As bibliotecas visibilizamos o compromiso coa lingua e a literatura, non só nos libros. Este ano na Biblioteca Fórum as mostras bibliográficas que conmemoran este día fan especial fincapé na música en galego.
Ademais de poder levar os discos en préstamo podedes botar unha escoita a parte desa selección de música en galego a través da nosacanle de spotify.
Na escolma podes atopar música de raíz, como é o caso de “Levantarse e caer” o traballo en solitario de Xabier Díaz, paralelo ao seu traballo xunto a Adufeiras de Salitre, no que afonda nos conceptos de resiliencia, os impactos sociais que recibimos como individuos na infancia e a súa importancia na posterior construción individual e colectiva. Reflexiona sobre o paradigma do éxito, etc. Todo desde unha perspectiva intimista e personalísima, mirando á infancia sen perder de vista o presente.
Xabier Díaz – Levantarse e caer
“Diluvio” co que as Tanxugueiras recén veñen de gañar os premios ‘Mellor Album de Música de Raíz’ e ‘Mellor Album en Galego’ nos premios españois da música independente Os Premios MIN son un recoñecemento á música independente en España. O seu nome provén das siglas de “Música Independente”. Estes premios celébranse anualmente e buscan destacar o talento e a calidade dos artistas e proxectos musicais independentes en diferentes categorías.
Tanxugueiras – Fame de Odio (Videoclip Oficia)
Baixo o selo da Editorial Galaxia e co título de Rapoemas podedes escoitar textos da poesía galega clásica levados pola voz e ritmo hip hop da cantante viguesa Aid.
Castellanos de Castilla, por Aid (Rapoemas)
Dentro da selección incluímos tamén a, unha das bandas máis emblemáticas do hip hop galego, os Dios Ke Te Crewque están de xira para celebrar o seu vixésimo aniversario e o pasado 18 de marzo pasaron pola Coruña. Na nova xira que leva por título “Tremendos Anos 20”, os de Ordes revisan as súas últimas creacións e, moi especialmente, os grandes éxitos da súa traxectoria. Desta banda destacamos dous puntos clave na súa carreira: por unha banda a publicación de Xénese no 2006, que vos fixo coñecidos en todo o país e que se converteu no primeiro disco da historia do rap en galego, e pola outra gañar o Premio Martín Códax da Música na súa primeira edición no 2013 na categoría de Hip-Hop e músicas urbanas.
Leria, son unha banda de indie pop coruñesa formada por catro mulleres de 19 a 24 anos e que o xurado do VII concurso Novos Valores 2023 do Festigal escolleu como banda gañadora. As súas integrantes, Mayra, Helena, Andrea e Itziar, serán as encargadas de abrir o Festigal o vindeiro 24 de xullo.
Fotografía tomada do instagram de Leria
Dende Bibliosons quixemos coñecelas un pouquiño máis polo miúdo ademais do que sabiamos delas polo que reza a súa biografía web:
Leria comeza nas rúas de A Coruña, con May e Hele.Tras un bolo en acústico, con caixón e guitarra… entendemos que esto funciona e queremos e necesitamos axuda. É entón cando aparece Itzi nas nosas vidas como baixista do grupo e un tempiño despóis, incorpórase Andrea.
No ano 2022 tocamos en varias salas de Coruña, unha delas a Mardi Gras (3 veces).É en Agosto cando debutamos nun escenario grande, o do festival “ROCK IN CAMBRE”E esa é a nosa historia breve e concisa.
Fotografía tomada do instagram de Leria
Máis eu o dato que recalco é o que podemos ler na súa conta de instagram Tocando polas rúas de A Coruña.Indie pop en galego.
B. Así que a pregunta é case obrigada, parece indiscutible o auxe que está a vivir a música en galego, pero vós como decidistes facer esa aposta?
A verdade é que apetecíanos cantar neste idioma. Parécenos unha lingua fermosa para cantala cunha sonoridade impresionante. E ademáis, sentimos que a lingua galega está como asinada a un estilo como é o folclore e non é así.
B. E en relación coa pregunta anterior, como é o proceso creativo para as novas cancións? Individual, en grupo a lume lento, rápido…
Xeralmente partimos dunha idea que trae algunha das miembros do grupo. Ás veces intentamos comezar algo xuntas, depende un pouco da inspiración.
B. Enmarcadas dentro do indie pop, cales son os vosos referentes? que tipo de música acostumades escoitar?
Acostumamos escoitar iso, aínda que en realidade escoitamos de todo un pouco.
Temos como referentes a Ginebrasno tema facer música para pasalo ben, dar un show entretido . Pero encántamnos outros artistas como Xoel López, Sidecars, Ede,… pero cada unha individualmente ten os seus gustos diversos jajaja.
Videoclip oficial LERIA – Queres ir a bailar?
B. O ano pasado tocastes no Rock in Cambre, como foi a experiencia? Xa podedes dicir se sodes máis de festival ou de sala pequena? 😉
A verdade é que é un pouco cedo para dicir o que preferimos , xa que así nun escenario tan grande só estivemos esa vez. Pero sempre é guai poder moverse sen darlle á compañeira no ollo.
Este 24 de Xullo que imos ao Festigal, e poderemos confirmar que os escenarios grandes molan máis.
B. Agora mesmo andades metidas de cheo na programación das sesións vermús polos barrios da cidade que durarán ata maio, como está sendo a acollida por parte do público?
En xeral, ben. Tamén é verdade que non é o mesmo un público que vai verte a ti que un público que foi tomar un vermú e atopouse contigo. Pero quen intenta desfrutar da nosa música sempre ten boas palabras para nós.
B. Como se presenta este verán?
Cargadiño de cousas a verdade. Non podemos dicir moito, pero quen queira ir vernos , terá a oportunidade seguro.
B. E xa para rematar, que lle diriades ao público máis novo que aínda non vos coñece, que vai atopar na vosa música?
Que se anime a escoitarnos, que cremos que temos un directo para pasalo ben e para todo o mundo.Na nosa música vai atopar boas vibras, estrousos pegadizos e a catro tías chulísimas aos mandos dunha banda, que a día de hoxe tampouco é tan común ver nun escenario.
Na Biblioteca Fórum Metropolitano xa está en marcha o novo ciclo temático de primavera baixo o título “A Coruña de Picasso” adicado á figura do pintor e co que se prentende remarcar a presenza de Picasso na Coruña e como, a luz da cidade, a cor do océano e as experiencias vividas formaron parte no desenrolo da súa faceta artística e influíron na súa personalidade.
Dende a Lista de Reprodución temos moi presente que música e arte son dúas disciplinas que están moi unidas, tanto que ás veces forman parte do mesmo proxecto. Por iso desta volta e para acompañar ao novo ciclo temático conformamos a nova lista con discos que materializaron as súas portadas inspiradas en obras de arte, discos que decidiron apostar por pinturas que representaban a súa mensaxe deixando a obra orixinal e ás veces reinterpretandoa.
Música e arte son dúas disciplinas que están moi unidas, tanto que ás veces forman parte do mesmo proxecto.
É o caso por exemplo de Velvet Underground, álbum algunhas veces coñecido como o banana album debido á pintura realizada por Andy Warhol na portada do disco (que algunha que outra polémica tivo) e que orixinalmente contaba cun adhesivo que permitía pelar o plátano, deixando á vista a froita , pero de cor rosada.
I’m Waiting For The Man
A banda británica liderada por Chris Martin elixiu para a portada do seu cuarto álbum Viva la Vida a obra A liberdade guiando ao pobo do pintor francés Eugene Delacroix. A súa única variación foi inserir o título do disco cunha tipografía que imita brochazos de pintura. A portada non é a única referencia artística do álbum do conxunto británico, o propio título, Viva la vida, tómase do de Frida Kahlo do mesmo nome, que o propio Martin puido ver nunha visita a México e que, segundo a banda, representaba o espírito hispano do traballo.
Coldplay – Viva La Vida (Official Video)
1984 supuxo un punto de inflexión na traxectoria de Van Halen. As súas cancións son lembradas polos seus seguidores e a súa portada tampouco pasou desapercibida. A fotógrafa Margo Nahas foi a encargada da imaxe, que tiña como protagonista ao neno Carter Helm, fillo dunha amiga da fotógrafa, e que posaba cun cigarro de chocolate na instantánea orixinal. Posteriormente, e tomando como clara referencia o cadro de Rafael Sanzio, introducíronse as ás, o ceo, a mesa de mármore e o fume do cigarro. A portada foi censurada en diversos países, entre eles, en Reino Unido.
Van Halen – 1984 – 1984
Pero tamén ha exemplos nacionais de artistas que recorren á arte para as súas portadas. É o caso por exemplo dos galegos Triángulo de Amor Bizarro que plasman o seu misticismo ademais de nas súas cancións na portada de Victoria Mística obra do deseñador Diego Delgado. O artista inspírase no cadro Loita de San Jorge e o dragón, de Rubens distorsionando aínda máis as curvas características do pintor holandés, coma se formase parte dunha televisión mal sintonizada.
Tedes a lista ao completo dispoñible a través da nosa canle de spotify e os discos para levar en préstamo na Biblioteca Fórum, podedes consultar a súa dispoñibilidade a través do noso catálogo. Dádelle ao play!
The velvet underground – The velvet underground. Coldplay – Viva la Vida. Victoria Mística – Triángulo de Amor Bizarro. The Killers – Day & Age. Rosalía – Motomami. Van Halen – 1984. Guadi Galego – Inmersion. Paul Weller – Studio 150. Lana del Rey – Ultraviolence. Dios Ke te Crew – O Ciclo da Serpe. The Stone Roses – The very best of the Stone Roses. Sidonie – El regreso de ABBA. Franz Ferdinand – You Could Have It So Much Better. Agoraphobia – Incoming Noise. Manic Street Preachers – Forever Delayed. O Sonoro Maxín – A onda sonora (chega do exterior). Nat King Cole – Collectors Series. Bigott – Fin. Cora Velasco – Sortilegios. Tom Waits – Orphans.
Xa entrados no mes de febreiro e antes de meternos noutros mesteres, na Lista de Reprodución Fórum gustanos de cando en vez volver a vista atrás e facer valoracións,desta que volta imos dos máis prestados do 2022.
Parécenos que botar un ollo aos datos sempre é bo para coñecer un pouco máis de preto os gustos das nosas usuarias e usuarios, algo que dende hai un tempo na Lista de Reprodución Fórum xa é todo un referente. O resultado sen embargo non deixa de sorprendernos e emocionarnos a partes iguais, unha composición do máis ecléctica onde caben infinidade de sons que, confesamos, conseguen arrincarnos algunha que outra brincadeira á hora de confeccionala.
O que comeza a ser xa un clásico tamén é algún dos discos que logra meterse na selección ano tras ano, como é o caso de “Me gustas mucho” unha reliquia da grande Rocío Durcal que acada o número dous da lista só superada esta vez polo fenómeno Tanxugueiras das que pouco queda por dicir que non se dixera xa. Quedámonos coas súas propias palabras:
“O grupo naceu sen pretensión de nada e mira onde estamos agora”
Que entre os máis prestados figuren tamén nomes como o do coruñés Xabier Díaze o seu último traballo “Levantarse e caer: arrolos e abrente” ou Sésco seu traballo do 2015 “Tronzar os valos” non fai máis que confirmar o bo momento que está a travesar a música popular e de raíz.
Por suposto tamén hai oco para o pop rock tanto nacional coma internacional, atopamos así a The Killers co seu álbum “Pressure machine”, un traballo conceptual baseado na infancia do cantante Brandon Flowers na cidade de Nephi, Utah ou ao recente triunfador nos Grammy o británico Harry Styles que recolleu os premios ao ao mellor disco do ano e ao mellor disco pop.
E para o remate deixamos a sorpresa final, na lista incluímos un disco que nos fai especial ilusión por dous motivos, unha porque unha das súas cancións está incluída na recén premiada película de animación “Unicorn Wars” e dúas porque un dos integrantes da banda é un compañeiro noso, falamos como non de Hongo.
Seguro que a estas alturas xa todos sabedes que o artista coruñésAlberto Vázquez acaba de gañar un Goya pola película de animación “Unicorn Wars” pero o que posiblemente non saibades é que outros coruñeses, en concreto os músicos do grupo Hongo, participaron coa súa canción “Respirando Odio” nos créditos da mesma. Con esta canción, que pertencente ao “Split con Aguirre” e se pode escoitar en directo no seu álbum “Live to ruin”, péchase un círculo que comezou hai dez anos co corto que iniciou esta aventura conxunta: Sangre de Unicornio. Un corto que comeza coa mesma canción e que como o propio filme e a música de Hongo, é tremendamente nihilista, persoal e crítico coa sociedade occidental.
A lista segue eaquí vola deixamos ao completo, para que lle botedes unha escoita, a desfrutedes e por suposto a compartades. Os discos coma sempre tédelos á vosa disposición para o préstamo na Biblioteca Fórum.
Lista Reprodución Fórum: os máis prestados do 2022
Tanxugueiras – Tanxugueiras, Rocío Dúrcal – Me gustas mucho, Arcade Fire – We,The Killers – Pressure machine, Diana Ross – Baby love the essential, Amaral – Salto al calor, Harry Styles – Harry´s house, Kings of Convenience – Peace or love – Tanxugueiras – Contra [punto], Xabier Díaz – Levantarse e caer, Lana del Rey – Blue Banisters, Fredi Leis – Temas privados, Michel Camilo & Tomatito – Spain again, Lori Meyers – Espacios infinitos, Ginebras – Ya dormiré cuando me muera, Fredi Leis – Neón, Rozalén – Quién me ha visto y quién me ve, M80 Radio – Movie Hits, Sés – Tronzar os valos, Dúa Lipa – Future Nostalgia, Hongo – Live to ruin.
Mañá xoves 2 de febreiro arrinca unha nova edición do ciclo de concertosEn Clave de Á, unha proposta que naceu no ano 2018 como unha colaboración entre a Asociación de Estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña (CSM) e a Biblioteca Ágora para ofrecer música de solistas e grupos de cámara do CSM nun espazo diferente.
Con este proxecto musical queremos dar oportunidade ao alumnado do CSM de que ensaien o seu repertorio con público real e ás nosas usuarias e usuarios de que gocen do espectáculo da música en directo, apostando deste xeito tamén desde a biblioteca pola educación e a cultura musical da cidade.
Fai click na imaxe para ampliar información da proposta na web das Bibliotecas Municipais da Coruña.
Un xoves ao mes, teremos ocasión de descubrir e gozar do talento musical das rapazas e rapaces do Conservatorio de Música nun concerto para tódolos públicos na sala de adultos da Biblioteca Ágora.
Neste primeiro evento que inaugura o ciclo, escoitaremos a Sabela Albariño González ao piano, a Carla López López ao violín e ao Quinteto CAOS -integrado por Sara Piñeiro Rivas (trompeta), Xavier Vázquez Gutiérrez (trompeta), Pablo Pazos Rial (trompa), Antía Pardo López (trombón) e Daniel Varela (tuba). Velaquí o programa completo da velada:
Achégate á Biblioteca Ágora a escoitar música en directo entre libros e aproveita para botarlle unha ollada á nosa sección de música!
Coa conta atrás botada a andar para o remate do ano, nas Bibliotecas Municipais da Coruña xa están preparadas as mostras de Nadal cunha estupenda selección de fondo bibliográfico para que desfrutedes nas vosas casas ademáis da xa tradicional guía “Historias de Regalo 2022” chea de propostas das bibliotecarias e bibliotecarios para os que vos gusta agasallar cultura, porque un libro, unha película e por suposto un bo disco son o mellor dos agasallos para desfrutar con todos os sentidos.
Na Biblioteca Fórum Metropolitano tedes tamén ao voso dispor unha selección de materiais que conforman o mellor do ano 2022. Libros, cómis, películas e por suposto música. Todos foron publicados e/ou incorporados ao longo deste ano ao noso fondo pero que de seguro, entre tanta oferta moitos deles aínda non pasaron polas vosas mans. E diso mesmo vai a derradeira lista de reprodución do ano, do mellor que chegou aos nosos ouvidos este 2022.
Falamos por exemplo de Levantarse e caer, o novo traballo discográfico en solitario de Xabier Díaz. O proxecto discográfico inclúe 10 cancións que navegan entre o son tradicional galego, a música melódica e as cancións de berce. O primeiro sinxelo do disco, «Levantarse e Caer», nada máis saír á luz converteuse inmediatamente nunha das cancións en galego máis escoitadas en todas as plataformas.
En Tinta y tiempo do uruguaio Jorge Drexler poderedes desfrutar de dez cancións diversas que conforman un álbum reflexivo e luminoso. No disco Jorge conta con colaboracións dalgúns dos seus amigos como C. Tangana, Rubén Blades o Martín Buscaglia. Un disco para desfrutar pero do que non fiarse de todo, segundo o propio Drexler no se fíen de todo lo que van a escuchar y a sentir. Porque no es toda la verdad.
Jorge Drexler – Cinturón Blanco (Video Oficial)
Tamén chegou ás nosas mans Romances, un proxecto de Fuel Fandango que se divide en diferentes capítulos, cada un cun artista e un concepto distinto, pero todos forman parte dun romance.
Fuel Fandango: “Para nosotros ‘Romances’ ha sido el regalo de poder unirnos y compartir experiencias junto a artistas que admiramos desde hace años. Meternos en sus universos sonoros, aprender y seguir encontrando nuevos caminos en la música. Una simbiosis de universos sonoros que enriquecen nuestro mundo y lo llenan de Libertad”.
A lista coma sempre intentamos que sexa apta para todos os gustos, e segue con temas moi acaídos para o Nadal coma o Concerto de Aranjuez, unha sonata de Schumann ou Música para Navidad do proxecto Agaritmo. Aquí vola deixamos ao completo para que a escoitedes tamén na nosa canle de spotify e desexamos que o fagades ao ritmo dos mellores desexos para este ano 2023 que está a piques de comezar.
Joaquín Rodrigo – Concierto de Aranjuez, Carl Orff – Carmina Burana, Fredi Lesi – Temas privados, Harry Styles – Harry´s House, Schumann – Sonata en la menor para violín y piano, Diana Ross & The Supremes – Baby Love the essential, Corelli – Concerti Grossi núms. 2,5,8 y 8, Mozart – Pequeña música nocturna, Nicolò Paganini – Violin concertos Nos. 1 & 2, Agaritmo – Proyecto vocal a cappella, Pergolesi – Caldara, Fuel Fandango – Romances, The Arcade Fire – We, Beyoncé – Renaissance, Xabier Díaz – Levantarse e caer, Harry Styles – Harry Styles, Rosalía – Motomami, Sidecars – Trece, Jorge Drexler – Tinta y tiempo, Agaritmo – Música para Navidad.
Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto.E dende Bibliosons falamos con él.
Moi bo día, Nuno!!
Aínda a sabendas de que estás ata os topes de traballo, aproveitando o teu paso polo AgoraSón 2022, dende Bibliosons, o blog de música das Bibliotecas Municipais da Coruña, non podiamos desaproveitar a ocasión de falar un anaquiño contigo.
B. Antes de nada os nosos parabéns polo recente premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica. Que significa para ti ese recoñecemento?
Obviamente, é unha honra moi grande para min e faime sentir moi realizado en tanto que músico. Tamén teño que dicir, para non faltarlle á verdade, que polo que máis ilusión me fai este premio é polo moito que se alegrou miña nai cando mo deron. Dígoo totalmente en serio. Eu sempre fun así moi… non sei como dicilo, moi desapegado de todo o que ten que ver cos premios. Agradézoos moito, claro, pero vexo que moita xente do meu entorno lles dá moita máis importancia. E, xa digo, en concreto, miña nai. Para unha alegría que lle podo dar co meu traballo, benvida sexa.
B. Este verán non paraches, de feito hai quen dixo por aí que quen non oíu falar de Grande Amore é que non está na onda dos festivais. Supoño que influíu moito esta nova volta á realidade post pandemia e había ganas por parte do público, e por parte dos artistas… Como o viviches ti? Contabas con esta apoteose de concertos ou foi sorpresa?
Si, totalmente. Eu creo que foi decisivo, polo menos no meu caso, a volta á realidade post pandémica. Non se terían feito tantísimos concertos e festivais, nin de broma, de non ter sido por iso, porque a xente estaba doente por volver xuntarse e ir a todo canto evento houbese na contorna. Eu… non, non contaba con tal cantidade de actuacións este ano. Tamén é que eu son moi pesimista, sempre penso que o próximo ano vai haber un baixón no proxecto por calquera motivo. Entón, claro, non son eu a mellor vara de medir á hora de falar de expectativas.
B. Nunha entrevista dicías “Non todos temos que afinar como se fósemos Mariah Carey” polo que entendemos que o cante non é o teu “forte”, ha, ha!! Ou si? E por outra banda mesturas rock, punk con electrónica, daquela, como definirías o teu estilo?
Non lembraba ter dito iso, vaia vergonza. Non hai que facerme moito caso ao que digo nas entrevistas, eh. Mirade, houbo unha época que, por algún motivo que aínda non descubrín a día de hoxe, antes de cada entrevista que me facían (nunha época, ademais, na que me facían bastantes) tomaba un café. A min a cafeína vólveme tolo. Literalmente tolo. Parezo o demo de Tasmania cando bebo un café. E claro, así acababa dando titulares que, ao lelos tempo despois, dicía eu para min: “A xente vai pensar que son tonto”. O da mestura de rock e punk con electrónica si que me parece moi acertado. Ao menos, é o que intento facer coas miñas cancións, mesturar esa tradición do punk e o rock dos 80 cos elementos compositivos da música electrónica.
B. Es un músico con formación profesional que levas tocando dende os 13 anos e o teu primeiro grupo en serio foi Oh! Ayatollah pero, aínda así, imaxino que hai quen non te coñece, que lle dirías á xente que acode ao teu concerto por primeira vez? Que pode atopar?
Honestamente, eu penso que os concertos de Grande Amore son moi divertidos. Moita xente que, a priori, pode ter uns gustos musicais que están moi lonxe do que eu fago, acaba bailando e dándoo todo xa a partir da terceira canción. Unha cousa que me gusta moito dos nosos concertos (especialmente agora que vén de DJ a miña amiga María) é que involucramos moito ao público e hai momentos nos que se produce unha especie de “comunión” parecida ao ambiente que pode haber nunha verbena, pero tocando unha música moi escura, case industrial. A min, persoalmente, esa combinación encántame.
B. Es natural de Burela pero a túa época universitaria e polo tanto onde te formaches e bebiches do seu ambiente musical foi en Compostela, pensas que hai diferenzas en canto a estilos entre os grupos que están a xurdir nas diferentes capitais galegas? Como ves o panorama musical galego en xeral?
Isto dígoo sempre, pero non por moito repetilo creo que perda valor de verdade: a música galega (en xeral, sen centrarnos en ningún estilo en particular) está vivindo, de lonxe, o mellor momento que eu recorde. Hai moitos proxectos que están conectando co público a un nivel que eu, xa digo, nunca vira. Si que é certo que estaría moi ben que se lle dese máis visibilidade a proxectos que nacen fóra do eixo da AP-9, por dicilo dalgunha forma. Por exemplo, a xente como The Brosas, que son unha banda de Burela que levan dez anos facendo un rock and roll incrible.
B. Polo AgoraSon xa pasaron grupos como Susana Seivane, Luar na Lubre, A banda da loba, ou as Tanxugueiras. Estas últimas cun éxito máis ca consolidado fóra do país coas que dis que vos une certa afinidade á hora de relacionarvos co público. Que papel xogan as redes sociais e as canles de estreaming na túa música e no teu traballo diario?
Boa pregunta… Gústenos máis ou menos, todo o que ten que ver coas redes sociais e Internet, a día de hoxe, é prácticamente a metade de traballo dun grupo. Eu, moitos días, doume conta ás cinco ou seis da tarde de que levo toda a xornada adicándolle todo o meu tempo a contestar mensaxes de Instagram, anunciar concertos en Twitter, mandar mails… e cero minutos a facer música. Iso é un pouco triste, a verdade, pero é o mundo no que nos tocou vivir. Tamén me daría pena ter descoidadas as redes e ter a sensación nalgún momento de que estou perdendo de chegarlle máis ao meu público por non comunicar ben. Non sei… agora que leo isto, doume conta de que teño o que se podería considerar unha relación tóxica con todo o tema de Internet. Nin con el nin sin el estou ben. Eche unha desgracia.
B. A temporada festivaleira parece que vai tocando á súa fin, persoalmente, ti precisas volver xa ao formato de sala pequena? Onde te sentes máis cómodo?
Dende sempre, eu estou afeito a ir a concertos en salas. É onde me criei musicalmente, e tamén o tipo de espazo no que eu creo que funciona mellor a música como a miña, así oscura e rápida. Pero unha cousa non quita a outra. Nos festivais, cando hai bo ambiente, xérase unha enerxía que é incrible. Por exemplo, no Revenidas deste ano… aí hai unha maxia en tocar entre SFDK e Talco e ver que a xente está entregadísima cantando todas as túas cancións. Xa digo, eu son animal de sala pequena, pero hai cousas boas dos festivais que son dificilmente replicables nestes espazos.
B. O AgoraSón, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, celébrase con motivo do #DíadaBiblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual. Este ano o Ministerio de Cultura celebra a efeméride baixo o lema “BiblioTEcuida”, que se centra en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos. Así que nos gustaría rematar coa pregunta de, que é a biblioteca para ti, Nuno?
Non creo que ninguén se sorprenda se digo que tiven unha adolescencia un pouco peculiar. Por unha banda, era unha persoa moi extrovertida (o “gracioso” da clase, por falar claro) e por outra, alguén terriblemente introvertido e inseguro. Entón, aínda que isto sone a tópico, o certo é que pasei bastante tempo da miña primeirísima xuventude na biblioteca pública de Burela. Gustábame moito estar alí, sentíame illado e seguro. Lembro que había unha enciclopedia da historia da música, e eu pillaba continuamente o tomo que falaba do século XX, e lía a parte que trataba do rock. Había unha foto de Robert Plant, o cantante de Led Zeppelin, que me chamaba moitísimo a atención. Entre esa enciclopedia, un libro de Bukowski que se traduciu ao galego como “Pan con xamón” e a colección completa de cómics de Tintín, pasaba eu o meu tempo. Teño un recordo moi bonito daquilo, e penso que foi unha etapa moi importante na miña formación como persoa (que pedante soa dicir isto, pero é certo).
Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto.
Esta edición do AgoraSón terá como protagonista o músico do Valadouro, na mariña lucense, Nuno Pico, coñecido no panorama musical como Grande Amore, que acaba de recibir este mes o premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica, e é unhas das revelacións máis recentes dentro do panorama musical galego.
O Servizo de Normalización Lingüística, o 22 de outubro ás 21.00 h, volve organizar o concerto do AgoraSón outono (co gallo do Día da Biblioteca e para promover a lectura e o emprego de materiais audiovisuais en lingua galega), en colaboración coas Bibliotecas Municipais da Coruña.
Grande Amore naceu coa idea de xogar co techno, o rock and roll e o pop dos 80 dende a óptica da música electrónica actual. Editou os seus primeiros singles “Todo ou nada” e “Esta cruz“, moi influenciados por correntes estilísticas como o Italo Disco ou o High Energy. A mediados de 2021, e logo de diversas colaboracións con artistas como Ortiga, Verto ou Mundo Prestigio, sae á luz o seu primeiro álbum, de título homónimo, no que se mostra máis cercano ao post-punk, o darkwave e os sons industriais. Amosa unha grande implicación e compromiso coa lingua galega e caracterízase polo seu estilo moderno e fresco. A web Hipersónica recoñeceuno como o mellor disco do ano en España, nunha lista na que figuraban nomes coma o de C. Tangana.
O evento terá lugar no auditorio do Centro sociocultural Ágora o día 22 de outubro ás 21.00 horas.
Na Biblioteca Fórum Metropolitano vimos de poñer en marcha un novo ciclo temático baixo o título “Pensa global, actúa local”, que tedes dispoñibles dende o 26 de setembro ata o 11 de decembro.
Este ciclo, feito en colaboración coaAsociación de veciños Oza, A Gaiteira, Os Castros,acompaña o seu proxecto “Barrios 2030: Fomento da participación cidadá a través dos ODS”. Pensa global, actúa local incita á poboación a ter en conta a saúde do planeta no seu conxunto e a realizar accións pequenas nas súas propias comunidades.
Cartaz do Ciclo Temático: Pensa global, actúa local
Na Biblioteca temos dispoñible unha mostra bibliográfica con materiais para coñecer e ampliar información sobre o conxunto de obxectivos globais: erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas como parte dunha nova axenda de desenvolvemento sustentable.
Dende a Lista de Reprodución deste mes non podemos menos que sumar o noso grao de area con cancións reivindicativas e de denuncia social que berran mensaxes que en moitas ocasións xa se converteron en lemas de vida en prol dun mundo mellor.
A canción “Girls Just Want To Have Fun” de Cindy Lauper sen dúbida fixo historia polos milleiros de visionados en youtube, polas múltiples versións e por suposto pola historia que ten detrás. A propia cantante revelou nun comunicado:
Mucha gente no se da cuenta de que Girls Just Want to Have Fun es una canción política. Cuando puse mis feministas manos sobre ella supe que quería convertirla en un himno para todas las mujeres,
A canción, que data de 1979, estaba entón enfocada dende o punto de vista masculino e narraba a historia dun mozo que se escusa ante os seus pais pola súa promiscuidade sexual. Culpando do pecado ás mulleres que “só querían divertirse” con el. Cando lle ofreceron a Lauper a posibilidade de incluír a canción no seu álbum de debut, She’s So Unusual, a artista só aceptou a cambio de investir o xénero e reescribir varias estrofas para desposuíla de calquera subtexto machista.
Michael Jackson é un dos artistas máis grandes de todos os tempos, e lonxe de polémicas, o certo é que creou cancións que invitan non soamente a ser bailables e excelentes para escoitar, senón que tamén teñan unha gran mensaxe polo medio. Neste caso resaltamos “Jam” incluída no seu álbum “Dangerous”, nesta canción fala do mundo e de que prácticamente o planeta enteiro se está convertendo nunha apocalipse
Se falamos de lemas sen dúbida temos que citar “Imagine” canción composta e interpretada polo músico inglés John Lennon e escrita por Yoko Ono e máis a comezos de 1971. O tema foi producido por Phil Spector e apareceu no álbum do mesmo nome. Con esta canción Lennon quería difundir unha mensaxe de igualdade nun mundo gobernado pola paz. “Podes imaxinar un mundo sen países nin relixións?” reza a canción.
Macaco no mundo da música, puxo as súas cancións ao servizo da conservación ambiental, é un frecuente activista pola causa e un dos seus exemplos máis destacados é o tema “Mama Tierra”. Do seu disco “Ingravitto” o propio Macaco declarou:
Mi música es crítica y reivindicativa, pero no panfletaria” “Me gusta ser reivindicativo pero muy positivo. Este disco es positivo y tiene ideología, es crítico, pero no panfletario”, convencido de que “una canción no puede cambiar el mundo, pero muchas pueden concienciar a la gente.
Tedes a lista ao completo dispoñible a través da nosa canle de spotify. Non esquezades que a música é un dos medios máis poderosos que temos para comunicarnos, para transmitir ideas e pensamentos, denunciar inxustizas, sacudir conciencias. Unha linguaxe universal que nin entende de xeracións nin de idiomas. Dadelle ao play!
Macaco – Ingravitto. John Lennon – Imagine. Bebe – Pafuera Telarañas. Amaral – Pájaros en la cabeza. Michael Jackson – Dangerous. Rozalén – Cuando el río suena. Linkin Park – A thousand suns. Supersubmarina – Viento de cara. Cyndi Lauper – Time after time. Vanesa Martín – Siete veces sí. Mago de Oz – The best of Oz (1988-2006). Carlos Núñez – Mayo Longo. Sés – Opoñerse á extinción. Guadi Galego – Costuras. Vetusta Morla – Mapas. Héroes del Silencio – Senderos de traición. Manu Chao – La radiolina. Imagine Dragons – Night visions. Maná – Unplugged. Sabina – Alivio de luto.
Mañá mércores 10 de agosto dá comezo a 35 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia que encherá de música a cidade durante 5 días da man de 49 artistas que estarán repartidos en 10 escenarios por toda a cidade. O Noroeste conta coma todos os anos cunha variada programación de concertos gratuítos ao aire libre e está considerado coma un dos eventos musicais máis relevantes do verán no norte da península.
Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia aposta non só polos mellores nomes internacionais, senón tamén polas novas promesas que veñen con forza e polas formacións locais e galegas. Este ano en concreto destacan as voces femininas: Tanxugueiras, Zahara, Luna Ki, Valeria Castro, Delaporte, Maika Maikovski, Toccororo, Amparanoia, Maruja Limón ou A Pedreira entre outras.
Entre os artistas da terra poderemos desfrutar das actuacións en directo de Baiuca, Néstor Pardo, Alicia Carrera, Dios Ke Te Crew, Familia Caamagno ou Miguel Costas entre outros.
O festival regresa nesta edición ao seu escenario máis emblemático na praia de Riazor e presenta unha nova programación no peirao de transatlánticos. Esta edición recupera tamén a presenza doMercado da Colleitaque se instalará durante as 5 xornadas do festival no Campo da Leña e que contará coa presenza dos produtores que participan neste proxecto de impacto social de Corporación Hijos de Rivera.
Na Lista de Reprodución Fórum facemos un “remember” con artistas desta e das últimas edicións do festival. Tela ao teu dispor para botarlle unha escoita a través da nosa canle de sopotify á que podes subscribirte e suxerirnos novas cancións e os discos dispoñibles na Biblioteca Fórum paralevalos en préstamo.
Dorian– La velocidad de la luz. Holywater – The path to follow. Joe Crepúsculo – Chill out. Agoraphobia – Incoming noise. Hongo – Live to ruin. Escuchando elefantes – ¿Por qué siempre cantáis en inglés?. Silvia Penide – Los días de plomo. UB40 – Cover up. Belle and Sebastian – Write about love. César de Centi – Bailando el incendio. Aviador Dro – Ultimatum a la Tierra. Miguel Costas – Condenado a costa. Dios Ke Te Crew – Humanose. Tanxugueiras – Tanxugueiras. Triángulo de Amor Bizarro – #AñoSanto. Corizonas – The news today. Os amigos dos músicos – Segundo fogar. Zahara – Puta. Soleá Morente – Lo que te falta. Ángel Stanich – Camino ácido.