#FemininoPlural na Biblioteca do Fórum

Dentro do Ciclo Temático #Muller que se está a desenvolver durante este primeiro trimestre na Biblioteca Fórum, este xoves 14 de marzo poderemos gozar do concerto recital  Femininoplural, que achega ao público unha ruta musical e poética, un universo de mulleres autoras, de libros e cancións ao longo da historia. O percorrido que nos presentan está repleto de historias contadas e cantadas, de voz e música, e reflicte o magnífico patrimonio que nos deixaron as autoras universais que tantas veces permaneceron en segundo plano. Soarán cancións de Amaral, Guadi Galego, Julieta Venegas, Patti Smith e escoitaremos textos de Lucía Aldao, entre outras.

Detrás do proxecto están dúas mulleres, Silvia Penide e Carla López, dúas artistas e compositoras.

Silvia, que segundo reza a súa propia web, é “unha das voces máis peculiares e emocionantes do panorama musical” segue coa súa ascendente traxectoria tras sete traballos discográficos e despois de gañar o “Premio Martín Códax da Música Galega” na categoría Pop/ Indie. Carla, pola súa banda, é musicoterapeuta, facilitadora de Canto Prenatal, músico e especialista en educación musical.

Dende Bibliosons quixemos falar un anaquiño con elas:

B. Sabemos que as dúas sodes coruñesas, pero contádenos como vos coñecestes e sobre todo como decidistes poñer en marcha o proxecto Femininoplural.

S./C. Foi un cúmulo de varias circunstacias, unha idea primixenia que tivo un día Tomás Legido, as nosas propias inquietudes que levaban tempo bulindo nas nosas cabeciñas, a sintonía que temos entre as dúas dende que nos coñecimos  facilitou moitísimo o proceso …

B. Mulleres autoras e creadoras de relevancia hai moitas. No voso caso, ¿como é o proceso creativo e a posta en escena? ¿Gústavos seguir sempre unha mesma liña de espectáculo ou ides variando en función do público?

S./C. Buscamos que no espectáculo prime a historia de cada autora, que a peza que cantemos, aínda que sexa moi coñecida, non sobrepase á súa propia creadora. Por iso somos dúas voces e un piano e buscamos unhas tesituras moi particulares á hora de versionar, para crear unha atmósfera que se manteña e conte algo tamén.

Imos variando os temas, sempre dicimos que é un “roteiro itinerante”. A xente aporta moitas ideas e nos fai medrar moito.

B. Os que xa tivemos a sorte de velo, sabemos que é un espectáculo delicado, coidado, fermoso e ben acaído para ambientes “íntimos” como é o caso das bibliotecas. ¿Como valorades que se vos reclame para tocar neste tipo de espazos?

S./C. Para nós é unha delicia. Encántanos e sentimos coma se fósemos parte das paredes, dos libros, … Encántanos.

B. ¿Tedes algún outro proxecto en mente?

Cada unha ten tamén a súa carreira por separado, Carla con Mielitza e Silvia con Silvia Penide.

B. Agora que vimos da semana do 8 de marzo con movilizacións multitudinarias por todo o país, ¿que tedes que dicir sobre as mulleres na música? ¿Nótase o machismo neste ámbito?

S./C. A muller na música é absolutamente imprescindible. Cada día está máis no lugar que nunca debeu deixar de ocupar. Machismo habelo haino, como en todo, por iso é tan necesario seguir dando a coñecer referentes. Cando facemos FEMININOPLURAL en Institutos é emocionante. Os aplausos e as grazas que che dan as novas xeracións son impagables.

Pola nosa parte quedades máis que convidados, non o esquezades, a cita é este xoves 14 de marzo ás 19:30 na Biblioteca Fórum Metropolitano.

Advertisements

Lista de Reprodución Forum: en abril cantautores mil

Botando unha ollada ao panorama musical nacional deste mes, atopámonos diversas propostas que xiran en torno aos cantautores: Abril para vivir en Granada, Llanes encanta en Asturias, Todos Con Voz Propia en Cáceres, Vermuts do Embassat en Barcelona, e non nos podemos esquecer de Santiautor, o certame galego que aínda que empezou en marzo, prolongarase todo o mes de abril.

E como nós non queremos ser menos, decidimos dedicarlles a Lista de Reprodución deste mes. Unha lista na que están presentes trovadores de onte e hoxe, con estilos moi distintos.

O alacantino Adolfo Celdrán deu voz coas súas cancións aos poetas da España dos setenta. O seu álbum Silencio (1970), o primeiro da chamada “Nueva Canción”, destacou polo contido comprometido e revolucionario das súas cancións e pola calidade musical e interpretativa do autor. O disco reeditouse en 2004, engadíndolle o tema Cajitas (que lanzara como single en 1969); unha vers8ión en castelán de Little Boxes, da cantante norteamericana Malvina Reynolds. A canción é unha sátira política sobre o desenvolvemento dos suburbios e a actitude conformista das clases medias. Posteriormente Víctor Jara fixo outra versión como Casitas del Barrio Alto. J. C. Eguilor Uribarri fixo, xunto a outros debuxantes, un cómic a partir do tema de Celdrán.

O poeta, novelista e cantautor canadense Leonard Cohen foi definido como un dos cantantes e compositores máis fascinantes e enigmáticos de finais dos 60. O seu undécimo álbum de estudo, Dear Heather conta con máis poesías lidas, que letras cantadas. Así, Go No More A-Roving é unha adaptación musical do poema de Lord Byron “So, wel lgo no more a roving”

Carole King, tivo a súa época de maior actividade como cantante na década dos 70 e é a compositora con máis éxitos entre 1955 e 1999. Dos seus 25 álbums en solitario, foi o segundo, Tapestry, o que obtivo maior éxito, ao encabezar a lista de álbums de Estados Unidos 15 semanas en 1971, e permanecer nas listas máis de 6 anos. Tapestry é un dos álbums máis vendidos de todos os tempos, con máis de 25 millóns de copias en todo o mundo. Destacamos Youve got a friend, que recibiu o Grammy a Canción do Ano en 1972, convertendo a King na primeira muller en gañalo.

A coruñesa Silvia Penide coouse en programas de Radio3 e M80, entre outros, con Desafinante Crónica, o seu cuarto traballo (2007), que durante a primeira en iTunes logrou o sexto posto entre os álbums máis vendidos de música latina, e o vixésimo na lista xeral. Un álbum cheo de enerxía para momentos nos que necesitamos atopar a paz co mundo, e que conta con cancións moi directas, sinceras e próximas  que conectan co público. Destacamos a canción Reventaba, cuxo videoclip emitiuse nas cadeas de televisión musicais e foi nomeado nos Premios Amigo, onde competiu cos de cantantes como Marta Sánchez ou Enrique Iglesias.

Aquí vos deixamos a Lista de Reproduciónao completo. Se queredes escotiar os álbums dos temas seleccionados, lembrade que podedes levalos en préstamo na Biblioteca Fórum.

Adolfo Celdrán – Little boxes, Bob Dylan – Pay in blood, Carole King – You’ve got a friend, Fito Páez – Tumbas de la Gloria, Jane Birkin – Période bleue, Javier Álvarez – Sunset Boulevard, Javier Krahe – Eros y civilización, Joan Amèric – Que més podría dir-te?, Joan Manuel Serrat – La rosa de l’adéu, Joaquín Sabina – Resumiendo, José Luis Perales – Un velero llamado libertad, Kirsty McGee – Coffee coloured strings, Leonard Cohen – Go no more a-roving, Mari Trini– Yo no soy esa, Marina Rosell – Barca del Temps, Narf – Nas tardes escuras, Nick Drake – Pink Moon, Paul Simon – American Tune, Pedro Guerra – Dragones verdes, Peeter Seeger – Forever Young, Pi de la Serra – Si els fills de puta volessin…, Quique González – Delantera mítica, Silvia Penide– Reventaba, Xoán Curiel – Ecuacións, Vicente Feliú– La felicidad

Cincoparedes, a suma de todos

Este é un aviso para navegantes e para os amantes da música máis despistados que ainda non se enteraron que este sábado 24 de xaneiro ás 20:30 teñen unha cita probablemente irrepetible no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

cincoparedes_play2Os galegos Silvia PenideCésar de Centi, Luis Moro, Nando Deibe e Félix Arias seguramente coñecidos por todos pero de xeito individual, agora forman Cincoparedes. Esta recente formación súbese ás táboas do auditorio coruñés para presentarnos o seu traballo no que cada artista presta as súas cancións para formar parte “dun todo”.

A idea é interpretar todos á vez, sobre o escenario 15 temas durante noventa minutos.Serán temas propios e arranxados entre os cinco artistas para a ocasión. Sen dúbida unha particular posta en escena que vai supoñer un cambio na traxectoria persoal de cada un dos músicos.

Felix Arias e Silvia Penide xa compartiran o seu talento baixo a fórmula Canciones Ajenas, na que realizaban versións doutros grupos.

Aqueles concertos supuxeron o xerme de Cincoparedes, que deu os seus primeiros pasos hai tres meses. Logo de dúbidas e reticencias iniciais nos primeiros ensaios conseguiron a cohesión.

Dende logo un espectáculo para no perder, sobre todo porque na mente dos artistas, polo de agora, figura como única data a deste sábado 24 de xaneiro ás 20:30

 Podedes mercala vosa entrada no despacho de billetes da praza de Ourense ou en Servinova.