Wanderlust: mapamundi sonoro

Non todos os que deambulan están perdidos.

O hobbit, J. R. R. Tolkien

Wanderlust é un termo moi popularizado a día de hoxe, pero non por iso menos máxico. Non ten tradución exacta na nosa lingua. Provén do alemán; orixinouse das palabras wandern, que significa “deambular”, e lust, que quere dicir “desexo”. Ven a ser “un forte desexo ou impulso de percorrer e explorar o mundo”. Paixón por viaxar, resumindo. Para moitas persoas é máis. É un modo de vida, de facer que a rutina se converta nunha sucesión de destinos, caras novas e experiencias diferentes. Porque viaxar sempre foi unha maneira de romper coa monotonía, unha das válvulas de escape máis eficientes que existen.

Pero… ante as circunstancias actuais, nas que certos impulsos e desexos están reprimidos, o de explorar o mundo soaravos como algo bastante improbable. Pois ben, desde as Bibliotecas Municipais respondemos a isto cun tópico galego: depende. Nestas novas condicións, habemos de seguir mantendo o noso espírito nómade como sexa. Ademais das fotografías, os relatos e as boas historias, a música eríxese como un medio absolutamente inspirador para vivir unha viaxe. Existen cancións capaces de invocar os nosos instintos viaxeiros máis primarios. Chegan a materializar o desexo de poder evadirnos e trasladarnos por un momento a eses destinos xa coñecidos ou pendentes de visita.

Cidades, rúas, paisaxes, recordos, aventuras… Iso é o que propón Wanderlust, a playlist desta semana: transportarnos a outros lugares do planeta sen movernos do sitio, sen facer a maleta. Cada canción é un billete a un novo destino. Non só por lucir o nome no seu título, senón por transmitir parte do encanto deses enclaves mediante a melodía e as letras. Porque a esencia máis real dos lugares atópase nas historias que se contan (e se cantan) sobre eles.

Máis tarde ou máis cedo, volveremos a saír e poderemos planear esa escapada “real”. Pero, de momento, vale a pena pechar os ollos e viaxar onde nos leve o poder da música. Dálle ao play. Bon voyage!