Chegados a este punto e despois de dous anos de continuas cancelacións, os amantes dos festivais xa teñen todo listo para o pistoletazo de saída. Dende onte día 2 e ata mañá día 4 de xuño a cita é na antiga ” Azucreira de Caldas de Reis” que acolle este ano unha nova edición do festival PortAmérica. Xoel López, Mikel Erentxun, Rozalén ou Lori Meyers son algún dos artistas que figuran en cartel e tamén na nosa Lista de Reprodución deste mes.

Outro dos eventos máis agardados é O Son do Camiño que este ano confirma a súa III edición e recupera o seu formato tradicional con tres días completos de actuacións e presume de contar co cartel máis grande da historia do festival. Máis de 40 artistas de talla internacional que en moitos casos visitarán Galicia por primeira. Os días 16,17 e 18 de xuño o Monte do Gozo de Santiago de Compostela volverá reunir a miles de persoas para gozar dos concertos de artistas e bandas como The Chemical Brothers, Carolina Durante, Miss Caffeina, Dani Martín ou a multidisciplinar artista arxentina Nathy Peluso.
E para os coruñeses chega a segunda edición do Morriña Fest. Poderemos gozar en Riazor dos británicos Crystal Fighters, unha das bandas máis queridas polo público do noso país, sen dúbida o seu directo é un aliciente a non perder. O cartel complétase con outros nomes de tirón comercial e estilos moi variados entre os que atopamos ao icono do indie-rock Franz Ferdinand ou á cantante española Vega de quen na Lista de Reprodución recordamos o seu álbum ‘A Conta Atrás’. Publicado en 2011 deulle o seu primeiro recoñecemento internacional como artista xa que estivo nomeada aos premios Grammy Latinos en 2012 na categoría de Mellor Álbum de Pop/Rock.
Este é só un exemplo para ir abrindo boca pero ao longo do verán as citas musicais non dan tregua, así que escolle a túa e para ir collendo ritmo pásate pola biblioteca e leva en préstamo os traballos dos teus artistas favoritos, ou se o prefires podes botarlle unha escoita na nosa canle de spotify.
Mikel Erentxun – El corredor de la suerte. Depedro – Nubes de papel. Rozalén – Quién me ha visto …..Carolina Durante – Carolina Durante. Lori Meyers – Espacios infinitos. La M.O.D.A. – Salvavida. Cora Velasco – Sortilegios. Nathy Peluso – Calambre. Vega – La cuenta atrás. Escuchando Elefantes – Hope. Miss Caffeína – Oh Long John Son. Guadi Galego – Inmersion. Xoel López – Atlántico. Triángulo de Amor Bizarro – Victoria Mística. Tanxugueiras – Contra[punto]. Dani Martín – Dani Martín. Muchachito Bombo Infierno – Muchachito Bombo Infierno. Franz Ferdinand –Tonight. The Chemical Brothers – Come with us. El Columpio Asesino – Diamantes.
Bo verán e que a música te acompañe!!