seu disco Paramales. O álbum encerra unha amálgama de sons que foi absorbendo de todos os lugares que visitou. Un disco arriscado en canto a sons e letras. Pero se nos temos que decantar por unha canción esa é Almas del Norte que soa a que todo é posible. Unha canción “nostálxica”, rebosante de alusións e xogos de palabras, que tenta recuperar o espírito das noites nas que se bailaba ata o amencer.

Ata aquí todo moi na liña, pero o cambio chega con nomes coma o de Mocedades, Gloria Lasso, Los Panchos ou a mesmísima Rocío Dúrcal que acada un dos primeiros postos en canto a número de préstamos. E polo que a min respecta non me pode gustar máis esta mestura de estilos porque isto non é máis ca o fiel reflexo dos gustos musicais dos nosos usuarios e usuarias, e é a eles a quen nos debemos e para quen confeccionamos as nosas listas de reprodución.

Non falta tampouco música máis da terra con artistas do talle de Luar na Lubre, Leilía ou Xabier Díaz. Aquí vos deixamos coma sempre a Lista ao completo que de seguro vos vai seguir sorprendendo. E lembra que todos os discos están dispoñibles para o préstamo, podes consultar antes a súa dispoñibilidade.

Rocío Dúrcal – Por siempre,  Mocedades Antología – Sus 30 mejores canciones, Mamma Mia! – The movie soundtrack…  , Shakira –  Servicio de lavandería, 100 años de bolero –  Vol. 1…, Aquellos maravillosos 50,  Radio Futura  –  Veneno en la piel  , Luar na lubre – Extra : mundi, Leilía – Consentimento  , Carlos Núñez – Mayo longo, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre  –  The tambourine man, Patti Smith – Horses,  Sia – This is acting deluxe edition, Rozalén – Cuando el Río Suena, Rosalía – Los Ángeles,  Iván Ferreiro – Cena Recalentada, Morgan – AirThe Rolling Stones – Grrr!, Izal – Autoterapia, Xoel López – Paramales