The show must go on!

O espectáculo continúa: Os Xoves na Sagrada reaparece na súa vertente máis outonal. Quen dixo que música e literatura non formaban unha fórmula perfecta? Quizais este ano máis que nunca. Bob Dylan -e o seu controvertido Premio Nobel- foi o motor propiciador de encendidos e acalorados debates ao respecto. “Pero esa é outra historia e deberá ser contada noutra ocasión”.

Secho y los Invisibles acompañarannos no primeiro dos nosos concertos.

Secho y los invisibles

A banda, creada no 2009 por Sergio Castiñeiras, conta cunha ampla traxectoria musical. Logo de pasar por distintas formacións e percorrer a nosa xeografía con múltiples concertos, lograron atopar o equilibrio e sentirse cómodos para gravar o seu primeiro disco Xa fai un tempo, un album producido por eles mesmos, con pouco presuposto pero moitas ganas.

Pagará a pena achegarse á biblioteca da Sagrada Familia para escoitar os temas do seu album de debut, cancións con moito sentimento. Son verbas, amor, desencontro, desconcerto, elegancia…Unha mestura de modernidade e tradición, de rock e folk, de asfalto e terra, co que pretenden chegar á esencia das cousas e acadar un intre de complicidade coa xente. Ides deixar pasar esta oportunidade sen vir velos?

En 2016 Secho y los invisibles pasa a formar parte do selo discográfico Discos da Máquina (ddm), xunto con Ataque Escampe, Caxade, e outras bandas de referencia no panorama musical galego.

Este xoves 27 de outubro contaremos coa presenza da súa formación actual:

Sergio Castiñeiras: Voz, guitarra acústica e acordeón.
Benjamín Vázquez: Guitarra eléctrica.
Anxo Araujo: Baixo.
Roi Castaño: Batería e percusión.

Lembrade que o concerto é na Biblioteca Sagrada Familia, e que comezará ás 19:30 h. A entrada, de balde, é libre ata completar capacidade.

Longa vida e prosperidade! sticker_macbook_vulcano

Advertisements

Pistoletazo de saída dos Xoves na Sagrada: La Senda de Afra

Frescura e actitude, son elementos que definen quen son e que fan La Senda de Afra, os encargados de poñer a banda sonora ao primeiro dos concertos de outono de Xoves na Sagrada o vindeiro 22 de outubro.
A banda de pop-rock deu os seus primeiros pasos no 2008, da man de Sheila Orro e Patri Varela. Con un contundente son pop-rock e unha forte posta en escena, dende o seu debut en directo no 2009 no campus de Santiago ata hoxe obtiveron éxito tras éxito.

Gañadores de concursos musicais de prestixio como “Nordés” dos 40 Principais, a primeira edición do “QueroStar” ou a final do“Noroeste Pop Rock” no verán do 2014.

A guinda foi o “Beefeater London Sessions”, que os levou a Londres aos míticos Abbey Road Studios. Alí gravaron dous temas que foron publicados exclusivamente en formato dixital para ser distribuídos pola rede.

O seu primeiro disco “Tardes de Abril” totalmente autoeditado, foi moi ben recibido polo público. O tema que lle da nome conta cun videoclip gravado no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e dirixido por Gonzalo Cotelo, que podedes ver no seu canal de youtube


O seu último proxecto “Nuestro secreto”  inclúe os temas feitos en Abbey Road Studios de Londres como “Noches en vela” ou o seu último vídeo “Tomenta de verano”


Este concerto estrea o noso ciclo de outono, que ven cheo de sorpresas. Que mellor, para esas tardes de outono, que achegarse á Biblioteca Municipal Sagrada Familia e escoitar un concerto en directo. Aí van as datas para os nosos Xoveadictos. Un cartel variado e con personalidade:

carteloutono II

Lonely Coaster: Rock en estado puro.

lonely coaster
Non lles gustan as etiquetas: considéranse unha banda de rock sen trampas e sen efectos. En estado puro.

Lonely Coaster está formada por catro amigos, de procedencia moi dispar: A Coruña, Pamplona, EEUU.  No escenario están dispostos a dalo todo e tocar coma se fose a derradeira vez. Unha ración de rock cru que pon punto e seguido ao ciclo “Xoves na Sagrada”.

A orixe da banda remóntase ao 2008. Sen propoñelo moito comezan facendo versións da música que lles gusta para os seus amigos, ata que no 2011 comezan a tocar os seus propios temas e queda constituída a formación actual.

Franmephisto: voz
Frank Sieiro: guitarra
Manu Martinez: baixo
Marco Vidal: batería

A principios do 2014 gravan “Coasting through life” nos Estudos Bonham da Coruña, ata o momento o seu único traballo de estudo: dez pistas que reflicten os seus gustos musicais e o seu estilo de rock clásico.


Ese mesmo ano gañan o concurso de maquetas “Cultivando Música” do Festival da Luz 2014, convocado pola Fundación Paideia, destinado á promoción de músicos noveis sen obra editada.

O mellor xeito de coñecelos é gozar dos seus directos e achegarse este xoves 21 de maio, ás 20 horas, á biblioteca Sagrada Familia. Como sempre, entrada libre ata completar capacidade.

O rock and roll volve á Sagrada Familia!! E con este concerto pechamos a temporada de primavera e vémonos de novo no outono.

Samarúas abre a sexta temporada de Os Xoves na Sagrada

Disque a Costa de Morte é terra de naufraxios. Pero esta comarca coruñesa ten moitos máis aspectos, e moitos máis positivos, que os naufraxios que a marcan. Ben é certo que se é terra de naufraxios, é tamén terra de navegantes, e necesariamente navegantes ben curtidos e intrépidos para atreverse con esas axitadas augas. Con toda seguridade esta valentía e pericia marca o carácter dos habitantes destas terras. Ben o saben os compoñentes da banda que vai iniciar a sexta temporada de Os Xoves na Sagrada.

Samarúas está formado por mozos e mozas da Costa da Morte e da Coruña, outra terra ben batida polos mares e que sabe da súa bravura. Xente nova que malia a súa idade –móvense entre os 17 e os 24 anos– teñen sobradamente demostrada a súa valentía á hora de navegar polas augas, tamén axitadas en ocasións, da música. Malia a súa idade son navegantes –músicos– experimentados, porque os escenarios forman parte da súa vida desde nenos.

Samarúas

Gravando con Fernando Barroso – Producións do Cuarto Baleiro

Vimianzo, Baio, Camariñas e A Coruña, son os lugares de orixe destes seis músicos que desde o 2013 uniron os seus talentos para formar Samarúas, un grupo que eles mesmos definen como de folk tradicional galego, pero cun toque persoal propio. A través da gaita, a percusión, o acordeón, o violín, a guitarra e –por suposto– a voz, recrean un ambiente musical con reminiscencias mariñeiras –por algo as súas orixes están entre dous faros, a torre de Hércules e o Faro Vilán– pero sen esquecer que están en terra. Non en vano o seu nome, Samarúas, vén da linguaxe dos vellos canteiros galegos, –latín dos canteiros ou verbo dos buxas– que se chamaban, entre eles mesmos, samarúas.

“Poderosos ‘gadomos’ dos ‘samarúas’ canteiros
que sosteñen as ‘xarufas’ e antergas cidades
semellantes a barcos pantasmas na noite
ao ‘aniscar’ a ‘usca’ na ‘raula’.”
Celso Emilio Ferreiro, “Longa Noite de Pedra”

Non se trata de un grupo folk ao uso. Eles mesmos recoñecen que optaron por unha música de fusión, modernizando a tradición folklórica con outros estilos máis actuais, dando lugar a unha visión musical “costadamorteoceánica”, como ben os definiu Nonito Pereira na súa presentación do grupo.

O concerto na biblioteca Sagrada Familia será o xoves 23 de abril –coincidindo co Día Internacional do Libro– ás oito da tarde. E, como sempre, a entrada é libre ata completar a capacidade. Xa o tedes ben apuntadiño nas vosas axendas?

Xoves na Sagrada: entre Mr. Bean e Enrique Iglesias

Silencio, biblioteca! Unha frase gravada aínda en moitos dos usuarios e usuarias das bibliotecas en todo o mundo. E é certo que aínda hai bibliotecas que son templos do saber, templos de estudo, templos de silencio. Pero non é o caso das bibliotecas municipais da Coruña. E mesmo así –inda que cada vez menos– segue estrañando a moitos a celebración de concertos nunha biblioteca pública.

Se as bibliotecas coruñesas teñen que asemellarse á forza a un templo, máis que o templo de silencio retratado no popular sketch bibliotecario de Mr. Bean, optamos polo templo retratado no polémico vídeoclip de Enrique Iglesias… con evidentes e marcados matices, por suposto.

Tamén a imaxe do libro e da literatura está ligado ás bibliotecas. As coruñesas non son unha excepción nisto, claro. Pero nun mundo onde o dixital cobra cada vez máis forza, necesariamente o modelo bibliotecario ha de ir mudando e adaptándose, tendo en conta que o soporte literario está variando e que nas bibliotecas teñen cabida outros elementos multimedia como a música. Non é algo novo, porque música e literatura estiveron sempre ligados, xa desde os xograres onde poesía e música era un só elemento.

tres-peixes

Concerto de Os Tres Peixes (Xabier Díaz e Guillerme Fernández) nos Xoves na Sagrada

Por iso resulta algo natural e necesario que as bibliotecas presten a súa atención, o seu espazo, o seu tempo, á música. E o mesmo que se organizan encontros con autores, para que os lectores poidan ter un contacto coa literatura viva, é consecuente que se organicen concertos –adaptados aos espazos bibliotecarios– para que os usuarios da biblioteca tamén teñan contacto coa música en vivo. Se levan un libro de Manuel Rivas e lles gusta vir a un encontro con Manuel Rivas, por que non van levar o disco da banda de Cedeira Los Eternos e vir a un concerto de Los Eternos?

Hai pouco precisamente o blog Biblioideas, da Universidade de Zaragoza, publicaba un artigo moi interesante sobre a mutua inspiración de música e escritura, titulado Los libros se pueden aprovechar para hacer canciones, que vos recomendamos que leades.

Na biblioteca da Sagrada Familia hai tempo que temos isto claro. “Os Xoves na Sagrada”, os concertos de música entre libros, son a manifestación máis clara desta vontade. Para os que aquí traballamos, para os nosos usuarios e usuarias, e para os músicos que nos visitan, é algo moi especial. Cando contactamos con algún músico, ou algún grupo, para invitalos vir actuar á biblioteca da Sagrada Familia, sempre contamos cunha resposta ilusionada. Porque todos e todas entenden a vinculación da música cos libros. E tamén porque é unha forma de achegar o seu traballo a un público ao que quizais non chegaría doutro xeito.

Así que este 23 de abril –Día do Libro, que mellor data!– iniciamos a nosa sexta temporada de “Os Xoves na Sagrada”. Desde aquel 4 de marzo de 2010, foron xa 45 concertos e unha chea de novos amigos e amigas no mundo da música, que lembran á biblioteca e aos seus usuarios cun cariño especial.

Seguiremos programando este ano tendo en conta un amplo abano de gustos e tendencias. E por vez primeira organizaremos unha sesión para os máis cativos, como unha especie de “xovesiños”, con Magín Blanco e o seu espectáculo “Libros en-cantados”.

A apertura do ciclo correrá a cargo de Samarúas, unha formación coruñesa de folk cun estilo ben persoal. Xente nova pero con calidade xa ben contrastada. E o cerre corresponderalle a Lonely Coaster, unha banda de rock, tamén coruñesa, cunha traxectoria ben exitosa. Non acabará aquí esta temporada porque o ciclo reanúdase no outono.

Pero da “chicha” de cada un destes concertos xa vos iremos falando aquí polo miúdo. Non vos queda outra que estar ben atentos a Bibliosons, porque puntualmente aquí iremos dando conta de cada un dos grupos que van pasar pola biblioteca. Unha biblioteca, a da Sagrada Familia, xa vos quedou claro, que non é esa especie de templo solemne de Mr. Bean pero tampouco –non nos pasemos– esoutro templo espazo da algueirada de Enrique Iglesias.

Lydia Botana, “Bolboreta”, nos Xoves na Sagrada

BolboretaNa biblioteca da Sagrada Familia falamos da temporada outono-inverno como se dunha pasarela de moda se tratara. E non andamos moi afastados, porque desde hai anos, esta biblioteca de barrio funciona como unha auténtica pasarela dos músicos locais, músicos galegos, músicos doutros lugares do estado e mesmo doutros países.

Nesta ocasión a temporada vaina cerrar unha artista de ben cerquiña: Lydia Botana naceu en Culleredo e desde hai anos é xa coñecida pola súa traxectoria como multinstrumentista. Xa estivera na biblioteca hai uns anos formando parte da banda Skarallaos. Desde aquela continuou dándose a coñecer en diversas agrupacións de rock, pop, reggae, ska… E atreveuse mesmo con bandas sinfónicas e con dirección de coros. En definitiva, que non se arreda ante os retos e busca sempre superarse e ampliar as súas posibilidades explorando novos estilos e novas tendencias.

A práctica permanente combinouna coa formación, xa que é titulada polo Conservatorio Superior de Música da Coruña en Pedagoxía da Linguaxe e a Educación Musical.

Esta base, teórica e práctica, serviulle para acompañar –con diversos instrumentos como a batería ou o acordeón- a bandas como Diplomáticos de Monte Alto, Canteca de Macao, Konflikto, Dakidarria, Dios Ke Te Crew, Os Tres Trebóns ou para acompañar a músicos da talla de Manu Chao, Joan Garriga ou Xabier Díaz.

Unha das súas últimas “aventuras” musicais foi a dirixida ao público infantil co espectáculo “De aquí para alá!”.

E xusto no mes de decembro, presenta o su videoclip do single “Nunca Choveu”, que é un adianto do que será o seu primeiro disco como “Bolboreta”.

E na nosa “pasarela”, na biblioteca municipal Sagrada Familia, Lydia vainos ofrecer un concerto en acústico, acompañada nesta ocasión nalgúns dos seus temas por García MC de Dios Ke Te Crew. Teremos oportunidade de escoitar a rica fusión de xéneros musicais como o latin, o rock, o pop ou o ska, e versións que van desde temas tradicionais galegos, como “Túa nai é meiga” ata o reggae de Bob Marley. Seguro que vai ser unha delicia e un bo aperitivo para ir abrindo “ouvidos” ao que vai ser unha longa e rica carreira musical desta cullerdense. Polo tanto, cita imprescindible este xoves día 4 de decembro ás 19.30 h na biblioteca Sagrada Familia. E non fai falta que traiades cartos, porque como sempre, a entrada é de balde. Ata completar a capacidade, claro, porque, como dicía a canción de Celia Cruz, “no hay sitio pa tanta gente”.

True Mountains nos Xoves na Sagrada

True MountainsAs estanterías da nosa biblio da Sagrada Familia acollen as palabras dalgúns Freethinkers. Dicía Tolstoi que

“os librepensadores son aqueles que están dispostos a utilizar as súas mentes sen prexuízos e sen medos a fin de comprender cousas que chocan cos seus propios costumes, privilexios ou crenzas”.

Moitos deles foron apartados, no mellor dos casos, por albergar estes pensamentos inconformistas, visionarios, revolucionarios, mais algúns foron considerados xenios.

Neles deberon inspirarse True Mountais para dar nome ao disco e á súa primeira canción, toda unha declaración de intencións, que di  “é o momento de ser diferente, de respectar o que es”.

Gravado, mesturado por Pancho Suárez de Lis nos estudos Planta Sónica II (Vigo) durante marzo de 2014 é o primeiro LP de True Mountains no que atoparemos outros sete temas punk rock con matices folk.

Como grupo contan só cun ano de vida, pero desde logo non son neófitos no mundo da música. Iván Pérez á guitarra acústica e voz, vén de participar en diferentes proxectos como Twenty Fighters Back to 1984, ao igual que Nacho Martín ao contrabaixo, músico dos May Thai & Los Torino Rockets Back to 1984. Os dous levan xa tempo dándolle vida á escena musical desta cidade.

Sen deixar a un lado a súa bagaxe, como True Mountains fan unha proposta de actitude punk rock a traves de dous instrumentos acústicos que non deixa indiferente
Así que Fuck the television this nigth! e vén gozar do concerto na biblio este xoves 20 ás 19:30 h.

Ah! non se marchen ainda porque queda un concerto máis de “Os Xoves na Sagrada”: o dia 4 de decembro a última cita da temporada será con Bolboreta-Lydia Botana.

Son Brasilego, con Sérgio Tannus Trío, na biblioteca Sagrada Familia.

trioBrasilego, precioso “palabro” inventado polo Sérgio Tannus. Un termo que define perfectamente a relación entre Galicia e Brasil, e por extensión con todo o mundo lusófono. Hai que recoñecelo, o Tannus estivo fino cando tras reflexionar sobre a súa identidade –brasileiro ou galego– saíunos con “brasilego”.

Se a riqueza musical de Galicia era grande, pode considerarse aínda moito máis rica se a poñemos en relación co mundo da lusofonía, á que pertence de pleno dereito. E por iso o noso país, e Compostela moi especialmente, convertéuse dun tempo a esta parte en cita obrigada –e en moitos casos lugar de residencia permanente– para músicos chegados de Brasil, Angola, Cabo Verde, Portugal, Mozambique, Guinea-Bissau… Países que mercé ao noso idioma son considerados xa irmáns.

Sérgio Tannus pode considerarse un “líder” dentro desta comunidade músico-lusofona asentada en Galicia. Acompañamento obrigado de artistas como Uxía, Aline Frazão, Antonio Zambujo, Carlos do Carmo, Lenine, Kepa Junkera, João Afonso, Chico Cesar, Dulce Pontes, hai dous anos lanzou o seu traballo “Son brasilego”, coa participación de moitos destes artistas. Todos eles contribúen a facer realidade esa ponte intercultural grazas ao galego-portugués a á música.

A biblioteca Sagrada Familia recíbeo este vindeiro xoves, día 6 de novembro, acompañado de dous músicos que completan o seu trío básico: Gutier Álvarez e Paulo Silva.

O primeiro deles, Gutier (zanfona, violín e gaita) é un galego de Pobra de Trives. Ademais de experimentado profesor de música, formou parte de diversas formacións e proxectos como Os Cempés, Pablo Seoane Grupo ou “Descarga ao vivo Galiza-Cuba”.

Paulo Silva (percusión) é un bahiano tamén asentado en Galicia. Cursou estudos de batería de jazz con Michael Kuettner en Alemaña e traballou con artistas como Budiño, Guadi Galego, Quico Cadaval, Fred Martins, Socorro Lira, Uxía, por citar só algúns.

Sen dubidalo, podemos dicir que “Os Xoves na Sagrada”, o ciclo de música entre libros que desenvolvemos na biblioteca municipal Sagrada Familia, forma parte dos circuitos da música lusófona. Escenario modesto, si, pero especialmente ligado con esta expresión artística que sentimos tan nosa. Non en van por aquí pasaron xa moitos dos artistas que colaboraron no álbum “Son Brasilego”: Aline Frazão, Narf, Najla Shami, Xabier Díaz, Xoán Curiel ou Guillerme Fernández.

Esperámosvos para vibrar connosco con temas como Água Quentinha, Bethoven tinha razão, Eu to alegre… De que todos e todas ides saír da biblioteca cun amplo sorriso, non temos dúbida ningunha.

BAKIN BLUES TRIO nos “Xoves na Sagrada”

O blues regresa a “Xoves na Sagrada” da man da banda compostelá Bakin’ Blues Band que nesta ocasión virá en formato trío.

Cartel "Xoves na Sagrada" Bakin' Blues Band

Desde o ano 2008, esta formación de músicos experimentados inicia unha imparable sucesión de concertos, que os leva a tocar en multitude de clubes e salas da xeografía española.

Unha intensa bagaxe profesional que lles deu a oportunidade  de compartir escenario con figuras da talla de Barbara Lynn, Bonny Fields ou Tonky de la Peña.

Desde o ano 2013 están presentando o seu disco “Jumpin´in a Deep Blue Sea” polos principais circuitos de blues de Euskadi, Castela e León, Estremadura e Madrid. Xira que remata coa gravación dos “Directos de La Coquette”, co prestixioso bluesman Edu Bighands.

Se algo caracteriza aos Bakin’ é a intensidade e forza dos seus directos, que atrapan ao espectador que escoita a súa mestura de blues de Chicago, soul e boogieboogie.

Na Biblioteca Sagrada Familia teremos a excepcional oportunidade de poder gozar cun dos seus contundentes directos. Será este xoves 23 de outubro, a partir das 19:30 h., dentro do ciclo de música entre libros “Os Xoves na Sagrada”. Como sempre, entrada libre ata completar capacidade .

…Cuando las luces se difuminan, la melodía adquiere todo su protagonismo y esplendor. Todo lo demás es accesorio, sobra, las preocupaciones, los sinsabores, los conflictos. La música, los cura y redime. Los vientos soplan a placer y el hipnotismo sincopado al que se aferra el ritmo del blues, contagia pronto a la concurrencia haciéndoles partícipes de la catarsis colectiva. La banda Obsequia con una puesta en escena rica en elementos sonoros y estéticos, y el público responde en contrapartida con su baile frenético en un poderoso intercambio voluntarioso y sincero….”

Temporada de outono de “Os Xoves na Sagrada”

Temporada de outono Os Xoves na SagradaXoves no ano hai moitos. Xoves musicais, xoves con concertos tamén: Os Xoves de Martín Códax, os Xoves Culturais de Sanxenxo, os Xoves da banda municipal de música da Coruña… Pero os veteranos, non teñades dúbida, son Os Xoves na Sagrada. Xa levamos cinco edicións, desde o 2010. En números queda lindo: 41 concertos, 132 artistas sobre a escena e 9 países diferentes. Totalmente internacional. Pero o máis importante é a calidade. Non só a musical, senón tamén a humana. Algo que caracteriza ao noso ciclo de música é precisamente a motivación dos artistas que veñen á nosa biblioteca. Todos e todas aceitaron encantados as nosas invitacións a actuar. En moitas ocasións son eles e elas os que contactan connosco, coñecedores do ciclo, para poder vir presentar os seus traballos. E o clima que se crea, íntimo, nun espazo non convencional para os músicos, cun público cada vez máis habitual e entregado, cunha sonoridade excepcional grazas ao tamaño e aos materiais que rodean os concertos (madeira e papel), fai que tanto para os artistas como para o público sexa unha experiencia moi particular.

O barrio da Sagrada Familia, para os que non o coñezades, é un barrio moi especial dentro da Coruña. Barrio obreiro, con poucas infraestruturas culturais, destino de gran parte da poboación inmigrante da cidade. Un barrio onde a biblioteca representa algo máis do que adoita ser a imaxe dunha biblioteca clásica. Préstanse libros, si, pero tamén é un punto de encontro intercultural e interxeracional. De aí vén o inicio dos concertos dos Xoves. Inicialmente foi a oportunidade para moitos usuarios da biblioteca, orixinarios doutros países, para dar a coñecer a súa cultura a través da música. Senegal, Ecuador, Rusia, Brasil, Angola foron algúns dos países representados nestes primeiros anos. Máis tarde ampliouse o panorama a outros tipos de músicas, interpretadas por artistas locais: Fracasados de Antemano, Silvia Penide, Cardigan Bridge, Wolrus, Los Eternos, Skarallaos… Ao mesmo tempo poñíase un especial e cariñoso acento á música da lusofonía. Sonoridades de Cabo Verde, Portugal, Mozambique, Guinea Bissau, Santo Tomé, comezaron a resultar familiares na biblioteca, grazas a músicos como Narf, Xabier Díaz, Aline Frazão, Sérgio Tannus, Xoán Curiel, Najla Shami

O formato de Os Xoves na Sagrada ten éxito e continuidade garantido. O máis difícil agora é intentar acoller na programación toda esta variedade de estilos e artistas dentro dun número limitado de concertos. Porque talento musical na Coruña e en Galicia segue habendo e segue medrando. O noso interese é chegar a públicos de todo tipo, moitos deles raros de ver nunha biblioteca. Precisamente un dos resultados de Os Xoves na Sagrada é que este tipo de público coñeza de primeira man un sistema de bibliotecas –as municipais da Coruña- adaptadas aos tempos actuais, atentas ás demandas dos usuarios e dispostas a ofrecer unha chea de servizos en torno á literatura, ao libro, á información, á cultura en definitiva, usando todos os medios que ten á mán, non só o préstamo bibliotecario. A música é un deles.

Así que a partir do vindeiro xoves día 9 de outubro, ás 19:30, comeza o ciclo de outono de Os Xoves na Sagrada. Abre o grupo coruñés Combo Dinamo. Dúas semanas máis tarde os protagonistas serán Bakin Blues Trio. O 6 de novembro recibiremos a Sérgio Tannus Trio e remataremos a temporada cos coruñeses True Mountains. Programación variada e apta para todos públicos. Pero de todos eles xa vos manteremos informados e informadas.