Lista Reprodución Fórum: os máis prestados

Xa entrados no mes de febreiro, pasado o día dos namorados e chegando o entroido mais antes de meternos noutros mesteres, na Lista de Reprodución Fórum non nos esquecemos que aínda tiñamos pendente a selección dos máis prestados do 2021.

Botar un ollo aos datos sempre é bo para coñecer un pouco máis de preto os gustos das nosas usuarias e usuarios, algo que dende hai un tempo na Lista de Reprodución Fórum xa é todo un referente. O resultado sen embargo non deixa de sorprendernos e emocionarnos a partes iguais, unha composición do máis ecléctica onde caben infinidade de sons que, confesamos, conseguen arrincarnos algunha que outra brincadeira á hora de confeccionala.

A cousa comeza animada ao ritmo da raíña da rancheira, a grande Rocío Dúrcal e o seu inesquecible “Me gustas mucho”. A canción do nome homónimo, converteuse no primeiro sinxelo do disco, e no gran éxito deste álbum, alcanzando importantes vendas tanto en España como en Latinoamérica. Tal foi o éxito que conta con numerosas versións, entre elas a do grupo infantil Parchís ou a da Década Prodigiosa entre outros. Un tema moi acaído para os amantes da verbena que por fin este ano parece que van poder desfrutar.

Imaxe da portada do disco Me gustas mucho: todos los grandes éxitos

E para ir de festa tamén podemos facelo a ritmo dos santiagueses Malandrómena e o seu “Cada can que lamba o seu carallo” que conxugan vangarda e poesía urbana para ofrecer unha mestura de estilos capaz  de animar ao máis parado.

Non hai que esquecer que xunto con “Os corenta e oito nomes do inimigo’, ‘Cada can que lamba ou seu carallo’  publicados á vez en 2016, foron elixidos discos nacionais do ano ex aequo na tradicional lista que publica a revista especializada en música Rockdelux.

Pero como non todo vai ser festa, na lista tamén hai oco para a música máis tradicional e o folk de Luar na Lubre e os cantos tradicionais e místicos do cantautor leonés Amancio Prada. Sen palabras nos deixa o seu “Campanas de Bastabales”.

Que entre os máis prestados figuren nomes como Rosa Cedrón, Guadi Galego e por suposto as de sobra coñecidas e admiradas Tanxugueiras non fai máis que confirmar o bo momento que está a travesar a música popular e de raíz. Pero por suposto a lista segue, e non estabamos de chance cando deciamos que era do máis ecléctica posto que se suman nomes como Nathy Peluso, Dua Lipa ou Sidonie.

Aquí cha deixamos ao completo, bótalle unha escoita, desfrútaa e compartea. Os discos coma sempre telos a túa disposición para o préstamo na Biblioteca Fórum.

Lista Reprodución en Spotify

Rocío Dúrcal – Me gustas mucho,  Nada Surf – Never not together, La M.O.D.A – Ninguna ola, Sidonie –  El regreso de abba,  Guadi Galego – Costuras,  Fiona Apple  –  Fetch the bolt cutters, Bruce Springsteen – Letter to you, Dua Lipa – Future Nostalgia  , Tanxugueiras – Contra [punto], Nathy Peluso  –  Calambre, Sinéad O’Connor – So far_the best of Sinéad O’Connor ,  Iván Ferreiro – Cena Recalentada, Luar na Lubre – Extra Mundi, Soleá Morente – Lo que te falta,  Amancio Prada – Trovadores, místicos y románticos, Malandrómena – Cada can que lamba o seu carallo, Rosa Cedrón – Entre dous mares, Siniestro Total – Trabajar para el enemigo, Amaral Amaral,Andrés SuárezMi pequeña historia

Novidades musicais na Biblioteca Fórum

Con agosto xa rematando, todos sentimos aínda a necesidade de expremer ao máximo os últimos días deste verán tan atípico pero que saboreamos coma poucos.

Se algo botamos en falta durante a época estival foron os festivais e gozar da música ao vivo polas prazas e rúas da nosa xeografía. Un mazazo para moitos artistas que viron cancelar as súas actuacións unha detrás doutra en relación inversamente proporcional á subida do número de contaxiados polo coronavirus. Golpe tamén duro para ese público fiel que cada verán (ata este) se facía cos abonos de todas as fins de semana para coleccionar pulseiras no pulso.

Aínda que dende as Bibliotecas Municipais tampouco organizamos concertos polo de agora, seguimos apoiando a música e aos artistas galegos coa mesma intención. Facémolo completando o noso catálogo con discos praticamente saídos do forno e que xa podedes levar en préstamo.

Hoxe queremos falarvos das últimas novidades que incorporamos na Biblioteca Fórum Metropolitano. A algún dos artistas tivemos a sorte de poder entrevistalos durante o confinamento, como é o caso do xa amigo César de Centi, quen nos falou de como viviu a situación do confinamento e do seu último traballo “Bailando el incendio”. Un disco que xa tedes dispoñible no noso fondo. Se vos pica a curiosidade tamén podedes volver botarlle unha ollada á entrevista que fixemos fai un meses. Deixámosvola aquí.

Recén chegado á Biblioteca Fórum Metropolitano tamén está o novo traballo do ferrolán Andrés Suárez que leva o nome homónimo e que, en palabras do propio Andrés, é o disco “máis persoal” da súa vida onde cada canción é “un fragmento do seu pasado”.

De preto seguimos os traballos do grupo con raíces no Barbanza Agoraphobia de quen contamos con varios discos. Desta volta incorporamos “Unaligned”, traballo co que o cuarteto feminino de Boiro decidiron achegar o seu gran de area para facer máis levadeiro o confinamento, regalando a súa descarga dixital. Trátase dun álbum integrado por dez cancións, co que a banda viaxa á época máis alternativa dos anos 90.

De Guadi Galego faltábanos tan só a maravilla de “Immersion” para completar a súa discografía. Un disco en varias linguas, minimalista e arriscado que lle valeu o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado. En “Immersion”, Guadi recolle once temas xa editados nos seus anteriores traballos e outro máis inédito. Todo el é pura dozura, comezando pola capa, obra do gran Leandro Lamas.

Con “Liberando as arterias”,  un disco cheo de forza e calidade nas súas cancións, completamos tamén a discografía de Sés. O título do disco vén prestado dun poema da escritora e activista Luz Fandiño, cun verso que a artista leva tatuado no seu brazo e que reza: «Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias».

Novidade é tamén o segundo disco das Tanxugueiras: “Contrapunto”. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e  Olaia Maneiro, gañadoras do Premio MIN ao Mellor álbum en galego, demostran que a música tradicional galega pode avanzar cos tempos, renovarse a cada paso e chegar a calquera escenario. As Tanxugueiras foron moi activas nas redes sociais durante a etapa do confinamento e a nosa devoción por elas ven de cando tivemos a ocasión de entrevistalas aproveitando a súa actuación no AgoraSón 2019.

Os amigos dos músicos, ou o que é o mesmo os ADM, son unha desas bandas que están a remover a nova canción  galega. Os de Ourense foron recoñecidos como mellor grupo de pop nos Premios Martín Códax dá Música  Galega (2017) e deles podemos rescatar a definición que eles mesmos se atribúen: “Reflicten a herdanza de Suso Vaamonde, Benedicto e Bibiano ou Batallán, sen perder orixinalidade, frescura nin personalidade.” Se aínda non os coñeces, non deixes de botarlle unha escoita ao seu disco homónimo.

E pechamos recomendacións de novidades deste agosto cun estilo ben diferente: o do novo disco do directo de Hongo “Live to ruin”. Con este traballo tédesnos que permitir a licenza de non ser imparciais. É a banda do noso compañeiro Iván, a quen veredes detrás do mostrador de Infantil se vos achegades por aquí polo Parque Europa.

Escoitade, xulgade e bailade vós mesmos, aquí vos deixamos unha pequena lista con todas as novidades na nosa canle de spotify.

E lembrade que sempre queda verán mentres haxa música!!

Le, viaxa, soña…

Neste verán tan extraño postconfinamento queremos pouco a pouco volver á normalidade e unha desas normalidades é o noso ciclo de verán.  Este ano títulado “LE, VIAXA, SOÑA…” e mentras lemos podemos viaxar  e soñar acompañados da lista de reproducción que elaboramos para tí e que  seguro non che vai a deixar  indiferente.

 A música ten a capacidade de darnos unha sacudida e espabilarnos cando máis o necesitamos. De feito hai cancións e ritmos que escoitamos e que nos devolven a enerxía de maneira case automática. Hai melodías que según a ciencia teñen os elementos que o noso cerebro necesita para recuperar o ánimo. Calquera melodía que che faga sorrir, que che inspire bailar, bo rollo , ou simplemente che relaxe , vai ser boa para ti. Cando teñas un día gris , convence ó teu humor de que cambie de rumbo con boa música, esa que nos axudou tanto no confinamento.

Música e felicidade están intimamente ligadas, chega o momento de que prepares o cerebro para unha dose de enerxía positiva a través destes temas que recopilamos para ti nesta lista de Spotify.

Faremos un percorrido polos grupos e cantautores da xeografía española, remontaremonos a outras décadas ata chegar á actual, tocando diversos xéneros como pop, indi, alternativa, rap, etc…

Creamos unha lista con temazos tan pegadizos que, sen querer, meteranse na túa mente todo o día e non poderás evitar cantaruxar e bailar coma “Tigre de Bengala” de Xoel López, unha canción do máis alegre e que dá nome ó seu novo álbum , pasando polos grupos  miticos do pop dos 80 como Los Piratas, Radio Futura, Seguridad social, Heroes del Silencio…. Recordamos a Pau Donés coa a súa derradeira  canción “Eso que tu me das” e non pode faltar irmos de “Verbena” con Novedades Carminha. Sacudiremos os nosos medos con Rosana Arbelo “Sin miedo” e tamén nos engancharemos á vida con Guadi Galego “Chea de Vida”

 

Desexamos que esta lista sexa a vosa compañeira do verán e vos faga pasar un intre divertido co que bailar ou quizais relaxarvos, en definitiva que sexa capaz de transportarvos alí onde queirades, da primeira á última das cancións

Dalle ao play e que empece a soar a música!!!

 

 

Tanxugueiras no AgoraSón da primavera 2019

Con motivo do Día das Letras Galegas e para promover a lectura en lingua galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o AgoraSón 2019, coas Tanxugueiras en concerto. O acto terá lugar este venres no Centro Ágora e os convites repártense (até esgotárense) ao coller libros en galego nas Bibliotecas Municipais da Coruña para os levar en préstamo. Non quedes sen o teu!!

Dende Bibliosons tivemos a sorte de poder falar coas integrantes de Tanxugueiras para coñecelas máis de preto.

 

 

O subidón máis grande é poder mirar á cara a xente e ver como disfrutan coa nosa música.

 

 

 

Antes que nada, moitos parabéns por ese Premio MIN ao mellor álbum en galego. Gañastes nunha categoría na que tamén se presentaba Mercedes Peón, ¿Cómo se recibe isto?

Gañar os Premios MIN coa importancia e o renome que teñen foi algo moi bonito. O xeito de estar nomeadas con Ezetaerre, Mercedes Peón, Chicharrón, Xoana Veiga e levar o premio ao carón dunhas artistas desa talla foi algo inesperado, calquera podería ser elixido. Pero estamos super contentas e agradecidas de que o xurado valorase tanto esforzo e dedicación.

Tres rapazas novas que fan música tradicional. Este pode ser un titular tipo para definir a Tanxugueiras á par que moi básico. ¿Que matices habería que engadir para describirvos mellor e profundizar máis na música que facedes?

Se temos que definir a nosa música, as primeiras palabras que nos veñen á cabeza son, sen complexos. Escollemos pezas tradicionais e dámoslle o noso punto de vista, facémolo dende o corazón, respecto e disfrutamos moito facendo ese traballo. Somos tres mulleres orgullosas de selo, que disfrutamos ao cantar e contar a nosa tradición e, sendo moi conscientes de que somos capaces de levar un proxecto desta magnitude adiante.

A alusión que facedes a “darlle unha volta” á música tradicional é constante. ¿Que volta hai que darlle exactamente?

Cando decimos que hai que darlle unha volta, referímonos á necesidade de achegar a música tradicional aos nosos tempos, perder o medo a xogar con ela facéndoa nosa.

¿Engancha a música popular?

A música popular engancha. Pouquiño a pouco estase a conseguir que chegue a máis xente, incluso a aquela que nunca escoitara este tipo de música… é un traballo lento pero non imposible. Necesitamos que haxa moitos máis grupos profesionais que arrisquen pola nosa música, para loitar entre todas.

¿Que lle diriades a esa xente nova que aínda non vos coñece porque cre que –en principio- que non lles gusta a música popular senón outros estilos como pode ser o trap, tan de moda agora?

En primero lugar convidamos a asistir a un dos nosos concertos, e despois que decidan. A nós tamén nos gustan outros xéneros e cremos que iso non exclúe á música tradicional.

Estivestes tocando no festival Celtic Connections en Escocia, en Cuba, Suiza e ata na India. ¿Cal foi o concerto que máis vos marcou de toda a vosa traxectoria?

Todos os concertos foron importantes dun xeito ou doutro, pero si temos que quedarnos con algún sería o da India, foi impresionante escoitar a súa música e convivir coas súas costumes. Esa viaxe marcounos moito e decatámonos do valorada que é a música tradicional Galega fora das nosas fronteiras.

Os directos teñen o seu punto, pero gravar un disco –máis cando falamos de música tradicional- é un subidón, ¿non?

O subidón máis grande é poder mirar á cara a xente e ver como disfrutan coa nosa música. Gravar un disco é moito mais frío, utilizámolo para darnos visibilidade, a pesar diso tamén é un proceso moi bonito.

¿Que supuxo para vós colaborar con artistas do talle de Xabier Díaz e Sés ademais de contar coa dirección artística de Pedro Pascual?

Máis ben colaboraron eles con nós! Foi algo moi enriquecedor, puxéronos moitas facilidades, levan anos no mundo da música e polo tanto sempre aprendes moito delas. Compre comentar que Guadi Galego tamén puxo o seu grao de area nunha das nosas pezas. Traballar con Pedro foi moi doado, el deulle vida co seu estilo ás pezas que nun primeiro momento nós escollemos e arranxamos vocalmente.

¿É necesario rodearse destes nomes para poder ir abrindo portas?

Non é necesario para nada, quixemos que colaborasen porque son uns referentes para nós, pero en ningún momento decidimos esa opción para abrir portas.

En tempos de feminismo e fake news. ¿Ser mulleres foi algunha vez un atranco para vós?

Ser muller xa implica un atranco na sociedade na que vivimos, en calquera profesión… polo tanto nós non íamos ser menos, pero aquí estamos a traballar forte para demostrar que a muller ocupa un papel super importante e necesario no mundo da música.

Moitas das letras do disco falan de amor ou do desamor, pero non precisamente no sentido melancólico. ¿Como vedes este sentimento na cultura popular galega?

Na cultura popular hai coplas para todo, eliximos as que máis nos representan,non vemos o desamor coma unha traxedia ou como algo melancólico, o contrario, vémolo coma unha experiencia de vida da que sempre quedas con algo aprendido.

Por certo, ¿como de importante é no voso espectáculo a posta en escena con esas fotos e estilismos tan coidados?

Para nós unha boa posta en escena e un espectáculo coidado en tódolos aspectos e importante , vestímonos como nos sentimos cómodas, somos mulleres dos nosos tempos e polo tanto iso  reflíctese no escenario. A pesar disto, para nós o máis importante nun concerto é a calidade musical.

¿É importante que os pais apunten aos cativos a actividades de música dende pequenos?

Claro que é super importante, posto que a música xoga un papel moi grande no desenrollo dunha nena e dun neno, e si os apuntan a actividades onde está presente música tradicional, estaríamos axudando a manter a nosa cultura viva.

Moitísimas grazas e moitos éxitos na vosa carreira!!!