As cancións que nos representan.

A interpretación dun tema é algo moi subxectivo e persoal. Tendemos a adaptar as mensaxes das cancións segundo as circunstancias persoais de cada un, pero as circunstancias agora son as mesmas para todas as persoas e  por esta razón, moitas cancións adquiren a mesma lectura e a mesma carga emocional.
Esta idea axudounos a pensar en clave de música e elaborar unha playlist, que atoparedes na conta de Spotify das Bibliotecas Minicipais de A Coruña , con “cancións de andar por casa” para desfrutar nestes días de confinamento.

Hai cancións que volven a estar de actualidade, It’s the End of the World as We Know it, a icónica canción de R.E.M., vólvese a escoitar masivamente. Michael Stipe, o autor da letra e vocalista do grupo, expresaba a súa ansiedade ante as catástrofes naturais que axexaban o planeta. No mundo anglosaxón, as cancións: Don’t stand so close to me de Police (o trío británico con Sting á cabeza) e You’ll never walk alone,de Gerry and The Peacemakers, tamén incrementaron a súa escoita. No caso español, tras os primeiros casos de infectados polo Covid-19, que sobre todo azoutaron a capital, a canción do coruñés Xoel López, Madrid, foi a máis recorrida.

Outras cancións alcanzaron a categoría de himno, como Resistiré,do Dúo Dinámico. Entoado cada día por miles de gargantas dende os balcóns, cousa que molestou o experto en Propiedade Intelectual Pablo Velasco Quintana, quen advertiu que cantar cancións nos balcóns durante a crise do coronavirus pode vulnerar os dereitos de autor. Ante tal comunicado, o Dúo Dinámico cedeu os dereitos desta canción converténdose no himno de resistencia dos españois contra o Covid-19. Pola contra, a SGAE apuntou que cantar nas terrazas “non ten ningún custo” deixando a Pablo Velasco só, ca man alzada e preguntándose quen choca?. Este auxe do Dúo dinámico desbancou a Mónica Naranjo e o seu Sobreviviré, que quedou relegado a un segundo plano. No mundo anglosaxón, recupéranse outros himnos que tamén desafían o coronavirus: I will survive, de Gloria Reynolds, ou Stayin’ alive,  dos Bee Gees, son os máis escoitados. En Italia, aínda que depende moito da rexión, é o propio himno nacional do país, Il Canto degli Italiani  (Goffredo Mameli e Michele Novaro), o tema que esperta maior orgullo e sentimento na poboación.

Dende que a OMS declarou o coronavirus como unha pandemia mundial a canción do grupo Slayer, Epidemic, fíxose realidade. Nese preciso instante, vímonos sumidos nunha paranoia con ganas destruír todo o que tocábamos como di o retrouso do tema Destroy everything you touch, Destrúe todo o que toques, do grupo de electropop británico Ladytron; vivimos con medo a contraer o Covid-19, que logre entrar nas nosas células apropiándose de nós e o noso sangue tórnese Bad blood, tema interpretado por la anxelical Taylor Swift;  pánico de ser nós, ou algún ser querido, os protagonista da canción  My iron lung de Radiohead, “O meu cerebro di que estou a recibir dor/  unha ausencia de osixeno/ do meu soporte vital / O meu pulmón de ferro”; e por esta razón, esgotáronse os termómetros no mercado, queremos comprobar (aínda que non teñamos síntomas) se temos Fiebre, como canta Bad Gyal, ou non. Este relato que estamos a protagonizar achéganos máis a ciencia-ficción que a unha realidade científica, pero o certo é que non hai cura, Remedy, e iso nos preocupa tanto como os The Black Crowes.

Tras esta alerta sanitaria tivemos que adoptar novas medida, New Rules, que cantaba Dua Lipa, no seu álbum debut homónimo: “Teño novas regras, as enumero / Teño que dicirmas a min mesma”. Entre estas novas medidas a de lavar as mans con frecuencia mentres tarareas Hans clean de Alanis Morissette e sobre todo, non tocar a cara, Can’t feel my face, do cantante, compositor e produtor canadense, The Weeknd. Pero sen ningunha dúbida, o que realmente cambiou a nosa vida cotiá foi o confinamento, o feito de permanecer na casa para combater a expansión do virus. Casa, ahora vivo aquí, é o tema de Iván Ferreiro que poderiamos cantar con toda a nosa forza. Outra canción moi recorrente neste encerro é a de Mecano, Perdido en mi habitación, ou tamén, o tema do grupo León Benavente, Como la piedra que flota, esa que di que“imos volvernos tolos!”; frase que recuperan para pórlle título o seu último disco (Vamos a volvernos locos).

Nestes Días raros, tema de Vetusta Morla, o grupo santiagués, Novedades Carminha, publicou no seu perfil de Instagram, que o tema Non quito o chándal,  do disco Juventud infinita , “quizais sexa a canción que mellor retrata a un país, e mesmo ao globo terráqueo”. Outro tema que define os nosos días de hibernación é a do exlíder do lendario grupo The Smith, Morrissey, co tema Everyday is like Sunday: “Todos os días son coma se fose domingo,/ todos os días son silenciosos e grises”; ese silencio do que tanto desfrutou o grupo británico Depeche Mode en Enjoy the silence.

É unha situación nova para todos e para todas, onde o importante xa non é o que nos pasa, senón que pensamos sobre o que nos pasa. As persoas estanse a preguntar, Quién me ha robado el mes de abril, como o facía Sabina, e pasamos de estar enfadados e enfadadas co mundo como se fóramos Evaristo (o cantante da Polla Record) interpretando No somos nada, a móstranos máis resignados ca nova situación e ensinarnos máis sensibles como Stuart Murdoch cantando I’m not living in the real world, do grupo escocés Belle and Sebastian. Esta bipolaridade que afecta o noso confinamento é a que os músicos de Hidrogenesse saben plasmar como ninguén no seu tema Lloreír que define ese estado de ánimo no que choras e ris á vez.

“Ver á xente enfadarse/ Non está ben, dígocho./ Camiñar pola cidade é un pouco horrible./ Tampouco é moi sensato”. Son versos da canción  I predict a riot de Kaiser Chiefs, que parecen coetáneos o noso tempo. O estado de alarma limitou as nosas saídas a rúa, salvo para o estritamente necesario, como saír a comprar produtos de primeira necesidade ou pasear o can. Con tan só saír o portal xa nos atopamos na Ciudad vampirica que Nacho Vegas describiu no disco Resituación: “vivo na cidade máis triste que xamais / un triste urbanista puido proxectar”. Cando nos adentarmos a comprar no supermercado do lado, a canción de Alaska e os Pegamoides, Horror en el hipermercado, vénsenos á cabeza de seguido. Pero se a nosa saída é para pasear o can, a canción idónea para esta actividade é a do grupo The Sonics, Walking the dog “Pasear o can / Só pasear o can./ Se non sabes como facelo / Eu ensinareite a pasear o can”.

A moita xente o estado de alerta pillounos fóra do seu fogar; e nós, os galegos e as galegas, sufrimos dun sentimento ao que Baiuca dedica unha canción, Morriña Eu só quero saber, cando te vou ver / Terriña que anhelo choro por volver/ Non podo vivir tan lonxe de eiquí/ Escuma das praias onde eu crecín”. Ademais, esta situación vaise alargando con cada comunicado do Estado e non lles queda máis remedio que resistir e esperar como o facía nos noventa Jon Secada na canción Otro día más sin verte. Mentres, os seus seres queridos esperan tamén a súa volta sabendo que aínda que estean lonxe están presentes. Estáis aquí de Sidonie é o canto o anhelo das persoas queridas que están lonxe:Agora mesmo estades aquí / Non podo vervos pero se que estades aquí/ Estades aquí, estades aquí/ En Buenos Aires e en Berlín/ Estades calados pero se que estades aquí”.

Esteamos onde esteamos, fagamos o que fagamos, hai un momento no día no que todo o mundo facemos o mesmo (o único momento do día no que baixa o consumo de Internet). Ás 19:58 temos a cita máis especial, rendemos unha homenaxe colectiva a xente que traballa sen descanso: os sanitarios, supermercados, transporte, farmacias, centros de maiores, servicios sociais, limpeza… en definitiva, os nosos Heroes como cataba o camaleónico David Bowie. Todos e todas saímos as xanelas a aplaudir, Clap your hands: “Aplaude! / Pero síntome tan só /Aplaude! / Pero non se fará nada/ Aplaude!/  Pero non teño diñeiro / Aplaude! / Estás a facer algo? / Aplaude!”. Canción da banda estadounidense de indie-rock Clap your hands and said Yeah!!, que nos motiva a saír a fiestra non só para animar aos que están na primeira liña, senón tamén a nós mesmos. Estes aplausos de Ánimo valienteA salvación e a esperanza/ Máis que Quijote, Sancho Panza/ Máis que un Deus… un peso na balanza/ Ánimo/ Ánimo, valente/ Ánimo” (León Benavente).

O poeta Antonio Colinas, Premio Reina Sofía de Poesía, afirmou que “nestes días é máis útil reflexionar que sentir, porque os sentimentos tenden o pesimismo”. Temos que reflexionar sobre o que nos está acontecer porque desta sairemos fortalecidos e fortalecidas. Lembra que o mellor dos malos días é que tamén rematan e que Siempre brilla el sol, sintonía positiva do grupo Lori Meyers, “É tan fráxil/ Como existir/ E sobrevivir/ Ata que chega o final/ É tan fácil/ Como dividir/ Como suprimir/ Todo o que nos dá/ Pero sempre brilla o sol/ Non o decidimos/ Pero sempre dá calor”. Volveremos a saír a rúa, sentiremos esa liberdade que The Vines describe na canción  Get free, porque a tormenta pasará, e desfrutaremos moito máis de todo. Cada reencontro será como estar no campo da festa  que Malandrómeda, o grupo santiagués, describe no seu tema Bótalle caldo e faremos Churrasco con Juanito Broders de fondo… ou polo menos, Algunos tenemos fe disto, como di a canción do grupo Viva Suecia.

Nova playlist en Spotify: Poesía Sonora

Toda canción ten algo de poesía e case toda poesía podería facerse canción.

O poeta Joan Margarit, Premio Cervantes 2019, afirmou rotundo cando soubo do galardón que “as únicas ferramentas que consolan de verdade ao ser humano son a música e a poesía”.

Eternamente unidas, imprescindibles, son unha forma de transmisión da nosa historia, cultura e sentimentos. A poesía representa a música das palabras, a beleza estética e espiritual, a forma máis elevada da linguaxe. Os sons dos poemas son un retrato de vida e morte, de amor, de nostalxia, de homenaxe, de crítica… Temas universais que dan forma a moitas das emocións que xorden no medio desta “situación distópica” que vivimos, situación que está a mudar en moitos casos a nosa forma de afrontar a realidade.

Coa playlist desta semana poñémonos intensas, vaia. E destacamos eses poemas que se converteron en canción da man de artistas e grupos variados, pasando a formar parte do universo musical. Adaptacións que, ademais de brindar consolo, poden contribuír a que a nosa conciencia e sentimentos non se acartonen nin sexan vítimas do confinamento.

Poesía Sonora non é unha lista de reprodución. É unha válvula de escape. Un butrón na parede. Como dicían na película El cartero y Pablo Neruda, “a poesía non é de quen a escribe, se non de quen a necesita”. Quedámonos con iso. Dálle ao play. Toda túa.

Lista Reprodución Fórum: #quedanacasa

Xa falaron as miñas compañeiras en post anteriores da cantidade de movementos que xurdiron por parte da industria musical en torno á pandemia do COVID 19 para poder desfrutar da música en directo dende a casa. Ao longo dos próximos días seguiremos compartindo recursos convosco que de seguro non deixarán de medrar, mais hoxe queremos animarvos a xornada a bo ritmo aínda que non sexa en streaming.

Hoxe volta ao blog a Lista de Reprodución do Fórum máis necesaria ca nunca. A lista de reprodución pode ser unha boa forma de descubrir novos artistas ou simplemente deixarte levar polo son mentres vas facendo outras cousas… seguro que o confinamento che pasa a mellor ritmo!! Desta volta traemos novidades frescas chegadas á biblioteca e que poderedes levar en préstamo cando todo volte á normalidade. Namentras aí vos vai un petisco para ir abrindo boca.

Comezamos moi movidos a ritmo de pop e electrónica da man dos madrileños Miss Caffeina e o seu último traballo Oh Long Johnson, un curioso título que vén dun meme dun gato que parece pronunciar esas tres palabras e que no seu momento fíxose  viral na internet. Oh Long Johnson fálanos do poder que exercen os móbiles e internet sobre a xente hoxe en día. Alude a esa tendencia da vida dixital que leva ás persoas a tentar proxectar por todos os medios unha imaxe de felicidade constante e irreal. Unha temática moi acaída para o momento que estamos a vivir e que cando menos invita a pensar. Reflexións á marxe, o disco está plagado de grandes e moi pegadizos temas dende que arranca da man da canción homónima unha auténtica festa aínda que sexa nos peores momentos, así que a bailar!

Moi relacionado con internet está outra das nosas propostas, os neoiorquinos Vampire Weekend, banda de indie rock que se fixo coñecida por medio de blogs e a rede. Father of the bride (traducido como “O pai da noiva”) é o título do seu tan agardado cuarto álbum que chega despois de 6 anos de ausencia. Chega co seu selo de indentidade sempre recoñecible, un son ecléctico que desborda alegría e desprende luz. Abrimos pista coa espiritual Hold You Now.

Seguimos con  La Marabillosa Orquesta del Alcohol, tamén coñecidos como La M.O.D.A , unha das agrupacións que máis deron que falar durante estes últimos anos onde encandilaron co seu último  elepé Salvavidas (de las balas perdidas), e causaron furor ao longo da súa xira alá onde pisaron. Se algo define a esta agrupación burgalesa despois de pasar por varios discos en castelán e inglés é que acadaron un estilo propio moi marcado sobre todo polo timbre de voz do seu vocalista. La M.O.D.A. erixiuse como unha das bandas que dá voz ao que pensan miles de xóvenes do noso país, xa por iso merecen unha escoita.

Á lista sumamos tamén o xa coñecidísmo Astronauta da artista de Úbeda Zahara recente premio MIN ao mellor vídeo por “Hoy la Bestia Cena en Casa”. Zahara forma parte do elenco de artistas que comparten os seus directos a través de instagram. Nesa rede tamén se move coma peixa na auga David Martínez Álvarez, Rayden,  que no seu traballo Sinónimo conta coa colaboración de artistas coma Pablo López ou Andrés Suarez, entre otros.

Coma sempre aquí vos deixamos a lista ao completo para que a escoitedes con ansia e ganas de bailar. Agardamos que a próxima a compartamos dende a Biblioteca, namentras este é un bo xeito de achegarnos dende as nosas casas ás vosas porque non queremos despedirnos sen lembrarvos #quedanacasa somentes así podemos axudar a reducir a cadea de contaxios.

Lista Reprodución Fórum: #quedanacasa

Budiño – Fulgor,  Amaral – Salto al color, Miriam Rodríguez – Desperté, Two Door Cinema Club –  False Alarm, Vampire Weekend – Father of the Bride  , Taylor Swift – Lover,  Zahara –  Astronauta , Miss Caffeina – Oh long Johnson, Ángel Stanich – Camino Ácido, La M.O.D.A – Salvavida, Andrés Suárez  –  Pequeña Historia, Rosalía – Malamente,  Fredi Leis – Neón, Rayden – Sinónimo, Arce – Pedigrí,  Dios Ke Te Crew – O ciclo da serpe, Disco Las Palmeras – Cálida, León Benavente – Vamos a volvernos locos, Maren Ladson – Maren Ladson, Guadi Galego – O mundo está parado