Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto.
Esta edición do AgoraSón terá como protagonista o músico do Valadouro, na mariña lucense, Nuno Pico, coñecido no panorama musical como Grande Amore, que acaba de recibir este mes o premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica, e é unhas das revelacións máis recentes dentro do panorama musical galego.
O Servizo de Normalización Lingüística, o 22 de outubro ás 21.00 h, volve organizar o concerto do AgoraSón outono (co gallo do Día da Biblioteca e para promover a lectura e o emprego de materiais audiovisuais en lingua galega), en colaboración coas Bibliotecas Municipais da Coruña.
Grande Amore naceu coa idea de xogar co techno, o rock and roll e o pop dos 80 dende a óptica da música electrónica actual. Editou os seus primeiros singles “Todo ou nada” e “Esta cruz“, moi influenciados por correntes estilísticas como o Italo Disco ou o High Energy. A mediados de 2021, e logo de diversas colaboracións con artistas como Ortiga, Verto ou Mundo Prestigio, sae á luz o seu primeiro álbum, de título homónimo, no que se mostra máis cercano ao post-punk, o darkwave e os sons industriais. Amosa unha grande implicación e compromiso coa lingua galega e caracterízase polo seu estilo moderno e fresco. A web Hipersónica recoñeceuno como o mellor disco do ano en España, nunha lista na que figuraban nomes coma o de C. Tangana.

O evento terá lugar no auditorio do Centro sociocultural Ágora o día 22 de outubro ás 21.00 horas.
A asistencia será de balde, mais precisará a recollida previa de invitación nas Bibliotecas Municipais.