Arifi, world music con acento galego

arifi

Os integrantes do grupo Arifi

Desta volta en Bibliosons facémonos eco dun novo proxecto musical no eido das músicas de raíz/fusión, coñecidas tamén coa etiqueta de world music: Arifi. Arifi é o nome que se lle da en Marrocos aos ventos que viaxan de África cara ao norte, á fría Europa, cargados das augas do Mediterráneo e, segundo conta a lenda, con misteriosos poderes embriagadores. E abofé que é un nome moi axeitado, porque todos esos elementos poden atoparse dalgunha maneira no universo musical desta banda galega. En efecto, a súa música semella nacer nese sur arábigo-andalusí e ir subindo, como o vento marroquí, por toda a xeografía da peninsula ibérica, Portugal incluido, recollendo os múltiples sons das súas variadas músicas de raíz, ata chegar a Galicia onde finalmente todas esas voces mestúranse na procura desa ebriedade musical e espiritual do Mediterráneo, non exenta dun certo misticismo de aires sufíes.

Segundo declaran nalgunha entrevista, a principal inspiración de Arifi é o traballo do grupo andaluz Radio Tarifa, referencia a nivel nacional da música mestiza e de fusión. A banda, ao mesmo tempo, faille xustiza a esa idea de multiculturalismo e mestizaxe musical xa que, aínda que predominan os compoñentes de orixe galega, conta tamén nas súas filas con músicos doutras latitudes, en concreto, de Bielorrusia e Venezuela, que aportan texturas e ritmos tanto da Europa eslava como da América latina, os cales se combinan con melodías da música tradicional galega e tamén da portuguesa. Por certo, a súa voz solista, Iria Estévez, lidera tamén Clave de Fado, un proxecto musical paralelo que comparte con Gonzo Piña, baixista multiinstrumentista do grupo, e que se centra na música por antonomasia do noso pais veciño.

Feitas as presentacións pertinentes, as novas son que Arifi ven, por unha banda, de estrear o seu primeiro videoclip, que leva por título ‘Senhora de Almortao’ (ver abaixo) e, por outra, que están a piques de comenzar unha pequena xira de presentación do grupo polo norte da península.

A estrea é nada menos que na emblemática Casa das Crechas, en Compostela. Despois, o sábado 24/09, recala en A Coruña no Bâbâ Bar e, tras visitar distintas prazas en Asturias e Euskadi, o 11 de novembro voltarán pola nosa cidade, en concreto á Sala Garufa, para pechar a mini-xira. Agardamos que de xeito moi exitoso. O proxecto promete.

[E lembra que se queres escoitar máis world music podes atopala en calquera das bibliotecas da nosa rede. Consulta o noso catálogo]

Lista de Reprodución Forum: imos de festivais

Na nova Lista de Reprodución facemos un repaso polos artistas e grupos dos festivais deste mes de setembro. Desde os máis próximos, como Marineda Unplugged ou o Festival de la Luz; a outros máis afastados, como Ebrovisión, Donostia Kutxa Kultur Festibala, Dcode, Granada Sound, Neox Rocks ou o Festival Altaveu.

Empezamos co Marineda Unplugged, que na súa primeira edición trouxo á cidade á banda coruñesa Sensacional, á cantante bilbaína La Bien Querida, ao santanderino Ángel Stanich, ao ex líder dos Piratas, Iván Ferreiro, e a Anni B. Sweet. A cantautora malagueña co seu folk suave e melancólico, converteuse nunha das nosas artistas máis internacionais, e xa foi de xira por Europa, América e Asia. E é que Anni B Sweet obtivo o primeiro premio do concurso de maquetas da revista Mondosonoro, foi convidada por Antonio Vega para abrir un dos seus concertos en Valencia e foi contratada polo FIB antes de lanzar o seu primeiro disco, Start, Restart, Undo (2009), que a converteu na creadora máis nova nomeada a Artista Revelación e Autor Revelación nos Premios da Música. Traémosvos un dos temas do seu EP Ridiculous Games (2013), Cruel City, que fala da procura constante da harmonía cando tes todo en contra.

O Festival de la Luz acaba de celebrar a súa quinta edición. Neste espectáculo diferente e único, Luz Casal convida a gozar dun festival solidario e interxeracional na súa casa natal de Boimorto, onde, ademais de música, púidose gozar de gastronomía, creatividade e experiencias. Todo nunha contorna na que priman a natureza, a reciclaxe e a innovación. Este ano, nos escenarios de Andabao, actuaron 36 artistas de estilos moi diversos: desde o grupo de folk galego Malvela, ata Chris Barron, o cantante da banda Spin Doctors.

Polo Festival tamén pasou o tinerfeño Pedro Guerra -ex compoñente de Taller Canario, un dos grupos máis importantes da Nova Canción Canaria-, que en 2001 publicou Ofrenda, o seu quinto traballo en solitario, no que se fusionan elementos musicais de orixes moi diversas. O tema que dá nome este traballo foi interpretado, xunto a Santiago Auserón, no seu álbum en directo 20 anos. Liberdade 8 (2014), gravado no local que lle ofreceu cantar todos os martes, permitíndolle trasladarse de Canarias a Madrid.

A terceira edición do Neox Rocks reunirá en Xetafe ó mellor do indie nacional. Polos escenarios da cidade madrileña pasarán Xoél López, La Habitación Roja, Carlos Jean, Lori Meyers, Nacho Vegas e Izal, entre outros. O grupo madrileño xa pasou este mes por Ebrovisión e o B-Side Festival, onde arrasaron. Magia & Efectos Especiales (2012) foi o seu primeiro álbum, naceu da autoxestión artística e económica, e conseguiu saltar á primeira liña do panorama musical nacional. Este traballo fíxolles gañar o Premio da música Independente como Grupo Revelación en 2013, e tivo unha boa acollida por parte do público. Destacamos Que bien, unha canción positiva e alegre, que a punto estivo de quedar fora do disco, xa que é moi diferente ao resto dos temas, pero que a día de hoxe segue sendo coreada nos concertos, pois é unha das favoritas do público.

Nas mesmas datas que o Neox Rocks (23 e 24 de setembro), en Andalucía estarán a gozar do Granada Sound, coa música de Amaral, León Benavente, Love of Lesbian e algúns dos artistas anteriormente mencionados. Pero polos escenarios granadinos tamén pasará Fuel Fandango, o dúo formado polo produtor canario Alejandro Acosta e a cantante cordobesa Nita (Cristina Manjón), que fusionan funk, soul, electrónica, jazz e flamenco, tempo que mesturan nas súas letras inglés e castelán, obtendo así un estilo moi propio. O seu segundo álbum Trece Lunas (2013), foi gravado entre Madrid, Tarifa, Córdoba e Londres. Recomendámosvos New Life, un tema moi pegadizo, especialmente o refrán, a única parte en castelán do tema.

Deixámosvos aquí a Lista completa. E lembrade que tedes os álbums dos traballos seleccionados na Biblioteca Fórum para levalos en préstamo.

Amaral – Las puertas del infierno, Anni B Sweet – Cruel City, Arizona Baby – It is called work, Bunbury – El hombre delgado no flaqueará jamás, Delorean – Unhold, Elefantes – Que yo no lo sabía, Fuel Fandango – New life, Guadi Galego – Matriarcas, Hombres G – Venecia, Ismael Serrano – Vértigo, Iván Ferreiro – Puro nervio, Izal – Qué bien, José Mercé – Nanas de la cebolla, La Bien Querida – De momento abril, La Habitación Roja – Ayer, Lori Meyers – Zen, Marlango – Dinero, Miguel Costas – No somos de aquí, Nacho Vegas – Runrun, Pedro Guerra – Ofrenda, Rosa Cedrón – Arde el mar, Sr. Chinarro – La ley de Murphy, Susana Seivane – Curuxeiras. Xosé Manuel Seivane, Tachenko – Hacia el huracán, Triángulo de amor bizarro – De la monarquía a la criptocracia