Ana Kiro representa a Galicia na Eurovisión da Intelixencia Artificial.

Galicia participa por segunda vez no AI Song Contest, un festival europeo dedicado exclusivamente á creación de música mediante Intelixencia Artificial. Trátase dun proxecto que foi impulsado en 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO, coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado do Festival de Eurovisión. 

O próximo 4 de novembro, 10 países competirán na Gran Final do AI Song Contest 2023, o Festival Mundial da Canción de Intelixencia Artificial. A cuarta edición deste certame musical levarase a cabo na Coruña e ten por lema Walking with AI (O Camiño da IA) (Camiñando coa IA).

Imaxe de Ana Kiro xerada por intelixencia artificial para o proxecto.

Un modelo de intelixencia artificial da cantante, presentadora e actriz Ana Kiro representará a Galicia co equipo PAMP! e a canción Florespiña. As persoas responsables desta iniciativa pioneira levan por nome PAMP! (Proxecto Ana María Prieto), tributo á primeira muller programadora informática galega. Trátase dun equipo multidisciplinar de artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos, que teñen o obxectivo de promover a lingua e cultura galega no eido internacional, a través do uso de novas tecnoloxías. A iniciativa está liderada polo xornalista Joel Cava, da axencia creativa compostelá Cecubo Group e que conseguiu a segunda posición con AI-Lalelo o ano pasado neste festival celebrado na cidade belga de Liège.

A proposta, que conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da famila de Ana Kiro, ten como obxectivo “inmortalizar e resignificar o seu legado ás novas xeracións empregando a intelixencia artificial” segundo apuntan dende o equipo promotor. 

Florespiña (“Thorny Flower”) – Galicia – PAMP! ft Ana Kiro – AI Song Contest 2023

Florespiña comeza cun recitado da artista que regresa tras trece anos de ausencia polo seu pasamento. Raíz e modernidade fúndense creando un estilo propio. O resultado final de todo o proceso creativo é un periplo pola Galicia profunda co toxo, a súa flor e o folklore propio como protagonistas. Unha merecida homenaxe a María Dolores Casanova González (1942-2010) unha muller feminista, galeguista e progresista, que se personifica na imaxe da flor do toxo. O tema pódese escoitar nas principais plataformas en liña, e xa superou as 7.000 reproducións dende a súa estrea.

A gran final desenvolverase a través dun programa de televisión en directo con público asistente en Studio Follow da Grela, onde a cultura galega estará moi presente, e converterá a cidade herculina na capital mundial da música feita con intelixencia artificial. Por fin poderemos ver a gran Ana Kiro nunha final, posto que xa estivera a piques de participar no 1969 representando a España no festival de Eurovisión, pero finalmente a elixida foi a cantante Salomé, que se alzou coa vitoria con “Vivo cantando”.